Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Xoves, 20 de setembro de 2012 Páx. 36771

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 12 de setembro de 2012 pola que se convoca un curso básico de manexo e utilización do bastón policial extensible.

Dentro das actividades programadas para o ano 2012, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso básico de manexo e utilización do bastón policial extensible, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: básico de manexo e utilización do bastón policial extensible.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 12.

Modalidade: presencial.

Obxectivos:

Actualizar en técnicas de autoprotección e de defensa persoal policial. Desenvolver a capacidade de resposta adecuada. Coñecer os procedementos establecidos para o efecto.

Contido:

– Módulo I. Lexislación sobre a materia.

– Módulo II. O bastón policial extensible.

– Módulo III. Técnicas de base.

– Módulo IV. Práctica policial.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as:

Persoal dos corpos de policía local de Galicia.

Prazas ofertadas:

20 prazas. Reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) É conveniente consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

e) Prazo para a presentación de solicitudes.

O prazo para a inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 5 de outubro de 2012.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http://agasp.xunta.es

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10, do fax 886 20 61 22 ou enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Criterios de selección:

a) Menor número de cursos realizados polo/a alumno/a solicitante nos últimos cinco anos, segundo consten nas bases de datos da academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da academia.

c) Antigüidade.

Listaxe de solicitudes seleccionadas:

O día 11 de outubro de 2012 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http://agasp.xunta.es, as solicitudes de participación que resultaren seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

Obrigas das persoas seleccionadas:

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

5. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: sede da Academia Galega de Seguridade Pública.

Horario: das 9.00 ás 13.00 horas.

Datas de realización: 16, 23 e 30 de outubro de 2012.

Certificado de aproveitamento:

Ao remate da actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nela e superen as correspondentes probas de coñecementos.

6. Baremación da actividade.

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde do 28 de xaneiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro de 2009, esta actividade terá unha baremación de 0,3 puntos.

7. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de marzo de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

8. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 12 de setembro de 2012

José Carlos García Bouzas
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública