Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Martes, 6 de novembro de 2012 Páx. 41574

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 15 de outubro de 2012 pola que se fixan as contías e as porcentaxes dos premios do xogo do bingo.

O artigo 27.27 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúelle á nosa Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de casinos, xogos e apostas, e, en virtude de tal atribución, aprobouse a Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

En desenvolvemento da citada lei, e no que respecta ao xogo do bingo, ditouse o Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo que se aprobou o Regulamento do xogo do bingo, modificado parcialmente polo Decreto 9/2007, do 25 de xaneiro, e posteriormente polo Decreto 113/2010, do 1 de xullo.

En virtude deste último decreto introduciuse no Regulamento do xogo do bingo a posibilidade de que a determinación do valor facial dos cartóns de xogo do bingo, así como das contías e das porcentaxes dos seus premios, se realice mediante orde da consellería competente en materia de xogo.

Precisamente, ao abeiro da dita habilitación, recollida na disposición derradeira segunda do Decreto 113/2010, do 1 de xullo, ditouse a Orde do 22 de febreiro de 2012 pola que se fixan as porcentaxes e contías dos premios do xogo do bingo. As porcentaxes que se establecen nesta norma teñen un carácter transitorio e limitado, pois a súa vixencia está ligada á vixencia da Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas para 2012, xa que unicamente resultaban aplicables a aquelas empresas que se acollesen ao disposto pola disposición transitoria segunda da dita Lei 12/2011, do 26 de decembro.

A distribución das porcentaxes de premios establecida na dita Orde do 22 de febreiro de 2012 tivo, malia a brevidade do período que leva en vixencia, unha acollida favorable por parte dos xogadores, o que se reflectiu nos efectos positivos que tivo no seu comportamento en canto á venda de cartóns. A valoración deste feito –recollendo a proposta maioritaria do sector do bingo en Galicia– fai aconsellable aprobar unha nova redistribución de premios que substitúa a recollida no Decreto 181/2002, do 10 de maio, e que teña un carácter definitivo e xeral para todas as empresas do sector.

En exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto a fixación das contías e das porcentaxes dos premios do xogo do bingo tradicional que se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Porcentaxe destinada a premios

A porcentaxe destinada a premios no xogo do bingo, na súa modalidade de bingo tradicional, será do 59 % das cantidades xogadas.

Artigo 3. Contía dos premios

1. A cantidade que se distribuirá en premios en cada partida consistirá no 59 % do valor facial da totalidade dos cartóns vendidos nela e a súa contía determinarase na forma seguinte:

a) Liña. A contía do premio de liña será a que resulte de detraer o 3 % do valor facial dos cartóns vendidos en cada partida.

b) Bingo ordinario. A contía do premio do bingo ordinario será a que resulte de detraer o 46 % do valor facial da totalidade dos cartóns vendidos en cada partida.

c) Prima. Dotarase coa cantidade que resulte de detraer o 10 % do valor facial dos cartóns vendidos en cada partida.

Artigo 4. Premio da prima

1. A distribución da porcentaxe da prima a que se refire a letra c) do artigo 3 entre o premio da prima e o premio da prima-plus estará sometida ás seguintes regras:

a) O premio da prima estará dotado dun 9 % e o da prima-plus dun 1 %.

b) No premio da prima-plus dotarase o 80 % do seu importe para o premio en xogo ata alcanzar o seu importe máximo determinado mentres que o 20 % restante constituirá a reserva que pasará integramente a constituír a dotación inicial do novo premio de prima-plus.

c) A cantidade máxima que se outorgará polo premio da prima-plus será determinada por cada sala e terá como límite máximo a contía de 15.000 €.

Disposición transitoria única

Os cambios nas porcentaxes de premios establecidas nesta orde faranse efectivos desde a primeira partida correspondente á sesión de xogo en que a orde entre en vigor. Non obstante, os premios de prima e prima-plus en xogo pendentes de outorgar nese momento rexeranse polas regras establecidas para eles con anterioridade, ata que se produza o seu efectivo outorgamento.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2013.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza