Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Luns, 4 de febreiro de 2013 Páx. 2978

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2013, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se aproba o Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Mero para o ano 2013.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 30 de decembro de 2011 a Confraría de Pescadores da Coruña presentou un plan de aproveitamento específico para a pesca da anguía na desembocadura do río Mero para o ano 2012, de acordo co previsto no artigo 6.1 do Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. O expediente someteuse ao trámite de información pública durante un prazo de 15 días segundo o disposto no Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia. O prazo de información pública estableceuse mediante Anuncio do 23 de outubro de 2012 (DOG nº 216, do 13 de novembro). No antedito prazo non se presentou ningunha alegación.

Terceiro. O artigo 7.3 do Decreto 130/2011 establece a necesidade de que o plan que se aproba sexa sometido a informe do Comité Provincial de Pesca Fluvial ou do Comité Permanente, da Consellería do Mar, no caso de afectar desembocaduras, e do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de espazos naturais protexidos. Na reunión do Comité Permanente do 3 de agosto de 2012, emitiuse informe favorable por unanimidade. A Consellería do Medio Rural e do Mar non emitiu informe a pesar de solicitalo dúas veces.

Cuarto. Segundo establece o artigo 7.5 do Decreto 130/2011, cómpre ter en conta, para a aprobación de calquera plan de aproveitamento específico da anguía, os criterios establecidos pola Decisión da Comisión Europea do 1 de outubro de 2010, criterios que se cumpren, segundo a proposta de aprobación do Servizo de Conservación da Natureza da Coruña.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O disposto no Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. O disposto no Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en relación co Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 227/2012, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

Resolución:

Visto o exposto nos antecedentes, acórdase a aprobación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Mero para o ano 2013, que figura como anexo a esta resolución.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro).

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2013

Ricardo García-Borregón Millán
Director xeral de Conservación da Natureza

ANEXO
Plan de aproveitamento específico da anguía
na desembocadura do río Mero para o ano 2013

a) Artes de pesca.

Arte tradicional denominada nasa voitirón con rede de malla non inferior aos 14 mm, medidos en diagonal e mollada.

As ringleiras de nasas deberán situarse en dirección paralela á corrente e non poden cruzarse na canle.

As artes de pesca de cada ringleira deberán estar separadas por unha distancia mínima de 25 m.

Cada voitirón deberá estar debidamente identificado co número de matrícula e folio da embarcación a que pertenza.

Programarase o tendido das artes de xeito que sempre quede libre un largo do río suficiente para o normal movemento das especies piscícolas migradoras.

b) Proposta de zonas dentro da bacía fluvial.

Delimitación: tramo do río Mero comprendido entre 100 m augas abaixo da antiga presa da Barcala ata a liña recta imaxinaria que une Punta Fiaiteira co varadoiro de Oza.

c) Período de pesca.

Desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de outubro de 2013.

d) Número previsto de días de actividade.

Os labores de pesca suspenderanse desde as 12.00 horas dos sábados ata as 12.00 horas dos luns, con carácter xeral. O número máximo previsto de días de actividade ao longo da tempada será de 176.

e) Proposta de horas de pesca diarias.

O horario de pesca estará comprendido entre as 12.00 horas do luns e as 12.00 horas do sábado cun máximo de oito horas diarias, e as nasas deben ser levantadas diariamente.

f) Proposta de número de aparellos ou artes de pesca por persoa.

O número de artes de pesca que se empregarán non poderá ser superior a dez (10) por tripulante. Ningún tripulante poderá facerse cargo das artes asignadas a outro tripulante.

g) Proposta de cotas de captura diarias.

Máximo: 15 quilos por día de actividade.

A dimensión mínima das anguías capturadas será de 20 cm.

Devolverase ao río calquera outra especie que entre nas artes.

Só se autoriza a captura da anguía na fase do seu ciclo vital denominada anguía amarela, e deberanse devolver á auga, inmediatamente despois da súa captura, todos os exemplares con signos externos propios da fase denominada anguía prateada.

h) Relación de embarcacións e de membros da asociación participantes no plan.

Embarcación María, con matrícula 3ªCO-2-2564 e tripulada por Jesús Manuel Rodríguez Cotos.

i) Proposta de sistema de rexistro das capturas e de remisión de datos ao Servizo de Conservación da Natureza da Coruña.

Cada mes, a confraría remitirá ao Servizo de Conservación da Natureza unha declaración das capturas totais da embarcación, así como os días traballados. Así mesmo, remitirase o parte de capturas liberadas de lamprea, zamborca a e salmón, de ser o caso.

j) Proposta de sistema de comercialización das capturas e o seu control.

A comercialización levarase a cabo na lonxa, tendo a obriga de entregar a totalidade das capturas.

Cada mes, xunto cos partes de capturas, remitirase ao Servizo de Conservación da Natureza o xustificante de venda na lonxa.