Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 16 de xullo de 2012 Páx. 28190

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 149/2012, do 5 de xullo, polo que se regula o Consello do Turismo de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuída, segundo o teor do artigo 27.21º do Estatuto de autonomía, a competencia exclusiva en materia de promoción e ordenación do turismo dentro da comunidade e, por tanto, a potestade de regular o sector turístico no seu ámbito territorial.

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, no seu artigo 7 crea e define o Consello do Turismo de Galicia como un órgano de asesoramento, apoio e proposta para os asuntos referidos á ordenación, promoción, fomento e desenvolvemento do turismo de Galicia. O número 4 do citado artigo 7 establece que será obxecto de desenvolvemento regulamentario o réxime de elección dos seus membros, a organización e o funcionamento interno deste.

De acordo co disposto na citada lei, este decreto ten por obxecto regulamentar a composición, organización e funcionamento do Consello do Turismo de Galicia.

O Consello do Turismo de Galicia concíbese como un foro participativo dos axentes públicos e privados que desenvolven o seu traballo diario no eido do turismo ou en materias de clara incidencia neste sector, clave para a economía galega.

A Administración autonómica turística é consciente da necesidade de crear sinerxías que contribúan a establecer políticas de acción colaborativas, especialmente entre os organismos da Xunta de Galicia, pero, fundamentalmente, coas asociacións empresariais do sector, buscando unha representación ampla que involucre todos os subsectores do turismo de Galicia con maior representatividade da empresa privada, xa que son os verdadeiros actores do desenvolvemento turístico de Galicia.

Este decreto consta de 13 artigos, unha disposición adicional, tres disposicións derrogatorias e tres disposicións derradeiras.

Neste Consello tamén se prevé a representación das entidades locais, pois as políticas de desenvolvemento local teñen unha repercusión crucial nas posibilidades de crecemento da oferta turística galega e da imaxe turística do destino. Non se esquece o labor académico e docente das universidades galegas a favor do turismo e a súa participación na formación de novos/as profesionais que axuden a mellorar a competitividade das nosas empresas.

Finalmente, pero non menos importante, é a participación tanto das organizacións sindicais como das persoas consumidoras e usuarias que representan o traballo dun amplo colectivo de profesionais e os/as destinatarios/as do esforzo de todos/as respectivamente.

Por todo isto é polo que, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do cinco de xullo de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Natureza

1. O Consello do Turismo de Galicia, adscrito á consellería competente en materia de turismo, é un órgano colexiado de asesoramento, apoio e proposta para os asuntos referidos á ordenación, promoción, fomento e desenvolvemento do turismo de Galicia.

Artigo 2. Obxecto

O obxecto do presente decreto é regular a composición, organización e funcionamento interno do Consello do Turismo de Galicia, así como o réxime de elección dos seus/súas membros.

Artigo 3. Composición do Consello do Turismo de Galicia e réxime de elección dos/as seus/súas membros

1. O Consello do Turismo de Galicia terá a seguinte composición:

a) Presidente/a: a persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de turismo.

b) Vicepresidente/a: a persoa titular dun órgano superior ou de dirección da consellería con competencias en materia de Presidencia e Administracións Públicas, proposto/a pola persoa titular desta.

c) Vogais:

1º. Un/unha representante proposto/a pola persoa titular de cada unha das consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias en infraestruturas; sanidade; economía; medio rural; e cultura, cun total de cinco, entre as persoas titulares dos órganos superiores ou de dirección das devanditas consellerías.

2º. Catro representantes das administracións locais propostos pola Federación Galega de Municipios e Provincias.

3º. Unha persoa representante das universidades galegas, proposta de común acordo polos seus/súas reitores. En defecto de acordo, este representante terá carácter rotatorio, segundo o criterio da data de creación da universidade, comezando polo proposto pola primeira en crearse e rematando pola última. Este/a representante terá acreditada a condición de experto/a nas materias directamente relacionadas co turismo.

4º. Nove representantes propostos/as pola confederación de asociacións ou asociación máis representativa, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma e inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia, dos seguintes sectores turísticos:

– Dous/dúas representantes de establecementos hoteleiros.

– Dous/dúas representantes de empresas de restauración.

– Un/unha representante de establecementos de turismo rural.

– Un/unha representante de axencias de viaxes e centrais de reservas.

– Un/unha representante de hoteis balneario e hoteis talaso.

– Un/unha representante de campamentos de turismo.

– Un/unha representante de empresas de oferta complementaria e guías de turismo.

5º. Un/unha representante de cada unha das tres organizacións sindicais que teñan a condición de máis representativas a nivel autonómico. Estes/as representantes deberán ter acreditado o seu labor dentro da organización en materias relacionadas directamente co turismo.

6º. Unha persoa representante das asociacións de consumidores e usuarios proposto/a polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

7º. A persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de turismo poderá nomear, ademais, dous vogais entre técnicos e especialistas no campo do turismo, que actuarán en representación da Administración da Comunidade Autónoma.

2. Actuará como secretario/a, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de turismo, cuxa designación e cesamento corresponde á persoa titular do dito órgano superior.

3. En caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o/a presidente/a será substituído polo/a vicepresidente/a. O resto dos/as membros do Consello poderán ser substituídos/as pola persoa que, con carácter xeral se propuxese para os efectos como suplente. O/a secretario/a será substituído polo/a funcionario/a do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de turismo que designe a persoa titular deste.

4. No seo do Consello procurarase unha composición de xénero equilibrada segundo o previsto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Artigo 4. Participación externa

O/a presidente/a do Consello poderá convidar a participar nas reunións do Pleno e das comisións de traballo, con voz pero sen voto, aquelas autoridades, representacións sectoriais, persoas expertas en turismo ou persoal técnico que coide oportuno para un mellor asesoramento nos temas concretos que se van a debater segundo a orde do día, facéndoo constar na pertinente convocatoria.

Artigo 5. Nomeamento dos/das membros e duración dos cargos

1. Os/as membros do Consello do Turismo de Galicia serán nomeados e cesados pola persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de turismo por proposta das diferentes organizacións e entidades representadas. O seu cargo terá unha duración de catro anos, sendo posible a súa reelección.

2. Se algún/algunha membro perde a condición de representatividade pola organización que o elixiu, esta deberá comunicar, nun prazo máximo dun mes, á Administración turística autonómica, o/a novo/a vogal proposto/a para a súa representación.

3. As organizacións representadas no Consello do Turismo de Galicia proporán o/a seu/súa representante e un/unha suplente para casos de ausencia do/da titular.

Artigo 6. Funcións do Consello do Turismo de Galicia

1. Son funcións do Consello:

a) Informar, con carácter previo á súa aprobación, sobre as disposicións regulamentarias que se diten en desenvolvemento da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia.

b) Evacuar os informes e consultas que, sobre plans e proxectos en materia turística, lle sexan solicitados por calquera das administracións públicas de Galicia.

c) Emitir informe con carácter preceptivo sobre os plans sectoriais de interese xeral.

d) Facer suxestións ás Administracións públicas de Galicia en canto á adecuación do sector turístico á demanda turística e a realidade social.

e) Elaborar un informe anual sobre a situación turística de Galicia.

f) Propor liñas de investigación e estudo sobre cuestións de interese para o turismo de Galicia.

g) Calquera outra que se lle delegue.

2. No desenvolvemento destas funcións, o Consello integrará a perspectiva de xénero, para o que terá en conta na elaboración de informes, consultas e ditames, así como na prestación de asesoramento, as diferenzas que se poidan dar en función do sexo.

Artigo 7. Réxime de funcionamento do Consello do Turismo de Galicia

O Consello do Turismo de Galicia funcionará en Pleno e en comisións de traballo, para garantir a axilidade na tramitación dos asuntos que así o requiran.

Artigo 8. O Pleno do Consello

1. O Pleno está constituído por todos os/todas as membros do Consello do Turismo de Galicia. A sesión constitutiva deste producirase, como máximo, un mes despois do nomeamento de todos/as os/as membros e tras cada renovación completa destes convocarase unha sesión constitutiva nun prazo máximo dun mes.

2. O Pleno quedará validamente constituído en primeira convocatoria cando concorran a persoa titular da presidencia e a persoa titular da secretaría ou, de ser o caso, aqueles que os substitúan, e a metade, polo menos, dos seus membros.

3. En segunda convocatoria, quedará validamente constituído cando concorran a persoa titular da presidencia e a persoa titular da secretaría ou, de ser o caso, aqueles que os substitúan, e a terceira parte, polo menos, dos/das seus/súas membros.

Artigo 9. Reunións do Pleno do Consello

1. O Pleno reunirase en sesión ordinaria tres veces ao ano e, de xeito extraordinario por iniciativa do/a presidente/a ou a petición de, polo menos, unha cuarta parte dos seus membros.

2. A convocatoria da reunión do Pleno será notificada a todos os seus membros deste polo menos con dez días de antelación á data da celebración no caso de sesións ordinarias. No caso de sesións extraordinarias poderase notificar a convocatoria con corenta e oito horas de antelación.

3. A convocatoria deberá conter a orde do día, indicando a data, a hora e o lugar da reunión do Pleno, en primeira e segunda convocatoria. Esta segunda convocatoria terá lugar unha hora despois da prevista para a reunión en primeira convocatoria. Coa convocatoria achegarase unha copia da acta da sesión anterior, para a súa aprobación.

4. Corresponde ao/á presidente acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias, e fixar a orde do día, que terá en conta as peticións doutros/as membros do Consello, se as houber, formuladas coa suficiente antelación.

5. O Consello do Turismo de Galicia poderá usar os medios electrónicos previstos no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 10. Acordos do Pleno do Consello

1. Os acordos do Pleno tomaranse por maioría simple de votos dos membros presentes.

2. En caso de empate será dirimente o voto do/a presidente/a do Consello.

3. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo11. Actas

De cada sesión que celebre o Consello o/a secretario/a deste levantará unha acta que especificará os asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo en que se celebrou, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.

Artigo 12. As comisións de traballo

1. As comisións de traballo poderán constituírse para a preparación de asuntos que se vaian someter ao Pleno que, pola súa complexidade e transcendencia, requiran un estudo profundo sobre a materia.

2. No acordo de constitución das comisións de traballo determinarase o asunto ou asuntos sometidos ao seu estudo, a súa composición e duración e a persoa coordinadora.

3. As comisións de traballo manterán o número de reunións que consideren oportunas para acadar o fin para o cal foron creadas.

4. Os membros das comisións, que poden ou non ter a condición de membros do Consello, serán nomeados/as polo/a presidente/a, por proposta do Pleno.

Artigo 13. Réxime xurídico aplicable ao Consello de Turismo de Galicia

O Consello do Turismo de Galicia rexerase polo presente decreto e polas súas propias normas de funcionamento, polos preceptos de carácter básico da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público e autonómico de Galicia.

Disposición adicional única

O funcionamento do Consello do Turismo de Galicia non suporá incremento ningún no gasto público e será atendido polos recursos humanos e materiais existentes no órgano directivo competente en materia de turismo.

Disposición derrogatoria primeira

Queda derrogado o artigo 1 do Decreto 90/1989, do 11 de maio, polo que se crea o Consello Galego de Turismo.

Disposición derrogatoria segunda

Queda derrogado o Decreto 39/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de Consello Galego de Turismo, declaración de municipio turístico galego e declaracións de festas de Galicia de interese turístico en todo o que afecta o Consello Galego de Turismo.

Disposición derrogatoria terceira

Queda derrogada a Orde do 3 de xullo de 2003, pola que se aproba o Regulamento de réxime interior do Consello Galego de Turismo.

Disposición derradeira primeira

Modifícase o Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto nos seguintes puntos:

Un. Engádese a letra k) do número 1 do artigo 7, que queda redactado como segue:

«k) A planificación e seguimento da actividade do Consello do Turismo de Galicia, como órgano colexiado e de asesoramento, apoio e proposta para os asuntos referidos á ordenación, á promoción, ao fomento e ao desenvolvemento do turismo, e coas funcións establecidas na Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, e na correspondente norma de desenvolvemento regulamentario».

Dous. Suprímese o número 4 do artigo 7.

Disposición derradeira segunda

Facúltase o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Disposición derradeira terceira

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de xullo de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza