Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 2 de novembro de 2012 Páx. 41112

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 24 de outubro de 2012 pola que se ratifica o acordo de extinción e se promove a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da extinción da Fundación Mar de Galicia.

Examinado o expediente de extinción e liquidación da fundación Mar de Galicia presentado ante este protectorado de fundacións, e conforme os seguintes antecedentes e consideracións legais e técnicas,

Antecedentes.

1. Con data do 23 de outubro de 2012 elevouse a pública a escritura notarial do acordo social de extinción da Fundación Mar de Galicia, conforme o acordo do seu padroado do 21 de setembro de 2012.

2. A dita fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o día 10 de marzo de 1992, ante o notario Manuel Peregil Cambón, co número trescentos oitenta do seu protocolo. Así mesmo, foi clasificada como benéfico-social pola Orde do 11 de decembro de 1992, da Consellería da Presidencia e Administración Pública (DOG núm. 253, do 30 de decembro), e declarada de interese galego pola Orde do 26 de febreiro de 1993, da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura (DOG núm. 55, do 23 de marzo).

3. A Fundación Mar de Galicia constituíuse para a realización, sen ánimo de lucro, de fins xerais de interese para o sector pesqueiro galego e, particularmente, a promoción de todas aquelas accións que, respectando as disposicións legais vixentes, fomenten o de-senvolvemento e a utilización dos medios humanos, materiais e técnicos de salvamento nas costas galegas.

4. En cumprimento do disposto no artigo 114 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e pola condición da dita fundación como fundación pertencente ao sector público, a súa extinción foi autorizada polo Consello da Xunta na súa reunión do día 18 de outubro de 2012.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. Esta consellería é competente para coñecer este expediente en uso das facultades que lle confire o artigo 44.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, en relación co disposto no Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e o Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria, e co previsto na Orde do 30 de marzo de 2012, de delegación de competencias no secretario xeral técnico, secretarios xerais e xefes territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar e no presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia.

Segundo. A posibilidade de extinción da fundación está prevista no artigo 26 dos seus estatutos, o cal establece no seu punto 1.c que «se chegado o caso de que, por insuficiencia dos medios de que dispón a fundación, ou por calquera outra circunstancia, resultase imposible o cumprimento do fin fundacional, salvo que de acordo coas previsións destes estatutos e da carta fundacional, o padroado acordase por maioría de dous terzos dos seus compoñentes, a modificación dos estatutos ou a fusión con outras fundacións».

De conformidade co disposto no artigo 44.6 da citada Lei 12/2006, o acordo de extinción inscribirase no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. Con data do 23 de outubro de 2012, formalizouse escritura pública diante do notario de Santiago de Compostela, José Manuel Amigo Vázquez, en que se recolle o contido da acta da sesión do padroado na cal se aproba a liquidación, documentación acreditativa da adxudicación do haber resultante, así como documentos contables referidos ao peche da contabilidade.

Cuarto. De conformidade co artigo 46.4 da Lei 12/2006, aprobadas as actuacións de liquidación da fundación e adxudicado o haber resultante, estas actuacións serán comunicadas ao protectorado, que verificará as cancelacións e promoverá as inscricións que procedan, entre elas a extinción da fundación, no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Quinto. Conforme o disposto no artigo 50.8 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, do Regulamento de fundacións de interese galego, «realizada de conformidade a liquidación e a adxudicación do haber resultante desta, o protectorado promoverá a súa inscrición, así como a da extinción da fundación e a correspondente dilixencia de peche da folla do Rexistro de Fundacións de Interese Galego».

O artigo 39.4 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, establece que, inscrita a extinción e posterior liquidación, se cancelarán de oficio os asentos da fundación extinguida.

Polo exposto, á vista da documentación presentada e da normativa de aplicación, este protectorado

RESOLVE:

1º. Ratificar o acordo de extinción aprobado polo padroado da Fundación Mar de Galicia, autorizado polo Consello da Xunta na súa reunión do día 18 de outubro de 2012.

2º. Ordenar a inscrición do acordo no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería do Medio Rural e do Mar.

3º. Inscribir no Rexistro de Fundacións de Interese Galego a extinción da fundación e dilixenciar a baixa da fundación no rexistro.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde a notificación, de conformidade co disposto no artigo 4 da Lei 29/1998, do 13 de xuño, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, poderá interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a notificación, ou de tres meses a partir do día seguinte ao acto presunto, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata a resolución expresa ou presunta do recurso de reposición interposto.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2012

Francisco José Vidal-Pardo Pardo
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e do Mar