Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Xoves, 20 de setembro de 2012 Páx. 36720

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 12 de setembro de 2012, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Centro Gallego de Investigaciones del Agua.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Centro Gallego de Investigaciones del Agua, e resultando os seguintes:

Antecedentes de feito.

1. Mariano Julio Gómez López, director da fundación, con data do 21 de marzo de 2012, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Centro Gallego de Investigaciones del Agua foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela (A Coruña) o 16 de novembro de 2011, ante o notario Nelson Rodicio Rodicio, co número de protocolo 2637, pola Universidade de Santiago de Compostela; a sociedade Aquagest Promoción Técnica y Financiera de Abastecimiento de Agua, S.A.; a axencia estatal Consello Superior de Investigacións Científicas e a entidade Sociedad General de Aguas de Barcelona, S.A.

Esta escritura foi emendada por outra, outorgada en Padrón (A Coruña), o 4 de xullo de 2012, ante o mesmo notario, con número de protocolo 365.

3. A fundación, de acordo co establecido no artigo 6 dos estatutos, ten como obxecto promover, realizar e difundir, sen ánimo de lucro, a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación na xestión integral da auga.

4. Na escritura de constitución da fundación constan os aspectos relativos á personalidade dos fundadores; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade para facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios; a composición e as normas de funcionamento do padroado, e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da fundación está formado por Henry Laíño López, como presidente; Manuel Cermerón Romero, como vicepresidente; María Teresa Abalde Sande, como secretaria (non patroa); e Juan José Casares Long, Sergio Soriano Ruiz, Francisco Ramón Montero de Espinosa Feijoo e Tomás Alexander Muchel Mayer, como vogais.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para a investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico na xestión da auga da Fundación Centro Gallego de Investigaciones del Agua, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da cita lei, 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 30 de xullo de 2012, publicada no Diario Oficial de Galicia número 154, do 13 de agosto, clasificouse como de interese para a investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico na xestión da auga a Fundación Centro Gallego de Investigaciones del Auga e adscribiuse á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para os efectos do exercicio das funcións do protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, correspóndelle a esta Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Centro Gallego de Investigaciones del Agua.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Regulamento de Fundacións de Interese Galego e no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobados polos decretos 14 e 15/2009, do 21 de xaneiro; e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Centro Gallego de Investigaciones del Agua.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na presentación dos seus servizos e de solicitar as preceptivas autorizacións, así como a de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución pode interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2012

José Antonio Fernández Vázquez
Secretario xeral técnico da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas