Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Venres, 28 de decembro de 2012 Páx. 48104

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

DECRETO 262/2012, do 20 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

O artigo 23.1 da Lei 2/2012, do 29 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2012, dispón que durante o exercicio 2012 non se procederá no sector público autonómico á incorporación de novo persoal, agás o que poida derivar da execución de ofertas de emprego público de exercicios anteriores.

Non obstante, sempre que se respecten as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo I, o artigo 23.2 exceptúa da anterior limitación determinados sectores e colectivos de marcado carácter prioritario, respecto dos cales a taxa de reposición de efectivos se fixa no 10 %. Para estes efectos consideraranse efectivos aqueles que veñan desempeñando a súa actividade en servizos que teñen carácter permanente na Comunidade Autónoma.

Entre estes colectivos a lei inclúe os corpos responsables do control e da loita contra a fraude fiscal, funcións encomendadas na Comunidade Autónoma de Galicia ás escalas superior e técnica de finanzas. A necesidade de incorporación de persoal ás ditas escalas, ocasionada pola falta de cobertura de todas as prazas ofertadas na convocatoria derivada da OEP do ano 2009, vese incrementada pola creación da Axencia Tributaria de Galicia, cuxa entrada en funcionamento está prevista para o próximo exercicio.

O artigo 70 do Estatuto básico do empregado público establece a posibilidade de que a oferta de emprego conteña non só o referente á incorporación de persoal de novo ingreso, senón tamén outras medidas derivadas da planificación de recursos humanos.

A procura da mellor utilización dos recursos humanos existentes e a atención das expectativas profesionais do persoal funcionario sobre promoción, especialización e mobilidade aconsellan que na oferta de emprego público do ano 2012 se recolla a promoción interna independente para o persoal funcionario dos corpos xerais.

Tendo en conta que na data de aprobación deste decreto non se convocaron os procesos para a provisión de prazas pola quenda de promoción interna dos corpos xerais da Administración da Xunta de Galicia derivadas da oferta de emprego público para os anos 2009 e 2011, por motivos de racionalización e eficacia executaranse as tres ofertas de cada corpo de forma conxunta.

Para este efecto cómpre modificar o artigo 6 do Decreto 437/2009, do 17 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, en canto prevé a reclasificación dos postos ocupados con caracter definitivo polos aspirantes que superen os procesos de promoción aos subgrupos A1, A2 e C1 que non estivesen abertos ao corpo a que se acceda.

A reclasificación, ademais de impedir a acumulación ás ofertas dos anos 2011 e 2012, revelou efectos distorsionadores das relacións de postos de traballo en non poucas ocasións, o que resulta desaconsellable nun momento en que a sempre necesaria eficacia da organización dos recursos humanos ao servizo da Administración é absolutamente prioritaria.

Por último, cómpre modificar os anexos dos decretos de oferta de emprego publico dos anos 2009 e 2011 respecto a determinadas escalas de Administración especial, para especificar as prazas ofertadas que quedan reservadas para os procesos extraordinarios de consolidación de emprego previstos na disposición transitoria cuarta da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, e na disposición transitoria décimo cuarta do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia.

O decreto polo que se aproba a oferta de emprego público para o ano 2009 realizaba tal especificación respecto das escalas de Administración xeral, pero non respecto das escalas de Administración especial.

Pola contra, a praza da escala de subinspectores e subinspectoras de consumo (OEP 2009), reservada ao proceso extraordinario de consolidación, ofertarase polo procedemento ordinario, xa que na actualidade non existe xa ningún posto que cumpra os requisitos que xustifican a convocatoria do proceso extraordinario.

O artigo 30.6 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de función pública de Galicia, establece o procedemento de autorización da oferta de emprego público que corresponde ao Consello da Xunta por proposta da consellería competente en materia de función pública.

Pola súa banda, o artigo 30.2 da Lei 11/2006, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, exixe o informe favorable da Dirección Xeral de Orzamentos.

Na súa virtude, consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos, logo do informe da Dirección Xeral de Orzamentos e da Comisión de Persoal, e de conformidade co establecido no artigo 13.8 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, por proposta da conselleira de Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 20 de decembro de 2012,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público

De conformidade co disposto no artigo 31.6 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, no artigo 70 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, así como no artigo 23.1 da Lei 2/2012, do 29 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2012, apróbase a oferta de emprego público correspondente a distintos corpos e escalas de Administración xeral da Xunta de Galicia para o ano 2012, nos termos que se establecen neste decreto.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público

A oferta de emprego público 2012 inclúe as necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que se deban prover mediante a incorporación de persoal de novo ingreso e mediante a promoción profesional.

A distribución realizarase de conformidade co disposto no articulado e no anexo I deste decreto.

De acordo co establecido co artigo 70.1 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, con carácter excepcional para atender necesidades sobrevidas poderá convocarse ata un 10 % de prazas adicionais do total global das cuantificadas na presente oferta de emprego público.

Artigo 3. Criterios xerais de aplicación nos procesos selectivos

1. De acordo coa Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, sinálanse os seguintes principios reitores para o acceso ao emprego público e a adquisición da relación de servizo:

A) Na selección do seu persoal, a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia garantirá, ademais dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, os principios de:

– Publicidade das convocatorias e das súas bases.

– Transparencia

– Imparcialidade e profesionalidade dos órganos de selección e dos seus membros.

– Independencia e discrecionalidade técnica na actuación dos órganos de selección.

– Adecuación entre o contido dos procesos selectivos e as funcións e tarefas que se vaian desenvolver.

– Axilidade, sen prexuízo da obxectividade, nos procesos selectivos.

B) Os procesos selectivos terán carácter aberto e garantirán a libre concorrencia, sen prexuízo do establecido para a promoción interna e das medidas de discriminación positiva previstas neste decreto.

C) A composición dos tribunais de selección do persoal da Administración pública galega será paritaria para o conxunto da oferta pública de emprego, tanto se se trata de acceso ao emprego como se se trata de promoción interna, de acordo co disposto no artigo  36 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, modificado pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia.

D) Os procesos selectivos que prevexan a realización de probas con respostas alternativas farán públicos os cadros de respostas na páxina web da Xunta de Galicia, ademais de nos lugares que se estipulen na convocatoria.

E) O funcionamento e a actuación dos tribunais de selección axustaranse ás instrucións ditadas para o efecto polo órgano competente.

2. Se nun determinado corpo, escala, subgrupo ou categoría da Administración pública galega se verificase a infrarrepresentación do sexo feminino, entendendo por infrarrepresentación a existencia dunha diferenza porcentual de, polo menos, vinte puntos entre o número de mulleres e o número de homes, de existiren méritos iguais entre dous ou máis candidatos ao finalizar o proceso selectivo e antes da proposta de nomeamento dos candidatos aprobados, deberá aplicarse como primeiro criterio de desempate a preferencia das mulleres, salvo se, considerando obxectivamente todas as circunstancias concorrentes nos candidatos de ambos os sexos, existen motivos non discriminatorios para preferir o home, de acordo co artigo 37 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes.

Artigo 4. Persoal de novo ingreso

Nas escalas de Administración xeral da Xunta de Galicia ofertaranse as prazas que se detallan no anexo I.1.

Artigo 5. Promoción interna

1. No ano 2012, co obxecto de fomentar a promoción interna, convocaranse as prazas que se detallan no anexo I.2 para os/as funcionarios/as dos distintos corpos de Administración xeral da Xunta de Galicia, excluídas as escalas. Estes procesos selectivos de promoción interna levaranse a cabo en convocatorias independentes das de ingreso, de conformidade co previsto no artigo 63.2 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia.

2. Realizarase unha promoción interna separada para permitir que os/as funcionarios/as da Administración xeral, excluídas as escalas, poidan promocionar ao subgrupo inmediato superior sempre e cando posúan a titulación necesaria, teñan prestados servizos efectivos durante polo menos dous anos como funcionario/a de carreira no corpo do subgrupo de titulación inmediatamente inferior ao do corpo a que pretende acceder, reúnan os requisitos exixidos na convocatoria e superen as probas que para cada caso estableza a consellería competente en materia de función pública.

3. Aos/ás aspirantes que superen este proceso de promoción interna adxudicaráselles destino no mesmo posto que viñan desempeñando con carácter definitivo sempre que figure na relación de postos de traballo aberto ao subgrupo e ao corpo de Administración xeral a que accedan.

No caso de que o aspirante ocupe un posto con carácter definitivo que non estivese aberto ao corpo do subgrupo de titulación a que se acceda, ofertarase na elección de destino unha vacante aberta ao subgrupo de titulación a que accedeu por promoción interna, que poderá ser de nivel superior ao nivel mínimo do subgrupo, no caso de que non haxa vacantes deste nivel.

4. As convocatorias de procesos selectivos de promoción interna independentes das de ingreso poderán establecer a conservación da nota dos exercicios, sempre que esa nota sexa igual ou superior ao 60 % da cualificación máxima. A validez desta medida será aplicable á convocatoria inmediata seguinte, sempre e cando esta sexa análoga no contido e na forma de cualificación.

5. Se unha vez superados os procesos selectivos quedan prazas vacantes, acumularanse á oferta de emprego público seguinte.

6. O persoal laboral fixo que na entrada en vigor do Estatuto básico do empregado público estivese ocupando un posto de funcionario dos corpos ou escalas da Xunta de Galicia así establecido nas relacións de postos de traballo (RPT) correspondentes, de conformidade co establecido na disposición transitoria segunda da Lei 7/2007, do 12 de abril, pola que se aproba o Estatuto básico do empregado público, poderá tamén participar nos procesos de promoción interna, tanto nos realizados de forma independente coma nos realizados de forma conxunta cos procesos selectivos de libre concorrencia naqueles corpos ou escalas a que figure adscrito o posto de traballo que estea desempeñando, sempre que posúa a titulación necesaria, teña prestado servizos efectivos durante polo menos dous anos e reúna os restantes requisitos exixidos na correspondente convocatoria.

Ao persoal que supere este proceso selectivo adxudicaráselle destino no mesmo posto que viña desempeñando con carácter definitivo.

Artigo 6. Persoas con discapacidade

1. Nos procesos selectivos para o ingreso en corpos e escalas de persoal funcionario, así como nos de promoción interna, serán admitidas as persoas con discapacidade nos termos previstos no presente artigo e demais normativa aplicable.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. De conformidade co previsto no artigo 59 do Estatuto básico do empregado público e na disposición adicional sétima do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, reservarase unha cota non inferior ao 7 % das vacantes ofertadas para seren cubertas por persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no artigo 1.2 da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal de persoas con discapacidade, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade, así como a compatibilidade no desempeño das súas funcións, de modo que, progresivamente, se acade o 2 % dos efectivos totais da Administración da Xunta de Galicia.

O número de prazas reservadas quedará recollido nas correspondentes bases específicas das convocatorias.

3. A opción a prazas reservadas terá que formularse na solicitude de participación nas convocatorias con declaración expresa dos interesados de reuniren a condición exixida ao respecto, que se acreditará, se obtivese praza, mediante certificación dos órganos competentes. As probas selectivas terán idéntico contido e realizaranse en condicións de igualdade co resto dos aspirantes de promoción interna ou de novo ingreso, segundo corresponda. Garantirase, en todo caso, o carácter individual dos procesos e darase un tratamento diferenciado ás dúas quendas durante o procedemento selectivo de promoción interna ou de novo ingreso. Non obstante, ao finalizar o proceso, elaborarase unha relación única en que se incluirán todos os candidatos que superasen todas as probas selectivas, ordenados pola puntuación total obtida, con independencia da quenda pola cal participen. A dita relación será a determinante para a petición e a adxudicación de destinos, agás o previsto no punto 7 deste artigo, de acordo co previsto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade.

Se na súa realización se lle suscitan dúbidas ao órgano de selección respecto da capacidade do aspirante para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos funcionarios/as do corpo ou escala a que se opta, poderá solicitar o correspondente ditame do órgano competente.

4. Nas probas selectivas, incluíndo os cursos de formación ou os períodos de prácticas, estableceranse para as persoas con discapacidade que o soliciten as adaptacións e os axustes razoables necesarios de tempo e medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade, para asegurar que estas persoas participen en condicións de igualdade. Nas convocatorias indicarase expresamente esta posibilidade, así como que os interesados deberán formular a correspondente petición concreta na solicitude de participación.

Para tal efecto os tribunais ou comisión de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes.

5. Con anterioridade ao nomeamento e unha vez superado o proceso selectivo, a consellería competente en materia de función pública requirirá, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, ditame do órgano competente sobre a compatibilidade do candidato para o posto de traballo ou sobre as adaptacións deste último.

6. Os procesos selectivos deberán incluír a posibilidade de que nas convocatorias en que se estableza unha cota de reserva para persoas con discapacidade, unha vez cubertas as prazas desta cota, os aspirantes que superasen a fase de oposición pero non obteñan praza pola cota de reserva, poidan optar, en igualdade de condicións, ás prazas do sistema xeral, tanto no caso de acceso por promoción interna coma no de quenda libre.

7. Tras superar o proceso selectivo, as persoas que ingresen en corpos ou escalas de persoal funcionario e que sexan admitidas na convocatoria ordinaria con prazas reservadas para persoas con discapacidade poderanlle solicitar ao órgano convocante a alteración da orde de prelación para a escolla das prazas dentro do ámbito territorial que se determine na convocatoria, por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas, que deberán ser debidamente acreditados. O órgano convocante decidirá a devandita alteración cando estea debidamente xustificada, e deberase limitar a realizar a mínima modificación na orde de prelación necesaria para posibilitar o acceso ao posto da persoa discapacitada.

Disposición adicional primeira

Modificación do artigo 6 do Decreto 437/2009, do 17 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

Modifícase o artigo 6. Promoción interna para o persoal funcionario, que queda redactado como segue:

1. No ano 2009, co obxecto de fomentar a promoción interna, convocaranse as prazas que se detallan no anexo I para os/as funcionarios/as dos distintos corpos de Administración xeral da Xunta de Galicia, excluídas as escalas. Estes procesos selectivos de promoción interna levaranse a cabo en convocatorias independentes das de ingreso, de conformidade co previsto no artigo 63.2 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia. A distribución das prazas é a que figura no anexo I.

2. Realizarase unha promoción interna separada para permitir que os/as funcionarios/as
da Administración xeral, excluídas as escalas, poidan promocionar ao grupo inmediato superior sempre e cando posúan a titulación necesaria, teñan prestados servizos efectivos, durante polo menos dous anos, como funcionario/a de carreira no corpo do subgrupo de titulación inmediatamente inferior ao do corpo a que pretenden acceder, reúnan os requisitos exixidos na convocatoria e superen as probas que para cada caso estableza a consellería competente en materia de función pública.

De acordo co previsto no artigo 63.2 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, poderá participar nos procesos de promoción interna para o acceso ao corpo admi-
nistrativo da Xunta de Galicia o persoal funcionario do corpo auxiliar da Xunta de Galicia que, aínda que careza da titulación exixida para a pertenza ao subgrupo C1, acredite unha antigüidade mínima de 10 anos no subgrupo C2.

3. Aos/ás aspirantes que superen este proceso de promoción interna adxudicaráselles destino no mesmo posto que viñan desempeñando con carácter definitivo, sempre que figure na relación de postos de traballo aberto ao subgrupo e ao corpo de Administración xeral a que accedan.

4. As convocatorias de procesos selectivos de promoción interna independentes das de ingreso poderán establecer a conservación da nota dos exercicios, sempre que esa nota sexa igual ou superior ao 60 % da cualificación máxima. A validez desta medida será aplicable á convocatoria inmediata seguinte, sempre e cando esta sexa análoga no contido e na forma de cualificación.

5. Se unha vez superados os procesos selectivos quedan prazas vacantes, acumularanse á oferta de emprego público seguinte.

6. O persoal laboral fixo que na entrada en vigor do Estatuto básico do empregado público estivese ocupando un posto de funcionario dos corpos ou escalas da Xunta de Galicia así establecido nas relacións de postos de traballo (RPT) correspondentes, de conformidade co establecido na disposición transitoria segunda da Lei 7/2007, do 12 de abril, pola que se aproba o Estatuto básico do empregado público, poderá tamén participar nos procesos de promoción interna, tanto nos realizados de forma independente como nos realizados de forma conxunta cos procesos selectivos de libre concorrencia naqueles corpos ou escalas a que figure adscrito o posto de traballo que estea desempeñando, sempre que posúa a titulación necesaria, teña prestado servizos efectivos durante polo menos dous anos e reúna os restantes requisitos exixidos na correspondente convocatoria.

Ao persoal que supere este proceso selectivo adxudicaráselle destino no mesmo posto que viña desempeñando con carácter definitivo.

Disposición adicional segunda

Acumulación de procesos selectivos para o ingreso nos distintos corpos de Administración xeral da Xunta de Galicia pola quenda de promoción interna.

As prazas dos corpos xerais da Administración da Xunta de Galicia derivadas da oferta de emprego público para os anos 2009 e 2011 cuxa provisión está previsto realizar pola quenda de promoción interna separada acumularanse coas que derivan da oferta de emprego público do ano 2012, convocándose un único proceso para cada corpo.

Disposición adicional terceira

Modificación do anexo I do Decreto 437/2009, do 17 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público para o ano 2009, e do anexo I do Decreto 55/2011, do 31 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público para o ano 2011, respecto de determinadas escalas de Administración xeral e especial.

Convocaranse mediante os procesos extraordinarios de consolidación previstos na disposición transitoria décimo cuarta do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, as prazas da Admnistración especial que se especifican no anexo II deste decreto.

Convocarase mediante o procedemento ordinario a praza de Administración xeral reservada no Decreto 437/2009, do 17 de decembro, ao proceso extraordinario de consolidación que se especifica no anexo III deste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento do decreto

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de función pública para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de decembro de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda

ANEXO I
Prazas correspondentes ás ofertas para o ingreso nos corpos e escalas
de Administración xeral do ano 2012

1. Acceso libre.

Escalas:

Corpo superior de administración da Xunta de Galicia (subgrupo A1)

– Escala superior de finanzas

3

Corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia (subgrupo A2)

– Escala técnica de finanzas

7

2. Promoción interna.

Corpo superior de administración da Xunta de Galicia (subgrupo A1)

10

Corpo de xestión da Xunta de Galicia (subgrupo A2)

15

Corpo administrativo da Xunta de Galicia (subgrupo C1)

50

Corpo auxiliar da Xunta de Galicia (subgrupo C2)

39

TOTAL

124

ANEXO II
Prazas correspondentes ás ofertas para o ingreso nas escalas de Administración especial dos anos 2009 e 2011 reservadas aos procesos extraordinarios
de consolidación

Corpo facultativo superior da Xunta de Galicia (subgrupo A1)

– Escala de enxeñeiros/as industriais (OEP 2009)

1

– Escala de biólogos (OEP 2011)

3

Corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia (subgrupo A2)

– Enxeñeiros técnicos agrícolas (OEP 2009)

10

– Escala de enxeñeiros/as técnicos industriais (OEP 2011)

3

– Escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos. Especialidade
de arquivos (OEP 2011)

1

TOTAL

18

ANEXO III

Corpo administrativo da Xunta de Galicia (subgrupo C1)

– Escala de subinspección de consumo.

1