Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 28 de setembro de 2012 Páx. 37515

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 26 de setembro de 2012 pola que se modifican as bases reguladoras dos Premios Coopera Galicia Entidades Locais, aprobadas pola Orde do 18 de maio de 2012 (DOG nº 101, do 29 de maio).

A Orde do 18 de maio de 2012 estableceu as bases reguladoras e a convocatoria pública dos Premios Coopera Galicia Entidades Locais para distinguir as iniciativas de fomento do asociacionismo municipal mediante proxectos piloto de xestión compartida de servizos por parte de agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 101, do 29 de maio).

As bases reguladoras destes premios, que se achegan como anexo I da devandita disposición, detallan na base novena o prazo para ditar e notificar aos interesados a resolución. Este prazo estableceuse en concordancia co previsto no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o cal o prazo para resolver e notificar a resolución non poderá exceder os nove meses, computándose a partir da publicación da convocatoria salvo que esta pospoña os efectos a unha data posterior.

Así mesmo, na base novena, e en relación con esta na base terceira, establécese o 1 de novembro como data límite para o inicio das actuacións para a execución dos proxectos premiados.

Porén, ambos os prazos establecidos, tanto o referido á resolución e notificación do procedemento como o de inicio dos proxectos premiados, resultan de difícil cumprimento pola complexidade da documentación achegada. Por este motivo, co fin de facer viable o procedemento de concesión dos premios nas súas fases de instrución e valoración, así como o inicio da posta en marcha dos proxectos premiados, considerando que non se causa prexuízo a terceiros, é procedente ampliar os devanditos prazos.

De acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións, co Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro, polo que establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e co disposto na Orde do 18 de maio de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública dos Premios Coopera Galicia Entidades Locais para distinguir as iniciativas de fomento do asociacionismo municipal mediante proxectos piloto de xestión compartida de servizos por parte de agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da Comunidade Autónoma de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Modifícase a base oitava.3 da Orde do 18 de maio de 2012, que queda redactada nos seguintes termos:

«O prazo para ditar e notificar aos interesados a resolución será o 20 de outubro de 2012. O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitima os interesados para entenderen desestimada a súa candidatura por silencio administrativo».

Artigo 2

Modifícase a base novena.1 da Orde do 18 de maio de 2012, que queda redactada nos seguintes termos:

«Os beneficiarios do premio económico deberán remitir antes do día 1 de decembro de 2012 a acreditación do inicio da execución do proxecto premiado, mediante certificación da secretaría da mancomunidade, consorcio ou área metropolitana. Na categoría de agrupacións de concellos, a certificación será emitida polo secretario do concello que teña atribuída a representación da agrupación».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza