Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Martes, 23 de outubro de 2012 Páx. 39975

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 21 de agosto de 2012, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva do expediente de delimitación do solo do núcleo rural histórico tradicional da Eirexe, na parroquia de Navallos, concello de Guntín (Lugo).

O Concello de Guntín remite tres exemplares do referido proxecto de delimitación, para os efectos de resolver sobre a súa aprobación definitiva, conforme a disposición adicional 2ª.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación remitida, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

O Concello de Guntín carece de instrumento de planeamento xeral e réxese polas normas de aplicación directa da LOUG e, no que non se opón a estas, polas Normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

Respecto da tramitación administrativa, cabe sinalar:

– Cumpriuse co trámite de información pública mediante anuncios no DOG do 19.8.2011 e nos xornais El Progreso de Lugo (18.7.2011) e La Voz de Galicia (21.7.2011).

– Consta certificación do secretario municipal do 30.5.2012 sobre a exposición pública do proxecto e que no devandito período non se presentaron alegacións nin reclamacións.

– Na certificación expedida polo secretario municipal o 20.4.2012, consta o acordo de aprobación provisional da delimitación adoptado polo Pleno na súa sesión do 30 de marzo de 2012.

– Consta informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de data 18.1.2012, condicionado ao establecemento de medidas protectoras correctoras.

Segundo o indicado, constátase que o expediente cumpre, respecto da documentación e tramitación administrativa, as determinacións contidas no número 2 da disposición adicional segunda da LOUG.

II. Análise e consideracións.

O asentamento delimitado conta con topónimo recoñecido no Nomenclátor de entidades de poboación da provincia de Lugo (Decreto 6/2000) así como no Censo de poboación e vivendas do Instituto Nacional de Estatística.

O proxecto promovido polo propio concello de Guntín propón a delimitación como núcleo rural histórico-tradicional dun asentamento coas seguintes características:

Superficie delimitada: 8.126 m2.

Numero de edificacións residenciais: 12, das cales 7 son de tipoloxía tradicional.

Trátase dun núcleo de valor etnográfico que merece a súa conservación e posta en valor, atendendo ademais á existencia da igrexa parroquial de San Pedro de Navallos e dun pombal, que quedan recollidos nun catálogo de protección patrimonial.

O proxecto inclúe unha ordenanza coas condicións de uso e edificación aplicables nos terreos edificables do núcleo para dar cumprimento ás alíneas d) e f) do artigo 56.1 da LOUG, e ás condicións establecidas no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 18.1.2012.

Segundo a metodoloxía de calculo do grao de consolidación edificatoria polo procedemento gráfico establecido pola Instrución 4/2011, do 12 de abril, na memoria do proxecto acredítase un grao de consolidación do 62,50 % superior ao mínimo do 50 % establecido no artigo 13 da LOUG.

Respecto das distancias do limite da delimitación, esta cumpre coa establecida como máxima de 50 metros desde a última casa con tipoloxía tradicional, establecida polo artigo 13 da LOUG.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar o proxecto de delimitación do solo do núcleo rural historico-tradicional da Eirexe, parroquia de San Pedro de Navallos, no concello de Guntín.

2. Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente,Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao de notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro que consideren procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

3. No suposto de que o interesado sexa unha administración pública non caberá interpoñer recurso en vía administrativa e poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se é o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigos 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

4. Notifíquese ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2012

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file