Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 7 de xuño de 2012 Páx. 21980

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 127/2012, do 24 de maio, polo que se aproba o cambio de titularidade de dous restos da estrada autonómica AC-444 que se atopan no núcleo de Nantón e na zona urbana de San Vicenzo da Baña a prol do Concello da Baña.

A tenor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 54, que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas nos cales a circulación adquira características urbanas, serán entregadas aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.

O Concello da Baña solicitou a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o cambio de titularidade de dous treitos sobrantes da estrada AC-444 os cales se atopan no núcleo de Nantón (p.q.: 3+400 ata o p.q.: 4+070) e na zona urbana de San Vicenzo da Baña (entre o p.q.: 6+030 ata o p.q.: 7+220).

Ao amparo das previsións legais, a Área de Planificación e Programación da Axencia Galega de Infraestruturas emite informe favorable sobre o cambio de titularidade dos seguintes treitos sobrantes na estrada AC-444:

1. No núcleo de Nantón, entre o p.q.: 3+400 ata o p.q.: 4+070.

2. Na zona urbana de San Vicenzo da Baña, entre o p.q.: 6+030 ata o p.q.: 7+220.

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e catro de maio de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello da Baña de dous treitos sobrantes da estrada AC-444 os cales se atopan no núcleo de Nantón (p.q.: 3+400 ata o p.q.: 4+070) e na zona urbana de San Vicenzo da Baña (entre o p.q.: 6+030 ata o p.q.: 7+220).

Artigo 2.

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as entidades locais no marco das súas competencias, e de acordo cos correspondentes plans de estradas, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade. De acordo co exposto, o Concello da Baña deberá incorporar ao seu plan de estradas a vía a que se refire este decreto.

Artigo 3

A entrega da vía formalizarase, no prazo de dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4.

Correspóndelle ao Concello da Baña, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía; así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira.

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de maio de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas