Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 30 de xullo de 2012 Páx. 30249

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se declara a utilidade pública, en concreto, das instalacións solares fotovoltaicas de 10.000 kW cada unha denominadas Seteventos II e Seteventos III, titularidade de Solidaridad Solar, S.L.

Examinado o expediente instruído por pedimento de Solidaridad Solar, S.L., relativo á declaración, en concreto, da utilidade pública das instalacións solares fotovoltaicas de 10.000 kW cada unha denominadas Seteventos II e Seteventos III, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 8 de setembro de 2010, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu autorizar administrativamente, aprobar o proxecto de execución e incluír no réxime especial de produción de enerxía eléctrica dúas instalacións solares fotovoltaicas de 10.000 kW cada unha, denominadas Seteventos II e Seteventos III, titularidade de Solidaridad Solar, S.L.

Segundo. Con data do 29 de novembro de 2011, Solidaridad Solar, S.L. solicita a declaración de utilidade pública, en concreto, das citadas instalacións.

Terceiro. Con data do 30 de decembro de 2011, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo informa da inexistencia de limitación para a imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica no caso das parcelas afectadas polas instalacións eléctricas proxectadas que se describen na relación de bens e dereitos afectados, para os efectos do disposto no artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Cuarto. Con data do 19 de xaneiro de 2012, Solidaridad Solar, S.L. presenta nova solicitude para a declaración de utilidade pública, en concreto, das citadas instalacións, cunha nova relación de bens e dereitos afectados, ao ter chegado a acordo con algúns dos propietarios.

Quinto. Por Resolución do 25 de xaneiro de 2012, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo someteu a información pública a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións solares fotovoltaicas Seteventos II e Seteventos III, que se publicou no xornal La Voz de Galicia do 9 de febreiro de 2012, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 9 de febreiro de 2012, no Diario Oficial de Galicia do 14 de febreiro de 2012, e permaneceu exposta nos taboleiros de anuncios dos concellos de Pantón e O Saviñao. Asemade, notificouse individualmente ás persoas que figuran como titulares na relación de bens e dereitos afectados (RBDA).

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

– María Rodríguez Álvarez, con data do 20 de febreiro de 2012, fai constar que a súa parcela está a ser ocupada por Solidaridad Solar, S.L. desde 2008 sen contraprestación ningunha, que contaba cunha plantación de árbores, e xunta informe que os valora, e que a valoración da parcela foi acordada no seu momento polas partes implicadas, e pide que se teña todo isto en conta á hora de fixar o prezo xusto.

– A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Saturniño de Piñeiró, con data do 24 de febreiro de 2012, solicita que se declare a obrigatoriedade de iniciar un expediente de prevalencia con carácter previo á declaración de utilidade pública solicitada, que se modifique o trazado da liña de evacuación de xeito que xa non pase pola súa leira, e que, no caso de que se continúe co procedemento, se teñan en conta as afeccións da parcela, que cifran en 1.550 m2, e os prexuízos causados en función de futuras reforestacións, para o que presentou un informe ao respecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Consellería de Economía e Industria é a competente para resolver este procedemento, con fundamento no Decreto 79/2009, do 19 de abril, e a súa modificación no Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e no Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, en relación co artigo 28 do Decreto 324/2009, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, que atribúe á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de industria, seguranza industrial, solo industrial, metroloxía, metais preciosos, enerxía e minas.

Segundo. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. Canto ás alegacións presentadas durante o procedemento, analizado o seu contido e vistas as respostas da empresa promotora, exponse o seguinte:

– As alegacións relativas a erros na titularidade das parcelas, á magnitude das afeccións ou ao tipo de cultivos existentes nelas teranse en consideración, se proceder, durante o procedemento expropiatorio.

– Con respecto á alegación relativa á necesidade de iniciar un procedemento de prevalencia con carácter previo á declaración de utilidade pública solicitada, débese dicir que, de acordo coa Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e co Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da devandita lei, os montes veciñais en man común poderán ser obxecto de expropiación forzosa por causa de utilidade pública ou interese social prevalecente ás do propio monte mediante declaración expresa da Xunta de Galicia. De acordo co anterior, a empresa beneficiaria, unha vez iniciado o expediente expropiatorio, deberá presentar ante a Consellería do Medio Rural e do Mar solicitude de prevalencia da utilidade pública da instalación eléctrica sobre as dos montes veciñais en man común afectados, que só poderán ser obxecto de expropiación forzosa unha vez resoltos os expedientes de prevalencia de utilidade pública, se existe declaración expresa da Xunta de Galicia de prevalencia da utilidade pública da instalación eléctrica sobre as dos devanditos montes.

– Non se acepta a solicitude de variación de trazado realizada por un dos alegantes e débese ter en conta que o trazado das liñas eléctricas se realiza coa intención de procurar a solución óptima da instalación, que se axusta ás prescricións que establece a normativa aplicable e que o proxecto recibiu informe favorable dos servizos técnicos desta consellería.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións solares fotovoltaicas de 10.000 kW cada unha denominadas Seteventos II e Seteventos III, titularidade de Solidaridad Solar, S.L., segundo o previsto nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Todo isto de acordo coa seguinte condición:

A empresa promotora, unha vez iniciado o expediente expropiatorio, deberá presentar ante a Consellería do Medio Rural e do Mar solicitude de prevalencia da utilidade pública das instalacións eléctricas sobre as dos montes veciñais en man común afectados, de acordo co disposto na Lei 13/1989, do 10 de outubro, de monte veciñal en man común, e co Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da devandita lei.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, conforme o establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que achen pertinente.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas