Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Mércores, 16 de xaneiro de 2013 Páx. 1251

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2012, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva do proxecto de delimitación do solo do núcleo rural de Barxelas, na parroquia de Vilela, concello de Punxín (Ourense).

O Concello de Punxín remitiu o expediente de delimitación do núcleo rural de Barxelas, tramitado ao abeiro do punto 2 da disposición adicional segunda da Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (en diante LOUG), no cal solicitaba a súa aprobación definitiva.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Punxín non dispón de ningún instrumento de planeamento xeral municipal.

2. O expediente foi tramitado de acordo co previsto no inciso terceiro do número 2 da disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, na redacción dada pola Lei 15/2004, e nel constan:

– O sometemento ao trámite de información pública, que se levou a cabo mediante a publicación de anuncios no DOG nº 93, do 16 de maio de 2012, e no xornal La Voz de Galicia do 24 de abril.

– A certificación do secretario municipal do 18 de xuño de 2012, en que se reflicte que no dito período non se presentaron alegacións.

– O certificado do acordo de aprobación provisional, adoptado polo Pleno do Concello na súa sesión do 27 de xullo de 2012.

II. Consideracións e motivación.

Logo de analizar o expediente remitido polo Concello e á vista do informe subscrito pola Subdirección Xeral de Urbanismo, cómpre facer as seguintes consideracións:

1. No proxecto remitido queda xustificada a preexistencia e o recoñecemento do núcleo rural de Barxelas, segundo o nomenclátor de entidades de poboación da provincia de Ourense (Decreto 332/1996, do 26 de xullo).

2. Á vista da ordenación aplicable, a delimitación proposta do solo de núcleo rural común é admisible, xa que cumpre os requisitos establecidos no artigo 13.3 da Lei 9/2002. O réxime xurídico aplicable aos terreos incluídos na delimitación será o establecido pola Lei 9/2002 para o solo de núcleo rural; seralle igualmente aplicable, en todo aquilo que non vulnere nin vaia contra o dito réxime xurídico, o contido da Ordenanza do solo non urbanizable de núcleo rural das vixentes normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

3. De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG (modificada pola Lei 15/2004) e a Orde do 11 de maio de 2009, sobre adscrición de órganos e delegación de competencias como consecuencia da entrada en vigor do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleo rural correspóndelle á secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Primeiro. Visto canto antecede, apróbase definitivamente o proxecto de delimitación do solo do núcleo rural común de Barxelas, na parroquia de Vilela, concello de Punxín (Ourense).

Segundo. Contra esta resolución non caberá interpor recurso en vía administrativa, podendo interpor recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, de ser o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigos 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

Terceiro. Notifíqueselle esta resolución ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2012

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo