Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 29 de maio de 2012 Páx. 20387

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 18 de maio de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública dos premios Coopera Galicia Entidades Locais para distinguir as iniciativas de fomento do asociacionismo municipal mediante proxectos piloto de xestión compartida de servizos por parte de agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 1. Creación do premio, convocatoria e bases reguladoras.

1. Institúense os premios Coopera Galicia Entidades Locais para distinguir as iniciativas de fomento do asociacionismo municipal mediante proxectos piloto de xestión compartida de servizos por parte de agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Apróbanse as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión dos premios Coopera Galicia Entidades Locais para distinguir as iniciativas de fomento do asociacionismo municipal.

Os traballos consistirán en proxectos piloto para a mellora dos sistemas xa implantados ou para novos proxectos de establecemento e organización da xestión compartida de servizos.

O texto destas bases achégase como anexo I desta disposición.

3. Así mesmo, mediante esta orde, convócanse os devanditos premios para o ano 2012.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia.

1. A convocatoria farase efectiva con cargo á aplicación orzamentaria 05.03.141.A.460.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2012, ata unha contía máxima de 100.000 €.

2. Establécense tres categorías de premios coas seguintes contías:

– 1.º premio: 40.000 €.

– 2.º premio: 25.000 €.

– 3.º premio: 12.500 €.

3. Os premios regulados ao abeiro desta orde son compatibles con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou de entidades públicas ou privadas, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 3. Beneficiarios.

1. Poderán participar nesta convocatoria:

a) As agrupacións de concellos de Galicia. Para estes efectos, considérase agrupación de concellos unha candidatura subscrita por dous ou máis concellos.

b) As mancomunidades de concellos de Galicia.

c) Os consorcios locais galegos.

d) As áreas metropolitanas, se as houber.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que se dean algunhas das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Todas as entidades participantes deberán cumprir o requisito de ter remitidas ao Consello de Contas de Galicia as contas do exercicio orzamentario de 2010. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de participación e a súa falta de acreditación por parte dalgún dos participantes na candidatura supoñerá a inadmisión desta. No caso de agrupacións de concellos este requisito deberá acreditarse por cada un dos concellos integrantes da agrupación.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. As entidades que desexen acollerse aos beneficios desta orde solicitarana, por medio de instancia dirixida á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo o modelo que figura como anexo II desta orde, e presentarana na Oficina de Rexistro Único e Información, nos rexistros das delegacións territoriais ou en calquera outro dos que establece o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Así mesmo, e de acordo co Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, os interesados poderán presentar electronicamente as súas solicitudes a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://www.xunta.es/sede-electronica, ben que o resto da tramitación transcorrerá pola vía ordinaria.

3. Igualmente, as entidades interesadas e que teñan asinado o correspondente convenio de colaboración para a implantación do portal dos concellos Eido Local poderán presentar as súas solicitudes a través de medios telemáticos, manifestando esta opción de forma expresa na súa solicitude, cando cubran os modelos normalizados que se poñan á disposición dos interesados no portal dos concellos Eido Local (http://www.eidolocal.es), segundo o procedemento que se recolle nas instrucións dispoñibles nesta web e no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria.

4. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último de mes.

5. A solicitude deberá ir acompañada da documentación que se estableza nas bases reguladoras.

Artigo 5. Prazo e duración do procedemento de concesión.

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

2. O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución expresa é o previsto na base novena desta orde, que non poderá superar os prazos establecidos no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Administración Local, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (http://cpapx.xunta.es)

b) Nos teléfonos: 981 54 62 11 e 881 99 71 71.

c) No enderezo electrónico: administracionlocal@xunta.es

d) Presencialmente, nas dependencias da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, no que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Disposición derradeira terceira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2012.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Anexo I
Bases reguladoras da convocatoria dos premios Coopera Galicia
Entidades Locais

Primeira. Obxecto e réxime.

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos premios Coopera Galicia Entidades Locais para distinguir as iniciativas de fomento do asociacionismo municipal mediante proxectos piloto de xestión compartida de servizos por parte de agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas de Galicia, para a mellora dos sistemas xa implantados ou para novos proxectos de establecemento e organización da xestión compartida de servizos.

Para os efectos desta orde só terán a consideración de servizo os recollidos no artigo 26.1 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

2. A concesión dos premios realizarase mediante o procedemento de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consonte os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación, e a súa convocatoria iniciarase de oficio, con carácter anual, mediante orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no Diario Oficial de Galicia.

3. O premio será do importe que cada ano estableza a orde de convocatoria. Poderá outorgarse de xeito individual ou compartido ou declarase deserto. Caberá a posibilidade de distinguir varias categorías cando así o prevexa a convocatoria.

Asemade, o xurado poderá outorgar unha mención especial a algún dos proxectos participantes, que non terá dotación económica. As entidades gañadoras desta mención especial recibirán un diploma de entidade local subvencionable, que poderá puntuar e terse en conta para futuras convocatorias de axudas, subvencións ou convenios ben que en ningún caso levarán consigo compromiso económico por parte da Administración autonómica.

4. As entidades premiadas recibirán un diploma Coopera Galicia Entidades Locais e o importe do premio, que lles será aboado mediante transferencia bancaria.

5. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado na alínea 1 deste artigo, as candidaturas serán examinadas por un xurado, que terá carácter de comisión avaliadora e que se axustará aos principios contidos no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda. Beneficiarios.

1. Poderán participar nesta convocatoria:

a) As agrupacións de concellos de Galicia que presenten un proxecto piloto polo que teñan previsto asociarse ou coordinarse para xestionaren de forma compartida un ou varios servizos, ou polo que se mellore un sistema de xestión compartida xa implantado.

b) As mancomunidades de municipios de Galicia que presenten un proxecto piloto de mellora dun sistema xa implantado de xestión compartida de servizos ou ben un proxecto novo de creación e establecemento da xestión compartida de servizos.

c) Os consorcios locais galegos que presenten un proxecto piloto de mellora dun sistema xa implantado de xestión compartida de servizos ou ben un proxecto novo de creación e establecemento da xestión compartida de servizos.

d) As áreas metropolitanas, se as houber, que presenten un proxecto piloto de mellora dun sistema xa implantado de xestión compartida de servizos ou ben un proxecto novo de creación e establecemento da xestión compartida de servizos.

4. Para poderen participar, as entidades deben cumprir o requisito de ter remitidas ao Consello de Contas de Galicia as contas do exercicio orzamentario que se determine na correspondente convocatoria. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de participación e a súa falta de acreditación por parte dalgunha entidade integrante da candidatura supoñerá a inadmisión desta.

2. Non se admitirán as solicitudes presentadas por mancomunidades ou consorcios que non teñan actualizados os seus datos no Rexistro de Entidades Locais de Galicia desta consellería, así como as dos consorcios locais de que forma parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que se dean algunhas das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceira. Iniciación.

1. As entidades que desexen acollerse aos beneficios desta orde deberán solicitalo na forma e no prazo que se indique na correspondente convocatoria.

2. As solicitudes irán dirixidas á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo o modelo que se inclúa en cada convocatoria, e irán acompañadas da documentación que se especifica na alínea seguinte.

3. As entidades solicitantes deberán xuntar á solicitude a seguinte documentación:

a. Proxecto piloto de xestión compartida de servizos co seguinte contido mínimo, concretado axeitadamente para facilitar a valoración consonte os criterios establecidos na base oitava:

– Relación e descrición dos servizos cuxa xestión compartida se pretende establecer ou mellorar e cifra de poboación atendida por cada servizo.

– Situación actual da prestación dos servizos nos concellos integrados na agrupación, mancomunidade, consorcio ou área metropolitana, poboación total, número de núcleos de poboación da área e extensión territorial.

– Estudo económico comparativo dos custos de xestión individual por cada concello fronte á estimación de custos da súa xestión compartida, en relación aos recursos materiais, persoais e económicos necesarios para a prestación dos servizos, con especial incidencia na aplicación de criterios de eficacia e eficiencia e racionalización de actuacións e o aforro de custos sen perda de calidade na prestación.

– Obxectivos que se establecen para a implantación do modelo de xestión compartida.

– Procedemento de implantación, xestión e supervisión do proxecto.

– Cronograma da implantación do proxecto piloto. En ningún caso a data de inicio das actuacións poderá ser posterior ao 1 de novembro de 2012.

– Carácter innovador do proxecto.

– No caso de agrupación de concellos, instrumento xurídico que regule a agrupación e a xestión dos servizos, o cal deberá incluír, en todo caso, a designación do/a alcalde/sa que actuará como representante da agrupación. A este representante corresponderalle asinar a solicitude e con el efectuaranse todas as actuacións a que o procedemento der lugar.

b. Certificación da secretaría da mancomunidade, consorcio, área metropolitana ou das secretarías dos concellos integrados na agrupación, segundo o caso, de remisión das contas ao Consello de Contas de Galicia. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes e non se admitirán aquelas en que non se faga constar a data de remisión.

c. Declaración asinada por cada un dos representantes dos concellos agrupados, consorcio ou mancomunidade en que se faga constar que a respectiva entidade non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

d. Certificación emitida pola secretaría da mancomunidade, consorcio, área metropolitana, ou de cada un dos concellos no caso da agrupación destes, en que se faga constar a aprobación pola respectiva entidade local do proxecto piloto de xestión compartida do servizo ou servizos.

e. Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o proxecto que se presenta á convocatoria do premio Coopera Galicia Entidades Locais, de calquera outra administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional e, de ser o caso, as contías solicitadas ou concedidas. No caso de agrupacións de concellos, cada un dos integrados na candidatura presentará a súa declaración.

f. Declaración responsable acerca da veracidade dos datos consignados na solicitude relativos á conta bancaria da que é titular a entidade solicitante e onde se debe realizar o pagamento do premio, de ser o caso. Nesta declaración, asinada polo representante da entidade solicitante, constarán os díxitos que identifican aquela: código da entidade, díxito de control, código da sucursal e código da conta corrente.

4. O defecto na solicitude seralles notificado aos interesados e daráselles un prazo de dez días para emendaren os erros ou omisións. No requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirírselle ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria achegaranse ao xurado encargado da súa valoración, de acordo co establecido nestas bases.

Cuarta. Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 20.3.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude comportará a autorización da entidade participante ao órgano xestor para solicitar as certificacións que sexan necesarias para acreditar estar ao día nas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puideren ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos á entidade interesada.

2. De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web os nomes dos premiados e os importes dos premios, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos premiados e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

3. De acordo co establecido no artigo 16.1.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os premios outorgados ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a entidade solicitante consente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar agás nos casos legalmente establecidos.

Quinta. Órganos competentes.

1. A dirección xeral competente en materia de Administración local da Xunta de Galicia será a unidade administrativa competente para a instrución do procedemento de concesión destes premios e da mención especial referida nesta orde. A devandita instrución rematará coa proposta de resolución, que se elevará á persoa titular da consellería competente en materia de Administración local.

2. Corresponderá á persoa titular da consellería referida na alínea anterior ditar a resolución da súa concesión, con indicación do nome do premiado ou premiados e a contía que lles corresponde.

Sexta. Comisión de valoración.

1. O premio será outorgado por proposta dun xurado, que terá a consideración de comisión de valoración, presidido polo/la director/a de Administración Local ou persoa en quen delegue e integrado por:

Vicepresidente: o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Vogais:

– Un representante das deputacións provinciais designado pola Fegamp.

– Dous alcaldes designados pola Fegamp.

– Dúas persoas de recoñecido prestixio no ámbito da Administración local, designadas pola Dirección Xeral de Administración Local.

Secretario: a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais, ou un funcionario/a da Dirección Xeral de Administración Local con nivel mínimo de xefatura de servizo.

2. As decisións do xurado especificarán a avaliación que corresponde a cada un dos proxectos presentados á convocatoria, en aplicación dos criterios previstos na base seguinte.

En cada unha das categorías establecidas na correspondente convocatoria o premio poderá outorgarse de xeito individual ou ex aequo, ou declararse deserto. No caso de se outorgar ex aequo, o importe total do premio para a categoría que corresponda repartirase a partes iguais entre os premiados.

O xurado proporá, ademais, as mencións especiais e diplomas correspondentes, de ser o caso.

Sétima. Criterios de valoración.

Os criterios que se empregarán para a valoración das candidaturas serán, cun máximo de 100 puntos, os seguintes:

a) Servizos cuxa xestión compartida se pretende establecer ou mellorar, ata 20 puntos. Teranse en conta o número de servizos e a súa repercusión, medida a través de indicadores obxectivos como o número de poboación atendida por cada servizo.

b) Situación demográfica do ámbito territorial de implantación do proxecto, ata 30 puntos. Neste aspecto teranse en conta os seguintes indicadores demográficos: número de habitantes da área de implantación, densidade de poboación, número de núcleos, porcentaxe de poboación de 65 ou máis anos e taxa de crecemento composto continuo.

c) Intervencións que supoñan unha maior eficacia e eficiencia na prestación dos servizos, ata 30 puntos. Valoraranse os datos do estudo económico comparativo en aspectos como o custo anual dos servizos prestados de xeito individual, a estimación do custo anual dos servizos prestados mediante a xestión compartida ou a cuantificación do aforro de custos.

d) Duración do proceso de implantación do proxecto de xestión compartida, ata 10 puntos. Con base nos cronogramas de implantación, valorarase o menor prazo de implantación do proxecto. Non se considerarán aqueles cronogramas que non realicen unha adecuada asignación temporal a cada actividade, tarefa ou traballo necesarios para a correcta implantación do sistema de xestión compartida.

e) Carácter innovador do proxecto de xestión, ata 10 puntos. Valoraranse aqueles aspectos relativos á implantación, xestión ou supervisión que supoñan a introdución de fórmulas innovadoras de xestión respecto do conxunto de proxectos presentados.

Oitava. Resolución e notificación.

1. Á vista da deliberación do xurado contida no ditame en que se concrete a súa avaliación para o outorgamento do premio, a Dirección Xeral de Administración Local elevarao, xunto coa proposta de resolución, á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza quen, á vista da proposta motivada, ditará resolución.

2. A concesión dos premios será publicada no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería no enderezo http://cpapx.xunta.es e notificaraselles ás entidades premiadas.

3. O prazo para ditar e notificar aos interesados a resolución será o 1 de outubro de 2012. O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitima os interesados para entenderen desestimada a súa candidatura por silencio administrativo.

4. As entidades premiadas disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación do premio e das condicións contidas na resolución. Transcorrido o referido prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptado, e desde ese momento a entidade premiada adquire a condición de beneficiario.

5. A entrega do premio realizarase nun acto público, no lugar e na data que se determinarán oportunamente.

Novena. Obrigas específicas dos beneficiarios dos premios económicos.

1. Os beneficiarios do premio económico deberán remitir antes do día 1 de novembro de 2012 a acreditación do inicio da execución do proxecto premiado, mediante certificación da secretaría da mancomunidade, consorcio ou area metropolitana. Na categoría de agrupacións de concellos, a certificación será emitida polo secretario do concello que teña atribuída a representación da agrupación.

2. O remate da implantación dos proxectos premiados deberá acreditarse antes do 30 de setembro de 2013 mediante certificación da secretaría da mancomunidade ou consorcio. Na categoría de agrupacións de concellos, a certificación será emitida polo secretario do Concello que teña atribuída a representación da agrupación.

3. A documentación das candidaturas premiadas ao abeiro desta convocatoria quedará en poder da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para o seu arquivamento, reservando esta para si o dereito de edición, uso e explotación dos proxectos premiados. A compensación económica polos dereitos de autor que puideren corresponder considerarase incluída na dotación do premio.

Décima. Réxime de recursos.

Contra a resolución ditada ao abeiro desta orde, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo primeira. Anulación e reintegro.

1. Procederá o reintegro total ou parcial das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En todo caso, procederá o reintegro do premio percibido cando non se acredite o inicio ou o remate da implantación do proxecto premiado na forma e no prazo establecido nas alíneas 1 e 2 da base décima.

3. No caso de que os beneficiarios incumpran algunha das obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería instruirá, se é o caso, un expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da dita lei.

Décimo segunda. Control.

Os solicitantes e premiados/as quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou polo Consello de Contas ou polo Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

Ademais, deberán facilitar á Dirección Xeral de Administración Local toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou aboamento do importe do premio.

missing image file