Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Luns, 5 de novembro de 2012 Páx. 41366

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 17 de outubro de 2012, da Xefatura Territorial de Lugo, polo que se comunica o comezo dos traballos de investigación da propiedade na zona de concentración parcelaria de Santo Estevo de Pol (Pol-Lugo).

Ponse en coñecemento de todas as persoas interesadas na concentración parcelaria da zona de Santo Estevo de Pol (Pol-Lugo), declarada de utilidade pública e urxente execución polo Decreto 95/2011, do 12 de maio (DOG nº 102, do 27 de maio), que se van iniciar os traballos de investigación da propiedade para os efectos da concentración, que darán comezo o día seguinte ao da publicación deste anuncio e prolongaranse durante o tempo necesario, no lugar habilitado para os efectos na mesma parroquia e nas dependencias do Servizo de Infraestruturas Agrarias de Lugo.

Requírense os propietarios, arrendatarios e, en xeral, os cultivadores e titulares de calquera dereito para que, dentro do citado prazo, lle presenten ao persoal encargado dos citados traballos os escritos en que fundamenten os seus dereitos e declaren, en todo caso, os gravames ou situacións xurídicas que afecten as súas parcelas ou os seus dereitos.

Advírtese que as parcelas dos propietarios que non declarasen neste período serán consideradas como parcelas de descoñecidos e daráselles o destino sinalado na Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro. Tamén se advirte de que a falsidade destas declaracións dará lugar, con independencia das sancións penais, á responsabilidade por danos e perdas que deriven desta.

Os traballos de concentración afectarán en principio a totalidade das parcelas pertencentes á parroquia de Santo Estevo de Pol (Pol-Lugo). Polo tanto, os propietarios deberán, no seu propio interese, ademais de facer a declaración das súas parcelas, seguir o desenvolvemento dos traballos de concentración para facer valer os seus dereitos no momento oportuno.

Lugo, 17 de outubro de 2012

José Ramón Losada Fernández
Xefe territorial de Lugo