Examinado o expediente instruído a pedimento de Desarrollos Eólicos, S.A. para a declaración de utilidade pública do proxecto do Parque Eólico Muxía II, constan os seguintes
Antecedentes de feito.
Primeiro. Por Resolución do 29 de xaneiro de 2007, da Consellería de Innovación e Industria (DOG nº 6, do 26 de febreiro), fíxose pública a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos admitidos a trámite ao abeiro da Orde do 22 de maio de 2006 (DOG nº 102, do 30 de maio), entre as cales se incluíu a do proxecto do Parque Eólico Muxía II, cunha potencia de 23 MW.
Segundo. Por Resolución do 17 de decembro de 2009, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, autorizouse a resituación de potencia entre os parques eólicos Muxía I (1ª e 2ª fase), Muxía II e Fontesilva, dentro do Plan eólico estratéxico da sociedade Desarrollos Eólicos, S.A., polo cal o Parque Eólico Muxía II queda cunha potencia de 21,50 MW.
Terceiro. Con data do 24 de febreiro de 2010, Desarrollos Eólicos, S.A. presentou o proxecto de execución modificado do Parque Eólico Muxía II, e solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, o recoñecemento da condición de instalación acollida ao réxime especial de produción eléctrica e a aprobación do proxecto sectorial.
Cuarto. Na Resolución do 30 de abril de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se publicou a relación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa da instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais, incluíuse a ampliación de potencia do Parque Eólico Muxía II en 0,5 MW, co cal este proxecto queda cunha potencia total de 22 MW.
Quinto. Mediante Acordo do 7 de maio de 2010, do Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, estudo de impacto ambiental e declaración de utilidade publica, en concreto, das instalacións electromecánicas do proxecto do Parque Eólico Muxía II; o devandito acordo publicouse no DOG do 21 de maio, no BOP da Coruña da mesma data e no xornal La Voz de Galicia do 26 de maio, e permaneceu exposto, ademais, no taboleiro de anuncios do concello de Muxía.
Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:
– Con data do 9 de xuño de 2010 Pilar Carmen García García presenta alegación en que manifesta o seguinte
• As superficies de afectación non se corresponden coas que derivan do proxecto sectorial, posto que se inclúen como imposición de servidume o voo das pas, as vías e gabias cando, segundo o proxecto sectorial, inclúen superficies en pleno dominio ao estaren vinculadas ao parque eólico, en conclusión, se as superficies de afectación non se adecuan ás do proxecto sectorial, farán incorrer en nulidade a declaración de utilidade pública e a totalidade do proceso expropiatorio.
Por outra banda, manifesta que non se intentaron acordos cos propietarios afectados, sen que a empresa beneficiaria motivase a necesidade de solicitar a declaración de utilidade pública.
• A declaración de utilidade pública deberá ser necesariamente posterior á autorización administrativa.
• Na notificación recibida non se indica, para ningunha parcela, superficie afectada por ocupación temporal.
• A superficie que se determina como afectada vén sacada da planimetría catastral, a cal difire sobre a real, polo que será durante o levantamento das correspondentes actas previas á ocupación, sobre o terreo e co permiso previo do propietario e acompañado deste, cando se concrete a superficie realmente afectada, así como os restantes bens e dereitos que deberán ser obxecto de indemnización.
• Co obxecto de determinar os límites de servidume, deberá realizarse unha piquetaxe sobre o terreo, a cal é conveniente que sexa con anterioridade á convocatoria para o levantamento de actas previas, a fin de evitar a indefensión da interesada.
• Finalmente solicita que se rexeite a declaración de utilidade pública por non acomodar as superficies de afectación ás que se derivan do proxecto sectorial e non encontrarse xustificada a necesidade de acudir á expropiación.
– Hermenegildo Leira Pérez presenta, con data do 10 de xuño de 2010, cinco alegacións, unha por cada predio da súa propiedade afectada, con similar contido, o cal se resume a seguir:
• En primeiro lugar oponse total e expresamente á declaración de utilidade pública solicitada debido á existencia, no linde das súas leiras, de mananciais para os cales se solicitou a correspondente declaración ante os organismos competentes, a presenza do Camiño Xacobeo de Santiago e a existencia, nas proximidades das súas propiedades, dunha alvariza de abellas (explotación de mel Virxe da Barca) que conta son todos os permisos regulamentarios e que se vén dedicando á explotación de mel desde hai varios anos. Afirma que a declaración de utilidade pública solicitada causaría evidentes danos e perdas a estes elementos do contorno.
• Manifesta, ademais, que existen outros propietarios de terreos que non se opoñen á ocupación parcial das súas leiras, polo que se pode modificar o trazado da liña para fixala a través das parcelas destes propietarios, reducíndose considerablemente os posible prexuízos que se puideren ocasionar.
• Por último, reitera a súa total desconformidade e desacordo coa declaración de utilidade pública solicitada, en canto afecta a súa propiedade, e solicita que se acorde denegar a dita solicitude.
– Manuel Perfecto e María del Pilar Martínez Senra, con data do 16 de xuño de 2010, alegan que non está xustificada a urxente ocupación e que non resultan de aplicación os trámites que a norma establece para os supostos en que si se trate dunha ocupación urxente por razóns de interese social e comunitario. Solicitan, por tanto, que se decrete a anulación do expediente e se resolva que a canle expropiatoria que corresponde ao presente suposto é o de expropiación ordinaria.
Sexto. O 23 de xullo de 2012 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolve autorizar as instalacións electromecánicas, aprobar o proxecto de execución e recoñecer a condición de acollida ao réxime especial de produción eléctrica das instalacións do proxecto do Parque Eólico Muxía II.
Fundamentos de dereito.
Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e no artigo 27.1 do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.
Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites procedementais establecidos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no Decreto 302/2001, do 25 de outubro, de acordo co establecido pola disposición transitoria cuarta da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.
Terceiro. Polo que respecta ás alegacións presentadas, examinado o contido delas e as contestacións efectuadas pola empresa promotora, cómpre manifestar o seguinte:
– Na Resolución do 23 de xullo de 2012, a que fai referencia o antecedente de feito sexto, déuselle resposta ás alegacións de carácter ambiental presentadas por Hermenegildo Perfecto Leira Pérez.
– Con respecto ás alegacións presentadas por Hermenegildo Perfecto Leira Pérez relativas á declaración de utilidade pública, e por Pilar Carmen García García, cabe indicar que o procedemento de declaración de utilidade pública e o posterior proceso expropiatorio están regulados polo Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e que é a empresa promotora do proxecto a encargada de definir os bens e dereitos que considera de necesaria expropiación, conforme o establecido nos artigos 140 e 143 do citado real decreto.
– En relación coas solicitudes para determinar con exactitude a parte dos predios afectada, a súa titularidade, a cuantificación das afeccións ou os cultivos existentes, cómpre indicar que, de conformidade co establecido polo artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa, será no momento do levantamento da acta previa á ocupación cando se describa o ben ou dereito expropiable e se fagan constar todas as manifestacións e datos que presenten uns e outros e que sexan útiles para determinar os bens afectados, os seus titulares, o valor daqueles e os prexuízos determinantes da rápida ocupación.
– En relación ás alegacións formuladas por Manuel Perfecto e María del Pilar Martínez Senra, cabe sinalar que o artigo 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, establece que «a declaración de utilidade pública levará implícita en todo caso a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa».
Por todo o exposto, e en exercicio das competencias que teño atribuídas,
RESOLVO:
Declarar a utilidade pública das instalacións do proxecto do Parque Eólico Muxía II segundo o previsto nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, conforme o establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.
Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2012
Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

