Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 17 de xullo de 2012 Páx. 28451

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2011 pola que se acorda a publicación da normativa sobre permanencia nas titulacións de grao e máster, aprobada no Consello Social do 5 de xuño de 2012.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, considera a regulación do réxime de permanencia do estudantado como parte da autonomía universitaria, e atribúelle ao Consello Social a aprobación desta normativa, tras o informe do Consello de Coordinación Universitaria.

A implantación dos estudos do Espazo Europeo de Educación Superior polo Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, exixe unha nova forma de avaliación que teña en conta as actividades que periodicamente realizan os estudantes. O establecemento de novas metodoloxías docentes que inclúan a avaliación continua como forma natural de determinar o rendemento académico dos estudantes, e a necesidade de compaxinar os estudos coa dedicación laboral que se establece no Real decreto 1791/2010, do 30 de decembro, do Estatuto do estudante, fan necesario abordar unha nova regulación do réxime de permanencia que favoreza a progresión e o rendemento nos estudos.

Como resposta a esta regulación, a Universidade de Santiago de Compostela, en exercicio da utilización responsable e racional dos recursos que a sociedade pon á súa disposición, e coa finalidade de ofrecer un ensino de calidade, aprobou nas reunións do Consello de Goberno do 15 de xuño de 2011 e do 25 de maio de 2012 e na do Consello Social do 5 de xuño de 2012, a seguinte

Normativa sobre permanencia nas titulacións de grao e máster

Artigo 1. Ámbito de aplicación

1. Esta normativa regula o réxime de permanencia do alumnado matriculado na Universidade de Santiago de Compostela en estudos conducentes aos títulos de grao e máster, ao abeiro do Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro e as normas concordantes.

Artigo 2. Tipos de matrícula

1. A Universidade de Santiago de Compostela ofrecerá dous tipos de matrícula: a tempo completo e a tempo parcial. A modalidade de matrícula elixida deberá manterse durante todo o curso académico, como criterio xeral, pero poderá autorizarse o cambio de tempo completo a tempo parcial en casos excepcionais.

2. A matrícula a tempo completo comprende un total de 60 créditos en primeira matrícula, agás que a oferta sexa inferior. A matrícula a tempo parcial será de 30 créditos e regularase na convocatoria de matrícula. Esta modalidade a tempo parcial só poderá solicitarse cando concorran circunstancias de orde laboral ou persoal que así o aconsellen. Neste senso, en atención a condicións de discapacidade, e para aqueles estudantes que por razón da súa situación persoal só poden asumir un número inferior de créditos para obter taxas de éxito razoables, poderase autorizar tamén a opción de matrícula a tempo parcial. Para poder acollerse a este tipo de matrícula, deberá presentarse o contrato de traballo xunto coa última nómina, un certificado de discapacidade expedido polo órgano competente ou un xustificante que acredite suficientemente a concorrencia dunha situación persoal excepcional.

Artigo 3. Réxime de permanencia

O alumnado que inicia estudos nunha titulación deberá superar como mínimo unha materia obrigatoria no primeiro curso. De non cumprirse este requisito, admitirase de novo a matrícula no seguinte curso, pero neste caso deberá superar un mínimo de 30 créditos obrigatorios do primeiro curso para matrícula a tempo completo, e 15 no caso de tempo parcial. De non superalos, non poderá continuar na Universidade de Santiago de Compostela os mesmos estudos nos cinco cursos académicos seguintes.

Artigo 4. Réxime de convocatorias

1. Con independencia das oportunidades previstas en cada convocatoria, o alumnado poderá concorrer a un máximo de catro convocatorias para estudios de grao e dúas para o resto dos estudos de máster. Para estes efectos entenderase que os alumnos teñen dereito a unha convocatoria por curso.

2. Na cuarta convocatoria o alumnado poderá solicitar ser cualificado por un tribunal, sempre que concorrese ás tres convocatorias anteriores. Neste caso, o decano por delegación da xunta do centro, ou por proposta do órgano colexiado que teña asumida a competencia nesta materia, nomeará un tribunal que estará formado do seguinte xeito: o decano ou persoa en que delegue, que o presidirá; o director do departamento ou persoa en quen delegue; dous membros da área obxecto de exame e un membro dunha área afín. O profesor ou profesores que reiteradamente realizaron a cualificación en convocatorias anteriores ou na inmediatamente anterior non poderán ser membros do tribunal. No caso de que a docencia da materia sexa compartida por dous departamentos, formará parte do tribunal o director do departamento de maior carga docente. No caso dos másteres, poderase solicitar que a última convocatoria sexa avaliada por unha comisión, nomeada polo coordinador por proposta da comisión académica do máster. Nesta comisión non poderá formar parte o profesor ou profesores que realizaran a cualificación na convocatoria anterior.

Artigo 5. Esgotamento de convocatorias

1. As convocatorias serán sucesivas, sen que sexa posible renunciar a elas unha vez formalizada a matrícula. As convocatorias entenderanse esgotadas aínda que os estudantes non se sometan a ningunha das dúas oportunidades de avaliación establecidas, de tal xeito que o non presentado/a da primeira oportunidade permite que o estudante poida concorrer á segunda oportunidade de exame sempre que non o impida a programación ou a guía docente; só cando tampouco concorra á segunda oportunidade se ten por consumida a convocatoria.

2. A cualificación dunha convocatoria en que o alumno non se presenta ou non supera os obxectivos establecidos será de suspenso, salvo que o estudante non realice ningunha actividade académica avaliable conforme ao establecido na programación ou guía docente, caso en que constará como non presentado/a.

3. Non obstante o anterior, admitirase unha renuncia sen causa por cada materia. Ademais, se nalgunha das convocatorias se acredita a existencia dun suposto de forza maior ou situación excepcional que impida a realización das actividades programadas, poderá solicitarse a anulación da convocatoria en que concorra o feito que impedise a súa realización. A anulación deberá ser concedida ou denegada de forma motivada polo reitor, que poderá solicitar os informes que considere oportunos.

4. No caso de situacións excepcionais ou non recollidas, o reitor resolverá o que proceda de forma motivada para o cal solicitará os informes que considere oportunos.

Artigo 6. Progreso académico

1. Os alumnos que continúan estudos con materias suspensas de cursos anteriores deberán matricularse de todas as materias pendentes dos cursos anteriores, e non poderán formalizar a matrícula por un número superior a 75 créditos. Así mesmo, poderá establecerse o tránsito de tempo completo a tempo parcial en función da súa taxa de éxito. A matricula inferior a 30 ECTS considerarase a tempo parcial.

2. O alumnado deberá matricularse obrigatoriamente das materias pendentes dos cursos anteriores, agás o disposto no artigo 9.9 do Regulamento de intercambios da USC. En ningún caso poderá facelo do último curso con materias pendentes de primeiro curso, agás situacións excepcionais debidamente autorizadas.

3. Só se poderán matricular da materia Traballo de fin de grao aqueles alumnos que superasen un mínimo de 150 créditos ou do número de créditos establecido polo plan de estudos, entre eles, todos os das primeira metade da titulación, agás en supostos recollidos por unha resolución reitoral en función do réxime de adaptación ou por outras circunstancias excepcionais debidamente xustificadas.

4. Só poderán superar o traballo fin de grao os alumnos que teñan superadas a totalidade das materias. Establecerase mediante unha resolución reitoral o sistema de superación dos traballos de fin de grao e máster.

5. Os centros deberán informar os alumnos de primeiro curso das normas de permanencia da USC e realizar un seguimento dos estudantes de primeiro curso, especialmente dos motivos polos que os alumnos non superan os créditos establecidos, e informarán das conclusións ao Consello Social.

6. Ao finalizar o período de matrícula, facilitaráselle ao Consello Social un informe sobre o cumprimento das normas de permanencia en cada titulación.

Disposición transitoria primeira

O alumnado de estudos anteriores aos regulados polo Real decreto 1393/2007 rexeranse polas normas aprobadas con anterioridade, en particular pola normativa de xestión académica da USC.

Disposición transitoria segunda

As titulacións que teñan normas de permanencia específicas nas súas memorias deberán adaptalas no prazo máximo de seis meses desde a aprobación da presente normativa.

Disposición adicional primeira

Esta normativa será de aplicación aos estudos de grao ou máster realizados na modalidade semipresencial.

Para os estudos realizados en modalidade virtual aplicarase o establecido na memoria do plan de estudos.

Disposición adicional segunda

Enténdese que todas as referencias a alumnos, estudantes, alumnado ou estudantado en xenérico, sen identificación de sexo, abranguen tanto o sexo feminino como o masculino.

Disposición adicional terceira

Para o alumnado de intercambio as obrigas de matrícula en relación co sistema de permanencia serán as que se establezan mediante unha resolución reitoral.

Disposición derradeira

A presente normativa será aplicable unicamente para os títulos de grao e máster, e entrará en vigor a partir de curso académico seguinte á aprobación polo Consello Social e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2012

Juan José Casares Long
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela