Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 14 de xuño de 2012 Páx. 23298

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 2012 pola que se convoca un curso sobre aplicacións informáticas de follas de cálculo (Microsoft Excel 2010).

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei este persoal organizarase en grupos operativos.

Por Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia: derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2012, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dun curso sobre aplicacións informáticas de follas de cálculo (Microsoft Excel 2010), con dúas edicións, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Tipo: curso.

Denominación: aplicacións informáticas de follas de cálculo (Microsoft Excel 2010).

Modalidade: en liña.

Edicións: 2.

Horas lectivas: 50.

Prazas: 40 por edición.

2. Obxectivos e contido.

Obxectivos: coñecer a aplicación informática de folla de cálculo Microsoft Excel 2010 e o seu manexo.

Contido:

● Libros e follas en Excel.

● Creación de series e arrastrado de fórmulas.

● Estilos e formatado de celas.

● Fórmulas e referencias.

● Traballar con bases de datos en Excel.

● Formatos avanzados de gráficas.

● Manipulación de macros.

● Impresión, exportación, ortografía, idioma…

3. Destinatarios/as.

O curso vai dirixido a persoas de servizos que formen parte do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia) e que estean integrados nalgunha das seguintes categorías:

● Persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil.

● Profesionais de servizos relacionados coa xestión de riscos e de emerxencias, con independencia do réxime xurídico de xestión: servizos municipais de protección civil (grupos municipais de intervención rápida Grumir e outros servizos municipais de intervención en emergencias), servizos de extinción de incendios etc.

4. Desenvolvemento da actividade.

Ambas as dúas edicións do curso desenvolveranse do seguinte xeito:

● Lugar: a través da plataforma de formación en liña.

● Horario: segundo disposición e necesidade do alumnado.

● Data de comezo: 30 de xullo.

● Data de remate: 7 de setembro.

● Cuestionarios e tarefas: durante o desenvolvemento do curso o alumnado participante deberá cubrir unha serie de cuestionarios e tarefas de acordo cun calendario de presentación; a non formalización dalgún no prazo establecido será sancionada coa baixa no curso. No suposto de que os exercicios non acaden un nivel de exixencia mínimo segundo o criterio do profesor, farase unha primeira advertencia ao alumnado e, de non atender a indicación, poderá ser dado de baixa no curso.

Os cuestionarios, agás a proba presencial final, e a formalización das tarefas farase a través da plataforma de formación en liña.

5. Requirimentos técnicos mínimos para os equipos do alumnado.

Os requirimentos técnicos para usar a web dos cursos da Agasp (baseada nunha ferramenta de aprendizaxe electrónica ou e-learning) son de nivel básico:

– Aspectos recomendables para o PC:

● A configuración mínima dun PC doméstico (en xeral, calquera con menos de cinco anos) é suficiente.

● Preferentemente conexión a Internet de Banda Ancha e un antivirus actualizado.

● Navegador: Mozzila Firefox 2 (recomendado) ou Internet Explorer 6.0 ou superior.

● Ter Javascript e cookies activadas no navegador.

● Para ver os documentos en PDF necesítase ter instalado Acrobat Reader.

● Para que funcionen algúns elementos correctamente necesítase ter instalado o Adobe Flash Player.

6. Proba final.

A proba final desenvolverase de acordo coas seguintes indicacións:

● Proba ordinaria: o día 13 de setembro, na Academia Galega de Seguridade Pública (avda. da Cultura s/n, A Estrada, Pontevedra).

Edición

Hora

16.00

18.00

● Proba extraordinaria: o alumnado que non superase a proba ordinaria terá a posibilidade dun exame extraordinario o día 17 de setembro na Academia Galega de Seguridade Pública.

Edición

Hora

10.00

12.00

7. Inscrición.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá inscribirse na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario da páxina web da Agasp. Nesta alta previa é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) O prazo de inscrición é de 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

A inscrición poderá realizarse ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax: 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

e) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

8. Criterios de selección do alumnado participante.

1º. Criterios establecidos no artigo 20 da Orde do 4 de febreiro de 2009 pola que se aproba o Regulamento de réxime interior da Academia Galega de Seguridade Pública.

2º. Reservaranse 50% das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existir suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

9. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo: formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

10. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

11. Certificado de aproveitamento.

Unha vez rematado o curso e feita a avaliación correspondente, expediranse os certificados de aproveitamento aos alumnos que cumpran as seguintes exixencias:

● Visualización dos contidos.

● Superación dos cuestionarios.

● Formalización das tarefas segundo as exixencias indicadas.

● Superación da proba presencial final do conxunto do curso.

12. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80% polo Fondo Social Europeo dentro do Programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

13. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións do mesmo ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 7 de xuño de 2012

José Carlos García Bouzas
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública