Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 6 de xullo de 2012 Páx. 27161

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba a addenda I do proxecto de execución de instalacións da rede de distribución de gas natural nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña), promovido por Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2011/2-0).

Logo de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF A15383284 e enderezo, para os efectos de notificacións, na rúa Lisboa, edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Por Resolución do 24 de novembro de 2008, esta dirección xeral outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal das Pontes de García Rodríguez (A Coruña), sendo publicada no Diario Oficial de Galicia do 2 de xaneiro de 2009 e no Boletín Oficial da provincia do 26 de decembro de 2008.

Segundo. Por Resolución do 6 de xullo de 2010, esta dirección xeral aprobou os dous proxectos de execución (rede de distribución e planta satélite de gas natural licuado) que presentou Gas Galicia SDG, S.A. para o desenvolvemento da infraestrutura gasista asociada á súa autorización administrativa no termo municipal das Pontes de García Rodríguez.

Terceiro. O 8 de febreiro de 2010 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa e aprobación da addenda I do proxecto de execución de instalacións da rede de distribución de gas natural nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña).

Esta addenda ten por obxecto a extensión da rede proxectada ata as vivendas da zona leste do núcleo urbano das Pontes de García Rodríguez e as vivendas do poboado Magdalena: as instalacións proxéctanse en tubaxe de polietileno, no rango de presión 2 < MOP (máxima presión de operación) ≤ 5 bar, e con diámetros de 200, 160, 110 e 90 mm; as novas redes amplían en 4.481 m a canalización de gas natural, o que representa un 40% sobre a recollida no proxecto de execución (11.163 m); o seu orzamento ascende á cantidade de 186.331,02 euros.

Quinto. O 16 de marzo de 2011 esta dirección xeral ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación da addenda I do proxecto de execución de instalacións da rede de distribución de gas natural nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 8 de abril de 2011, no Boletín Oficial da provincia do 31 de marzo de 2011 e nos xornais La Voz de Galicia e A Opinión da Coruña do 12 de abril de 2011, e tamén se expuxo no taboleiro de anuncios do Concello das Pontes de García Rodríguez durante un prazo de 20 días (do 23 de marzo de 2011 ao 14 de abril de 2011).

Durante o período de información pública legalmente establecido, a empresa Endesa Generación, S.A. (adiante, Endesa) presentou un escrito coas seguintes alegacións:

1. A canalización proxectada discorre, nunha parte do seu trazado, pola rúa Sil do Poboado das Veigas, que é propiedade de Endesa. Ademais, noutro tramo a canalización afecta ao Canal 4, no seu cruzamento da rúa Sergio Rivera Chao, que a día de hoxe aínda está en uso e que recolle as augas de diversos arroios para desvialas da explotación mineira, atravesando de norte a sur unha zona urbana das Pontes de García Rodríguez antes de desembocar no río Eume.

2. Estas afeccións non están recollidas no documento técnico que se someteu a información pública; polo tanto, solicita que se lle trasladen as correspondentes separatas técnicas para a súa aprobación.

Sexto. O 19 de abril de 2011 a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiu informe favorable sobre a devandita addenda.

Sétimo. O 16 de xaneiro de 2012 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou escrito de contestación ás alegacións de Endesa, acompañado de copia das dúas separatas técnicas requiridas (rúa Sil e rúa Sergio Rivera Chao), e no que nos informa do seu traslado a Endesa o 11 de xaneiro de 2012.

A respecto destas separatas, Endesa e Gas Galicia SDG, S.A. mantiveron senllas reunións, nos meses de xaneiro e febreiro de 2012. Endesa trasladou a Gas Galicia SDG, S.A. a súa resposta á separata da rúa Sil mediante escrito do 13 de febreiro de 2012 e á separata da rúa Sergio Rivera Chao mediante escrito do 15 de marzo de 2012. Na seguinte táboa recóllese o resumo destas dúas respostas de Endesa:

Separata técnica

Resumo da resposta

1

Rúa Sil

Din que teñen intención de renovar as infraestruturas de servizo do Poboado das Veigas (canalizacións de auga, saneamento e enerxía eléctrica). Non obstante, din que si con carácter previo a estas obras de renovación, fora conveniente facer a canalización de gas segundo o reflectido na separata técnica, Gas Galicia SDG, S.A. deberá comprometerse a cambiar ou modificar esta infraestrutura, á súa costa, se así o requirise Endesa.

2

Rúa Sergio Rivera Chao

Din que o estado do terreo e as características das infraestruturas afectadas non están correctamente reflectidas na separata, porque a obra recóllese como o cruzamento cunha instalación superficial de pequeno diámetro, sendo o dito canal 4 unha condución de auga construída en falso túnel con doelas prefabricadas, de 5,80 m de diámetro. En calquera caso, din que se fora conveniente facer a canalización de gas segundo o reflectido na separata técnica, Gas Galicia SDG, S.A. deberá adoptar as medidas de protección do canal e reforzo para evitar afundimentos do pavimento.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, modificado polo Decreto 8/2011, do 23 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. Logo de examinar o escrito de alegacións presentado por Endesa, as dúas separatas técnicas sobre as súas afeccións, as súa resposta a estas dúas separatas e o resto da documentación que consta no expediente, conclúese que a empresa Gas Galicia SDG, S.A. queda obrigada a respectar o condicionado imposto por Endesa nas súas respostas a ambas separatas técnicas (rúa Sil e rúa Sergio Rivera Chao).

Cuarto. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Logo de ver os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

Autorizar administrativamente e aprobar a addenda I ao proxecto de execución de instalacións da rede de distribución de gas natural nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña), promovido por Gas Galicia SDG, S.A., de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 3.726,62 euros, importe do 2% do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. Esta fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os cumprimentan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta Comunidade Autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Cuarta. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa, titulado addenda I do proxecto de execución de instalacións da rede de distribución de gas natural nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña), subscrito polo enxeñeiro industrial Alfonso Vázquez Varela (colexiado nº 1130) e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Galicia con rexistro nº 763/2010 e data 17 de decembro de 2010.

Quinta. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, Gas Galicia SDG, S.A. deberá presentar a solicitude de posta en marcha ante a xefatura territorial, quen deberá estendela, previas as comprobacións técnicas que considere oportunas. Previamente ao levantamento da acta de posta en marcha, a xefatura territorial solicitará á empresa distribuidora os ensaios e probas oportunas, así como o certificado de dirección e remate de obra, asinado por técnico competente, no que conste que a construción e montaxe das instalacións se efectuaron de acordo co proxecto correspondente, acreditando, así mesmo, expresamente, o cumprimento das condicións técnicas e prescricións regulamentarias de aplicación.

Sexta. Gas Galicia SDG, S.A. deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data na que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima. A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarias para realizar as instalacións aprobadas.

Oitava. A Administración resérvase o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos; ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse, de ser o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa notificación.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas