Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 30 de maio de 2012 Páx. 20728

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 28 de maio de 2012 pola que se establecen as bases e se convocan as axudas destinadas ao cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais do alumnado dos centros públicos non universitarios dependentes desta consellería, para o curso académico 2011-2012.

O Estatuto de autonomía de Galicia declara no seu artigo 31 a competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia para o regulamento e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das limitacións impostas polos artigos 27 e 149 da Constitución española.

Pola súa banda, a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece e define as obrigas das administracións educativas en relación cos servizos educativos complementarios, tales como o transporte e os comedores escolares.

Actualmente, o Decreto 10/2007, do 25 de xaneiro (DOG n.º 26, do 6 de febreiro), regula o funcionamento dos comedores escolares nos centros docentes públicos non universitarios dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O artigo 2.3 da citada norma prevé que a Administración educativa poderá colaborar coas asociacións de nais e pais de alumnos/as e as súas federacións, cando estas asuman a xestión e organización do comedor escolar.

No marco normativo referido, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria establece nesta orde un programa de axudas económicas coa finalidade de cofinanciar os servizos de comedores escolares que xestionan as asociacións de nais e pais do alumnado nos centros públicos non universitarios dependentes dela.

Polo exposto, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1. O obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar as axudas económicas destinadas ás asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais de alumnos/as legalmente constituídas, que xestionan os comedores escolares nos centros públicos non universitarios dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

2. O outorgamento das axudas a que se refire esta orde realizarase en réxime de concorrencia competitiva baixo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

3. As axudas económicas irán destinadas a sufragar os seguintes conceptos:

a) O custo diario do menú por comensal e polos días de asistencia destes ao comedor, así como, se é o caso, a vixilancia e coidado do alumnado durante o uso do servizo do comedor e o desenvolvemento dos programas complementarios de promoción da saúde e das habilidades persoais, durante o curso académico 2011-2012.

b) Os gastos correntes en que incorran as asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais do alumnado como consecuencia da xestión do comedor, cun máximo do 3% do importe total do custo do servizo de comedor e sen que, en ningún caso, a citada porcentaxe supere os 2.000 euros.

c) Os gastos ocasionados pola contratación por parte das asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais do alumnado de pólizas de seguros vinculadas directamente á prestación do servizo de comedor escolar.

d) Os gastos orixinados pola contratación de persoal que desenvolva o labor de atención ao alumnado con necesidades específicas, para o caso de que a contratación deste persoal se realice separadamente.

Artigo 2. O crédito orzamentario destinado.

1. Para a concesión das axudas reguladas nesta orde destinaranse 700.000,00 euros que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 15.01.423A.481.0 dos orzamentos xerais de gastos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

2. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou ente público ou privado, aínda que o importe da axuda concedida en ningún caso poderá, en concorrencia coas outras subvencións ou axudas, superar o custo da actividade que desenvolva a beneficiaria.

Artigo 3. A actividade cofinanciable.

Son actividades cofinanciables as vinculadas á organización e xestión dos comedores escolares existentes nos centros públicos non universitarios dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que realicen as entidades que poden ter a condición de beneficiarias, e que se enumeran no artigo 4.

As axudas poderán sufragar ata un máximo do 50% do custo do servizo de comedor do centro escolar correspondente. Para iso terase en conta o orzamento que o/a solicitante debe achegar no momento de presentar a súa solicitude, que deberá axustarse ao modelo incorporado como anexo II.

Os solicitantes que sexan perceptores doutras axudas para o mesmo fin concedidas por outras entidades públicas ou privadas, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía, e percibirán, se é o caso, a axuda cos límites expresados no artigo 2.2.

Artigo 4. As beneficiarias das axudas.

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnos/as que xestionen, directa ou indirectamente, o servizo do comedor nas instalacións dos centros escolares correspondentes.

Para tal efecto, entenderase que xestiona o comedor escolar a entidade que teña ao seu cargo a organización deste, por algunha das formas que a seguir se enumeran:

a) Mediante a contratación directa da prestación do servizo de forma integral, que comprenda tanto a xestión do comedor como as restantes actividades asociadas a este, ou ben a contratación separada de ambas as actividades.

b) Mediante a encomenda integral do servizo a entidades ou empresas especializadas segundo as condicións establecidas de común acordo entre as empresas e as asociacións respectivas.

2. Así mesmo, poderán ser beneficiarias das axudas aquelas asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnos/as que, por careceren de instalacións axeitadas nos centros escolares, xestionen o servizo de comedor escolar nos locais hostaleiros próximos aos centros escolares, sempre e cando cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que existan as condicións adecuadas de seguridade viaria no desprazamento do alumnado cara ao establecemento hostaleiro.

b) Que o local hostaleiro onde se preste o servizo de comedor escolar sexa o mesmo durante todo o curso académico 2011-2012.

c) Que o prezo diario dos menús contratados co citado local hostaleiro non supere os 6 euros por comensal, incluído o IVE.

3. Poderán acollerse a esta orde todas as actuacións descritas no parágrafo anterior, sempre que se desenvolvan durante o curso académico 2011-2012.

Artigo 5. A subcontratación das actividades subvencionadas.

1. En atención á natureza da actividade obxecto de subvención, as empresas contratadas polas beneficiarias poden subcontratar con terceiros a execución total ou parcial das actividades relativas ao servizo do comedor escolar.

2. Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20% do importe da subvención e o antedito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscribise por escrito.

b) Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos exixidos no punto anterior.

3. Ademais do disposto anteriormente, as beneficiarias deberán cumprir as previsións e obrigas que, referidas á subcontratación, se sinalan no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. As solicitudes.

1. As solicitudes, subscritas polo representante legal da entidade solicitante, achegaranse, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde, coa seguinte documentación:

a) O orzamento do custo do servizo de comedor, segundo o modelo que figura como anexo II.

b) Unha memoria explicativa en que se detalle o carácter continuado e non ocasional do servizo, con indicación expresa do ano/curso de inicio deste, así como o número de usuarios e a súa repartición por nivel educativo, e o programa de promoción da saúde e habilidades persoais previsto.

c) A certificación do acordo do órgano competente da entidade solicitante polo que se decide solicitar a axuda.

d) A relación de asociacións de nais e pais de alumnos/as que formen parte da federación ou das confederacións, se é o caso, e que realicen a actividade de comedor escolar, indicando o número total de usuarios/as, a súa repartición por nivel educativo e os días de funcionamento do comedor de cada centro.

e) Unha declaración do conxunto de todas as axudas concedidas e/ou solicitadas para a mesma finalidade procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais (anexo III). No caso de ter concedida algunha destas axudas, deberán acreditala mediante orixinal ou copia compulsada da resolución ou da comunicación de concesión desta ou certificado do órgano concedente.

f) Unha copia do NIF da asociación, federación ou confederación correspondente. Se a antedita copia xa foi presentada, non precisa presentala pero deberá especificar a data en que se presentou e o órgano á que a dirixiu, sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento en que se presentou.

g) Unha declaración de que non concorren no solicitante da axuda ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, e de que non está incurso en ningunha das causas de prohibición sinaladas no artigo 10.3 da dita lei, segundo o modelo que se incorpora como anexo V.

2. Segundo establece o artigo 51 Un h) da Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, as beneficiarias das subvencións destinadas a institucións sen fins de lucro quedan exentas de presentar os xustificantes do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou ser debedora por resolución de procedencia de reintegro.

Artigo 7. O lugar e o prazo de presentación das solicitudes e da documentación.

1. As solicitudes dirixiranse á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e presentaranse, xunto coa demais documentación, no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, sito no Edificio Administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), así como en calquera dos lugares establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, tamén poderá presentarse na sede electrónica https://sede.xunta.es/.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte a auel en que se publique esta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 8. A instrución do procedemento.

A unidade administrativa instrutora do procedemento é o Servizo de Xestión de Comedores Escolares dos Centros Docentes non Universitarios dependente da Subdirección Xeral de Xestión Orzamentaria e de Recursos Educativos Complementarios da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o Servizo de Xestión de Comedores Escolares dos Centros Docentes non Universitarios realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos en virtude dos que se deba pronunciar a resolución, conforme o establecido nesta orde, a normativa xeral e específica en materia de axudas e subvencións, e de acordo coas normas do procedemento administrativo común.

A unidade instrutora examinará a documentación presentada polos solicitantes e, segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos que sinala o artigo 70 desta lei e os exixidos na propia orde de convocatoria, requirirase o interesado para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, se terá por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada Lei 30/1992.

O instrutor realizará finalmente un informe no cal consten, con base na documentación que estea no seu poder, os solicitantes que cumpren os requisitos para acceder ás axudas.

Artigo 9. A valoración das solicitudes.

1. A comisión de valoración, tendo en conta o informe emitido polo Servizo de Xestión de Comedores Escolares dos Centros Docentes non Universitarios, valorará os expedientes resultantes e elevaralle unha proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión das axudas.

A comisión de valoración estará integrada polos seguintes membros:

– O/A subdirector/a xeral de Xestión Orzamentaria e de Recursos Educativos Complementarios, que actuará como presidente/a, ou persoa en quen delegue.

– O/A xefe/a do Servizo de Xestión de Comedores Escolares dos Centros Docentes non Universitarios.

– Un/unha xefe/a dos servizos provinciais de Recursos Educativos Complementarios.

– Un/unha funcionario/a do Servizo de Xestión de Comedores Escolares dos Centros Docentes non Universitarios, que actuará como secretario/a.

No caso de que fose necesario prover a suplencia dalgún dos seus membros, o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria proverá conforme o seguinte:

a) A presidencia será suplida polo/a xefe/a do Servizo de Xestión de Comedores Escolares dos Centros Docentes non Universitarios.

b) Nos restantes casos o nomeamento deberá respectar o rango xerárquico dos postos arriba relacionados.

2. Para valorar as solicitudes teranse en consideración os seguintes criterios:

a) Polo carácter continuado na organización e xestión do servizo, outorgarase un máximo de 5 puntos repartidos do seguinte xeito: 1 punto por cada curso, cun máximo de 5 cursos consecutivos, excluído o curso obxecto da orde.

b) Polo número de comensais outorgaranse ata 10 puntos, repartidos do xeito seguinte:

Comensais

Puntuación

Ata 75

10

De 76 a 150

8

De 151 a 190

6

De 191 a 275

4

Máis de 275

2

c) Programa de promoción da saúde e habilidades persoais: Para valorar o desenvolvemento dos programas de promoción da saúde, promoción de hábitos alimentarios saudables e desenvolvemento das habilidades persoais do alumnado do comedor, os solicitantes deberán presentar a documentación que xustifique adecuadamente os seguintes aspectos (sen prexuízo de que recollan outros diferentes):

– O nome do programa.

– A entidade organizadora do programa.

– Unha descrición das actividades que se desenvolven nel.

– A programación diaria, semanal ou mensual das actividades.

– Unha descrición do persoal encargado do seu desenvolvemento, con referencia expresa ao número e á súa cualificación.

– Unha descrición do material que se lle dea ao alumnado usuario do comedor para o desenvolvemento do programa.

Non serán obxecto de valoración os seguintes programas:

– Aqueles nos que non conste a documentación acreditativa dos aspectos referidos anteriormente: o nome do programa, a entidade organizadora, a descrición das actividades que se van desenvolver, a programación diaria, semanal ou mensual das actividades que se van desenvolver, a descrición do persoal encargado do seu desenvolvemento con referencia expresa ao número e á súa cualificación e a descrición do material que se lle dea ao alumnado usuario do comedor para o desenvolvemento do programa.

– Aqueles que sexan unha simple transcrición das ofertas, folletos informativos ou catálogos confeccionados polas empresas que prestan estes servizos.

Os programas recollidos neste epígrafe valoraranse cun máximo de 5 puntos repartidos do seguinte xeito:

– Ata 4 puntos, polo desenvolvemento do programa con carácter continuo e permanente ao longo do curso escolar 2011-2012.

– Ata 1 punto, cando na realización das actividades ou das accións que formen parte dos programas de promoción da saúde e habilidades persoais se utilice a lingua galega, en cumprimento do disposto na letra l) do número 2 do artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Para a aplicación dos criterios anteriores ás solicitudes presentadas polas federacións ou confederacións de nais/pais de alumnos/as, farase unha valoración global destas atendendo ás circunstancias que presenten os comedores escolares dos centros docentes incluídos en cada unha delas.

Nestes supostos, a aplicación dos criterios de valoración sinalados no artigo 9 estará suxeita, ademais, ás seguintes especificacións:

Nos puntos 9.2.a) e 9.2.b), a puntuación final será o resultado de calcular a puntuación media entre as obtidas polos centros correspondentes.

No punto 9.2.c), cando existan diferentes programas nos centros correspondentes a unha mesma federación, a puntuación final será o resultado de calcular a puntuación media entre as obtidas polos centros correspondentes.

Para poder valorar estes puntos, as federacións ou confederacións presentarán unha descrición pormenorizada para cada ANPA que a integre.

4. Unha vez determinada a puntuación obtida por cada solicitante en aplicación dos criterios anteriores, o importe das axudas atribuirase mediante a súa asignación proporcional, de maneira que as solicitudes que acaden a máxima puntuación individual posible (20 puntos) obteñan o dereito o 50% do orzamento presentado conforme o establecido no artigo 3 desta orde, respectando en todo caso o límite sinalado no artigo 2 desta orde.

5. A axuda máxima establecida no parágrafo 2 do artigo 3 desta orde, isto é o 50% do custo do servizo, ponderarase polo coeficiente resultante da relación entre o número de puntos obtidos na valoración con respecto ao total de puntos posibles (20 puntos).

O exceso/defecto, sobre o total do orzamento dispoñible establecido no artigo 2 desta orde, redistribuirase proporcionalmente, minorando/incrementando o importe da subvención. O resultado determinará as contías definitivas que se lles concederán ás beneficiarias.

6. No caso de que antes do inicio do prazo establecido para a xustificación se produzan renuncias ás axudas concedidas, os créditos liberados poderán distribuírse de novo entre todos os solicitantes sen necesidade dunha nova convocatoria pública, tendo en conta as valoracións xa efectuadas pola comisión e dando lugar ao outorgamento dunhas axudas complementarias, que serán proporcionais ás puntuacións obtidas consonte os criterios sinalados neste artigo.

Artigo 10. A resolución e a formalización das axudas.

1. De conformidade co disposto na disposición adicional da Orde do 25 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, delégase no secretario xeral técnico da consellería a competencia para resolver a concesión destas axudas.

2. Completado o expediente, a Comisión de Valoración elevaralle ao secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a súa proposta de concesión das axudas para que resolva o procedemento. As resolucións serán notificadas no prazo máximo de tres meses, que se contarán a partir do día en que se publique esta convocatoria.

3. Transcorrido o prazo de tres meses sen que fose notificada unha resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude da axuda, e os interesados poderán presentar un recurso de reposición no prazo de tres meses, ou acudir directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa.

4. As resolucións ditadas seranlles notificadas aos interesados de acordo co disposto no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Toda alteración das circunstancias que se tiveron en conta para conceder a axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

6. As resolucións ditadas porán fin á vía administrativa e poderán ser recorridas potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes, ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, de conformidade co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11. A publicidade das axudas concedidas.

1. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará no Diario Oficial de Galicia a relación das axudas concedidas ao abeiro desta orde, con expresión da súa convocatoria, o programa e o crédito orzamentario aos que se imputen, as beneficiarias e as cantidades outorgadas.

Así mesmo, divulgará a concesión das axudas na súa páxina web oficial:

(http://www.edu.xunta.es/portal/ ) nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

2. Pola súa banda, as beneficiarias das axudas daranlle unha axeitada publicidade e difusión ao cofinanciamento público do servizo de comedor escolar de que se trate.

Artigo 12. O pagamento e a xustificación das axudas.

1. O pagamento das axudas realizarase logo de que a beneficiaria xustifique que realizou as actividades que se van cofinanciar.

2. A xustificación da axuda concedida presentarase entre os días 15 de setembro e 30 de setembro de 2012, ambos os dous incluídos. Esta xustificación dirixirase á do Servizo de Xestión de Comedores Escolares dos Centros Docentes non Universitarios da Subdirección Xeral de Xestión Orzamentaria e de Recursos Educativos Complementarios dependente da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, sita no Edificio Administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá á beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional non eximirá á beneficiaria das sancións que, conforme á lei, correspondan. (artigo 45 do Decreto 11/2009).

3. A xustificación axustarase ás previsións do artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e do artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que a desenvolve, e deberán incluír:

a) Un certificado do/a secretario/a da asociación, federación ou confederación correspondente, co visto e prace do/a seu/súa presidente/a de que esa entidade xestionou o comedor escolar do centro que lle corresponde durante o período a que se refire a xustificación.

b) A conta xustificativa dos gastos e ingresos, en que se incluirá a declaración das actividades obxecto de cofinanciamento e o seu custo, coa desagregación de cada un dos gastos ocasionados. Esta conta xustificativa deberá incluír o importe, a procedencia e a aplicación dos fondos propios e doutras subvencións ou axudas destinadas ás accións subvencionadas, todo isto de conformidade co modelo que figura como anexo IV desta orde, e de ser o caso, acompañando copia do contrato asinado coa entidade ou empresa especializada.

c) Os gastos acreditaranse mediante os orixinais ou as copias compulsadas das facturas ou doutros documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na conta xustificativa. Ademais, entregaranse os orixinais ou as copias compulsadas dos xustificantes dos pagamentos efectivos destas facturas, que aseguren en todo caso a realización das actividades subvencionadas.

Nos casos en que o aboamento do prezo do servizo sexa realizado directamente por parte dos usuarios, entregarase:

1. Unha declaración da entidade á cal se lle concedeu a subvención indicando que son os usuarios os que aboan directamente o prezo á entidade ou empresa prestadora do servizo (anexo VI).

2. Un certificado expedido pola entidade ou empresa provedora á que se lle encomendaron os servizos, onde figure que os gastos derivados da prestación destes están realmente aboados, especificando o importe total e os importes desagregados por meses, número de usuarios e menús servidos así como o centro escolar a que corresponden.

d) Unha declaración do conxunto de todas as axudas concedidas para a mesma finalidade procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, asinada o mesmo día en que se presente a xustificación (anexo VII), acompañando, de ser o caso, orixinal ou copia compulsada da resolución ou da comunicación de concesión desta ou certificado do órgano concedente.

e) Unha declaración de que non concorren no solicitante da axuda ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de que non se atopa incurso en ningunha das causas de prohibición sinaladas no artigo 10.3 da antedita lei, asinada o mesmo día en que se presente a xustificación (anexo V).

f) No caso de computar gastos ocasionados pola contratación de pólizas de seguros, deberán achegar un informe ou declaración da empresa aseguradora en que se especifique a porcentaxe da póliza directamente vinculada á prestación do devandito servizo de comedor escolar.

4. Se as beneficiarias non xustifican a totalidade do orzamento de gastos presentado coa solicitude, o importe da axuda concedida minorarase proporcionalmente á xustificación dos gastos que se presente.

Artigo 13. As obrigas das beneficiarias das axudas.

1. Son obrigas das beneficiarias das axudas reguladas nesta orde, ademais das que quedan sinaladas nas bases anteriores, as seguintes:

– Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación de verificación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

– Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación efectuarase no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

– Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

– Informar a comunidade escolar respectiva das axudas percibidas en concepto de cofinanciamento na xestión do comedor escolar.

2. Ademais, e para os efectos do disposto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e a disposición adicional sexta da Lei 9/2007, os solicitantes deberán autorizar expresamente a Administración concedente a incluír e facer públicos, nos rexistros regulados no citado decreto, os datos relevantes referidos ás axudas recibidas.

A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que ser expresa, poderá dar lugar á súa exclusión do proceso de concesión das axudas ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento, co correspondente reintegro do importe concedido.

Artigo 14. A revogación e o reintegro das axudas.

Nos supostos establecidos no artigo 33.1 da Lei 9/2007, e no suposto sinalado no derradeiro parágrafo do artigo 13 desta orde, procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda pública percibida, así como o aboamento dos xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

Artigo 15. As infraccións e as sancións.

No relativo a esta materia serán de aplicación as disposicións recollidas no título IV, artigos 50 a 68 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. As normas de aplicación supletoria.

No non previsto nas bases anteriores serán de aplicación directa as normas contidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, e de aplicación supletoria as establecidas na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Disposición derradeira primeira.

Contra esta orde poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte a aquel en que se publique no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file