Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Venres, 23 de novembro de 2012 Páx. 44170

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 223/2012, do 15 de novembro, polo que se aproba o cambio de titularidade das estradas provinciais OU-0358 ramal a Berán de Arriba e da estrada OU-0351 San Clodio-Cuñas en prol do Concello de Leiro.

Segundo o teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 54 que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas, se entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da Administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.

O Concello de Leiro solicitou á Deputación Provincial de Ourense os cambio de titularidade das estradas provinciais OU-0358 ramal a Berán de Arriba e da OU-0351 San Clodio-Cuñas desde o p.q. 0+000 ao p.q. 0+1,165.

Ao amparo das previsións legais, o Pleno da Corporación Provincial de Ourense acordou o cambio de titularidade en prol do Concello de Leiro das seguintes estradas:

– OU-0358 ramal a Berán de Arriba.

– OU-0351 San Clodio-Cuñas desde o p.q. 0+000 ata o p.q. 0+1,165.

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, despois do acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de novembro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade en prol do Concello de Leiro das seguintes estradas:

– OU-0358 ramal a Berán de Arriba.

– OU-0351 San Clodio-Cuñas desde o p.q. 0+000 ata o p.q. 0+1,165.

Artigo 2

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as entidades locais, no marco das súas competencias e de acordo cos correspondentes plans de estradas, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade. De acordo co exposto, o Concello de Leiro deberá incorporar ao seu Plan de estradas a vía a que se refire este decreto.

Artigo 3

A entrega da vía formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4

Corresponden ao Concello de Leiro, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de novembro de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas