Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 14 de xuño de 2012 Páx. 23276

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 6 de xuño de 2012 que modifica a Orde do 20 de marzo de 2012, que desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, no seu artigo 27.bis regula a renovación da acreditación dos títulos. Esta renovación obtense mediante resolución ditada polo Consello de Universidades no prazo máximo de seis meses, contados desde a presentación no rexistro de entrada da solicitude do interesado ante o órgano competente para a súa tramitación.

No DOG do día 9 de decembro de 2011 publicouse o Decreto 222/2011 polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Posteriormente, mediante Orde do 20 de marzo de 2012 (DOG do 29 de marzo) desenvólvese o Decreto 222/2011, polo que se regulan os procedementos que clarifican e facilitan a planificación e desenvolvemento da oferta de ensinanzas oficiais no eido do sistema universitario de Galicia.

Nesta regulación prevese a necesidade de que os títulos renoven a súa acreditación pasados catro anos para os títulos de máster e de seis anos para os títulos de grao e doutoramento, desde a data de resolución de verificación inicial polo Consello de Universidades ou da última acreditación, debendo presentar a solicitude de renovación con oito meses de anterioridade á data límite indicada.

Co fin de unificar criterios e homologar o prazo de presentación das solicitudes de renovación da acreditación ao prazo máximo de seis meses, establecido no Real decreto 1393/2007 para resolver, faise aconsellable reducir en dous meses o prazo establecido no artigo 11.2.

Advertida a discordancia que supón a previsión de prazos diferentes para os efectos dun mesmo procedemento de solicitude de obtención da renovación da acreditación, cómpre proceder á modificación da Orde do 20 de marzo de 2012, polo que esta consellería

DISPÓN:

Artigo único

Modificación do artigo 11.2 da Orde do 20 de marzo de 2012 (DOG do 29 de marzo), que queda redactado do seguinte xeito:

«Seis meses antes do vencemento dos prazos referidos no punto anterior, a universidade correspondente comunicará ao departamento competente en materia de universidades a solicitude para a renovación da acreditación dos títulos oficiais».

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2012

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria