A grave situación económica e a necesidade de reducir o déficit público fan necesario adoptar unha serie de medidas extraordinarias e urxentes en materia de contención de gastos no capítulo I da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Nesa liña, o Acordo do Consello da Xunta de Galicia adoptado na súa reunión do 21 de xuño de 2012, autoriza a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a suspender durante dous anos os efectos do punto décimo segundo da addenda asinada o 11 de xullo de 2006, pola extinta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións sindicais CC.OO., ANPE e CSI-CSIF sobre o acceso á función pública docente en calidade de profesores interinos ou substitutos do ano 1995.
Por outra parte, o artigo 38.10 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público, establece que se garante o cumprimento dos pactos e acordos, salvo cando excepcionalmente e por causa grave de interese público derivada dunha alteración substancial das circunstancias económicas, os órganos de goberno das administracións públicas suspendan ou modifiquen o cumprimento de pactos e acordos xa asinados, na medida estritamente necesaria para salvagardar o interese público.
Neste suposto, as administracións públicas deberán informar as organizacións sindicais das causas da suspensión ou modificación.
No uso da autorización outorgada polo Consello da Xunta de Galicia, no acordo adoptado na reunión do 21 de xuño de 2012, e efectuado o trámite de información ás organizacións sindicais, esta Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
DISPÓN:
Primeiro. Suspender durante dous anos a aplicación do punto décimo segundo da addenda asinada o 11 de xullo de 2006, pola extinta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións sindicais CC.OO., ANPE e CSI-CSIF, do acordo do 20 de xuño de 1995 sobre acceso á función pública docente en calidade de profesor interino ou substituto.
Segundo. Como consecuencia, durante os anos 2012 e 2013, o persoal substituto docente que prestase polo menos cinco meses e medio de servizos no curso académico 2011-2012 ou 2012-2013 non terán dereito a que se realice un nomeamento polo mes de xullo e polos días de agosto que procedesen, unha vez deducidos os aboados por vacacións non gozadas.
Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2012
Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria