Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 14 de xuño de 2012 Páx. 23419

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2012 pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 16 de marzo de 2012, relativa ao proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental Documento complementario para información pública da vía de alta capacidade O Barqueiro-San Cibrao, treito enlace centro de Viveiro, clave LU/00/063.01.3.0, no concello de Viveiro (Lugo).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como o disposto no Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, faise pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 16 de marzo de 2012, relativa ao proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental Documento complementario para información pública da vía de alta capacidade O Barqueiro-San Cibrao, treito enlace centro de Viveiro, clave LU/00/063.01.3.0, no concello de Viveiro (Lugo).

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2012

Ethel Vázquez Mourelle
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas

Declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental no 16 de marzo de 2012 relativa ao proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental Documento complementario para información pública da vía de alta capacidade O Barqueiro-San Cibrao, treito enlace centro de Viveiro, clave LU/00/063.01.3.0, no concello de Viveiro (Lugo), promovido pola Dirección Xeral de Infraestruturas. Clave 2010/0100

Antecedentes.

A Dirección Xeral de Infraestruturas, como órgano substantivo por razón da materia, na súa Resolución do 24 de xullo de 2003, aprobou provisionalmente o estudo informativo e estudo de impacto ambiental da vía de alta capacidade Ferrol-Barreiros (conexión A-8), treito O Barqueiro-San Cibrao.

Posteriormente publícase no DOG do 8 de novembro de 2004 a Resolución do 27 de outubro de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental relativa ao citado estudo.

En Resolución do 30 de maio de 2006 da Dirección Xeral de Obras Públicas faise pública a modificación do 9 de xuño de 2006, da declaración de impacto ambiental, relativa ao estudo informativo e estudo de impacto ambiental da VAC Ferrol-Barreiros (conexión A-8). Treito O Barqueiro-San Cibrao (LU/00/063.00), que xa inclúe o corredor incorporado en decembro de 2005, dentro do termo municipal de Viveiro.

A dita revisión incorpórase e apróbase en resolución publicada en DOG do 18 de xullo de 2006, pola que se aproba o Estudo informativo e impacto ambiental da VAC Ferrol-Barreiros (conexión A-8), treito O Barqueiro-San Cibrao (clave LU/00/63.00).

As alternativas propostas no proxecto de trazado e construción da obra VAC da Costa Norte. Treito Viveiro Sur-Celeiro toman como base o corredor aprobado e publicado no DOG do 18 de xullo de 2006, propoñendo o trazado considerado idóneo após a análise realizada. Con base nesta xeometría, en xullo de 2009 faise entrega do proxecto de trazado. O dito trazado considérase que inclúe elementos revisables e que precisan dunha fase de información pública, pola necesidade, entre outras, de incorporar un enlace centro para o núcleo urbano de Viveiro.

En xuño de 2010 redáctase o Documento complementario correspondente ao proxecto de trazado do referido enlace central de Viveiro, que, por estar fóra da banda aprobada polo estudo informativo, precisa unha nova fase de información pública. Este documento incorpora, ademais, o axuste do trazado da VAC preciso para facer factible o dito enlace, e para recoller as correccións que derivan do axuste do corredor ás necesidades formuladas na orde do propio proxecto de trazado.

O obxecto do proxecto de trazado consiste na implantación dun enlace para o servizo ao núcleo de Viveiro. O mencionado enlace ten unha tipoloxía de diamante, cunha rotonda central baixo a autovía; ademais, o proxecto para avaliar prevé a construción dunha infraestrutura viaria no municipio de Viveiro con enlace á estrada LU-540, sendo a lonxitude da vía incluída no proxecto de aproximadamente de 2 km.

No anexo I resúmese o contido do trazado do estudo informativo e no anexo II as medidas correctoras e protectoras propostas no estudo de impacto ambiental.

En virtude do artigo 3.2.a) do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, e realizada unha análise para determinar a necesidade de sometemento do proxecto a avaliación de impacto ambiental segundo os criterios do anexo III do citado real decreto, dentro do procedemento de aprobación substantiva sométese a actuación proposta ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data do 6 de agosto de 2010 publícase no DOG (nº 150) a Resolución do 26 de xullo de 2010, da Dirección Xeral de Infraestruturas, pola que se somete a información pública o proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental Documento complementario para información pública da vía de alta capacidade O Barqueiro-San Cibrao, treito enlace centro de Viveiro. Clave LU/00/063.01.3.0, no concello de Viveiro (Lugo).

Durante este período foron presentadas alegacións por parte de particulares e administracións locais e provinciais, tendo en conta o condicionado desta declaración de impacto ambiental e, no que procede, as que teñen carácter ambiental.

Con data do 12 de xaneiro de 2012 ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Infraestruturas, no cal se inclúen certificados de exposición, copia das alegacións presentadas no dito período e os informes da Deputación Provincial de Lugo, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, de Augas de Galicia e do Concello de Viveiro.

Cumprida a tramitación, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental Documento complementario para información pública da vía de alta capacidade O Barqueiro-San Cibrao, treito enlace centro de Viveiro. Clave LU/00/063.01.3.0, no concello de Viveiro (Lugo).

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que a actuación descrita é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano –por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo–, poderá ditar só para os efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que fornezan unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude xuntando documentación técnica que xustifique estas medidas no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, e non poderá comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta Secretaría Xeral.

A. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese ás obras definidas no Documento complementario para información pública da vía de alta capacidade proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental do enlace central de Viveiro entre LU-540 e VAC Costa norte (treito Viveiro Sur-Celeiro), no concello de Viveiro, na provincia de Lugo, na configuración relativa á alternativa nº 2-alternativa seleccionada, recollida no tomo VI-estudo de impacto ambiental.

1. Protección da atmosfera.

1.1. Levaranse a cabo as medidas recollidas no estudo de impacto ambiental para a protección da atmosfera, incluíndo nelas o lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.

2. Protección dos niveis sonoros.

2.1. Cumprirase o disposto no Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 13 de novembro, do ruído, no referente á zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas, así como, se for o caso, o estipulado nas ordenanzas municipais ao respecto.

3. Protección das augas e leitos fluviais.

3.1. No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas proxectadas, quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico; por tanto, procederase a balizar ou sinalizar de maneira axeitada os tramos dos diferentes cursos de auga afectados polas obras, permitindo o seu acceso soamente nos casos en que sexa imprescindible para a realización das obras da estrutura de drenaxe de paso dos ditos cursos de auga.

3.2. Evitarase modificar as redes de escorremento para non influír nos ecosistemas naturais situados augas abaixo da infraestrutura. Neste marco, deberanse colocar tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo e dimensionarase axeitadamente para evitar o efecto presa en épocas de máxima precipitación.

Estas estruturas deberán poder ser empregadas como paso por parte da microfauna, polo que os ditos pasos se deseñarán con largo suficiente e de xeito que non se xeren saltos ou desniveis entre as súas embocaduras e os terreos circundantes. Ademais, deben ser consideradas como pasos bidireccionais para a fauna, polo que estarán desprovistas de estruturas de caída vertical que impidan o retorno, procurando que todas as especies que caian poidan saír. Irán revexetadas con especies autóctonas e locais para canalizar a fauna por esa zona e así conseguir diminuír o efecto barreira da infraestrutura.

Ademais, no deseño da rede de drenaxe lonxitudinal deberase ter en conta o permitir o mantemento dos fluxos actuais de escorremento e rede fluvial, sen xerar transvasamentos en bacías. Este criterio deberá presidir o deseño da rede de drenaxe lonxitudinal, para alterar o menos posible a drenaxe natural do terreo, evitando en todo caso a concentración de escorrementos en bacías ou valgadas distintas daquelas ne que naturalmente evacuarían. Deberanse estudar solucións que permitan que as augas drenadas da plataforma, desmontes e terrapléns sexan devoltas ao terreo do xeito máis inmediato, por medio de cunetas filtrantes, non podendo ser obras de fábrica impermeables ou actuacións similares.

3.3. Para evitar a erosión na incorporación das augas á rede natural de drenaxe, colocaranse sistemas de disipación de enerxía (camadas de pedra, pequenos diques etc.) nos puntos en que a rede verte ao ambiente. Así mesmo, nestes puntos débense impedir os fenómenos de asolagamento e deposición.

3.4. Para as verteduras que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de escorremento, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captacións de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada polo organismo de bacía, neste caso Augas de Galicia. No caso de que a vertedura se realice cara á rede de saneamento da zona, deberase dispoñer da autorización do xestor da dita rede.

3.5. Prohíbese verter nos leitos dos cursos fluviais restos de formigón ou cemento, lavar materiais ou ferramentas que estivesen en contacto con eles, así como os cambios de aceite da maquinaria de construción.

Durante a fase de remocións de terras necesarias para aterraplenar os viarios terase especial coidado de que non haxa chegas de materiais á rede de escorremento.

3.6. Nos labores de mantemento dos foxos e dos sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas, e realizaranse exclusivamente por medios mecánicos e/ou manuais.

3.7. Tomaranse todas as medidas necesarias para evitar afeccións ao dominio público hidráulico e as súas zonas de servidume e policía construíndo gabias receptoras e balsas de decantación deseñadas para absorber a auga de escorremento con sólidos en suspensión antes de chegar aos leitos, facendo o mantemento da maquinaria en lugares adecuados e deseñando as obras de drenaxe acorde coa lexislación en materia de augas, protección de vexetación de ribeira, revexetación do terreo descuberto etc.

Todas as obras provisionais que sexan precisas para a execución do proxecto sempre precisarán autorización previa da administración hidráulica se se sitúan no dominio público hidráulico ou na zona de policía de leitos fluviais.

3.8. Os movementos de terras próximos ás canles contarán con balsas de decantación para evitar que as choivas arrastren sólidos en suspensión que contaminen as augas continentais. Así, as augas susceptibles de seren afectadas polos labores da execución da obra cumprirán, en todo momento (mesmo na época de estiaxe), o preceptuado no artigo 80 sobre calidade mínima exixible ás augas continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais).

3.9. Todas as áreas contiguas aos eixes hídricos deben considerarse como zonas de non afección, e cumprirán en todo momento o establecido na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, e no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. En relación con isto, todos os traballos que poidan afectar os cursos fluviais deberán ser executados en período de estiaxe para minimizar o impacto sobre os seus ecosistemas.

3.10. O cruzamento dos cursos de auga deberá realizarse preferentemente mediante estruturas que, presentando a capacidade hidráulica precisa para o desaugamento de enchentes extraordinarios, non alteren o leito fluvial. Os estribos e zapatas deberán estar situados a unha distancia mínima desde o bordo do curso. As citadas estruturas deberán presentar trazado perpendicular á dirección do fluxo, sen que a súa construción poida representar alteracións nela.

3.11. Deberase obter a preceptiva autorización do organismo de bacía, neste caso, Augas de Galicia, para a execución das obras en zonas de dominio público hidráulico ou de policía, as construcións, cortas e plantacións ou calquera outro uso ou actividade que supoñan un obstáculo para a corrente en réxime de enchentes ou que poidan ser causa de degradación ou deterioración do dominio público hidráulico.

3.12. En xeral, para o cálculo e deseño das obras de fábrica proxectadas, e debido á realización de obras en dominio público hidráulico, deberase considerar a normativa incluída na Lei de augas (texto refundido aprobado polo R.D.L. 1/2001, do 20 de xullo), o Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril (modificado polo Real decreto 606/2003, do 23 de maio, e polo Real decreto 9/2008, do 11 de xaneiro), e as normas incluídas no Plan hidrolóxico Galicia Costa.

3.13. O trazado podería afectar a permeabilidade territorial dalgunhas zonas e algunhas fontes e/ou captacións de auga existentes. Neste senso, terase en conta que:

• Deberán manterse os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras for preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.

• Estableceranse as medidas precisas para procurar manter os usos actuais existentes, no que se refire ás fontes e/ou captacións que se poidan ver afectadas.

3.14. Deberase maximizar o respecto por aqueles cursos fluviais e a súa vexetación que sexa interceptada polo trazados previstos, segundo o artigo 1 da Lei 5/2006, do 30 de xuño, para a protección, a conservación e mellora dos ríos galegos, que declara de interese xeral a conservación do patrimonio natural fluvial da Comunidade Autónoma de Galicia e, así mesmo, o artigo 16 da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial que declara de interese xeral a conservación das formacións vexetais nas marxes dos ríos e regueiros.

3.15. Deberase presentar perante o organismo de bacía (Augas de Galicia) o proxecto de construción da actuación proposta para a emisión do correspondente informe.

4. Protección do solo.

4.1. Balizaranse e sinalizaranse as zonas de obra e todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, estando prohibido ocupar terreos fóra do previsto. Este balizamento e sinalización deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras e serán retirados cando estas finalicen.

4.2. Tamén se procederá ao balizamento ou, se for o caso, á sinalización de todos aqueles elementos de interese situados no contorno do proxecto (basicamente todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental e elementos do patrimonio cultural) co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre eles. Se é tecnicamente posible, os tocos non se eliminarán, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais.

4.3. No caso de que sexa necesario crear vías alternativas para a circulación dos veciños, estas estarán perfectamente indicadas e sinalizadas.

Estableceranse medidas encamiñadas ao mantemento das infraestruturas locais existentes que sexan empregadas na execución do proxecto e procederase á reparación das deterioracións ou danos ocasionados nelas, de ser o caso.

4.4. Localizaranse as zonas destinadas ás instalacións auxiliares (parque de maquinaria, zonas de almacenamento de materiais e residuos, vestiarios etc.), primando o uso dos espazos ocupados polo trazado fronte a calquera outro, procurando que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes.

Ademais de nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado de maquinaria, habilitarase nas formigonaxes un sistema de recolla, condución e sedimentación de auga mesturada co formigón procedente da zona de obra, evitando que se produza algunha vertedura desta mestura a correntes de auga. Así mesmo, nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado da maquinaria protexerase o solo con materiais impermeables.

4.5. No caso de necesitar materiais de préstamo, recorrerase sempre a actividades autorizadas para este fin, evitándose, na medida do tecnicamente posible, a apertura de novas canteiras ou zonas de préstamo. Neste último caso deberá atenderse á normativa vixente respecto disto.

Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se empreguen para a construción da vía (para bases ou subbases, para a fabricación de formigonaxes, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos pouco exixentes xeotecnicamente etc.) procedan de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.

4.6. Non estando prevista a colocación de plantas de formigón nin de aglomerado asfáltico, estes procederán de planta ou plantas externas que conten coas súas correspondentes autorizacións. No caso de ser necesario implantar unha planta propia, someterase ao informe da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

4.7. A xestión da terra vexetal que se empregue na restauración das zonas degradadas, retirada previamente ao movemento de terras, realizarase do xeito indicado no estudo de impacto ambiental, coidando que non se produza un movemento en masa ou escorremento do material almacenado, para o que se adoptarán as medidas técnicas axeitadas (colocación de barreiras físicas na cara inferior do amoreamento etc.).

No caso de que o período de almacenamento sexa prolongado e non apareza vexetación espontánea nas moreas, realizaranse sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con fornecementos de mulch suficiente para manter entre un 5% e un 6% de materia orgánica.

4.8. Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, para o que se fará a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.

4.9. Na documentación avaliada faise referencia á existencia dun volume de sobrantes dos movementos de terras. Respecto disto, seleccionaranse, utilizando criterios ecolóxicos, as zonas onde se realizará o depósito, tendo en conta que, no caso de que existan na zona ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se encontren naturalizados e integrados no ambiente. Previamente ao depósito destes sobrantes, contarase, se é o caso, cos correspondentes permisos.

4.10. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies núas, procederase á súa revexetación o máis axiña posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. No caso de ser necesarias, adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser estender mantas de fibras naturais.

Así mesmo, ao finalizar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos etc. deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se atopen situadas sobre o propio trazado, os espazos ocupados por elas deben ser restaurados á súa situación preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de vías de obra que non vaian ser empregadas posteriormente ao remate daquelas.

4.11. Na execución do proxecto utilizaranse prioritariamente betumes modificados con caucho e/ou betumes mellorados con caucho procedentes de pneumáticos fóra de uso. Estas indicacións realizaranse de acordo coa disposición adicional segunda do Real decreto 1619/2005, do 30 de decembro, sobre a xestión de pneumáticos fóra de uso, que establece que as administracións públicas promoverán a utilización de materiais reciclados de pneumáticos fóra de uso e a de produtos fabricados con materiais reciclados procedentes dos ditos residuos sempre que cumpran as especificacións técnicas requiridas, as cales se establecen na Orde circular 21/2007, da Dirección Xeral de Estradas, sobre o uso e especificacións que deben cumprir os ligantes e mesturas bituminosas que incorporen caucho procedente de pneumáticos fóra de uso, no Manual de emprego de pneumáticos fora de uso en mesturas bituminosas, do CEDEX, así como na Orde ministerial 891/2004, do 1 de marzo, que aprobaba modificacións do prego de prescricións técnicas xerais para obras de estrada e pontes (PG-3).

5. Xestión de residuos e verteduras.

5.1. Os restos vexetais que se produzan deberán ser xestionados axeitadamente e prevalecerá sempre a súa valorización. No caso de depositalos no terreo, deberán ser triturados e espallados homoxeneamente para permitir unha rápida incorporación ao solo.

5.2. Os residuos xerados recolleranse e xestionaranse conforme a súa natureza e a lexislación vixente, primando a reutilización e o reciclaxe fronte á vertedura.

Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que está levando a cabo esta Secretaría Xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica etc.), sexan reciclados co fin de empregalos na propia obra. En caso de que isto non sexa posible, serán entregados a un xestor autorizado.

5.3. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, recoméndase ter retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.

5.4. Non se queimarán residuos, material excedente, restos vexetais e/ou calquera tipo de resto procedente da execución das obras, salvo que se obteña o oportuno permiso.

5.5. Tomaranse as medidas de seguranza necesarias para evitar derramos accidentais dos tanques de almacenamento de produtos como aceites, graxas e carburantes de motores.

6. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

6.1. Polo que respecta á calidade da auga, presentarase un plan de vixilancia en que se indicarán os puntos e periodicidade de control. Deberíanse realizar análises previas que permitan coñecer a situación preoperacional. Asemade, presentaranse todas as medidas previstas para evitar que a calidade da auga do contorno diminúa.

6.2. Estableceranse os límites horarios e cronograma das obras.

6.3. Ante a presenza no ámbito de estudo de especies catalogadas polo Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o catalogo galego de especies ameazadas, modificado polo Decreto 167/2011, deberán deseñarse e executarse as medidas protectoras e correctoras precisas para evitar calquera tipo de afección.

6.4. Analizarase e presentarase a un nivel de detalle adecuado o previsto no desenvolvemento da restauración vexetal e da integración paisaxística da obra.

6.5. Ante a necesidade de construción de obras de drenaxe transversal, xustificarase o seu deseño e a súa capacidade como paso bidireccional de fauna.

6.6. Presentarase un estudo do efecto barreira da vía e os posibles corredores faunísticos atravesados pola vía, así como as medidas correctoras e protectoras que se pretenden implementar para mellorar a permeabilidade faunística da obra.

6.7. Controlarase e evitarase a presenza de especies alóctonas e de carácter invasor na zona de traballo, polo que debe establecerse un programa de traballo específico.

6.8. Un dos valores ambientais máis destacado do ámbito do estudo reside nos cursos fluviais e a súa vexetación asociada. Co obxecto de minimizar as posibles afeccións e, a maiores das medidas comentadas na documentación presentada, recomendándose establecer as seguintes:

– Nos cruzamentos de vías sobre os ríos e regatos afectados empregarase de xeito preferente estruturas que respecten o leito e as beiras. Non se deben desnaturalizar de xeito que a pendente das estruturas sexan semellantes ás naturais, procurando que a súa rugosidade sexa igual ou similar á actual. Para conseguir isto, a parte inferior da obras de fábrica, se existiren, deberán quedar por baixo do leito natural do río.

– Nas saídas das obras de fábrica evitarase crear un salto que provoque o socavamento do leito fluvial augas abaixo e /ou impida o remonte das especies piscícolas migradoras. Evitarase a creación de obstáculos ao movemento da fauna ligada ao medio acuático.

– Os cruzamentos temporais de leitos fluviais realizaranse durante o menor tempo posible e no período de máxima estiaxe, entre os meses de xuño e setembro, tendo en conta na realización das obras, no establecemento de medidas correctoras e na restauración, que nese período poden producirse fortes enchentes.

– Os noiros dos cursos de auga protexeranse con sistemas de retención de sólidos durante os traballos que se realicen nas súas inmediacións.

– Non se ocupará nin temporal nin permanentemente ningún curso de auga nin as súas beiras.

– Garantirase en todo momento o fluxo de caudais, de maneira que se afecte o mínimo posible o ecosistema acuático.

– As zonas de almacenamento da terra vexetal situaranse afastadas da beira sempre que as condicións topográficas o permitan, para reducir a perda de vexetación riparia e as probabilidades de erosión e desmontes.

– No caso de que se pretenda atravesar un curso de auga permanente, elaborarase un informe previo ao inicio das obras en que consten, cando menos, os leitos afectados, o sistema empregado, o período de permanencia e das medidas protectoras previstas.

– Evitarase a realización de verteduras de terras de calquera tipo nos leitos fluviais, zonas húmidas e áreas topográficamente deprimidas, con especial fincapé en balsas, pozas, zonas húmidas e leitos de escorremento estacional, sendo irrelevante que, no momento da vertedura, transporten ou non auga. Se para iso for necesario, construiranse barreiras físicas que actúen como filtro e muro de contención. Así mesmo realizaranse os correspondentes labores para a impermeabilización das áreas de traballo.

– Nas zonas próximas aos cursos de auga procederase á compatación exhaustiva e á retirada do material solto que poida quedar nas proximidades despois do recheo da condución.

– Colocaranse mallas de estabilización e precursoras de vexetación en noiros maiores de 1:1 co obxecto de evitar alteracións na morfoloxía inicial e aproveitala como base para a xerminación e posterior enraizamento das especies.

– A roza da vexetación de ribeira limitarase ao trazado. En todo caso, será preciso presentar a solicitude de autorización de corta de vexetación de ribeira tal e como se especifica na lexislación vixente, realizando este trámite para cada corta particular que se pretenda acometer.

– Durante a execución das obras con emprego de formigón, terase especial coidado por tratarse de materiais altamente tóxicos para todo o ecosistema fluvial e, en particular, para a fauna piscícola.

– Non se debe permitir que as formigoneiras se desfagan do sobrante do formigón nin que limpen o contido das cubas nas proximidades de correntes de auga, por moi pequenas que estas sexan. Os labores de mantemento da maquinaria realizaranse o máis afastados posible dos regatos afectados e zonas húmidas.

– Para a xestión dos aceites usados e calquera outro residuo de carácter potencialmente perigoso para o ecosistema fluvial que se xere tanto na fase de construción como de funcionamento observarase o especificado na lexislación xeral de residuos e nas normativas especificas. Prohibirase, por tanto, a súa vertedura directa ou mestura con outros materiais.

7. Protección do patrimonio cultural.

7.1. Todos os elementos patrimoniais recollidos e os seus contornos de protección deberán figurar nos planos de obra, incluída o propio trazado. Estes elementos e o seu contorno deberán sinalizarse na fase previa ao inicio das obras.

7.2. O proxecto de construción definitivo deberá ser remitido á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para o seu informe vinculante, no cal se deberán incluír os resultados do estudo específico de avaliación do impacto sobre o patrimonio cultural, así como un plan global de medidas protectoras e correctoras para a protección e conservación dos diferentes elementos do patrimonio arqueolóxico. O dito plan deberá recoller a necesidade de levar a cabo, como medida xenérica, un control e seguimento arqueolóxico das fases de implantación, de execución de obra e de restitución dos terreos, para o que será necesaria a presentación dun proxecto que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, na fase previa ao inicio das obras.

Conforme os resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, se for necesario, decidirase sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de implantación serán revisados os impactos e será avaliada a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

7.3. Deberase realizar unha análise do impacto que as características da obra ocasionan no contorno de protección da igrexa parroquial de Magazos, co fin de poder establecer as medidas correctoras oportunas, para ter en conta no proxecto, para compatibilizar a obra co patrimonio cultural afectado.

Para iso, trazaranse os perfís transversais necesarios, desde a rotonda ata onde o tronco queda oculto polo desmonte, onde se reflicte a relación da vía de alta capacidade coa igrexa parroquial, e proporanse as medidas correctoras necesarias para paliar o posible impacto visual.

7.4. Realizarase unha valoración do impacto que as instalacións auxiliares da obra, vertedoiros, vías de tránsito de maquinaria ou zonas de almacenamento poden xerar sobre o patrimonio cultural existente na zona.

7.5. Na fase previa ao inicio das obras levarase a cabo unha revisión dos impactos que o trazado pode xerar sobre o patrimonio cultural e avaliarase a aplicación das correspondentes medidas protectoras e correctoras establecidas, por si fose necesario modificalas ou establecer outras novas.

No caso de detectarse calquera tipo de evidencia de carácter arqueolóxico no transcurso da realización das obras de construción, comunicarase á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, para decidir sobre a conveniencia de establecer as medidas protectoras e correctoras necesarias.

7.6. É preciso que as obras na fase de implantación, execución da obra e restitución dos terreos se fagan baixo control arqueolóxico, co fin de evitar calquera afección sobre xacementos arqueolóxicos non detectados durante os traballos de prospección, ou que polas súas características son imperceptibles a simple vista. Ademais debería levarse a cabo un control e seguimento sobre as medidas cautelares de protección dos restantes elementos do patrimonio cultural.

Terase en conta que o equipo de control e seguimento arqueolóxico debe estar presente nos traballos de roza e remocións de niveis susceptibles de albergaren restos arqueolóxicos en todo o ámbito afectado polas obras. A metodoloxía do proxecto de intervención, o equipo técnico e o tempo de execución dos traballos previsto deberán garantir o seu axeitado desenvolvemento. É polo que durante a redacción do proxecto de control e seguimento arqueolóxico se valorará a idoneidade da proposta de días e orzamento previsto no estudo arqueolóxico remitido.

Co fin de garantir a conservación do patrimonio cultural e o correcto desenvolvemento dos traballos de control e seguimento, e dar cumprimento ao establecido no artigo 15 do Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, o director da intervención arqueolóxica deberá remitir periodicamente os informes precisos, nos cales se recolla o estado das obras de construción e da aplicación das medidas protectoras e correctoras que fosen establecidas.

7.7. Todas as actuacións arqueolóxicas deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo cun proxecto presentado que deberá ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, tal e como se estipula no artigo 61 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e no Decreto 199/19997, do 10 de xullo, que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia. O deseño dos proxectos, así como a súa execución, desenvolveranse en coordinación coa citada dirección xeral.

O proxecto ou proxectos de intervención arqueolóxica deben conter un programa detallado e coherente que acredite a conveniencia e o interese científico da actividade e avale a idoneidade técnica do arqueólogo director. Deben contemplar, de ser o caso, a necesidade de:

– Realización de reportaxe fotográfica exhaustiva do proceso de intervención e dos restos localizados. De ser o caso, realizaranse reportaxes cenitais en altura.

– Toma de mostras pertinentes e posteriores análises.

– Estudo de materiais.

– Se for necesario, consolidación e/ou restauración das estruturas ou restos materiais localizados.

De acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 199/1997, deberá terse en conta que nun prazo máximo de 6 meses deberán presentarse as memorias técnicas correspondentes, asinadas polos directores das intervencións arqueolóxicas. Nelas reflectirase o proceso de traballo seguido, copia da acta de depósito dos materiais arqueolóxicos, o seu inventario e estudo así como o resultado das análises e, ademais, da documentación complementaria.

7.8. Se for o caso, de acordo co establecido no referido Decreto 199/1997, deberán elaborarse ou actualizarse os datos dos xacementos arqueolóxicos mediante a formalización en modelos normativizados, que deberán ser entregados no prazo dun mes desde a finalización do traballo en campo.

No caso de detectarse calquera tipo de evidencia de carácter arqueolóxico no transcurso da realización das obras de construción, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, como organismo competente, decidirá a conveniencia de establecer as medidas protectoras e correctoras necesarias.

7.9. Deberá informarse o equipo de control e seguimento arqueolóxico de calquera cambio na localización ou características das zonas de préstamo, canteiras, parques de maquinaria, vías de acceso ás obras, instalacións auxiliares, entulleiras e vertedoiros. No caso de que poidan afectar o patrimonio cultural, está circunstancia deberá comunicarse á Secretaría Xeral o máis axiña posible.

7.10. No que respecta ás vías de acceso á obra ou de tránsito de maquinaria, deberá informarse o equipo de control e seguimento daquelas que se van utilizar e, se é o caso, repoñer, co fin de que se valore o impacto que poden xerar sobre o patrimonio cultural existente na contorna. Informarase a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural deste feito, co fin de establecer as medidas protectoras e/ou correctoras oportunas.

7.11. Cando se empreguen camiños existentes para acceso a obra ou tránsito de maquinaria que discorran polas inmediacións de xacementos arqueolóxicos, deberase ter en conta:

– A súa utilización non debería supor un aumento da zona de ocupación, e moito menos na marxe en que se atope o elemento/s.

– Non se deberán levar a cabo remocións, almacenamentos ou depósitos de terra na zona.

– Os xacementos deberán estar grafados na planimetría da obra e permanecer balizados, xunto co límite da estrada ou camiño.

– Naqueles casos en que a distancia sexa escasa con respecto aos xacementos e exista algún tipo de risco de deterioración ou alteración, valorarase a posible supresión do camiño/s para o acceso a obra de tránsito de maquinaria.

8. Integración paisaxística e restauración.

8.1. Recoméndase que na fase de redacción do proxecto de integración paisaxística que se incluirá no proxecto construtivo, se realice unha descrición o máis detallada posible das medidas de revexetación e integración paisaxística previstas.

8.2. Debe prestarse atención aos espazos adxacentes segregados polo paso da nova vía, de xeito que non aparezan como áreas residuais, senón que colaboren na integración da infraestrutura.

8.3. Nas rotondas será necesario levar a cabo unha revexetación a base de especies coherentes co ambiente e evitar os excesos de luz.

8.4. Nos contornos dos viadutos deberase diminuír a afección da vexetación de ribeira preservando o maior número de exemplares posibles, e evitando a afección das especies de menores dimensións, que se restablecerá en caso de ser afectada.

8.5. Nas actuacións no contorno dos leitos procurarase evitar escorrementos e arrastres de estériles, substancias nocivas ou residuos da roza que afecten a calidade das augas.

9. Programa de medidas correctoras.

O programa de medidas correctoras adoptadas deberá desenvolverse no proxecto construtivo, tendo en conta as seguintes condicións:

• Definición contractual das medidas correctoras:

– Todas aquelas medidas correctoras, protectoras e compensatorias deberán quedar definidas a nivel executable e incluiranse nos correspondentes plans e cronogramas de obras.

• Coordinación de medidas de integración ambiental co resto da obra. Plan de obra:

Todas as medidas correctoras, protectoras e compensatorias formuladas deben programarse dentro do plan de obra tendo en conta:

– Que a integración ambiental non é un tema subordinado á funcionalidade da obra.

– As medidas de integración deben programarse igual que o resto das actuacións.

• Orzamento:

– Todas as las medidas de integración ambiental irán orzamentadas da mesma forma que o conxunto do proxecto.

• Criterios para o seguimento das medidas:

– Deben establecerse os custos e as medidas de xestión correspondentes.

10. Programa de vixilancia ambiental.

10.1. Aspectos xerais.

O obxecto deste programa será o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras establecidas no estudo de impacto ambiental e no condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas para cada unha das fases de proxecto (obras e explotación).

Para tal fin, e tomando como o base o plan de seguimento proposto no estudo ambiental, deberanse incorporar os controis necesarios para adaptalo aos condicionantes xurdidos da presente declaración.

Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Asemade, teranse en conta as seguintes consideracións:

• Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, designarase un/s responsable/s desta e informarase esta Secretaría Xeral.

• A toma de mostras e as medicións deberán ser representativas e, po tanto, deberán realizarse durante os labores con maior incidencia sobre os aspectos obxecto de control.

• Todas as medicións e/ou analises do programa de vixilancia deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou entidade homologada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.

• Tanto os puntos de medición seleccionados como os de tomas de mostras, así como a periodicidade dos controis, poderán ser revisados con base nos resultados obtidos.

• No caso de que se detecten, como resultado do seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo r proporánse as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

10.2. Aspectos específicos.

Ademais do indicado no número 10.1, o programa de vixilancia ambiental deberá incluír especificamente o seguinte:

• Plan de control da calidade da auga dos cursos fluviais afectados polas obras, indicando a metodoloxía, a periocidade e os límites que se imporán aos diferentes parámetros, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona dos cursos fluviais afectados. Considérase que, como mínimo, os parámetros que se analizarán son os seguintes: temperatura, materias en suspensión, pH, oxíxeno disolto, condutividade, aceites e produtos lubricantes.

Estes controis deberán permitir coñecer o grao de cumprimento dos obxectivos de calidade indicados no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación de pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

• Plan de seguimento dos ruídos, tanto durante as obras como durante a explotación da estrada, debendo constar os puntos de mostraxe, metodoloxía, periodicidade e límites que se imporán, elixindo para a realización das medicións puntos localizados en zonas onde a estrada se sitúe próxima a vivendas ou edificacións habitadas. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

• Plan de vixilancia do sistema de drenaxe durante a fase de explotación da vía, comprobando se se levan a cabo os labores de limpeza e conservación do mesmo, de xeito que cumpra a súa función dun xeito efectivo.

• En todos os casos se situarán os puntos de control propostos nun plano a escala 1:5.000 ou con maior detalle.

10.3. Informes do programa de vixilancia.

Os informes do programa de vixilancia e seguimento ambiental serán elaborados pola Dirección Xeral de Infraestruturas (actualmente Axencia Galega de Infraestruturas), a quen corresponde, ademais, o seguimento e vixilancia do cumprimento do condicionado da declaración conforme o establecido na normativa ambiental. Estes informes deberán estar asinados polo/s técnico/s responsable/s da súa elaboración, coa supervisión –se for o caso– do responsable do control do seguimento ambiental.

10.3.1. Informes que se presentará na fase de obras.

A Dirección Xeral de Infraestruturas (actualmente Axencia Galega de Infraestruturas) levará a cabo o programa de vixilancia ambiental de acordo co indicado no apartado 10 desta DIA e elaborará os informes do seguimento ambiental que se sinalan deseguido, dos cales remitirá unha copia a esta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

a) Trimestralmente:

• Cronograma actualizado das obras.

• Representación nun plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ao total, referido aos distintos elementos que as conforman.

• Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicaranse a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización.

• Resultados do control da calidade das augas superficiais e do plan de seguimento dos ruídos producidos polas obras, incluíndo no primeiro informe trimestral medicións preoperacionais da presión sonora e da calidade das augas.

• Neste informe indicaranse as variacións producidas con respecto ao proxectado.

b) Antes da emisión da acta de recepción:

• Memoria-resumo sobre o seguimento ambiental realizado, no cal quede constancia das medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do disposto nesta DIA.

• Informe, se for o caso, das variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado.

• Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se aplicaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, e deben ir acompañadas dun plano de localización.

• Incidencias producidas e medidas adoptadas para as resolver.

10.3.2. Informes que se presentarán na fase de explotación.

A Dirección Xeral de Infraestruturas (actualmente Axencia Galega de Infraestruturas) levará a cabo o programa de vixilancia ambiental de acordo co indicado no número 10 desta DIA, elaborando anualmente un informe do seguimento ambiental, que inclúe:

• Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental.

• Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, indicando a data, hora, e localización dos puntos da toma das fotografías nun plano.

• Resultados do plan seguimento dos ruídos producidos pola explotación da infraestrutura.

• Resultados do plan seguimento das obras de drenaxe e estruturas para a fauna, verificando a súa correcta funcionalidade.

• Incidencias producidas e medidas adoptadas para as resolver.

• A duración da vixilancia ambiental nesta fase establecerase en función dos resultados obtidos ao levar a cabo este programa.

11. Outras condicións.

11.1. Incorporaranse ao deseño do proxecto todas aquelas prescricións que deriven dos informes que emitan as direccións xerais de Conservación da Natureza, Patrimonio Cultural, Augas de Galicia e a Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, respecto da documentación resultante das condicións dos números 4, 5, 6 ,7 e 8 desta DIA.

11.2. Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, deberase informar esta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, antes do inicio das obras, da persoa responsable (dirección facultativa ou oficina técnica encargada do control dos traballos).

11.3. Teranse en conta as seguintes condicións co obxecto de mellorar as condicións da vía:

• Mellora da mobilidade local e de acceso ao corredor.

Facilitarase o xiro á esquerda no eixo 8, p.q. 0+200, co fin de facilitar o acceso á igrexa e ao cemiterio sen que sexa necesario percorrer ambas as rotondas.

Incluirase no proxecto construtivo a execución dunha beirarrúa no viario de conexión do enlace, eixo 8, entre o cruzamentos da igrexa ata o cruzamento coa estrada LU-540, entre os p.q. 0+000 ata o 0+200, co obxecto de mellorar o transito peonil e a seguranza viaria.

Proxectarase a inclusión dun paso inferior por baixo da VAC (eixos 2, e ramais 4 e 7), para optimizar a permeabilidade transversal arredor da infraestrutura, e mellorar o acceso peonil e de vehículos á zona da igrexa e cemiterio, tendo en conta os estritos límites de dimensións existentes. O dito paso habilitarase no contorno do p.q. 1+480 do eixo 2, Incluirá un camiño de servizo que una o dito paso ao camiño definido polo eixo 26.

Conectarase o camiño de servizo definido polo eixo 21 directamente sobre a rotonda inferior do enlace, eixo 3, para mellorar a accesibilidade ao núcleo da Rúa Nova, e para garantir tanto a permeabilidade transversal como para conseguir un acceso directo desde o viario local á nova infraestrutura.

• Sobre a afección a bens e dereitos:

O proxecto construtivo desprazará a rotonda LU-540, definida polo eixo 9, cara a Viveiro, o tecnicamente viable con obxecto de permitir a restitución do acceso á empresa Publilar, redefinindo o referido acceso (eixo 27), de forma que o dito acceso poida ser compatible e paralelo ao ramal definido polo eixo 16, e se procure o punto de entrada ao predio polo mesmo lugar que na actualidade. O acceso permitirá o tránsito de vehículos de transporte e pesados que prestan servizo á empresa.

Para minimizar os efectos indirectos do trazado sobre as vivendas e edificacións sitas no lugar da Rúa Nova, ao oeste do trazado previsto da VAC, desprazarase suavemente o tronco da VAC cara ao leste á altura do p.q. 1+880 do eixo 8, afastando o trazado das referidas vivendas o tecnicamente viable.

• Sobre a minoración de impactos:

Incorporaranse todas as medidas correspondentes para a mitigación do impacto sobre a paisaxe no contorno da igrexa de Magazos. Estas medidas consistirán, entre outras, na incorporación dunha zona de barreira vexetal, incorporando ao dominio público parte dos terreos sobre os cales se asenta a barreira vexetal que o propio informe de Patrimonio recoñece que serven de barreira visual para a traza da VAC. Desta maneira incorpórase ao dominio público afecto á vía unha banda de terreo de 15 metros, entre o p.q. 1+450 e o p.q. 1+560 do eixo 2, na marxe oeste, desde a aresta exterior da explanación.

Así mesmo, no proxecto construtivo introduciranse novas barreiras vexetais naqueles lugares onde non exista unha vexetación de contorno suficiente, e substituiranse, para mitigar o efecto na paisaxe da infraestrutura, os muros de contención por muros vexetais ou muros verdes, a base de solucións de terra reforzada, nas partes máis expostas do trazado.

11.4. Ademais das condición indicadas na presente declaración, incorpóranse as medidas establecidas con carácter xeral na declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 1 de outubro de 2004, relativa ao estudo informativo e estudo de impacto ambiental da VAC Ferrol-Barreiros (conexión A-8), treito O Barqueiro-San Cibrao. Nesta DIA excluíanse expresamente os subtreitos: Covas-Viveiro Sur e Viveiro Sur-Celeiro, pendentes de definición no planeamento urbano no concello de Viveiro. Aínda que o treito proxectado queda fóra da citada DIA (Viveiro Sur-Celeiro), considérase que por tratarse do mesmo contorno físico e social, e por ser a actuación avaliada das mesmas características técnicas, resultan aplicables as medidas xerais establecidas na DIA.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2012, Justo de Benito Basanta, secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

ANEXO I
Resumo da actuación descrita na documentación avaliada

O trazado implementado subdivídese en dous eixos principais:

O enlace centro de Viveiro: resólvese mediante unha rotonda inferior definida baixo a rasante da VAC, e inclúe un eixo de conexión entre LU-540 e a citada rotonda, que ten unha extensión de 359 m.

O tronco da VAC no treito entre os p.q. 0+4373,5 e 2+472,5 do eixo 2 definido como eixo corrixido fronte ao aprobado na xeometría definitiva do proxecto de trazado da VAC, coa sección de calzada única na primeira fase, pero planificada con obxecto de permitir o seu desprazamento e conversión en autovía cando o requira a intensidade do tráfico e o nivel de servizo da vía.

O resto dos eixos incluídos no proxecto defínense co obxecto de completar o deseño do enlace coa VAC, de tipo rotonda inferior, e os ramais de conexión entre o VAC e o citado enlace.

Ademais, o proxecto de trazado define a reposición de camiños e camiños de servizo, precisos para unha correcta accesibilidade ao medio territorial anexo.

Proxectouse e orzamentouse no proxecto de trazado a execución da sección completa de autovía do movemento de terras, xustificada nos seguintes criterios:

Como o balance de terras é totalmente excedente para a sección corredor (xa seca de lado da montaña ou do mar), execútase a sección completa do terraplén.

No caso das seccións en desmonte, dado que son necesarias medidas de estabilización e sostemento dos noiros, e ademais parte da excavación será con voadura e ripadura, por motivos económicos e de afección ao tráfico é recomendable a execución da sección completa.

Existen 3 treitos nos cales o tronco se desenvolve en viaduto (viaducto de Magazos, viaducto do enlace de Viveiro e viaducto da Fontecova).

No treito do corredor deseñado faise necesaria a execución de dous pasos inferiores para dar continuidade a os seguintes camiños:

– Baixo o p.q. 0+270 do novo ramal de conexión coa LU-540.

– Baixo o tronco da autovía, unha vez superado o enlace de Viveiro.

Descrición do medio.

O trazado do proxecto cruza os leitos do río Landro, o rego da Fontecova, localizado á altura do núcleo de Xunqueira e outro rego (sen nome), de menor importancia, que se localiza no terzo sur do trazado.

O trazado discorre aproximadamente sobre un 50% de áreas agrícolas (cultivos e prados) e outro 50% por zonas de cultivos forestais (masas de eucaliptos fundamentalmente).

Os elementos máis próximos ao proxecto son E-79 (casa indiana 3), E-76 (lavadoiro 3) e E-81 (escola indiana 1), que se encontran a unha distancia inferior aos 25 metros.

Na documentación avaliada non se observan afeccións a áreas de especial protección designadas en aplicación das directivas 79/409/CEE do Consello, do 2 de abril de 1979, e 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, ou a zonas húmidas incluídas na lista do convenio Ramsar. Aínda que a distancia mínima do proxecto ao LIC río Landro é de aproximadamente 100 metros na rotonda de conexión coa LU-540, o tronco da autovía localizase na súa parte sur máis próxima a 200 metros do LIC.

ANEXO II
Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo
de impacto ambiental

As medidas correctoras que se consideran necesarias para minimizar, compensar ou cambiar a condición dos impactos ou riscos que poidan derivar da execución do proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental Documento complementario da vía de alta capacidade O Barqueiro-San Cibrao, treito enlace centro de Viveiro, son as que a seguir se resumen.

Atmosfera-Niveis sonoros.

Dada a existencia de numerosas entidades de poboación no contorno do proxecto, co obxecto de minimizar afeccións sobre a poboación no deseño das voaduras, así como na planificación dos métodos de execución, incluiranse as medidas protectoras e correctoras necesarias para minimizar as afeccións derivadas do ruído, vibracións, mobilización de po e protección de materiais graúdos.

Durante o transcurso das obras, co fin de evitar alteracións da calidade do aire por emisión de po á atmosfera, procederase a cubrir cun toldo impermeable os camións que transporten material e a lavar as rodas dos camións á saída das obras.

Solos e ocupacións.

No proxecto construtivo localizaranse as zonas destinadas a instalacións auxiliares, almacenamento de materiais, almacenamento de residuos etc., utilizando para a súa escolla os seguintes criterios:

Fácil acceso á obra.

Zonas de baixo valor ambiental (afastadas de cursos fluviais e non ocupadas pola vexetación).

Lonxe de elementos patrimoniais.

Para garantir o acceso a predios colindantes onde a súa entrada desde a estrada queda cortada pola execución do corredor, proxectáronse camiños de servizo paralelos á estrada nos treitos necesarios.

Realizarase o balizamento e sinalización da zona de obras e de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, e manterase en perfecto estado durante o transcurso das obras, que serán retirados cando estas finalicen. Están prohibido ocupar terreos fóra do previsto.

Ademais, tamén se procederá a balizar e/ou sinalizar aqueles elementos de interese situados no contorno do proxecto, basicamente todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental e elementos do patrimonio cultural, co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre elas.

Durante a fase de obras, no caso de ter que realizar labores de mantemento e reparación da maquinaria non apta para circular polas estradas da zona, protexeranse os solos con materiais impermeables e disporanse os medios necesarios para a recolla de posibles verteduras. Esta mesma medida se levará a cabo na zona de lavado de camións e maquinaria.

Naquelas zonas afectadas polos movementos de terras, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies novas, procederase á súa revexetación coa maior brevidade posible, co obxecto de evitar a aparición de procesos erosivos. No caso de que sexan precisas, adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser estender mantas de fibras naturais.

Xestión de residuos.

Acondicionarase o punto para o almacenamento, manexo, separación e, se for o caso, outras operacións de xestión dos residuos de construción e demolición que se situará na zona de instalacións de obra proposta.

Os RCD almacenaranse en sacos industriais ou en contedores metálicos específicos e segregados do resto dos residuos. Estes contedores deberán estar pintados en cores que destaquen a súa visibilidade, especialmente durante a noite, e deberán contar cunha banda de material reflector de, ao menos, 15 centímetros, ao longo de todo o seu perímetro ou, como mínimo, en todas as súas esquinas expostas.

Este punto de xestión de residuos servirá igualmente para a segregación, almacenamento e identificación de residuos perigosos, urbanos ou asimilables a urbanos.

A localización destas instalacións permitirá:

A súa accesibilidade tanto para o persoal da obra como para os vehículos que retiran os contedores.

A non interferencia co desenvolvemento normal da obra.

Residuos de construción e demolición.

Tendo en conta a xestión sobre residuos da construción e demolición que se está levando a cabo na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, estudarase a posibilidade, no caso de que se xeren residuos deste tipo (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica etc.) sexan reciclados co fin de poder utilizalos en obra. No caso de que isto non sexa posible, serán entregados a un xestor autorizado.

Estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se van a usar para a construción da vía (para bases ou subbases, para pavimentar vías auxiliares, para a fabricación de formigonaxe etc.) procedan de plantas de reciclaxe ou de residuos de construción ou demolición.

Unha vez finalizadas as obras, levarase a cabo unha limpeza pormenorizada da zona, retirando e transportando ao vertedoiro ou punto de reciclaxe todos aqueles residuos de carácter artificial existentes na zona de actuación.

Prestarase especial atención aos excedentes derivados dos movementos de terra e os restos procedentes das diferentes unidades de obra, tales como embalaxes, pezas ou compoñentes de maquinaria, restos de utensilios, ferramentas ou equipamentos manuais etc. En todo caso, posteriormente á finalización das obras, todos os residuos serán xestionados adecuadamente.

Erosión e inestabilidade.

No tocante ás terras sobrantes procedentes dos movementos de terras, primará (sempre que sexa técnica e economicamente viable) a súa reutilización ou reciclaxe, sendo a última opción o depósito controlado, que se realizará en vertedoiros autorizados ou en ocos procedentes de actividades mineiras abandonadas ou de movementos de terras. O proxecto construtivo deberá indicar o destino das terras.

O almacenamento, transporte e depósito de calquera tipo de vertedura ou residuo debe ser realizado por un xestor autorizado.

Reutilizarase a terra vexetal extraída para a restauración das zonas degradadas.

A xestión da terra vexetal que se vaia utilizar en restauracións e a súa retirada previa durante o movemento de terras deberá realizarse de maneira óptima, empilladas en montículos que non superen os dous metros de altura. No caso de que o almacenamento sexa prolongado, realizaranse operacións de mantemento consistentes en regas periódicas, remocións periódicas, incorporación de fertilizantes minerais, sementes de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con fornecemento de mulch suficiente para manter entre un 5% e un 6% de materia orgánica.

Os restos vexetais que se xeren durante as labores de roza deberan ser xestionados adecuadamente, prevalecendo sempre a súa valoración. No caso de depositalos sobre o terreo, deberán ser triturados e esparexidos homoxeneamente para permitir unha rápida incorporación ao solo.

Antes de depositar os sobrantes dos movementos de terras nos lugares seleccionados deberase contar cos permisos necesarios.

Calidade das augas.

Deseñarase un sistema de recolla, condución e decantación das augas procedentes das zonas das instalacións auxiliares, de lavado de camións, maquinaria e formigoneiras.

Evitarase modificar as zonas de escorremento para non influír nos ecosistemas naturais augas abaixo da infraestrutura.

Neste sentido deseñaranse tantos pasos de auga como valgadas teña o terreo, que se dimensionará para evitar o efecto presa nas épocas de máxima precipitación. Estes pasos de auga serán, ademais, utilizados como pasos para a fauna pequena, polo que se deseñarán con largo suficiente e de forma que non xeren saltos ou desniveis entre as embocaduras e os terreos circundantes. Ademais, deben ser considerados como pasos bidireccionais de fauna, por tanto, estarán desprovistos de estruturas de caída vertical que impidan o retorno, procurando que todas as especies de fauna que caian poidan saír.

En xeral, para as estruturas de paso sobre a rede fluvial configuradas como obras de fábrica e/ou viadutos se asegurará que no seu deseño se protexa a vexetación de ribeira existente que forma parte do ecosistema fluvial. Deberanse colocar os estribos ou zapatas a mais de 5 metros de cada lado do leito. Así mesmo, retiraranse todos os recheos temporais efectuados para a execución dos apoios.

As restantes obras de drenaxe transversal serán de tipo pórtico elevado e evitarase, na medida do posible, adoptar pasos tipo marco ou tubo. No deseño destas infraestruturas deberase garantir que non se xeren, no punto de paso, láminas de auga de pouca profundidade e excesiva velocidade, ademais de que se deberá minimizar a lonxitude de paso o máximo posible.

Proxectarase a instalación de balsas de decantación cando se realicen movementos de terras próximos aos leitos fluviais para evitar que as choivas arrastren sólidos en suspensión que contaminen as augas continentais. Así, as augas susceptibles de seren afectadas polos labores de execución da obra cumprirán en todo momento (mesmo na época de estiaxe), o establecido no artigo 80 sobre a calidade mínima exixida ás augas continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación de pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais).

No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico, polo que se procederá ao seu balizamento ou sinalización dos treitos da totalidade dos cursos fluviais afectados, co obxecto de preservalos de afeccións e danos innecesarios, e prohíbese a utilización dos ditos espazos como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de reportaxe e, en xeral, todas aquelas actividades que puideren supor a contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes.

Antes de calquera actuación sobre o ámbito do proxecto correspondente ao dominio público hidráulico deberase dispor das autorizacións oportunas emitidas por Augas de Galicia. Para iso remitirase o proxecto de trazado ou construtivo ao citado organismo co fin de que emita as citadas autorizacións e para que se comproben as posibles afeccións de dereitos de terceiros en aproveitamentos hidráulicos.

Para as verteduras que se realicen no medio natural, xa sexan augas de percolación, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captacións de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia. No caso de que a vertedura se realice na rede de saneamento da zona, deberá dispor de autorización do xestor da dita rede.

Prohíbese a vertedura en leitos dos cursos fluviais de restos de formigón ou cemento, lavar materiais ou ferramentas que estivesen en contacto con eles, así como os cambios de aceite de maquinaria de construción.

Extremaranse as precaucións na execución das obras en zonas de afección da rede hidrolóxica e adoptaranse todas as medidas preventivas e correctoras necesarias para a súa preservación.

Medio natural.

Respectarase todo tipo de vexetación existente que non resulte afectada directamente pola execución da obra e, se tecnicamente resulta posible, non se eliminarán os cachopos, sobre todo si están na ribeira dos cursos fluviais.

Para a realización das cortas das especies arbóreas terase en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación ou solicitude de autorización.

Nos labores de mantemento de fosos de drenaxe evitarase o emprego de herbicidas, realizando as ditas medidas exclusivamente por medios mecánicos.

Vexetación e paisaxe: restauración e integración visual.

Procurarase que a configuración final dos noiros sexa o máis tendida posible, evitándose as formas angulosas e rectilíneas, co fin de maximizar a integración paisaxística da actuación no contorno.

Redactarase un proxecto de integración paisaxística no cal se detallen os labores de restauración vexetal e integración paisaxística. Neste proxecto definiranse os traballos segundo sexa a zona que se vai revexetar (noiros de desmonte e terraplén, enlaces, instalacións e vías auxiliares etc.).

Sempre que sexa técnica e economicamente viable, utilizaranse especies autóctonas da zona afectada, co fin de protexer o ecosistema e mellorar a integración paisaxística da actuación.

O proxecto de integración paisaxística deberá contemplar a restauración de todas as zonas afectadas polas obras e aqueles accesos de nova construción que non sexan estritamente necesarios para a fase de explotación do proxecto.

Desenvolveranse os labores de integración paisaxística propostos no proxecto construtivo, vixiando a evolución da revexetación e procedendo á reposición das calvas e/ou marras que puideren aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas.

Medidas correctoras sobre o patrimonio cultural.

Para o deseño final do proxecto construtivo terase en conta o informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural polo que deberán desenvolverse as medidas correctoras ou o programa de actuacións patrimoniais e incluírse un plan de control e seguimento arqueolóxico nas fases de implantación, de execución das obras e de restitución dos terreos que deberán de ser autorizados pola Dirección Xeral do Patrimonio, antes do inicio das obras.

Previamente a calquera actuación sobre o ámbito do proxecto deberase dispor da autorización emitida pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para a realización do seguimento arqueolóxico das fases de implantación, execución da obra e restitución dos terreos e das actuacións arqueolóxicas que procedan en función desta DIA.

Farase un control e seguimento arqueolóxico das distintas fases de execución da infraestrutura, especialmente na fase de implantación, para poder supervisar as medidas correctoras puntuais propostas para os elementos rexistrados e, ao mesmo tempo, poder facer fronte a posibles modificacións do proxecto construtivo ou á aparición de novos elementos que considerar no rexistro cultural.

Realizarase a sinalización e balizamento dos elementos afectados pola obra prevista (GA 27066005 Castelo-Os Castros; E-76 lavadoiro 3; E-79 casa indiana 3; E-80 casa indiana 4; E-81 escola indiana; E-86 igrexa parroquial).

Representaranse na cartografía de execución da obra os elementos rexistrados e sobre os cales a intervención prevista supón un impacto de distinto grao (GA 27066005 Castelo-Os Castros; E-76 casa indiana 3; E-80 casa indiana 4; E-81 escola indiana; E-86 igrexa parroquial) co fin de que sexa coñecida a súa existencia e a súa localización por parte dos responsables da obra e, así, poder evitar afeccións directas por descoñecemento.

Control de obra intensivo sobre todas as obras que se realicen nas áreas cubertas pola vexetación no momento da realización do traballo de campo. Este control debe intensificarse durante as fases de implantación, roza e desmonte.

Medidas correctoras sobre o medio socioeconómico.

Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que existen actualmente. Se durante as obras for preciso cortar o paso dalgunha vía, estableceranse as medidas necesarias para manter os usos actuais.

No caso de afectar fontes e/ou captacións de auga existentes no ámbito da traza, estableceranse as medidas necesarias para manter os usos actuais.

missing image file

Plano-Alternativa seleccionada