Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Xoves, 20 de setembro de 2012 Páx. 36754

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 3 de setembro de 2012 pola que se convocan prazas de residencia e de manutención nos centros residenciais docentes do Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo e na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar, para o curso académico 2012-2013.

O Real decreto 4189/1982, do 29 de decembro, ao abeiro das normas constitucionais, estatutarias e legais correspondentes, traspasa á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servizos da Administración do Estado en materia de ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras.

O Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e refunde a normativa en materia de formación náutico-pesqueira, nos artigos 9.2.b) e 24 fai referencia á prestación de servizos complementarios polos centros, ao sistema de acceso dos alumnos a eles e ás axudas, e, na súa disposición derradeira, faculta a Consellería do Medio Rural e do Mar para o desenvolvemento e execución do disposto nel.

O Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, atribúe á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a ordenación, dirección e coordinación das atribucións que ten asumidas a consellería en materia de ensino náutico e marítimo-pesqueiro.

Co obxecto de fomentar e potenciar a formación da poboación mariñeira, é necesario artellar as accións que faciliten o acceso á formación náutico e marítimo-pesqueira, con especial incidencia na formación permanente de adultos e ciclos formativos de grao medio e superior.

Polo exposto, a Consellería do Medio Rural e do Mar, facendo uso das competencias que lle confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é a convocatoria de prazas de residencia e manutención durante os días lectivos do curso escolar 2012-2013, nos centros residenciais docentes do Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo e da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, dependentes da consellería competente en materia de ensino náutico e marítimo-pesqueiro.

Artigo 2. Beneficiarios/as

Poderá ser beneficiario das prazas de residencia e manutención todo o alumnado que durante o curso académico 2012-2013 realice os seguintes estudos:

a) Marítimo-pesqueiros.

– Ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica da familia profesional marítimo-pesqueira.

b) Náutico-pesqueiros.

– Capitán de pesca, patrón costeiro polivalente, patrón local de pesca e mariñeiro pescador.

Artigo 3. Clases de prazas

As prazas poderán adxudicarse nas seguintes dúas modalidades:

a) En réxime de residencia e manutención.

b) En réxime de manutención nos comedores dos centros residenciais docentes.

Artigo 4. Prazas en réxime de residencia e manutención

Esta modalidade supón a utilización gratuíta dos servizos residenciais do centro.

O persoal residente poderá gozar da praza de residencia durante os días lectivos do curso escolar solicitado (a saída da residencia efectuarase ás 16.45 horas do venres ou véspera de días festivos), agás a pernoita na véspera de días festivos.

Artigo 5. Prazas en réxime de manutención

A praza en réxime de manutención supón a utilización gratuíta dos servizos de comedor do centro.

Poderán solicitar praza en réxime de manutención os/as alumnos/as que, ademais de acreditar documentalmente que cumpren cos requisitos xerais do artigo 2 desta orde, teñan o seu domicilio habitual a unha distancia superior a 15 km do centro docente, ou ben que, aínda sendo unha distancia menor, acrediten a súa imposibilidade de chegar coa puntualidade requirida ás clases da tarde.

O horario do servizo en pensión completa abrangue desde os domingos ou festivos, véspera de días lectivos, ás 22.00 horas, ata o venres ou véspera de días festivos ás 16.45 horas.

Artigo 6. Requisitos dos/as aspirantes

Poderán ser adxudicatarios/as das prazas convocadas nesta orde os/as alumnos/as que cursen os estudos sinalados no artigo 2 no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo ou na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, e cumpran coa condición da imposibilidade de trasladarse ao seu domicilio diariamente cando o tempo investido no desprazamento, polos medios habituais de transporte público, sexa superior a 60 minutos en cada un dos traxectos, ou ben que por razón de incapacidade física do/da solicitante, sexa inadecuado o desprazamento diario deste/a ao centro docente. E ademais deberán reunir os seguintes requisitos:

– Ser cidadáns de calquera país da Unión Europea ou estranxeiros/as que acrediten a residencia ou estean dentro dun programa de cooperación internacional.

– Non ser repetidor/a.

– Estar matriculados/as no curso académico 2012-2013 nun curso completo dos recollidos no artigo 2 desta orde.

– Ter presentada en prazo a documentación correspondente para as validacións a que tivese dereito.

– Para o caso dos estudos náutico-pesqueiros, ter cumpridos 16 anos, como mínimo, no ano 2012.

Artigo 7. Solicitudes

1. O alumnado que inicie ou promocione dentro dun mesmo ciclo terá que realizar a reserva de praza, cubrindo o impreso oficial dispoñible no centro segundo o modelo que se recolle no anexo desta orde, e presentalo na secretaría do centro con anterioridade ao 1 de outubro de 2012.

2. Todos/as os/as alumnos/as que soliciten praza para os estudos establecidos no artigo 2.b) desta orde deberán cubrir o impreso oficial dispoñible no centro, segundo o modelo que se recolle no anexo desta orde, e presentalo 15 días antes do inicio do curso a que opta na secretaría do centro.

Artigo 8. Criterios de adxudicación das prazas

1. A adxudicación das prazas farase segundo un baremo en que se terán en conta os seguintes conceptos: renda familiar, rendemento académico e outras circunstancias familiares reguladas nos seguintes puntos.

A puntuación resultante de sumar estes conceptos será a que determine a orde de adxudicación. Non terán dereito á adxudicación de praza ao abeiro desta orde os solicitantes que superen o limite de 18.000,01 euros da renda per cápita segundo o recollido no punto 2.b.6) deste artigo.

2. No caso de que os/as solicitantes obtivesen o mesmo coeficiente, terán preferencia os/as que acrediten documentalmente unha relación persoal ou familiar directa co sector, e dentro destes, terán preferencia os de menor renda familiar.

a) Rendemento académico do último curso realizado.

– Nota media de sobresaliente: 4 puntos.

– Nota media de notable: 3 puntos.

– Nota media de ben: 2 puntos.

– Nota media de suficiente: 1 punto.

Nas ensinanzas en que existan cualificacións globais por curso, aplicarase o baremo directamente. Cando a cualificación se faga por cada unha das materias cursadas, obterase a nota media de todas e despois aplicarase o baremo.

Nos ciclos formativos onde as cualificacións se fan de 1 a 10, seguiranse as equivalencias que a continuación sinalamos:

Sobresaliente: 9-10.

Notable: 7-8.

Ben: 6.

Suficiente, apto, validado: 5.

b) Renda familiar.

1b) Renda familiar per cápita.

b.1) A renda familiar per cápita é a cantidade que determina a porcentaxe e os límites da axuda a partir das táboas de baremación. O seu importe é o coeficiente de dividir a renda da unidade familiar correspondente ao ano 2011 por todos os membros de dita unidade. Este aspecto acreditarase mediante a declaración do IRPF, presentada por cada un dos ditos membros.

b.2) Para a determinación da renda familiar sumarase o importe íntegro das retribucións en concepto de rendementos de traballo obtidos durante o exercicio 2011 por todos os membros da unidade familiar.

b.3) Membros computables.

Considéranse membros da unidade familiar os pais, os/as irmáns/irmás solteiros/as menores de vinte e cinco anos que convivan no domicilio familiar ou os/as de maior idade, cando se trate de diminuídos/as físicos/as, psíquicos/as ou sensoriais, así como os ascendentes dos pais que xustifiquen a súa residencia no mesmo domicilio familiar a través do certificado municipal de empadroamento.

No caso de solicitantes que constitúan unidades familiares independentes, tamén se consideran membros computables o cónxuxe ou, de ser o caso, a persoa a que estea unida por análoga relación, de convivencia afectiva, así como os descendentes que convivan no mesmo domicilio.

b.4) No caso de divorcio ou separación legal dos pais, non se considerará membro computable quen non conviva co/a solicitante.

b.5) Nos casos en que o/a solicitante alegue a súa emancipación ou independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar fidedignamente que conta cos medios económicos propios suficientes que permitan a dita independencia, así como a titularidade ou o aluguer da vivenda que constitúe o seu domicilio habitual. No caso contrario, entenderase non probada a independencia, polo que para o cálculo de renda e patrimonio familiar para efectos de bolsa computaranse os ingresos correspondentes aos membros computables da familia a que se refire o antedito punto b.3).

b.6) Ao cociente da renda familiar computada entre o número de membros da unidade familiar, adxudicaráselle a seguinte puntuación:

1. Ata 6.000 euros: 7 puntos.

2. De 6.000,01 ata 9.500 euros: 5 puntos.

3. De 9.500,01 ata 13.000 euros: 3 puntos.

4. De 13.000,01 ata 15.000 euros: 1 punto.

5. De 15.000,01 ata 18.000 euros: 0 puntos.

6. A partir de 18.000,01 euros non se terá dereito á percepción de axuda segundo se establece no artigo 8.1º desta orde.

c) Circunstancias familiares.

c.1) Aos/as solicitantes que teñan irmáns cursando estudos de bacharelato, formación profesional específica ou universitarios fóra da súa residencia habitual, engadiránselle 2 puntos polo primeiro e 1 punto máis por cada un dos seguintes.

c.2) Aos/as aspirantes en condición de orfandade, 2 puntos.

c.3) Aos/as aspirantes membros de familia numerosa de 1ª clase, 1 punto; de 2ª clase e honra, 2 puntos.

c.4) Aos/as aspirantes que teñan algún membro da unidade familiar en estado de enfermidade permanente ou con discapacidade 2 puntos.

Todos as situacións referentes ás circunstancias familiares deberanse xustificar documentalmente.

Artigo 9. Comisión de avaliación

1. Para o estudio das solicitudes presentadas e a posterior selección de adxudicatarios/as, constituirase en cada centro unha comisión coa seguinte composición:

Presidente/a: o/a xefe/a de Coordinación da Área do Mar correspondente, ou persoa en quen delegue.

Secretario/a: o/a secretario/a do centro, que actuará como secretario/a da comisión.

Vogais:

O/a director/a do centro.

O/a xefe/a de estudos do centro.

O/a xefe/a de servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras, ou persoa en quen delegue.

2. Das reunións realizadas polas comisións a que se refire o punto anterior levantarase acta, que será remitida á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Artigo 10. Procedemento de adxudicación

1. A Comisión de Avaliación (en diante, a Comisión) ditará a proposta de resolución provisional motivada para a súa posterior elevación ao órgano competente para resolver, na cal figurará a relación provisional de admitidos e excluídos debidamente motivada.

2. Publicada a dita resolución provisional no taboleiro de anuncios do centro e na xefatura de coordinación da Área do Mar do seu ámbito, os/as solicitantes terán un prazo de 10 días hábiles para presentar as alegacións que consideren oportunas.

3. Transcorrido o dito prazo, a Comisión resolverá as alegacións presentadas, de ser o caso, e ditará a proposta de resolución definitiva, que será remitida á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro; as alegacións entenderanse resoltas na resolución de adxudicación definitiva.

Artigo 11. Resolución de concesión e modificación

1. O/a secretario/a xeral do Mar, por proposta da Comisión, resolverá por delegación expresa do/a conselleiro/a con competencias na materia de ensino náutico e marítimo-pesqueiro a adxudicación definitiva das prazas dispoñibles, que se exporá no taboleiro de anuncios do centro e na xefatura de coordinación de Área do Mar do seu ámbito.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a adxudicación das prazas, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de adxudicación.

Artigo 12. Duración do procedemento

O prazo máximo para ditar e notificar a resolución de adxudicación de prazas será de 6 meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o referido prazo sen que fose ditada resolución expresa, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Artigo 13. Incorporación do alumnado ás residencias

1. Os/as alumnos/as incorporaranse á residencia ao inicio do curso; non obstante a dita incorporación non é definitiva e quedará condicionada ao que se deduza da adxudicación definitiva das prazas dispoñibles.

2. As persoas incorporadas quedarán suxeitas ás normas de réxime interno do centro, que serán expostas cada curso no taboleiro de anuncios dos centros.

3. No momento de incorporación ao centro, o/a residente acreditará mediante certificado médico oficial non padecer enfermedade infectocontagiosa ningunha.

Artigo 14. Perda do dereito á praza de residencia

1. O persoal adxudicatario definitivo de prazas que non se incorpore ao centro residencial nas datas sinaladas para o efecto decaerá no seu dereito a ocupala, agás nos casos de forza maior, debidamente acreditados logo da súa valoración pola Comisión.

2. A perda da condición de alumno/a do centro onde debía cursar os estudos para os cales lle foi concedida a praza determinará a perda automática desta.

3. Igualmente, cesarán no uso das prazas en réxime de residencia e manutención como consecuencia de sanción disciplinaria ou cando o/a alumno/a non acuda con regularidade ás clases lectivas e logo dun informe previo da Dirección do centro.

Artigo 15. Alumnos/as con praza de residencia que realicen a formación en centros de traballo (FCT)

Os/as alumnos/as con praza na residencia que se incorporen á formación en centros de traballo en empresas situadas nun raio de 5 km de distancia ao centro poderán seguir usando a residencia ata o remate da formación na dita empresa.

Artigo 16. Concorrencia con outras axudas

O desfrute do dereito a ocupar as prazas convocadas nesta orde é incompatible co desfrute de calquera outra subvención ou axuda para a mesma finalidade e dentro do mesmo período temporal, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

Artigo 17. Obrigas do/a beneficiario/a

1. O/a beneficiario/a das prazas convocadas nesta orde está obrigado/a ao reintegro total ou parcial da axuda no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Ademais, está obrigado/a a facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 18. Reintegro

Procederá o reintegro da axuda concedida e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento, nos casos establecidos no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia, a través do procedemento regulado nos artigos 37 e seguintes da mesma lei.

Artigo 19. Réxime de recursos

1. As resolucións ditadas ao abeiro desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor recurso potestativo de reposición perante a consellería competente na materia de ensino náutico e marítimo-pesqueiro no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben interpor directamente recurso contencioso-administrativo perante os órganos desta xurisdición no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Todo iso sen prexuízo de que os/as interesados/as poidan exercer calquera outro que consideren procedente.

Disposición adicional primeira

De ser o caso, e sempre que exista crédito adecuado e suficiente, poderanse solicitar as prazas de residencia dispoñibles ao longo do curso lectivo 2012-2013 nos centros residenciais docentes do Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo e na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, segundo a programación aprobada pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para os cursos de mariñeiro pescador, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente.

Disposición adicional segunda

De conformidade co establecido no artigo 13, punto 4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a consellería competente en materia de ensino náutico e marítimo-pesqueiro publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios/as das prazas adxudicadas nas súas modalidades de residencia e manutención ou soamente manutención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento de datos dos/as beneficiarios/as e da súa publicación na referida páxina web.

Disposición adicional terceira

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como calquera outra disposición que resulte de aplicación.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2012

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file