Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 26 de novembro de 2012 Páx. 44426

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 21 de novembro de 2012 pola que se modifica a do 19 de setembro de 2012 pola que se convocan axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de estudos universitarios durante o curso 2012/13 nas universidades do Sistema universitario de Galicia e se establecen as bases reguladoras.

A Orde do 19 de setembro de 2012 (DOG nº 186, do 28 de setembro) pola que se convocan axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de estudos universitarios durante o curso 2012/13 nas universidades do Sistema universitario de Galicia e se establecen as bases, no seu artigo 9, Requirimento de documentación ou emenda, establece que, unha vez comprobado que as solicitudes reúnen os requisitos establecidos na orde de convocatoria, se exporán as listaxes provisionais das solicitudes admitidas e excluídas nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas súas xefaturas territoriais, nas vicerreitorías de estudantes das tres universidades galegas e no portal educativo da Consellería: www.edu.xunta.es/, con indicación das causas de exclusión.

Así mesmo, no citado artigo establécese que estas listaxes provisionais de admitidos e excluídos por documentación serán expostas o día 20 de decembro de 2012, e que os interesados disporán, para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación presentada ante a Secretaría Xeral de Universidades, dun prazo comprendido entre o día 21 de decembro de 2012 e o 3 de xaneiro de 2013, ambos os dous incluídos.

Unha vez rematado o prazo de presentación, as solicitudes presentadas foron un número moi inferior ao que no momento de realizar a planificación da convocatoria se esperaba, polo que que a xestión deste procedemento pode ser realizada nun prazo de tempo máis curto.

Co ánimo de que o alumnado beneficiario desta axuda, atendendo ás especiais circunstancias socioeconómicas que nel concorren, poida percibir esta sen demora, considérase conveniente reducir os prazos fixados no devandito artigo 9 da orde de convocatoria.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificar a Orde do 19 de setembro de 2012 pola que se convocan axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de estudos universitarios durante o curso 2012/13 nas universidades do Sistema universitario de Galicia e se establecen as bases reguladoras.

O artigo 9 da citada orde queda redactado como segue:

«A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades.

Unha vez comprobado que as solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde de convocatoria, exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas súas xefaturas territoriais, e nas vicerreitorías de estudantes das tres universidades galegas, con indicación das causas de exclusión. Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería: www.edu.xunta.es/

As listas provisionais de admitidos e excluídos por documentación serán expostas o día 26 de novembro de 2012. Os interesados disporán, para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación presentada ante a Secretaría Xeral de Universidades, dun prazo comprendido entre o día 27 de novembro e o 10 de decembro de 2012, ambos os dous incluídos.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, arquivarase o expediente».

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2012

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria