Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Venres, 21 de setembro de 2012 Páx. 36893

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 14 de setembro de 2012 pola que se modifica a Orde do 19 de agosto de 2009 sobre delegación de competencias nos órganos superiores e nos/as xefes/as das xefaturas territoriais desta consellería.

Exposición de motivos

Segundo o establecido no Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, así como no Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar é o órgano superior a que lle corresponde, entre outras atribucións, propoñer e executar as directrices xerais da Xunta de Galicia no ámbito do benestar, incluído o sistema galego de servizos sociais creado pola Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia.

O Decreto 99/2012, do 16 de marzo, que regula os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, e máis en concreto, ao regular no seu capítulo VIII o procedemento que cómpre seguir no financiamento destes servizos de titularidade municipal, establece no seu artigo 42.1 que «a persoa titular do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias no sistema galego de servizos sociais será competente para resolver a concesión do financiamento regulado neste capítulo, así como para a autorización e disposición dos gastos, o recoñecemento de obrigas e a proposta de ordenación dos correspondentes pagamentos. A concesión efectuarase logo da planificación e proposta da comisión de análise e avaliación técnica regulada neste artigo...».

E no propio artigo 42.1 in fine faise, ademais, a seguinte previsión: «As competencias referidas nesta alínea poderán ser obxecto de delegación».

Así mesmo, cómpre ter en conta que o citado Decreto 99/2012 establece de maneira separada, para o servizo de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia, un procedemento diferente, que se regula no seu artigo 58, procedemento especial para o cal a Orde do 31 de marzo de 2012 (DOG número 64, do 2 de abril) xa estableceu un marco propio de delegación de competencias, marco que non resulta alterado pola presente orde.

De igual maneira, para procurar a máxima axilidade e eficacia no financiamento dos servizos sociais comunitarios municipais regulados no referido decreto, e sen afectar o procedemento seguido para financiar o servizo de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia, cómpre establecer unha delegación de competencias tamén para o procedemento xeral de financiamento autonómico dos servizos sociais comunitarios municipais regulado nos artigos 43 e seguintes do dito Decreto 99/2012, de xeito acorde co Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; o Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura da Consellería de Traballo e Benestar; o artigo 72.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 19 de agosto de 2009 sobre delegación de competencias nos órganos superiores e nos/as xefes/as das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.

A Orde do 19 de agosto de 2009 sobre delegación de competencias nos órganos superiores e nos/as xefes/as das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar queda modificada como segue:

Un. Engádese un novo punto 3 no artigo 2 «Delegación de competencias noutros órganos superiores da Consellería de Traballo e Benestar».

«3. Delégase, especificamente na persoa titular da Secretaría Xeral de Política Social, a competencia para a resolución da concesión do financiamento dos servizos sociais comunitarios municipais, así como para a autorización e disposición dos gastos, o recoñecemento de obrigas e a proposta de ordenación dos pagamentos das correspondentes transferencias finalistas reguladas nos artigos 41 e seguintes do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, que regula os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, exceptuando o financiamento do servizo de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia valorada con dereito de atención recoñecido regulado no artigo 58 do dito Decreto 99/2012».

Disposición adicional única

As referencias á persoa titular da Secretaría Xeral de Familia e Benestar e á persoa titular da Dirección Xeral da Dependencia e Autonomía Persoal na Orde do 19 de agosto de 2009 entenderanse realizadas á persoa titular da Secretaría Xeral de Política Social, de conformidade cos decretos 194/2011, do 20 de outubro, e 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2012

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar