Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Martes, 29 de xaneiro de 2013 Páx. 2402

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 28 de xaneiro de 2013 pola que se establecen as condicións de dúas emisións de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe de 48 millóns de euros e de 176,8 millóns de euros, respectivamente.

O artigo 54 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia indica que se a Lei de orzamentos xerais non fora aprobada polo Parlamento de Galicia antes do primeiro día do exercicio económico en que se deba aplicar, consideraranse automaticamente prorrogados os do exercicio inmediato anterior.

O Decreto 263/2012, do 27 de decembro, regula as condicións da prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012. De conformidade coa súa disposición adicional segunda «durante o período de prórroga continuará en vigor, coas excepcións da súa adaptación ao establecido neste decreto, o texto articulado da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2012».

Neste sentido, o artigo 35 da Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, autoriza a realización das operacións financeiras recollidas na indicada lei, mediante a emisión de débeda pública ou a concertación de créditos.

Así mesmo, no artigo 33 de la Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia establécese que as emisións de débeda pública ou operacións de crédito que realice a comunidade terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda dentro dos límites sinalados pola lei, ao cal lle corresponderá, tamén, autorizar as súas características técnicas e o seu tipo de xuro, se estes non fosen determinados pola súa lei de creación. Esta facultade corresponde na actualidade á conselleira de Facenda en virtude da nova estruturación dos departamentos da Xunta de Galicia, regulada polos decretos 227/2012, do 2 de decembro e 235/2012, do 5 de decembro.

Mediante acordo do Consello de Ministros do 18 de xaneiro de 2013 obtívose a autorización establecida no artigo 14.3 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo primeiro

Autorízase un novo tramo (tramo 2), por un importe nominal de 48 millóns de euros, da emisión de débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia que, baixo a forma de obrigacións da Xunta de Galicia, foi emitida o 15 de decembro de 1997, ao tipo de xuro do 6,28 % e amortización dunha soa vez á par na data de vencemento, o 15 de decembro de 2017 (código ISIN ES0001352139).

As datas de amortización e vencemento de cupóns, así como o tipo de xuro nominal anual e demais condicións deste novo tramo da emisión de débeda pública que autoriza a presente orde, serán as mesmas que se estableceron na Orde do 7 de novembro de 1997, pola que se establecen as condicións da emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 91.191.566,56 euros (Diario Oficial de Galicia núm. 222, do 17 de novembro), coas seguintes excepcións:

Importe nominal da emisión: corenta e oito millóns de euros (48.000.000).

Data de emisión e desembolso do novo tramo: 29 de xaneiro de 2013. Os valores que se emitan agregaranse á emisión anteriormente sinalada, tendo a consideración de ampliación daquela, coa cal se xestionarán como unha única emisión a partir da súa posta en circulación.

Cupón corrido: 0,77425 % sobre o importe nominal da emisión.

Prezo de emisión excluíndo o cupón corrido: 100,26668 % sobre o importe nominal da emisión.

Prezo de emisión incluíndo o cupón corrido: 101,04093 % sobre o importe nominal da emisión, libre de gastos para o subscritor.

Entidade colocadora: Banco Etcheverría.

Subscrición: a emisión das obrigacións está destinada a investidores cualificados e o seu desembolso será realizado a través da entidade colocadora da emisión na data de emisión e desembolso, coa intervención do Banco de España conforme os procedementos que este ten establecidos para os membros do mercado de débeda pública en anotacións.

Artigo segundo

Autorízase un novo tramo (tramo 5), por un importe nominal de 176,8 millóns de euros, da emisión de débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia que, baixo a forma de obrigacións sénior, non garantidas e non subordinadas da Xunta de Galicia, foi emitida o 12 de decembro de 2011, ao tipo de xuro do 5,00 % e amortización á par (100 % do importe nominal de cada obrigación), na data de vencemento, o 12 de decembro de 2014 (código ISIN ES0001352394).

As datas de amortización e vencemento de cupóns, así como o tipo de xuro nominal anual e demais condicións deste novo tramo da emisión de débeda pública que autoriza a presente orde, serán as mesmas que se estableceron na Orde do 5 de decembro de 2011, pola que se establecen as condicións da emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 30 millóns de euros (Diario Oficial de Galicia núm. 234, do 9 de decembro), coas seguintes excepcións:

Importe nominal da emisión: cento setenta e seis millóns oitocentos mil (176.800.000) euros.

Data de emisión e desembolso do novo tramo: 29 de xaneiro de 2013. Os valores que se emitan agregaranse á emisión anteriormente sinalada, tendo a consideración de ampliación daquela, coa cal se xestionarán como unha única emisión a partir da súa posta en circulación.

Cupón corrido: 0,65753 % sobre o importe nominal da emisión.

Prezo de emisión excluíndo o cupón corrido: 100,68809 % sobre o importe nominal da emisión.

Prezo de emisión incluíndo o cupón corrido: 101,34562 % sobre o importe nominal da emisión, libre de gastos para o subscritor.

Entidade colocadora: Banco Etcheverría.

Subscrición: a emisión das obrigacións está destinada a investidores cualificados e o seu desembolso será realizado a través da entidade colocadora da emisión na data de emisión e desembolso, coa intervención do Banco de España conforme os procedementos que este ten establecidos para os membros do mercado de débeda pública en anotacións.

Disposición derradeira

Esta orde terá efectos desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2013

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda