Segundo o Decreto 12/2012, do 4 de xaneiro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e o Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración configúrase como o órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponden, entre outras, as competencias en materia de política inmigratoria e de retorno en Galicia, así como a xestión de todos os procedementos que desas materias deriven.
Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.
Para darlle cumprimento aos obxectivos que ten encomendados, esta secretaría xeral convoca unha resolución de subvencións destinadas ás entidades sen ánimo de lucro que realicen accións de formación laboral que contribúan a incrementar a participación das persoas inmigrantes e retornadas no mundo laboral na Comunidade Autónoma galega para o ano 2012. Para que as ditas accións poidan alcanzar o obxectivo final que busca calquera itinerario integrado de inserción sociolaboral, nesta resolución dáse unha especial importancia ao compromiso de contratación adquirido. Para a determinación das accións formativas e das súas localidades de realización, a Secretaría Xeral da Emigración efectuou un proceso de consultas coas entidades –públicas e de iniciativa social– que traballan no eido da integración laboral de inmigrantes, co obxecto de promover aquelas que poidan alcanzar os resultados de inserción sociolaboral máis axeitados.
Estas accións son elixibles no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013 e están encadradas no eixe 2 (fomentar a empregabilidade, a inclusión social e a igualdade entre homes e mulleres), tema prioritario 70 (medidas concretas para incrementar a participación dos inmigrantes no mundo laboral, reforzando así a súa integración social), do dito programa, e están cofinanciadas nun 80% polo Fondo Social Europeo. Así mesmo, as bases desta resolución recollen o disposto no Regulamento (CE) 1081/2006 (FSE), modificado polo Regulamento CE 396/2009.
O procedemento de concesión das axudas e subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos que se debe axustar a xestión das subvencións e axudas outorgadas polas administracións públicas.
En virtude do exposto, de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, coa Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación, logo do informe da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada deste órgano,
RESOLVO:
Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras
1. Apróbanse as bases, que se inclúen como anexo I, polas cales se rexerá a concesión de subvencións da Secretaría Xeral da Emigración, en réxime de concorrencia competitiva, dirixida a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de accións de formación laboral que contribúan a incrementar a participación das persoas inmigrantes e retornadas no mundo laboral na Comunidade Autónoma galega.
2. Así mesmo, convócanse as ditas subvencións para o ano 2012.
Artigo 2. Prazo de presentación das solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
Artigo 3. Información aos interesados
Poderase obter documentación normalizada deste procedemento administrativo a través do portal GaliciaAberta no enderezo http://emigracion.xunta.es onde, ademais de obter os modelos normalizados da solicitude, se poderá descargar o texto íntegro desta resolución e as bases reguladoras da convocatoria. Así mesmo, poderá obterse información xeral deste procedemento na Guía de procedementos e servizos situada na páxina web da Xunta de Galicia (http://www.xunta.es/).
Artigo 4. Imputación orzamentaria
Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de trescentos sete mil oitocentos cincuenta e nove euros, con oitenta e oito céntimos (307.859,88 €) correspondentes á aplicación orzamentaria 04.50.312C481.0. Desta cantidade, o 80% será achegado polo Fondo Social Europeo.
Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir nas devanditas aplicacións.
Artigo 5. Réxime de recursos
Contra a presente resolución, que é definitiva na vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Así mesmo, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2012
J. Santiago Camba Bouzas
Secretario xeral da Emigración
ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
das subvencións correspondentes a entidades sen ánimo de lucro para
que desenvolvan accións de formación laboral que contribúan a incrementar
a participación das persoas inmigrantes e retornadas no mundo laboral
na Comunidade Autónoma galega para o ano 2012
Artigo 1. Obxecto
1. O obxecto destas bases é a concesión de subvencións ás entidades sinaladas no artigo seguinte para o desenvolvemento de accións de formación laboral que contribúan a incrementar á participación das persoas inmigrantes e retornadas no mundo laboral na Comunidade Autónoma galega para o ano 2012.
2. Só poderán subvencionarse as accións formativas a que se fai referencia no artigo 4.
3. Estas accións son elixibles no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, no eixe 2 e no tema prioritario 70, e están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo nun 80%.
Artigo 2. Beneficiarios
1. Poderán acceder á condición de beneficiarias e solicitar as subvencións reguladas nesta resolución as entidades sen ánimo de lucro, as organizacións profesionais e as organizacións empresariais que desenvolvan actividades formativas de integración laboral dirixidas a persoas retornadas ou inmigrantes que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar legalmente constituídas e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo.
b) Ter o seu enderezo social ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia,
entendendo por delegación dispor dunha oficina permanente nela.
c) Dispor de estrutura e capacidade para garantir a realización das accións obxecto de subvención.
d) Non incorrer en ningunha das circunstancias e prohibicións para obter a condición de beneficiario de subvencións enumeradas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Non poderán ser beneficiarias das subvencións as entidades de dereito público, as universidades, os partidos políticos, as organizacións sindicais, nin as sociedades civís.
3. No suposto de que se presenten federacións, confederacións ou asociacións de entidades sen ánimo de lucro ou de organizacións profesionais ou empresariais, non poderán concorrer á convocatoria as entidades que formen parte destas, quedando excluídas as accións formativas que presenten as ditas entidades.
Artigo 3. Incompatibilidade das axudas
As axudas previstas nesta resolución son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma acción formativa procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.
Artigo 4. Accións formativas subvencionables
1. De acordo co tema prioritario 70 do eixe 2 do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, a través desta resolución subvencionarase o desenvolvemento das accións formativas que figuran relacionadas no anexo II.
2. Os participantes nas accións formativas están obrigados a acreditar documentalmente a súa condición de inmigrantes ou retornados e autorizar por escrito a Secretaría Xeral da Emigración para consultar os seus datos da vida laboral, coa finalidade de comprobar o grao de inserción no mercado laboral acadado polas accións formativas.
3. O número mínimo de alumnos/as previstos e de horas teóricas e prácticas para cada acción formativa non poderá ser inferior ao establecido no anexo II.
4. As entidades aboarán unha bolsa por día lectivo polo importe establecido no anexo II a cada alumno/a; e ao remate de cada acción realizaranlles unha proba aos participantes, cualificándoos como apto ou non apto.
5. No desenvolvemento das accións formativas promoverase a igualdade entre homes e mulleres, fomentando a eliminación de calquera forma de discriminación.
Artigo 5. Criterios de valoración
1. As solicitudes presentadas para desenvolver as accións formativas subvencionables serán obxecto de valoración, de acordo cos seguintes criterios:
a) Calidade técnica do programa e recursos para o desenvolvemento da acción formativa: ata 40 puntos. Valorarase, tendo en conta o seguinte:
– Módulos formativos do programa e a súa adecuación aos obxectivos previstos: ata 15 puntos.
– Material que se destinará ao desenvolvemento do curso, así como o que se achegará ao alumnado: ata 5 puntos.
– Determinación e adecuación das instalacións onde se vai desenvolver a acción formativa: ata 10 puntos.
– Adecuación do currículo do docente: ata 10 puntos.
b) Número de horas da acción formativa superior ás establecidas no anexo II: ata 5 puntos. Valorarase, tendo en conta o seguinte:
– Menos do 10%: 0 puntos.
– Do 10%: 1 punto.
– De máis do 10% ao 20%: 2 puntos.
– Máis do 20%: 5 puntos.
c) Medidas de acompañamento ao alumnado: ata 5 puntos. Valoraranse as medidas de carácter individualizado que faciliten aos alumnos/as un maior aproveitamento da acción formativa e promovan as súas posibilidades de inserción laboral, tendo en conta o seguinte:
– Asesoramento socioprofesional: 2 puntos.
– Xestión e acompañamento a entrevistas de traballo: 2 puntos.
– Puntuación adicional ás entidades que acaden a máxima puntuación en todas as ditas actuacións: 1 punto.
d) Cofinanciamento da acción formativa: ata 10 puntos. Valoraranse os proxectos que se cofinancien con achegas propias da entidade, tendo en conta o seguinte:
– Menos do 10% de cofinanciamento: 0 puntos.
– Cofinanciamento do 10%: 2 puntos.
– De máis do 10% ao 20%: 5 puntos.
– Máis do 20%: 10 puntos.
e) Estrutura e capacidade de xestión e experiencia da entidade en programas de inserción sociolaboral: ata 10 puntos. Valoraranse, tendo en conta o seguinte:
– Implantación no territorio da comunidade autónoma, ata 5 puntos, tendo en conta o seguinte:
– En 1 provincia: 1 punto.
– En 2 provincias: 2 puntos.
– Máis de 2 provincias: 5 puntos.
– Realización de accións de formación laboral dirixidas a inmigrantes e/ou retornados realizadas no 2011 que foran introducidas na Guía de actividades e programas do portal GaliciaAberta da secretaría xeral: 5 puntos.
f) Compromiso de contratación para a acción formativa: ata 25 puntos.
Valorarase a subscrición dun compromiso de contratación para cada acción formativa, tendo en conta o seguinte:
– Porcentaxe de contratación do 5% dos alumnos/as que superaron a acción formativa: 1, 2 e 3 puntos, respectivamente, para contratos de 1 mes, de entre máis de 1 mes e 2 meses, e de máis de 2 meses.
– Porcentaxe de máis do 5% ao 10%: 2, 4 e 6 puntos, respectivamente, para o dito tipo de contratos.
– Porcentaxe de máis do 10% ao 15%: 4, 6 e 9 puntos, respectivamente, para o dito tipo de contratos.
– Porcentaxe de máis do 15% ao 20%: 8, 11 e 14 puntos, respectivamente, para o dito tipo de contratos.
– Porcentaxe de máis do 20% ao 25%: 13, 16 e 19 puntos, respectivamente, para o dito tipo de contratos.
– Porcentaxe superior ao 25%: 18, 21 e 25 puntos, respectivamente, para o dito tipo de contratos.
No caso de que o resultado da porcentaxe de contratación inclúa unha fracción inferior a 0,5, non se terá en conta, e cando sexa igual ou superior a 0,5, esta fracción computará como un contrato.
As contratacións deberán realizarse no sector da actividade da acción formativa, ter unha xornada laboral igual ou superior ao 50% da xornada completa establecida no sector e subscribirse dentro dos 90 días seguintes á finalización da acción formativa. Así mesmo, os contratos deberán alcanzar a duración asumida no compromiso de contratación dentro dos 180 días seguintes ao inicio de cada contrato, podendo acumularse varios sucesivos nese período de 180 días.
g) Emprego da lingua galega na realización das actividades: ata 5 puntos, tendo en conta o seguinte:
– Uso do galego no programa presentado na solicitude: 1 punto.
– Certificación asinada de compromiso do uso do galego na realización das actividades: 1 punto.
– Obtención de 2 puntos nos epígrafes anteriores: 3 puntos.
Artigo 6. Prazo de duración do procedemento de concesión
O prazo máximo para resolver será de tres meses, que comezará a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderanse entender rexeitadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 7. Solicitudes
Para poder ser beneficiario das subvencións deberase presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo III da correspondente resolución da convocatoria, onde se sinalarán as accións formativas que se axusten ás accións subvencionables do anexo II que se teñen previsto desenvolver. Este modelo de solicitude irá acompañado dos documentos que se especifican nos artigos correspondentes das bases reguladoras e obterase a través do portal GaliciaAberta na dirección http://emigracion.xunta.es
A través do formulario proporcionaranse á Secretaría Xeral da Emigración datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para tal efecto procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e no Real decreto 994/1999, do 11 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de medidas de seguridade dos ficheiros automatizados que conteñan datos de carácter persoal.
A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.
Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; non obstante, a Secretaría Xeral da Emigración revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.
Decláranse recoñecidos e poderanse exercer os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito, acreditando identificación suficiente ao seguinte enderezo, edificio administrativo, rúa Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar no portal GaliciaAberta na dirección http://emigracion.xunta.es
Artigo 8. Lugar de presentación das solicitudes
As solicitudes de axudas e subvencións dirixiranse ao órgano competente, Secretaría Xeral da Emigración (rúa Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña), e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Así mesmo, tamén poderán presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.es
Artigo 9. Documentación xeral
1. A documentación presentada, tanto na fase de solicitude coma na fase de xustificación, deberá ser asinada polos representantes legais das entidades solicitantes.
2. As solicitudes formularanse no modelo normalizado que figura como anexo III a esta resolución, cuberto en todos os seus puntos, indicando as accións formativas para as que se solicita a subvención, así como o orzamento desagregado de ingresos e gastos de cada unha. Ademais, necesariamente, deberase acompañar a seguinte documentación en orixinal ou copia debidamente compulsada:
a) Acreditar a identidade, mediante DNI en vigor do/da representante legal da entidade só no caso de non dar consentimento expreso para á comprobación telemática do seu DNI, segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e a Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que o desenvolve.
b) Poder suficiente para actuar en nome e representación da entidade solicitante.
c) Acreditar o requisito da inscrición no rexistro correspondente, de acordo co establecido no artigo 2 destas bases.
d) Estatutos da entidade debidamente legalizados.
e) Tarxeta de identificación fiscal.
f) Declaración de non ter solicitada nin concedida ningunha outra subvención, axuda, ingresos ou recursos para a execución das accións formativas que se solicitan no anexo III, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais (anexo IV).
g) Declaración expresa de non estar incursos nas circunstancias e prohibicións para obter a condición de beneficiario sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo IV).
h) Declaración de que a entidade se atopa ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia (anexo V).
i) Memoria da entidade, con indicación da súa estrutura e capacidade de xestión e de se forma parte dunha federación ou confederación(anexo VI), así como da súa experiencia na realización de accións de formación laboral dirixidas a persoas inmigrantes e/ou retornadas.
j) Declaración de conta bancaria (anexo VII).
k) De ser o caso, declaración do representante da entidade facendo constar o compromiso de contratación, especificando a porcentaxe de alumnos de cada curso a que se contratará nos termos establecidos no número 5.1.f) das bases reguladoras (anexo VIII).
3. Cando os documentos exixidos nos puntos 1.b), c), d) e e) deste artigo xa estivesen en poder da Secretaría Xeral da Emigración e non se producisen modificacións no seu contido, de acordo co artigo 4 da Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, a entidade solicitante poderá identificala como información accesible e acollerse ao establecido na epígrafe f) do artigo 35 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar esta circunstancia especificando o ano en que se remitiu a dita documentación, o número de expediente correspondente, e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda (anexo III-d).
4. A Secretaría Xeral da Emigración comprobará que as solicitudes cumpren o establecido nesta resolución e, se é o caso, requirirán os interesados para que no prazo de dez días hábiles emenden as faltas ou acheguen os documentos preceptivos con indicación de que, se así non o fixeren, se darán por desistidos da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.
Artigo 10. Obrigas dos beneficiarios
Con carácter xeral, os beneficiarios das axudas e subvencións correspondentes ás accións formativas convocadas por esta resolución quedan obrigados a:
1. Acreditar a realización das accións formativas obxecto de subvención.
2. Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións de Galicia, en concreto ás recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento que concede a subvención, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.
3. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, mantendo de forma separada na contabilidade os gastos financiados.
4. Se, por calquera motivo, a acción formativa non se puidese realizar, deberase comunicar a renuncia á Secretaría Xeral da Emigración, que poderá dispor do citado crédito para subvencionar outras inicialmente non atendidas.
5. O número de alumnos/as inscritos e presentes o primeiro día lectivo de cada acción formativa non poderá ser inferior ao 75% dos alumnos que se estableceu que participarían na solicitude de subvención presentada.
6. Remitir telematicamente ou por fax á Secretaría Xeral da Emigración, ao seguinte día do inicio do curso, a lista dos alumnos/as asistentes o primeiro día lectivo, asinada por estes e polo docente.
7. Deberán introducir por medios telemáticos na Guía actualizada de programas e áctividades das migracións (GAPAM), do portal GaliciaAberta, no enderezo http://emigracion.xunta.es da Secretaría Xeral da Emigración –segundo as instrucións establecidas nesta guía e cunha antelación mínima de dez días ao inicio da actividade–, toda a información relativa ás accións formativas obxecto de subvención, reguladas nestas bases, co fin de que alcancen a maior difusión.
8. A difusión do cofinanciamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración e da Unión Europea (Fondo Social Europeo) no desenvolvemento das accións formativas, actos, documentación e publicacións que realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada; así como a utilización nestes dos logos da Secretaría Xeral e da Unión Europea (Fondo Social Europeo).
9. A informar aos/ás alumnos/as do cofinanciamento das accións formativas por parte da Secretaría Xeral da Emigración e da Unión Europea (Fondo Social Europeo), así como dos obxectivos destes fondos.
10. A editar no formato que se especifica no portal GaliciaAberta, no enderezo http://emigracion.xunta.es, o programa formativo que vaian desenvolver.
11. A comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a realización das accións formativas, podendo a secretaría xeral adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.
12. Contratar un seguro de accidentes para os/as alumnos/as que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento da acción formativa, incluíndo expresamente as prácticas en empresas cando estas se realicen.
13. Contratar unha póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que poidan derivar da súa realización para os bens e para as persoas, cando se realicen prácticas en empresas naqueles casos que o exixa a acción formativa.
14. A entidade beneficiaria aboará aos/ás alumnos/as participantes nas accións formativas a bolsa que se indica no anexo II.
15. En ningún caso se poderá imputar ao/á alumno/a ningún custo derivado do desenvolvemento do curso, incluída a roupa e material para a realización do curso ou das prácticas nos casos que estes resulten necesarios.
16. Facilitar a comprobación das axudas recibidas e os seus efectos, pola Secretaría Xeral da Emigración, regulados nos artigos 57 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Artigo 11. Gastos subvencionables
1. Serán gastos subvencionables os gastos correntes que se realicen no período comprendido entre a data de inicio das acción/s formativa/s e a finalización do prazo de xustificación recollido no punto 1 do artigo 12, e que estean de acordo coas accións formativas que figuran no anexo II, en relación co artigo 4 desta resolución, e se axusten á Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, de gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo e á Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, que a modifica. Non serán subvencionables os gastos de amortización nin os financeiros e legais.
Para estes efectos considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do referido prazo de xustificación. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior, por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) en que se reflicta o importe de retención ou cotización xerado na data de xustificación, quedando obrigada a entidade subvencionada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidez nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso esta presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.
2. Os gastos subvencionados por esta resolución deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Que se adecuen aos obxectivos e contidos do programa da acción formativa subvencionada.
b) Que exista constancia documental da súa realización de forma que se poidan verificar.
3. O pagamento da bolsa ao alumnado deberá facerse a través de transferencia bancaria ou de cheque. Cando o pagamento se realice a través de cheque, presentarase fotocopia do cheque nominativo xunto co recibo do alumno/a.
4. As dúbidas ou controversias en relación coa elixibilidade dos gastos serán resoltas pola Secretaría Xeral da Emigración, por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades beneficiarias.
5. Por razón da natureza das accións formativas obxecto de subvención, poderase autorizar á entidade beneficiaria a subcontratación parcial por un máximo do 60% do importe dá actividade subvencionada, tal e como se recolle na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. No caso de que a adxudicación recaese en empresas que conten no seu cadro de persoal cun número de traballadores fixos discapacitados superior ao 2%, a dita subcontratación pode alcanzar o 70%, segundo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010. Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20% do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 27.3 da Lei 9/2007, do 25 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. Todo procedemento de contratación deberá respectar os principios de transparencia, publicidade e libre concorrencia, e os subcontratistas estarán obrigados a facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás actuacións subcontratadas. En especial, e segundo o artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto que hai que subcontratar supere a contía de 12.000 euros no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, agás no caso de que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades ou que os gastos se realizasen con anterioridade á solicitude da subvención.
A elección entre as ofertas presentadas achegarase xunto á xustificación ou, se é o caso, na solicitude da subvención e realizarase de conformidade cos criterios de eficiencia e economía. Este extremo deberá xustificarse expresamente nunha memoria se a elección non recae na proposta económica máis vantaxosa.
Artigo 12. Xustificación
1. A acción subvencionada deberá ser executada e xustificada antes do 30 de outubro de 2012. A xustificación efectuarase de conformidade co establecido no título III, nos artigos 42 e 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na modalidade de conta xustificativa.
2. A xustificación final da subvención dirixirase á Secretaría Xeral da Emigración (rúa Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña) e presentarase por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; e deberá ir acompañada da seguinte documentación debidamente asinada polos representantes das entidades beneficiarias:
a) Unha memoria de actuación xustificativa, global e por accións formativas realizadas, do cumprimento das condicións establecidas na concesión da subvención, con indicación dos gastos realizados (anexo IX).
b) Certificación emitida polos representantes legais da entidade beneficiaria, en que conste a denominación das accións formativas realizadas, contía do gasto corrente así como a súa imputación aos fins para os que foi concedida a subvención (anexo X).
c) Relación numerada das facturas e documentos xustificativos do seu pagamento (anexo XI) presentados xunto a esta xustificación, acompañada das facturas que soporten o gasto ou documento contable de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa. Todos estes documentos deberán presentarse en orixinal, fotocopia compulsada, ou formato electrónico admisible legalmente. As facturas, como calquera documento acreditativo que figure e se xunte á relación, deberán vir acompañadas dos documentos acreditativos de ter realizado os pagamentos do correspondente gasto, debendo cumprir os requisitos establecidos no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na normativa comunitaria, aceptando a xustificación do pagamento mediante recibo do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a un total de 300 euros sempre que os ditos gastos se efectúen no ámbito do comercio retallista ou de empresas prestadoras de servizos a usuarios finais, ou sexan unha práctica común ou habitual no tráfico económico.
O imposto sobre o valor engadido (IVE) considerarase subvencionable cando o beneficiario da subvención o aboe efectivamente. En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda. Polo tanto, para que os importes correspondentes ao IVE sexan subvencionables, deberase presentar certificación da Axencia Tributaria en que conste que a entidade non esta dada de alta no IVE. No caso de que a entidade estea suxeita á regra da pro rata deberá presentar a documentación necesaria para coñecer a porcentaxe de IVE que se pode imputar á subvención.
d) Os custos indirectos poderán formar parte da xustificación da subvención sempre que fosen imputados polo beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente admitidos e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade. De acordo coa Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, de gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo, poderá optarse pola certificación a tanto global dos custos indirectos por un importe máximo do 10% dos custos directos imputados en cada operación. Para poder aplicar este criterio, os custos indirectos deben consignarse no orzamento da acción formativa que se presente xunto á solicitude.
e) Unha certificación do número de alumnos inscritos o primeiro día de inicio da acción formativa. Así mesmo, deberá presentar unha relación de alumnos asistentes durante o desenvolvemento da acción formativa, indicando nome e apelidos, teléfono de contacto, DNI, pasaporte ou tarxeta de identidade de estranxeiro e a súa condición de inmigrante ou emigrante retornado.
f) Os indicadores de beneficiarios do Fondo Social Europeo, establecidos de acordo co Regulamento (CE) nº 1828/2006.
g) Os indicadores de comunicación do Fondo Social Europeo, establecidos de acordo co Regulamento (CE) nº 1828/2006.
h) Acreditación documental da realización da acción formativa a través de fotografías da aula–ou do lugar de desenvolvemento das prácticas– co alumnado e da difusión do seu cofinanciamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración e da Unión Europea (Fondo Social Europeo), coa utilización dos seus logos.
i) As enquisas de avaliación cubertas polo alumnado, no modelo da Secretaría Xeral da Emigración.
j) Declaración asinada polos representantes legais da entidade beneficiaria, que acredite o financiamento das accións subvencionadas que foron realizadas (anexo XII).
k) Declaración complementaria de que non solicitou nin se lle concedeu ningunha axuda para as mesmas accións, procedentes de calquera outra administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais (anexo XII).
l) Declaración responsable de que a entidade solicitante se atopa ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia (anexo XII).
ll) De ser o caso, declaración do representante da entidade onde reitere o compromiso de contratación, especificando o número de alumnos/as de cada curso a que se contratará, nos termos establecidos no número 4.1.f) das bases reguladoras (anexo XIII).
3. De acordo co establecido no artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en relación co establecido no artigo 76 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común), cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola entidade beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección. A falta de presentación da documentación requirida no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención.
4. Os contratos rexistrados obxecto do compromiso de contratación do número 2-ll) deste artigo deberán presentarse dentro dos 90 días seguintes á finalización da acción formativa. Naqueles casos en que un contrato se extinga antes de alcanzar a duración asumida no compromiso de contratación, deberán presentarse os sucesivos contratos rexistrados que se subscriban dentro do prazo dos 180 días seguintes ao inicio do primeiro contrato, ata alcanzar a duración asumida no dito compromiso de contratación. Así mesmo, unha vez que o alumno/a alcance o número de días contratado asumido no compromiso de contratación, a través dun ou varios contratos sucesivos, a entidade subvencionada deberá informar desta circunstancia á Secretaría Xeral da Emigración, con indicación da duración de cada contrato.
No caso de que o alumnado que superou o curso renunciase á oferta do posto de traballo realizada, para a xustificación do compromiso de contratación, a entidade subvencionada deberá acreditar que ofertou a todos os alumnos/as as mencionadas ofertas, coas condicións mínimas exixidas pola convocatoria, así como a súa renuncia expresa (anexo XIV). A Secretaría Xeral da Emigración garda para si o dereito de pórse en contacto co alumnado para a comprobación da veracidade do documento e reserva a posibilidade de trasladar ao Servizo Público de Emprego, de ser o caso, a información facilitada para que inicie os procedementos pertinentes con respecto ás persoas demandantes de emprego e inscritas nel.
5. O incumprimento do compromiso de contratación dará lugar á obriga do reintegro total ou parcial da subvención percibida.
Artigo 13. Pagamento da subvención
Unha vez recibida a documentación xustificativa da subvención, a Secretaría Xeral da Emigración, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.
Artigo 14. Consentimentos e autorizacións
1. A presentación da solicitude de concesión desta axuda polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. O solicitante presta o seu consentimento para incluír e facer públicos, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios e no Rexistro Público de Sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas.
Os datos referidos integrarán un ficheiro cuxo responsable será a Consellería de Facenda, ante a cal se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.
Salvo nos casos sinalados no artigo 9.4 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.
De conformidade co disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos nas solicitudes deste programa serán incorporados a un ficheiro para o seu tratamento coa finalidade da xestión deste procedemento. As entidades solicitantes poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei dirixindo un escrito a Secretaría Xeral da Emigración como responsable do ficheiro, no enderezo que figura ao pé da solicitude.
Artigo 15. Órgano competente
1. A ordenación e instrución dos procedementos correspondentes aos programas de axudas establecidos nesta resolución corresponderá á Subdirección Xeral do Retorno e da Inmigración.
2. O órgano competente para resolver as solicitudes de axudas e subvencións presentadas ao abeiro desta resolución será o secretario xeral da Emigración.
Corresponde á Secretaría Xeral da Emigración a realización das tarefas de xestión desta convocatoria, sempre de acordo coa existencia de dispoñibilidades orzamentarias.
Artigo 16. Instrución dos procedementos
1. O procedemento para a tramitación e concesión das subvencións que se convocan por esta resolución axustarase ao procedemento de concorrencia competitiva previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da referida Lei 9/2007 e demais normativa de aplicación.
2. De acordo co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nesta resolución, o órgano competente requirirá a entidade solicitante para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se non o fai, considerarase que desiste da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
De acordo co artigo 59.6 da Lei 30/1992, a realización dos requirimentos que procedan poderanse efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e no portal GaliciaAberta no enderezo http://emigracion.xunta.es
3. O requirimento terá eficacia desde a publicación, sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá comunicar os requirimentos ao enderezo de correo electrónico, sempre que se indique na solicitude, e entenderase cumprido este trámite coa realización da comunicación nun só intento. Así mesmo, débese destacar que os prazos de dez días se computarán desde a publicación na páxina web dos requirimentos e non desde a súa comunicación.
4. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado que formulará a correspondente proposta de concesión ao órgano concedente a través do órgano instrutor. O dito órgano colexiado estará formado polos seguintes membros:
– O/a xefe/a do Servizo de Programas e Atención Integral.
– O/a xefe/a do Servizo de Planificación e Formación.
– Un/unha funcionario/a da subdirección, que actuará como secretario/a.
En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión de avaliación, poderá ser substituído pola persoa que para o efecto designe o secretario xeral da Emigración.
5. Os expedientes serán avaliados, segundo os criterios sinalados no artigo 6, polo órgano colexiado establecido no número anterior, que deberá emitir informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.
6. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe do órgano colexiado, formulará a proposta de resolución, que se elevará ao secretario xeral da Emigración, que é o órgano competente para resolver, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, o órgano concedente acordará, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de puntuación.
Artigo 17. Resolución e notificación
As resolucións serán ditadas polo secretario xeral da Emigración e notificadas aos interesados. A Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións de contía igual ou superior a 3.000 euros concedidas a través desta convocatoria, indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, beneficiario, cantidade concedida e finalidade para a cal se outorgou a axuda.
Ademais, e de conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral da Emigración publicará no portal GaliciaAberta, no enderezo http://emigracion.xunta.es, a relación dos beneficiarios e os importes das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e para a súa publicación na citada páxina web.
Na resolución de concesión informaráselle á entidade beneficiaria que a aceptación da axuda comunitaria do Fondo Social Europeo implicará a súa aparición na lista pública cos nomes das entidades beneficiarias, das operacións e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación que se publicará conforme o previsto no artigo 7.2 d) do Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro.
Artigo 18. Aceptación e renuncia
1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos quince días naturais desde a notificación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.
2. No caso de renuncia, o secretario xeral da Emigración ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992.
Artigo 19. Réxime de recursos
As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Así mesmo, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación, no caso de resolución expresa. Se non o for, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 20. Incumprimento, reintegro e sancións
1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:
– O incumprimento total dos fins para os que se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables, da obriga de xustificación ou do incumprimento do compromiso de contratación adquirido, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.
– Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a axuda da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.
2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 21. Remisión normativa
Para todo o non previsto nestas bases será de aplicación a lexislación básica do Estado sobre subvencións (Lei 38/2003, do 17 de novembro, e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo); a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e demais normativa que a desenvolva.
ANEXO II
Accións formativas subvencionables
(Mínimo 15 alumnos por acción formativa excepto na da última liña)
|
Accións formativas |
Localidades |
Número mínimo de horas teóricas |
Número mínimo de horas prácticas |
Bolsa |
Contía máxima da subvención por actividade |
|
Actividades auxiliares de almacén (4 edicións) |
Comarca do Salnés, Ferrol, Lugo, O Porriño |
20 |
50 |
6 € |
4.310 |
|
Atención especializada a enfermos de alzhéimer (6 edicións) |
A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo |
60 |
60 |
6 € |
7.530 |
|
Atención sociosanitaria a domicilio (6 edicións) |
A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela |
60 |
60 |
6 € |
7.530 |
|
Axente de dinamización de espazos comerciais (3 edicións) |
A Coruña, Ourense, Vigo |
70 |
40 |
6 € |
6.850 |
|
Axudante de cociña (4 edicións) |
A Coruña, Comarca das Mariñas, Comarca da Barbanza, Lalín |
30 |
60 |
6 € |
5.580 |
|
Camareiro/a (7 edicións) |
Burela, Consorcio das Mariñas, Comarca do Salnés, Ferrol, Lalín, Lugo, Verín |
20 |
60 |
6 € |
4.990 |
|
Camareiro/a en establecementos hoteleiros (6 edicións) |
A Coruña, Comarca do Salnés, Ferrol, Ourense Santiago de Compostela, Vigo |
20 |
60 |
6 € |
4.990 |
|
Conservación e mellora de montes (3 edicións) |
Monforte de Lemos, Viveiro, Xinzo de Limia |
30 |
70 |
6 € |
6.260 |
|
Dependente de comercio de alimentación (4 edicións) |
Consorcio das Mariñas, Lugo, Pontevedra, Santiago de Compostela |
30 |
60 |
6 € |
5.580 |
|
Empregado/a de fogar (2 edicións) |
A Coruña, Vigo |
20 |
60 |
6 € |
4.990 |
|
Fontanaría e calefacción (1 edición) |
Consorcio das Mariñas |
20 |
60 |
6 € |
4.990 |
|
Mantemento e instalación de enerxía solar térmica (1 edición) |
Ordes |
20 |
60 |
6 € |
4.990 |
|
Formación mínima para o embarque* (4 edicións) |
A Coruña, Burela, Ferrol, Vigo |
80 |
40 |
6 € |
10.890 |
|
* A dita formación inclúe os cursos de formación básica (dirixido a 20 alumnos, cunha duración de 45 horas teóricas e 25 prácticas) e de mariñeiro pescador (dirixido a un mínimo 20 alumnos, cunha duración de 35 horas teóricas e 15 prácticas). Para o desenvolvemento do primeiro hai que cumprir os requisitos da Orde FOM/2296/2002, do 4 de setembro (BOE do 20 de setembro); e o segundo, de acordo coa Orde do 26.9.2008 (DOG do 13 de outubro), deberá ser autorizado pola Consellería do Medio Rural e do Mar, previamente á súa realización. |
|||||

