Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 13 de novembro de 2012 Páx. 42437

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 215/2012, do 31 de outubro, polo que se regulan os furanchos da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude dos artigos 148.1.18 da Constitución española e 27.21 do Estatuto de autonomía, a Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuída a competencia exclusiva en materia de promoción e ordenación do turismo no seu ámbito territorial.

Ao abeiro da dita competencia ditouse a Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, que fixou un marco legal para o desenvolvemento do sector turístico. Na dita lei recollíanse, como unha clase de empresas turísticas, as empresas de restauración, e unicamente os restaurantes, cafetarías e bares se definían como establecementos de restauración. Non obstante, o seu articulado habilitaba para establecer regulamentariamente novos grupos e categorías deste tipo de establecementos, polo que, ao abeiro desta disposición legal, se ditou o Decreto 116/2008, do 8 de maio, co obxecto de incluír os furanchos como un novo tipo de establecemento de restauración dado que, polas súas características especiais, non estaban recollidos na normativa vixente.

A entrada en vigor da Lei 14/2008, do 3 de decembro, de turismo de Galicia, que derroga a citada Lei 9/1997, do 21 de agosto, supón o recoñecemento legal dos furanchos ao incluír dentro da clasificación que establece das empresas de restauración os furanchos situados no territorio autonómico galego.

Os furanchos, tamén coñecidos como loureiros, naceron como fórmula para poñer en circulación os excedentes da colleita de viño elaborado para consumo propio, respondendo así a unha tradición do rural galego cuxa orixe ten unha localización xeográfica concreta. A normativa do ano 2008, que os consideraba como verdadeiras empresas de restauración, desvirtuou o seu verdadeiro carácter e esencia como parte da cultura de Galicia.

Desta forma, a Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, non considera os furanchos como establecementos de restauración, e a súa disposición transitoria primeira prevé unha regulación propia para eles e dispón que «A actividade dos establecementos denominados furanchos, situados na Comunidade Autónoma de Galicia, será obxecto dunha regulación específica, manténdose vixente ata o momento da entrada en vigor da nova normativa o disposto no Decreto 116/2008, do 8 de maio, e nas súas normas de desenvolvemento». Polo tanto, a vontade do lexislador foi dotar os furanchos dun réxime singular, con características propias, máis aló do réxime xeral previsto pola lei para as empresas turísticas, sen prexuízo de se atoparen dentro do ámbito de aplicación da Lei de turismo de Galicia, de conformidade cos seus artigos 2.d) e 21.

Ao abeiro desta disposición legal dítase o presente decreto co obxecto de regular as bases da actividade daquelas casas particulares ou dependencias vinculadas a elas que, de acordo coas súas características, teñan a consideración de furanchos como figura da realidade tradicional da Comunidade Autónoma de Galicia. Exclúense, polo tanto, do ámbito de aplicación da presente norma os establecementos que oferten servizos de restauración. Estes deberanse clasificar, atendendo ás súas características, en restaurantes, cafetarías ou bares, e quedarán suxeitos á normativa vixente en materia de turismo.

Nesta regulación tense en conta o disposto no Decreto 256/2011, do 7 de decembro, polo que se regula o potencial de produción vitícola de Galicia, en canto ás preceptivas informacións das persoas titulares de viñas ao Rexistro Vitícola de Galicia, así como ás declaracións obrigatorias do sector vitivinícola.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do trinta e un de outubro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Este decreto ten por obxecto a regulación da actividade dos establecementos denominados furanchos, situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Para este obxecto considéranse furanchos os locais utilizados principalmente como vivenda privada pero onde os/as seus/súas propietarios/as venden o excedente do viño da colleita propia elaborado na casa para o seu consumo particular, xunto coas tapas que, como produtos alimenticios preparados regularmente por eles/as, lle sirvan de acompañamento. Para estes efectos, terá a consideración de excedente do consumo propio unha cantidade de viño que non exceda a que se obteña de aplicar á superficie da súa viña un rendemento máximo de 0,65 litros por metro cadrado.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Este decreto será aplicable a aquelas casas particulares ou dependencias vinculadas a elas que teñan a consideración de furancho segundo o establecido no artigo 1 deste decreto.

Artigo 3. Competencias

1. Correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia o exercicio das seguintes competencias propias no ámbito territorial autonómico:

a) A configuración normativa do réxime xeral regulador dos furanchos de Galicia.

b) A delimitación do réxime de infraccións e sancións na mesma materia e ámbito territorial.

2. É competencia dos concellos radicados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) A adaptación do réxime xeral regulador dos furanchos, por medio das correspondentes ordenanzas municipais, ás peculiaridades de cada zona dentro do correspondente termo municipal.

b) A delimitación das zonas concretas do seu territorio onde se poidan autorizar estes establecementos.

c) A xestión administrativa dos expedientes municipais derivados do inicio das actividades, períodos de apertura ou peche anticipado dos establecementos, así como a transmisión, cambios de funcionamento ou cesamento da actividade destes establecementos.

d) A creación e mantemento dun rexistro municipal de furanchos.

e) A concreción normativa, nas súas ordenanzas municipais, do réxime de infraccións e sancións aplicables no seu ámbito territorial nos supostos de incumprimento do establecido no presente decreto en materia de furanchos.

f) O exercicio da potestade sancionadora no seu correspondente ámbito territorial e competencial.

g) As funcións de inspección, vixilancia e control permanente do exercicio das actividades desenvoltas nos furanchos, no correspondente termo municipal, polos titulares destes establecementos.

Artigo 4. Requisitos

1. Os requisitos que deben cumprir estes establecementos son os seguintes:

a) O viño subministrado non pode ser embotellado senón que debe proceder do barril directamente. Poderanse ofertar ata un máximo de cinco tapas escollidas de entre as enumeradas no anexo I, mediante a ordenanza municipal correspondente, sen que en ningún caso se poida ofrecer outra clase de produtos alimenticios.

b) Antes de iniciar a súa tempada de funcionamento e, en todo caso, unha vez ao ano, todos os furanchos acreditarán que realizaron as declaracións obrigatorias do sector vitivinícola ante o órgano correspondente da consellería competente en materia de agricultura. Sen este requisito previo o furancho non poderá iniciar a súa tempada de funcionamento, salvo nas excepcións previstas de conformidade coa normativa vitícola.

c) En todo caso, os/as titulares dos furanchos deben ter regularizada a totalidade da súa viña no Rexistro Vitícola de Galicia, de conformidade coa normativa vitícola vixente.

d) Os/as titulares dos furanchos deberán observar os requisitos sanitarios establecidos no capítulo III e nos capítulos V a XII do anexo II do Regulamento 852/2004, do 29 de abril, relativo á hixiene dos produtos alimenticios, sempre que se cumpra que a actividade que leva a cabo o establecemento se axusta ao indicado no capítulo III, así como, tendo en conta a actividade que desenvolvan en cada caso, os establecidos no Real decreto 3484/2000, do 29 de decembro, polo que se establecen as normas de hixiene para a elaboración, distribución e comercio de comidas preparadas.

e) Os/as titulares dos furanchos deberán observar a normativa técnica vixente en prevención e protección contra incendios, a sanitaria fronte ao tabaquismo, así como aqueloutra que resulte legalmente aplicable.

Artigo 5. Réxime de inicio de actividade

1. Para o exercicio da actividade, terán a condición de persoas interesadas as que acrediten a titularidade de viñas propias no Rexistro Vitícola de Galicia. Estas deberán presentar unha declaración responsable previa do cumprimento dos requisitos recollidos no artigo 4 deste decreto e do seu mantemento durante todo o tempo en que se desenvolva a súa actividade, dirixida ao concello correspondente, segundo o modelo oficial de declaración responsable previa do anexo II.

2. A declaración responsable previa terá os efectos e o alcance previstos no artigo 71 bis da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Coa dita declaración responsable previa presentarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI do/a solicitante, salvo autorización expresa de consulta dos seus datos conforme o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos.

b) Fotocopia compulsada do título ou contrato que acredite a dispoñibilidade do establecemento por parte do/a solicitante para a súa utilización como furancho.

c) Documentación acreditativa de ter declaradas as viñas no Rexistro Vitícola de Galicia, da consellería competente en materia de agricultura.

d) Documentación acreditativa de ter realizado as declaracións obrigatorias do sector vitivinícola á consellería competente en materia de agricultura, salvo as excepcións previstas de conformidade coa normativa vitícola vixente.

e) Documento que acredite a subscrición dunha póliza de seguro de responsabilidade civil, segundo o disposto no artigo 11 deste decreto, así como o correspondente recibo de pagamento da prima que acredite a súa vixencia.

f) Documento acreditativo do pagamento das taxas correspondentes.

g) Sinalamento da elección do período de apertura nos termos establecidos no artigo 7 do presente decreto.

h) Proxecto técnico asinado por facultativo/a competente con pronunciamento expreso sobre o cumprimento da normativa técnica vixente en prevención e protección contra incendios, a sanitaria fronte ao tabaquismo, así como aqueloutra que resulte legalmente aplicable.

i) Análise do viño posto á venda.

j) Memoria descritiva da cantidade de viño posto á venda, número de barrís utilizados para almacenar o viño e capacidade destes.

Artigo 6. Actuación administrativa de comprobación

1. Presentada a declaración responsable previa e demais documentación enumerada no artigo anterior, o concello correspondente comprobará o cumprimento dos requisitos, no prazo de seis meses contados desde a entrada da documentación nos rexistros do órgano competente para a súa tramitación, e resolverá sobre a conformidade ou non do declarado.

2. A comprobación da inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, dos datos declarados, ou o incumprimento dos requisitos que resulten de aplicación, determinarán a imposibilidade de continuar co exercicio da actividade desde o momento en que se teña constancia de tales feitos, con aplicación, logo de incoación e instrución do correspondente procedemento administrativo, do réxime sancionador regulado neste decreto, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou outras de natureza administrativa que procedan.

3. Co obxecto de facilitar o control por instancia das inspeccións administrativas, todos os furanchos terán un distintivo oficial que se renovará anualmente.

Artigo 7. Tempada de funcionamento

1. Establécese, con carácter xeral, o comezo da tempada anual de funcionamento dos furanchos o 1 de decembro, e o seu remate o 30 de xuño.

2. Excepcionalmente, a persoa titular do furancho que queira modificar este período de apertura deberá solicitalo ante o concello de forma motivada para cada ano de actividade, pero nunca poderá ser máis aló do 31 de xullo.

Artigo 8. Elección do período de apertura

1. O período de apertura dos furanchos non poderá ser superior aos tres meses e, en todo caso, estará comprendido na tempada de funcionamento establecida no artigo anterior.

2. Os/as titulares dos furanchos farán constar, xunto coa declaración responsable previa e demais documentación exixida no artigo 5 deste decreto, o período de funcionamento pretendido.

Artigo 9. Peche anticipado

O esgotamento ou a falta de colleita de viño nun ano será causa xustificada para o peche do establecemento, sen que supoña baixa da actividade. Non obstante, o/a titular estará obrigado a comunicar tal circunstancia ao concello correspondente, para a correspondente anotación rexistral do peche temporal no prazo de 10 días contados con anterioridade á data prevista para o peche.

Artigo 10. Rexistro municipal

1. O concello creará un rexistro de furanchos para a inscrición de oficio de todos os furanchos que, cumprindo o disposto neste decreto, radiquen no seu ámbito territorial. Del daráselles traslado aos órganos competentes en materia de turismo, medio rural e sanidade.

2. Os datos mínimos do rexistro son os establecidos no anexo IV desta norma.

Artigo 11. Obrigas das persoas titulares dos furanchos

As persoas titulares dos furanchos deberán observar as obrigas recollidas no artigo 35 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, na medida en que non sexan contrarias á singularidade destes locais e, en particular, as seguintes:

1. Velar polo bo estado xeral das dependencias e polo mantemento das instalacións e servizos do furancho e garantir un trato correcto á clientela.

2. Informar previamente con obxectividade e veracidade a clientela sobre o réxime de servizos que se ofertan no local, as condicións de prestación destes e o seu prezo e forma de pagamento.

3. Ter á disposición das persoas usuarias follas de reclamacións e facer entrega dun exemplar cando lles sexa solicitado.

4. Emitir xustificante de pagamento que detalle os servizos, de conformidade cos prezos ofertados ou pactados.

5. Os locais exhibirán nun lugar visible o ramallo de loureiro co que tradicionalmente se identifican os furanchos.

6. Os/as titulares dos furanchos deberán ter contratada unha póliza de seguro de responsabilidade civil que cubra os danos corporais, materiais e os prexuízos económicos que deriven do desenvolvemento da súa actividade, de acordo co que se determine nas ordenanzas municipais.

Artigo 12. Dereitos e obrigas dos usuarios e usuarias

As persoas usuarias destes locais terán os dereitos e obrigas que o título II da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, prevé para os usuarios e usuarias turísticos, sempre que sexan compatibles coas peculiaridades destes locais.

Artigo 13. Transmisión

1. O/a novo/a titular deberá comunicar a transmisión do furancho ao concello, que lles dará traslado ás consellerías ou órganos competentes en materia de turismo, medio rural, facenda e sanidade, para o que achegará a seguinte documentación:

a) Comunicación previa de cambio de titularidade segundo o modelo oficial que consta no anexo III.

b) Fotocopia compulsada da documentación acreditativa da dita transmisión ou, de ser o caso, da acreditación da dispoñibilidade do inmoble polo/a novo/a titular.

c) Póliza de seguro de responsabilidade civil, nos termos establecidos no artigo 11, a nome do/a novo/a titular.

d) Documento acreditativo do pagamento das taxas correspondentes.

Artigo 14. Notificación de cambios e comunicación do peche do establecemento

1. As persoas titulares dos furanchos están obrigadas a comunicarlle ao concello, mediante o modelo oficial que consta no anexo III, calquera cambio que afecte o seu funcionamento, xuntando a documentación xustificativa do cambio pretendido, así como o cesamento definitivo da súa actividade, no prazo de 10 días contados con anterioridade á data prevista para o peche. Pola súa banda, o concello notificará tales cambios ás consellerías ou órganos competentes en materia de turismo, medio rural, facenda e sanidade.

2. Poderase decretar a baixa de oficio cando a Administración municipal teña constancia do cesamento da actividade por non se producir a apertura durante os períodos autorizados sen causa xustificada, ou cando o establecemento deixe de cumprir, de maneira grave e inxustificada, algún dos requisitos e condicións exixidos para o exercicio da súa actividade.

Artigo 15. Inspección, vixilancia e control

Os concellos que reciban comunicación de inicio de actividade de furancho dentro do seu termo municipal deberán vixiar e garantir o debido cumprimento polos/as titulares destes establecementos do preceptuado neste decreto e noutras normas que resulten de aplicación, sen prexuízo das facultades de inspección que lle poidan corresponder á Administración autonómica en función da materia, singularmente no que respecta á inspección turística.

Artigo 16. Infraccións e sancións

O incumprimento deste decreto dará lugar á aplicación da normativa sancionadora vixente no ámbito das competencias sectoriais propias das administracións afectadas, de conformidade coas infraccións e sancións tipificadas na Lei de turismo de Galicia.

Artigo 17. Intrusión profesional

A realización ou a publicidade, por parte dos furanchos, da actividade propia das empresas de restauración reguladas na Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, en contravención dos requisitos que lles son exixibles para o seu inicio, terán a consideración de intrusión profesional e sancionaranse administrativamente consonte o previsto na Lei de turismo.

Artigo 18. Suxeitos responsables

1. Serán responsables administrativamente das infraccións cometidas nas materias relacionadas co funcionamento dos furanchos as persoas que figuren como titulares destes.

2. No caso de que sexan varias as persoas titulares, responderán de forma solidaria das infraccións cometidas e das sancións que se impoñan ao respecto.

Artigo 19. Concorrencia de sancións e vinculacións coa orde xurisdicional penal

1. Non se poderán sancionar simultaneamente uns mesmos feitos constitutivos de infraccións penais e administrativas, nos casos en que se aprecie identidade de suxeito, feito e fundamento.

2. Se da investigación dos feitos constitutivos das infraccións tipificadas neste decreto se obteñen indicios de que estes poden constituír delito ou falta, suspenderase o procedemento e daráselle conta ao Ministerio Fiscal, sen prexuízo da adopción das medidas provisionais oportunas.

Artigo 20. Infraccións leves

Considéranse infraccións administrativas de carácter leve as previstas no artigo 109 da Lei de turismo de Galicia e, en particular, as seguintes:

a) A modificación do período de apertura sen presentar unha nova solicitude ao concello.

b) A falta de comunicación ao concello nos supostos de transmisión e cambio da titularidade do furancho.

c) A falta de comunicación ao concello de calquera cambio que afecte o funcionamento do furancho, así como o cesamento da súa actividade, e a motivación dos ditos feitos.

d) Non mostrar o distintivo oficial na entrada do furancho.

Artigo 21. Infraccións graves

Considéranse infraccións administrativas de carácter grave as previstas no artigo 110 da Lei de turismo de Galicia e, en particular, as seguintes:

a) A subministración de viño embotellado.

b) A non presentación da declaración responsable previa ou da documentación exixida no artigo 5 deste decreto.

c) A venda de viño non orixinario do excedente do consumo propio procedente exclusivamente das súas viñas.

Artigo 22. Infraccións moi graves

Considéranse infraccións administrativas de carácter moi grave as previstas no artigo 111 da Lei de turismo de Galicia.

Artigo 23. Sancións

A comisión das infraccións tipificadas no presente decreto será obxecto da correspondente sanción e graduación administrativa, de conformidade co establecido na Lei de turismo de Galicia.

Artigo 24. Prescrición

As infraccións moi graves prescribirán aos tres anos, as graves, aos dous, e as leves, ao ano.

As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán aos tres anos, as impostas por faltas graves, aos dous anos, e as impostas por faltas leves, ao ano.

Artigo 25. Comunicacións

1. Os concellos que, no desenvolvemento do seu labor inspector, detecten incumprimentos do disposto neste decreto deberán informar inmediatamente a autoridade autonómica competente na materia de que se trate.

2. Do mesmo xeito, no suposto de que teñan coñecemento da prestación nos furanchos de servizos de restauración sen estaren clasificados nalgún dos grupos de empresas de restauración que recolle o artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, porano en coñecemento do órgano competente en materia de turismo de forma inmediata.

Disposición transitoria

1. Aqueles establecementos que, de acordo coas súas características, se atopen rexistrados como furanchos consonte a normativa de aplicación anterior ao momento da entrada en vigor deste decreto contarán cun prazo de tres meses para a súa adaptación a esta norma. A partir desa data procederase á cancelación da súa inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas.

2. Os establecementos que nese prazo se adapten inscribiranse de oficio no rexistro oficial previsto no artigo 9 desta disposición.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 116/2008, do 8 de maio, e as súas normas de desenvolvemento, así como calquera disposición de igual ou inferior rango que contradiga o disposto neste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de outubro de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I
Tapas que poderán ofrecer os furanchos

1. Táboa de embutidos-queixos.

2. Pementos, variedade Padrón.

3. Orella-chourizo.

4. Zorza-raxo.

5. Costela.

6. Ovos fritos.

7. Sardiñas ou xurelos á grella.

8. Callos con garavanzos ou feixóns.

9. Tortilla de patacas.

10. Empanada-empanadillas.

11. Croquetas.

ANEXO II
Modelo de declaración responsable

Datos da persoa declarante:

Nome e apelidos:

Como titular:

NIF/NIE:

Domicilio:

Localidade:

Código postal:

Provincia:

Concello:

Teléfono:

Fax:

Correo electrónico:

DECLARO, baixo a miña responsabilidade:

Que se cumpren os requisitos necesarios para o exercicio da actividade de furancho e que se manterán durante o desenvolvemento desta.

Lexislación aplicable:

Decreto 215/2012, do 31 de outubro, polo que se regulan os furanchos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Protección de datos:

Todos estes datos quedan protexidos ao abeiro da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, especialmente do artigo 10 (o responsable do ficheiro e quen interveña en calquera fase do tratamento dos datos de carácter persoal están obrigados ao segredo profesional no que se refire aos datos e ao deber de os gardar, obrigas que subsistirán mesmo despois de finalizaren as súas relacións co titular do ficheiro ou, se é o caso, co seu responsable).

Sinatura:

Localidade e data

......................................... , ..............de ......................... de ................

ANEXO III
Comunicacións de cambios, baixas de actividade e transmisións de titularidade

Datos da persoa declarante:

Nome e apelidos:

Como titular do furancho:

NIF/NIE:

Domicilio:

Localidade:

Código postal:

Provincia:

Concello:

Teléfono:

Fax:

Correo electrónico:

EXPÓN:

Que pretende realizar as seguintes comunicacións:

Titular: nome do/a novo/a titular ________________________________________________

Denominación: nome do furancho ______________________________________________

Baixa: o mencionado furancho cesa na súa actividade con data do ____________________

Outras: ___________________________________________________________________

_________________________________________________________________________

Por todo iso,

SOLICITA:

Que se teñan por realizados os cambios.

Lexislación aplicable:

Decreto 215/2012, do 31 de outubro de 2012, polo que se regulan os furanchos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Protección de datos:

Todos estes datos quedan protexidos ao abeiro da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, especialmente do artigo 10 (o responsable do ficheiro e quen interveña en calquera fase do tratamento dos datos de carácter persoal están obrigados ao segredo profesional no que se refire aos datos e ao deber de os gardar, obrigas que subsistirán mesmo despois de finalizaren as súas relacións co titular do ficheiro ou, se é o caso, co seu responsable).

Sinatura:

Localidade e data

......................................... , ..............de ......................... de ................

ANEXO IV
Datos mínimos do rexistro de furanchos

• Nome do titular do furancho: _____________________________________________

• DNI do titular do furancho: _______________________________________________

• Denominación/nome do furancho: _________________________________________

• Domicilio: ____________________________________________________________

• Confirmación de ter regularizada a totalidade da súa viña no Rexistro Vitícola de Galicia, de conformidade coa normativa vitícola vixente.

• Confirmación de ter contratada unha póliza de seguro de responsabilidade civil.

• Confirmación de ter realizada a declaración responsable.

• Confirmación de que o establecemento cumpre os requisitos mínimos exixidos no decreto.

• Período de apertura do furancho.