Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Mércores, 7 de novembro de 2012 Páx. 41718

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 26 de outubro de 2012 pola que se deixa sen efecto a Orde do 3 de xullo de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para o desenvolvemento de accións formativas en materia agroforestal por entidades de iniciativa social dedicadas a fomentar a integración social e laboral de persoas con discapacidades ou en risco de exclusión social na Comunidade Autónoma e se convocan para o ano 2012.

O 9 de xullo de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 130 a Orde do 3 de xullo de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para o desenvolvemento de accións formativas en materia agroforestal por entidades de iniciativa social dedicadas a fomentar a integración social e laboral de persoas con discapacidades ou en risco de exclusión social na Comunidade Autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

A política orzamentaria, que implica o necesario equilibrio entre ingresos e gastos, exixe nestes momentos efectuar un axuste nos créditos inicialmente asignados aos diferentes centros de gasto que conforman os orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outro lado, o artigo 57 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, establece que non poderán adquirirse compromisos de gastos por contía superior ao importe dos créditos que figuren nos estados de gastos.

Ao abeiro do sinalado nos parágrafos anteriores, cómpre deixar sen efecto esta convocatoria de axudas, co obxectivo de cumprir a normativa en materia de estabilidade orzamentaria e déficit público.

Así pois, de acordo co exposto e co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Déixase sen efecto a Orde do 3 de xullo de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para o desenvolvemento de accións formativas en materia agroforestal por entidades de iniciativa social dedicadas a fomentar a integración social e laboral de persoas con discapacidades ou en risco de exclusión social na Comunidade Autónoma, e se procede á súa convocatoria.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117, modificados pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben interpoñer directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2012

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar