Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 19 de xuño de 2012 Páx. 24025

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 134/2012, do 31 de maio, polo que se derroga o Decreto 350/1990, do 22 de xuño, sobre fluoración das augas potables de consumo público.

A Consellería de Sanidade, seguindo as directrices marcadas pola Organización Mundial da Saúde na súa resolución da 28ª Asemblea e no referente á prevención da carie dental, ditou o Decreto 350/1990, do 22 de xuño, sobre fluoración das augas potables de consumo público.

Mediante o citado decreto procedeuse a establecer a obriga de fluorar as augas de consumo público no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, sendo obrigatoria para as empresas e entidades abastecedoras e/ou distribuidoras de augas que abasteceran unha poboación de máis de 25.000 habitantes, agrupados nun ou máis concellos, que os niveis medios de ión fluoruro nas augas distribuídas sexan inferiores a 0,7 ppm (mg/l) ou que a poboación abastecida presentara uns indicadores de saúde dental que non acaden os niveis recomendados pola Organización Mundial da Saúde.

Os distintos estudos epidemiolóxicos realizados nos anos 1990, 1995, 2000, 2005 e 2010 poñen de manifesto que a saúde bucodental dos escolares galegos evoluciona favorablemente. Segundo os datos do estudo realizado en Galicia no ano 2010, o 71% dos escolares de 6 anos están libres de carie e o índice CAO nos escolares de 12 anos, é menor de 1. Estes resultados indícannos que a saúde bucodental dos escolares galegos se sitúa próxima a acadar os obxectivos marcados pola Organización Mundial da Saúde para o ano 2020.

No ámbito científico existen controversias acerca da necesidade de fluorar a auga de consumo humano tendo en conta os beneficios e os riscos da fluoración desta, tales como a fluorose dental ou certas enfermidades óseas.

En varios países europeos e do continente americano xa suspenderon a fluoración das augas para o consumo humano. Na Comunidade Autónoma de Galicia ningunha rede de abastecemento de auga potable está a ser fluorada na actualidade.

Tendo en consideración as iniciativas adoptadas noutros países, a evolución favorable da saúde bucodental dos escolares galegos e as discrepancias entre os beneficios e riscos da fluoración da auga, procede derrogar o dito Decreto 350/1990, do 22 de xuño, sobre fluoración das augas potables de consumo público.

Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 34.5º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Sanidade e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de maio de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único. Queda derrogado o Decreto 350/1990, do 22 de xuño, sobre fluoración das augas potables de consumo público.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de maio de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade