Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 6 de agosto de 2012 Páx. 31288

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2012, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convoca unha proba libre do módulo formativo de carácter xeral do segundo curso dos programas de cualificación profesional inicial de formación complementaria de acceso a ciclos.

A Orde do 13 de xullo de 2011 pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia establece, na súa disposición transitoria única, que se realizará durante o curso 2011/12 unha proba libre do módulo formativo de carácter xeral de segundo curso, formación complementaria de acceso a ciclos, para o alumnado que superase os módulos voluntarios dun programa de cualificación profesional inicial ao abeiro da Orde do 13 de maio de 2008 pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao módulo 3 da educación secundaria obrigatoria para persoas adultas.

Na súa virtude, esta dirección xeral

RESOLVE:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer en centros públicos a realización dunha convocatoria de proba libre do módulo formativo de carácter xeral de segundo curso dos programas de cualificación profesional inicial de formación complementaria de acceso a ciclos, co fin de lle permitir ao alumnado que superase os módulos voluntarios dun programa de cualificación profesional inicial ao abeiro da citada Orde do 13 de maio de 2008, correspondentes ao módulo 3 da educación secundaria obrigatoria para persoas adultas, finalizar os módulos obrigatorios consonte a citada Orde do 13 de xullo de 2011 e lograr o acceso aos ciclos formativos de grao medio.

A relación dos centros públicos en que se realizará a devandita proba é a que figura no anexo II da Orde do 10 de outubro de 2011 pola que se establece a oferta de programas de cualificación profesional inicial en centros públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A convocatoria realizarase no mes de setembro de 2012.

Artigo 2. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes de inscrición para participar na proba libre obxecto desta resolución presentaranse nas secretarías dos centros públicos que ofrezan os módulos correspondentes ao 2º curso de programas de cualificación profesional inicial ao abeiro da citada Orde do 13 de xullo de 2011, de acordo co seguinte:

a) As persoas aspirantes que cursasen os módulos voluntarios correspondentes ao 2º curso de programas de cualificación profesional inicial nun centro público deberán presentar necesariamente a solicitude no mesmo centro en que estivesen matriculadas. En caso de non ofrecerse no curso 2011/12 os módulos correspondentes ao 2º curso de programas de cualificación profesional inicial, rexerase polo disposto na alínea b).

b) No caso de alumnado procedente de centros privados, deberase presentar a solicitude nalgún dos centros públicos a que se fai referencia anteriormente.

2. O prazo de presentación de solicitudes será do 3 ao 7 de setembro.

3. Os centros farán pública no taboleiro de anuncios a relación provisional de persoas admitidas no prazo máximo de dous días hábiles desde a finalización do prazo correspondente. Poderase presentar reclamación no prazo máximo de tres días hábiles.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

Para poderen acceder á realización da proba libre obxecto desta resolución, as persoas aspirantes deberán cumprir o seguinte:

a) Ter formalizada en cursos académicos anteriores ao curso 2011/12 a matrícula nun programa de cualificación profesional inicial nalgún centro educativo de Galicia e ter superados os módulos do 1º curso e os módulos voluntarios do programa correspondentes ao módulo 3 da educación secundaria obrigatoria para persoas adultas, ao abeiro da citada Orde do 13 de maio de 2008.

b) Non ter superados todos os módulos voluntarios do programa de cualificación profesional inicial.

c) Non estar matriculado/a no curso académico 2011/2012 no 2º curso de programas de cualificación profesional inicial.

Artigo 4. Elaboración, contido e estrutura da proba

1. En cada centro en que se realice a proba libre constituirase unha comisión de avaliación formada polo profesorado responsable de impartir o módulo de formación complementaria de acceso a ciclos, que deseñará a correspondente proba.

2. A proba axustarase ao currículo establecido na Resolución do 21 de decembro de 2011, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se establecen os aspectos básicos do currículo do módulo formativo de carácter xeral do segundo curso dos programas de cualificación profesional inicial de formación complementaria de acceso a ciclos, e abranguerán contidos que permitan evidenciar se a persoa aspirante alcanzou os resultados de aprendizaxe referidos ás competencias básicas que se consideran necesarias para cursar con éxito un ciclo formativo de grao medio.

3. A estrutura da proba, o procedemento e os criterios de avaliación deberanse publicar no taboleiro de anuncios do centro cunha antelación mínima de dous días con respecto ao comezo da realización da proba.

Artigo 5. Cualificación final da proba libre

1. A expresión da cualificación final obtida por cada aspirante realizarase nos termos previstos no artigo 27 da Orde do 13 de xullo de 2011 pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As persoas aspirantes poderán presentar reclamación contra a cualificación final alcanzada no centro en que se realizara a proba, e basearanse necesariamente nalgún dos aspectos recollidos no artigo 4.3 desta orde.

O procedemento e os prazos para a presentación e a tramitación das reclamacións serán os seguintes:

a) A reclamación presentarase por escrito ante a dirección do centro, no prazo máximo de dous días lectivos contados desde o día seguinte ao que se produza a comunicación da cualificación final.

b) O director ou a directora do centro trasladará a reclamación ao departamento correspondente para que emita o oportuno informe, no cal deberá formularse proposta de ratificación ou rectificación na cualificación outorgada.

Logo de recibido o devandito informe, o director ou a directora do centro emitirán resolución ao respecto. Este proceso estará rematado nun prazo máximo de cinco días naturais, incluída a comunicación ao alumnado, contados a partir do seguinte ao da presentación da reclamación.

c) Contra a resolución do director ou da directora do centro, a persoa solicitante poderá presentar recurso de alzada perante o xefe ou a xefa territorial no prazo máximo dun mes a partir da súa notificación, a devandita resolución esgotará a vía administrativa. No caso de que o recurso se presente no centro, a dirección deste tramitarao xunto cunha copia dos informes elaborados no centro.

Artigo 6. Certificación

A superación da proba libre dará dereito a unha certificación, de acordo co establecido no artigo 39.3 da Orde do 13 de xullo de 2011 pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia, e permitirá o acceso aos ciclos formativos de grao medio. O modelo de certificación será o establecido no anexo XVIII da devandita orde.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2012

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa