Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 1 de xuño de 2012 Páx. 21251

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 23 de maio de 2012 pola que se acorda a cesión en propiedade dunha embarcación e dun vehículo todoterreo, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, á Confraría de Pescadores A Pastoriza de Vilanova de Arousa.

O Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, dispón que esta é o órgano da Administración da comunidade autónoma ao cal lle corresponde desenvolver as competencias e funcións en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores e demais organizacións e asociacións dos profesionais do sector, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española.

A Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, permite a cesión de bens mobles da comunidade autónoma sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, quedando obrigado o cesionario a destinar os bens ao fin expresado no correspondente acordo.

Por outra banda, a Lei 6/2009, do 11 de decembro, de modificación da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, define as confrarías de pescadores de Galicia como corporacións de dereito público, se ánimo de lucro, dotadas con personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, que actúan como órganos de consulta e colaboración da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en materias relativas á actividade extractiva e á ordenación do sector pesqueiro, e dispón que se rexerán pola súa lexislación específica.

O 31.7.2008 (DOG n.º 164, do 26 de agosto) a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos (na actualidade Consellería do Medio Rural e do Mar) acordou a cesión en uso da embarcación Faladoira con matrícula 8.ª VI 5-10-91 (actualmente con matrícula 5.ª VI 5-7-08) e do vehículo todoterreo Suzuki Vitara C-2671-BY, propiedade da Xunta de Galicia, á Confraría de Pescadores A Pastoriza de Vilanova de Arousa.

Con data do 28.3.2012, a Confraría de Pescadores A Pastoriza de Vilanova de Arousa solicitou a cesión en propiedade da embarcación e do vehículo enriba indicados.

A referida confraría destina o dito vehículo e a embarcación a fins de utilidade pública ou interese social, de xeito especial, á realización de vixilancia no ámbito territorial determinado polos respectivos estatutos e á colaboración en salvamento marítimo e na loita contra a contaminación mariñas, polo que cómpre cederlle en propiedade os bens mobles antes indicados.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 27, números 15 e 29, do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confieren a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Acórdase a cesión en propiedade á Confraría de Pescadores A Pastoriza de Vilanova de Arousa da embarcación e do vehículo todoterreo seguintes:

Nome da embarcación: Faladoira.

Ano de construción: 1991.

Modelo: Rodman 38.012.

Casco: P.R.F.V.

Motores: 2, marca Man diésel, modelos D-0826 LE de 240 CV cada un con numeración 105311/006 e 105311/002.

Dimensións: eslora 11,00 metros, manga 3,90 metros e puntal 1,58 metros.

Total (R.B.) 10,45 TRB.

Matrícula: 8.ª VI-5-10-91 (na actualidade 5.ª VI 5-7-08).

Vehículo todoterreo:

Marca: Suzuki Vitara.

Modelo: 1.9 TD 3 P todoterreo.

Matrícula: C-2671-BY.

Ano de matriculación: 1998.

Artigo 2.

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) De conformidade co establecido pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, o bens cedidos destinaraos a confraría cesionaria a fins de utilidade pública ou interese social, de xeito especial, á realización de vixilancia no ámbito territorial determinado polos respectivos estatutos e á colaboración en salvamento marítimo e na loita contra a contaminación mariñas.

b) Coa cesión outórgaselle á Confraría de Pescadores A Pastoriza de Vilanova de Arousa a propiedade dos bens mobles cedidos.

c) Serán por conta da entidade cesionaria todos os gastos de conservación e mantemento dos bens mobles cedidos.

d) Tanto se os bens cedidos non se aplicasen aos fins sinalados como se se descoidasen ou utilizasen con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioración que sufrise.

e) A confraría cesionaria realizará todos os trámites necesarios para o cambio de titularidade dos bens cedidos en Tráfico, no caso do vehículo todoterreo, e no caso da embarcación, no rexistro marítimo da capitanía marítima correspondente, e correrán pola súa conta todos os gastos que estes trámites orixinen.

Artigo 3.

A dita cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral técnico desta consellería ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira primeira.

A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2012.

Rosa M.ª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar