Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 13 de xuño de 2012 Páx. 23198

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

ANUNCIO do 31 de maio de 2012, da Dirección Xeral de Comercio, polo que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental do proxecto de instalación dun establecemento comercial colectivo, denominado centro comercial e de lecer Bandeira, no concello de Vigo (Pontevedra), promovido por Inversiones Abuín 2, S.L.

De conformidade co disposto no artigo 9.2 do texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, e modificado pola Lei 6/2010, do 24 de marzo, iníciase o trámite de información pública e de participación pública, como parte integrante do procedemento de avaliación de impacto ambiental, do expediente do proxecto de instalación dun establecemento comercial colectivo, denominado centro comercial e de lecer Bandeira, no concello de Vigo (Pontevedra), promovido por Inversiones Abuín 2, S.L.

Para estes efectos, completando a información que debe outorgarse ao público sobre os aspectos relevantes relacionados co procedemento de autorización do proxecto de referencia, infórmase do seguinte:

a) Inversiones Abuín 2, S.L. solicitou a concesión da autorización autonómica para instalación dun establecemento comercial colectivo, denominado centro comercial e de lecer Bandeira, na área de ordenación pormenorizada AOP-07 Jenaro de la Fuente, no concello de Vigo.

O centro comercial e de lecer obxecto da solicitude, situarase no denominado edificio Bandeira que se vai conservar, situado no cuarteirón formado polas rúas Jenaro de la Fuente, Aragón, Extremadura e Vizcaya, próximo ao barrio do Calvario en Vigo.

A superficie total útil computable para autorización autonómica é de 4.048,45 m2.

b) Inversiones Abuín 2, S.L. presentou un estudo de impacto ambiental que foi elaborado coa amplitude e co nivel de detalle aconsellado pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en escrito con data do 17 de abril de 2012.

c) O proxecto está suxeito ao procedemento de avaliación de impacto ambiental en virtude do disposto no artigo 32.3 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

Este precepto establece que, logo de completar a documentación, o órgano instrutor solicitará, entre outros informes, a declaración de impacto ambiental, que constituirá a acreditación do cumprimento do criterio f) do artigo 32.2 (a viabilidade e a legalidade ambiental do proxecto co cumprimento da normativa vixente en materia medioambiental, que preverá a adopción de medidas positivas de protección ambiental que reduzan a contaminación acústica, a emisión de gases de efecto invernadoiro e a produción de residuos, e a súa xestión mediante procedementos de valorización, preferentemente mediante reciclaxe e reutilización, e a utilización da auga, da enerxía, das materias primas e doutros recursos de maneira eficiente). Para estes efectos, os proxectos de instalación de establecementos comerciais precisados de autorización comercial autonómica someteranse, en todo caso, aos trámites de avaliación de impacto ambiental. O procedemento correspondente quedará integrado no de outorgamento da autorización comercial e o órgano substantivo será a consellaría competente en materia de comercio. Durante a tramitación da avaliación de impacto enténdese suspendido o procedemento para resolver a autorización autonómica.

d) A competencia para resolver o procedemento de avaliación de impacto ambiental en relación co referido proxecto corresponde á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Así mesmo, o órgano competente para resolver a solicitude de concesión da autorización comercial autonómica é a persoa titular da Consellería de Economía e Industria en virtude do establecido no artigo 32.1 da Lei do comercio interior de Galicia e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

e) O órgano do que pode obterse información ao respecto é o Servizo de Ordenación da Dirección Xeral de Comercio.

f) A declaración de impacto ambiental está configurada como un acto de trámite, de carácter vinculante, cuxo contido deberá integrarse no procedemento substantivo.

g) A solicitude, o estudo de impacto ambiental e o proxecto están dispoñibles ao público, para a súa consulta, nas dependencias da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria, situadas no edificio administrativo San Caetano, bloque 5, terceiro andar, de Santiago de Compostela, en horario de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres.

h) A participación do público poderá realizarse, durante o prazo de trinta días hábiles contados a partir do día seguinte ao de publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia. As persoas que o desexen poderán tomar vista do expediente durante o referido período e formular as alegacións, observacións e suxestións que estimen oportunas, que deberán dirixirse á Dirección Xeral de Comercio e presentarse por calquera dos medios que recolle o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2012

María Nava Castro Domínguez
Directora xeral de Comercio