Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 9 de agosto de 2012 Páx. 31878

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 26 de xullo de 2012 pola que se modifica a Orde do 9 de xaneiro de 2012 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio.

O artigo 4 do Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, dispón que á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio lle corresponden, entre outras, as competencias establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, así como aquelas que lle sexan encomendadas por delegación da persoa titular da consellería.

O 13 de xaneiro de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 9 de xaneiro de 2012, sobre delegación de competencias na Secretaria Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, coa finalidade de acadar unha maior axilidade na tramitación administrativa dos asuntos que son competencia da consellería, en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Por outra banda, a Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, publicada no Diario Oficial de Galicia do 24 de outubro e que entrou en vigor ao mes da súa publicación, introduciu importantes modificacións competenciais en materia patrimonial. En efecto, a vixente lei atribúelle á conselleira de Facenda novas competencias, antes atribuídas ao Consello da Xunta, e outras que anteriormente estaban desconcentradas na propia Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio. Unha xestión máis áxil en materia patrimonial aconsella incluír estas competencias na citada orde de delegación do 9 de xaneiro de 2012.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícase o artigo 1 da Orde do 9 de xaneiro de 2012, sobre delegación de competencias na Secretaria Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, para engadir, a seguir da alínea f), unha nova alínea coa seguinte redacción:

«g) As competencias que as normas reguladoras do patrimonio da comunidade autónoma lle atribúen á conselleira de Facenda».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2012

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda