Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Mércores, 12 de setembro de 2012 Páx. 35774

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 5 de setembro de 2012 pola que se convoca un curso de botellón, alcohol e menores: un enfoque multidisciplinar.

Dentro das actividades programadas para o ano 2012, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso de botellón, alcohol e menores: un enfoque multidisciplinar, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: curso de botellón, alcohol e menores: un enfoque multidisciplinar.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 25.

Modalidade: presencial.

Obxectivos:

Estudar e explicar o fenómeno do botellón entre os menores e adolescentes, determinando as principais causas que o promoven e os efectos que ese hábito produce na saúde física, psíquica e no seu desenvolvemento social.

Contido:

Módulo I: Introdución.

1.1. Metodoloxía.

1.2. Antecedentes históricos.

1.3. O botellón en España e o noso contorno cultural.

1.4. Características específicas do colectivo (mozos).

Módulo II: O fenómeno do botellón, unha visión multipolar.

2.1. Análise da normativa.

2.2. Respostas.

2.3. Éxito das técnicas realizadas.

2.4. Propostas para discutir e valorar.

Módulo III: Factores de risco e factores de protección.

3.1. Tipos de factores de risco.

3.2. Tipos de factores de protección.

3.3. Análise de factores.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: persoal dos corpos de policía local de Galicia.

Prazas ofertadas: 25 prazas. Reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) É conveniente consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

e) Prazo para a presentación de solicitudes.

O prazo para a inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 18 de setembro de 2012.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http://agasp.xunta.es

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10, do fax: 886 20 61 22 ou enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Criterios de selección:

a) Menor número de cursos realizados polo/a alumno/a solicitante nos últimos cinco anos, segundo consten nas bases de datos da academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da academia.

c) Antigüidade.

Listaxe de solicitudes seleccionadas:

O día 20 de setembro de 2012 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http://agasp.xunta.es as solicitudes de participación que resulten seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

Obrigas das persoas seleccionadas:

As persoas que resulten seleccionadas, teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. Esta renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as cales reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

5. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: sede da Academia Galega de Seguridade Pública.

Horario:

Luns, día 24 de setembro: das 9.30 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.30 horas.

Martes, día 25 de setembro: das 15.30 ás 19.30 horas.

Mércores, día 26 de setembro: das 9.30 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.30 horas.

Datas de realización: do 24 ao 26 de setembro de 2012.

Certificado de aproveitamento:

Ao remate da actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nela e superen as correspondentes probas de coñecementos.

6. Baremación da actividade.

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde do 28 de xaneiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro, esta actividade terá unha baremación de 0,625 puntos.

7. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de marzo de 2009 (DOG número 30, do 12 de febreiro).

8. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 5 de setembro de 2012

José Carlos García Bouzas
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública