Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Luns, 4 de febreiro de 2013 Páx. 2992

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 25 de xaneiro de 2013 pola que se fai pública a aprobación do Regulamento de servizo da autovía A52-Celanova AG-31.

En cumprimento do establecido na cláusula 53 do prego de cláusulas administrativas do contrato de concesión para a construción e explotación da autovía A52-Celanova AG-31, mediante Resolución da Axencia Galega de Infraestruturas do 24 de xaneiro de 2013, foi aprobado o Regulamento de servizo que a seguir se publica para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2013

Ethel Vázquez Mourelle
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas

ANEXO
Regulamento de servizo da autovía A52-Celanova AG-31

TÍTULO PRELIMINAR
Normas xerais

Artigo 1

Este regulamento regula a prestación do servizo da autovía Ourense-Celanova AG-31, en diante obxecto deste regulamento e desenvolve os aspectos contidos nas resolucións da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 4 de abril de 2008 polas que se aprobaron o prego de cláusulas administrativas particulares e o prego de prescricións técnicas particulares a que se deberá axustar a concesión administrativa de construción, conservación e explotación da citada vía.

Artigo 2

Os preceptos deste regulamento serán de obrigatoria observancia para todos os usuarios da vía e para a sociedade concesionaria e vinculan igualmente a Administración concedente.

O persoal da sociedade concesionaria está obrigado a velar polo máis exacto cumprimento de canto se determina neste regulamento.

Artigo 3

O servizo na vía obxecto deste regulamento será prestado en condicións de absoluta normalidade, garantindo a súa utilización polos usuarios de acordo cos principios de igualdade, universalidade e non-discriminación, e suprimindo, no tempo máis curto posible, as causas que orixinen molestias, inconvenientes ou perigosidade para os usuarios da vía, salvo que a adopción das medidas que produzan estes efectos obedezan a razóns de seguranza e/ou urxente reparación ou reposición.

O tráfico de vehículos é absolutamente preferente a calquera outro fin.

O servizo na vía deberá prestarse ininterrompidamente, durante as vinte e catro horas do día, salvo supostos excepcionais debidos a caso fortuíto ou de forza maior.

O servizo que presta a sociedade concesionaria considérase servizo público para os efectos de fixar os servizos mínimos por parte da autoridade competente, e que deberá cumprir a sociedade concesionaria.

Artigo 4

No centro de conservación e explotación, situado no enlace da Merca, a sociedade concesionaria disporá de follas de reclamacións nas cales os usuarios poderán formular as que consideren oportunas. As devanditas follas serán as facilitadas pola Administración competente en materia de consumo.

Coa periodicidade que indique a Delegación da Xunta de Galicia nas Sociedades Galegas Concesionarias de Autoestradas de Peaxe, en diante «Delegación da Xunta de Galicia», e independentemente da facultade de exame directo por esta das mencionadas follas, a sociedade concesionaria deberá darlle traslado das reclamacións presentadas, xuntando o seu propio informe sobre elas e indicando as medidas adoptadas, de ser o caso. Así mesmo, a sociedade concesionaria deberá formular contestación ao usuario sobre a reclamación, a súa admisibilidade e medidas adoptadas, de ser o caso, en función daquela. Esta contestación tamén será obxecto de traslado á Delegación da Xunta de Galicia.

Sen prexuízo do mencionado no punto anterior, os usuarios da vía obxecto deste regulamento poderán elevar á Delegación da Xunta de Galicia calquera reclamación que, ao seu criterio, non fose debidamente atendida pola sociedade concesionaria. A Delegación da Xunta de Galicia, segundo proceda, resolveraa directamente ou procederá a remitirlla ao órgano da Administración a que lle corresponda a súa resolución.

TÍTULO I
Da circulación

CAPÍTULO I
Normas aplicables e prestación de servizo

Artigo 5

A circulación pola vía obxecto deste regulamento estará regulada polo contido ao respecto no Regulamento xeral de circulación, aprobado polo Real decreto 1428/2003, do 21 de novembro, o Regulamento xeral de vehículos, aprobado polo Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro, o texto articulado da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguranza viaria, aprobado polo Real decreto lexislativo 339/1990, do 2 de marzo, e demais disposicións de carácter xeral sobre a materia e, con carácter complementario, polo que se dispón neste regulamento.

Artigo 6

A vixilancia da circulación, o tráfico e o transporte pola vía obxecto deste regulamento será exercida pola Agrupación de Tráfico da Garda Civil, sen prexuízo da que poida exercer, con carácter auxiliar ou en ausencia das forzas daquelas unidades o persoal da sociedade concesionaria. No exercicio destas funcións, e dentro do establecido ao respecto na normativa vixente, este persoal terá o carácter de axente da autoridade e poderá adoptar as medidas necesarias verbo da regulación do tráfico, e formular as denuncias procedentes.

O persoal da sociedade concesionaria acreditará a súa condición mediante o uso do uniforme ou distintivo ou a exhibición dun documento que permita aos usuarios da vía recoñecer a súa función.

En cumprimento da mencionada actividade supletoria, o persoal da sociedade concesionaria porá especial coidado en impedir o acceso e, se for o caso, a circulación por esta vía daqueles vehículos dos cales se sospeite fundadamente que no reúnen as condicións adecuadas para circular por ela, adoptando as medidas que coide precisas para facer cesar a anormalidade.

No caso de discrepancia do usuario, ordenará o aparcamento do vehículo nun lugar idóneo e solicitará a presenza das forzas de vixilancia, que adoptarán as disposicións oportunas.

Cando un vehículo non autorizado for localizado na zona de circulación a el prohibida, será obrigado a abandonar a vía pola saída máis próxima. En todo caso, se a presenza do vehículo non autorizado for detectada polo persoal da sociedade concesionaria, cursará inmediato aviso á Agrupación de Tráfico da Garda Civil e procederá, con carácter precautorio, á inmobilización do vehículo nun lugar que non ofreza perigo para a circulación; todo iso, sen prexuízo das sancións que correspondan e das responsabilidades en que puider incorrer o condutor e o propietario do vehículo non autorizado.

Os condutores e propietarios dos mencionados vehículos serán responsables dos danos propios ou a terceiros e daqueloutros que poidan ocasionar á vía e as súas instalacións.

As prohibicións anteriormente sinaladas non afectarán os vehículos que para realizar obras ou traballos de conservación, mantemento ou explotación na vía obxecto deste regulamento necesiten circular por elas; para o que dispor da sinalización e balizamento oportunos.

Artigo 7

Naquelas situacións meteorolóxicas e ambientais que representen diminucións de seguranza da circulación (néboa, choiva, xeo etc.), os usuarios están obrigados, de acordo co establecido no artigo 45 do Regulamento xeral de circulación, a extremar as precaucións na condución dos seus vehículos. Así mesmo, están obrigados a seguir as instrucións dos axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e, de ser o caso, do persoal da sociedade concesionaria, sen que poida imputarse a esta última ningunha responsabilidade polos danos ou accidentes que puideren producirse a causa da súa inobservancia.

Nos casos de existencia e previsión de xeo, neve ou sarabia, a sociedade concesionaria efectuará baixo o seu criterio e responsabilidade, os tratamentos superficiais preventivos e curativos que considere necesarios para mellorar as condicións de circulación. En situacións de emerxencia e perigosidade, a sociedade concesionaria poderá impor restricións de circulación, pero adoptando as medidas necesarias que garantan a seguranza dos usuarios e permitan alcanzar, no menor tempo posible, condicións de absoluta normalidade. Destas restricións dará conta á Agrupación de Tráfico da Garda Civil, ao inspector de explotación e ao persoal facultativo dependente deste, designado pola Axencia Galega de Infraestruturas, en diante persoal de inspección de explotación.

Artigo 8

A actuación no caso de accidente de circulación corresponde aos axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, sen prexuízo do respecto ás funcións e competencias da autoridade xudicial.

Se por accidente, avaría, malestar físico dos seus ocupantes ou outra causa tiver que inmobilizarse un vehículo cuxa presenza ou cuxa carga supoñan un obstáculo á libre circulación ou represente un perigo para esta, especialmente por ocupar a calzada ou a beiravía, o usuario actuará segundo a normativa vixente, adoptando as medidas precisas para a súa retirada do lugar e, mentres tanto, as adecuadas de sinalización para que poida ser advertido polos demais usuarios.

Independentemente do anterior e tan axiña como o persoal da sociedade concesionaria teña coñecemento do feito, arbitrará os medios necesarios para a retirada inmediata do vehículo e/ou a carga, se non o fixer o usuario, salvo que se trate de materias perigosas.

No caso de que se precisen medios especiais, tales como guindastres de gran tonelaxe, góndolas etc., a sociedade concesionaria facilitará a comunicación coas dispoñibles na zona.

Se esta retirada non for posible de forma inmediata, a custodia dos vehículos e/ou a súa carga e a regulación da circulación corresponderá á Agrupación de Tráfico da Garda Civil ou outras forzas de vixilancia ata a chegada dos medios solicitados para retirar os obstáculos, para os efectos de facilitar a operación e garantir a seguranza dos restantes usuarios da vía.

Cando o vehículo ou a súa carga, por accidente, traslado provisorio ou outra causa, quedar fóra da calzada ou beiravía, pero dentro da zona de dominio, sen afectar a circulación, corresponde ao propietario a súa retirada. A sociedade concesionaria colaborará coa Dirección Xeral de Tráfico na localización do propietario para exixirlle esta obriga.

Con independencia do anterior, a Agrupación de Tráfico da Garda Civil comunicará os feitos ocorridos á Xefatura Provincial de Tráfico e ao alcalde do termo municipal en que se atopa o vehículo, co fin de dar cumprimento ao establecido na Orde ministerial do 14 de febreiro de 1974, sobre retirada e depósito de automóbiles abandonados, e calquera outra que resulte de aplicación.

Artigo 9

Soamente en caso de emerxencia poderán circular os peóns polas beiravías.

Os condutores de vehículos que circulen pola vía deberán facer caso omiso das peticións de pasaxe que reciban en calquera tramo dela.

O persoal da sociedade concesionaria e calquera outro persoal no exercicio dos labores de inspección, mantemento, conservación ou explotación poderán circular a pé pola vía, sempre que sexa estritamente indispensable para a prestación do correspondente servizo e adopte as medidas oportunas para non comprometer a súa propia seguranza nin a de ningún usuario.

CAPÍTULO II
Suspensión e restricións de tráfico

Artigo 10

A Axencia Galega de Infraestruturas poderá acordar a desviación do tráfico, pola totalidade ou parte da vía obxecto deste regulamento, se por exixencias técnicas ou de seguranza viaria resultar necesaria a imposición de limitacións á circulación noutros tramos ou parte da rede de estradas.

Dadas as circunstancias, a sociedade concesionaria deberá adoptar as medidas pertinentes para a súa posta en práctica e comunicar a restrición e os desvíos acordados ás autoridades competentes en materia de tráfico, circulación de vehículos de motor e seguranza viaria, co obxecto de que estas adecuen as medidas de vixilancia, disciplina e regulación do tráfico e manteñan actualizada a información que sobre a vía ofrezan aos usuarios.

Artigo 11

A sociedade concesionaria deberá estudar a adopción con carácter previo das medidas máis adecuadas para aquelas situacións estacionais previsibles en que a intensidade do tráfico poida influír negativamente na fluidez e seguranza da circulación.

En situacións de especial perigosidade, a sociedade concesionaria poderá adoptar as medidas que coide máis convenientes, dando conta inmediata e detallada delas ao persoal de inspección de explotación e a todos aqueles órganos administrativos competentes.

No caso de saturación ou doutra circunstancia que fixer conveniente limitar o acceso á vía obxecto deste regulamento ou adopción dalgún tipo de medida temporal ou transitoria para garantir a seguranza e a fluidez do tráfico, a sociedade concesionaria estudará a máis adecuada en colaboración co persoal de inspección de explotación e coa Dirección Xeral de Tráfico.

A sociedade concesionaria colaborará en todos os casos nas medidas adoptadas conducentes a producir as mínimas interferencias na libre e normal circulación pola vía e as de emerxencia para lograr o restablecemento inmediato do servizo.

Artigo 12

Cando a sociedade concesionaria considere que as condicións, situacións ou exixencias técnicas dalgún punto da vía obxecto deste regulamento requiren a suspensión do tráfico para todas ou algunhas categorías de vehículos ou a ocupación transitoria de parte ou da totalidade dunha ou ambas as calzadas, solicitará a correspondente autorización da Axencia Galega de Infraestruturas, a través da Delegación da Xunta de Galicia, expoñendo as causas e o alcance das medidas que se adoptarán e dando conta á Dirección Xeral de Tráfico, logo de informe do persoal da inspección de explotación.

Artigo 13

No caso de que a situación prevista no artigo anterior revista carácter de inaprazable por razóns de urxente reparación, condicións meteorolóxicas, falta de seguranza, accidentes, caso fortuíto ou forza maior, poderá a sociedade concesionaria levar a cabo a suspensión do tráfico, dando conta inmediata das causas que xustifiquen esta medida á Axencia Galega de Infraestruturas, a través da Delegación da Xunta de Galicia, ao persoal da inspección de explotación, á Agrupación de Tráfico da Garda Civil e á Dirección Xeral de Tráfico.

Artigo 14

A sociedade concesionaria deberá comunicar con anticipación suficiente á Dirección Xeral de Tráfico e ao persoal da inspección da explotación as restricións que sexa necesario impor á circulación pola vía obxecto deste regulamento e, en caso de que as ditas restricións sexan imprevisibles, dará conta delas tan axiña como teña coñecemento de que se producisen.

Artigo 15

Ao transporte de mercadorías perigosas seralle de aplicación a normativa contida no Real decreto 551/2006, do 5 de maio, pola que se regulan as operacións de transporte de mercadorías perigosas por estrada en territorio español e o ADR (Acordo europeo sobre transporte internacional de mercadorías perigosas por estrada) e calquera outra que resulte de aplicación.

No caso de accidentes observarase o que dispón o Real decreto 387/1996, do 1 de marzo, polo que se aproba a Directriz básica de planificación de protección civil, contando para iso co disposto nas fichas de intervención dos servizos operativos en situacións de emerxencia, aprobadas por Orde do Ministerio de Interior do 28 de outubro de 2004.

A Administración, por si ou por petición da sociedade concesionaria, poderá establecer limitacións horarias no paso de mercadorías perigosas por determinadas estruturas para mellorar a seguranza do dito transporte e a da infraestrutura viaria. Os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil que exerzan a vixilancia da circulación na vía ou, na súa ausencia, o persoal dependente da sociedade concesionaria, poderán adoptar as medidas complementarias de seguranza que as condicións de tráfico e da circulación requiran, e poderá ordenar detencións obrigatorias de curta duración aos vehículos que transporten mercadorías perigosas ou ao resto dos vehículos, co fin de diminuír o risco que a circulación daqueles puider comportar para o resto dos usuarios.

Artigo 16

Os transportes cualificados como especiais pola lexislación vixente deberán proverse, para a utilización da vía obxecto deste regulamento, das autorizacións especiais outorgadas pola autoridade competente.

Para a obtención das correspondentes autorizacións para circular polo itinerario solicitado, a Axencia Galega de Infraestruturas remitirá copia da solicitude á sociedade concesionaria, quen, se non existir inconveniente por tamaño ou outros motivos, emitirá informe favorable á concesión da autorización, onde constará o día, a hora e as condicións do paso do transporte especial.

Ao seu paso pola vía, atenderá especialmente as indicacións que se lle fagan e utilizará as vías que se sinalen, exhibindo, en caso de requirimento, as autorizacións outorgadas.

O transportista será responsable dos danos manifestos ou ocultos e dos prexuízos de todo tipo que puideren producirse na infraestrutura, usuarios ou terceiros como consecuencia de non respectar as limitacións de peso, dimensións ou outras características declaradas ao solicitar a correspondente autorización e que non figuren nela, e sempre sen prexuízo da responsabilidade de tipo xeral establecida neste regulamento.

Así mesmo, o transportista deberá aboar a totalidade dos gastos que ocasione tanto o paso pola infraestrutura como os posibles estudos e as obras que foren precisas para acceder á súa solicitude.

A Axencia Galega de Infraestruturas poderá exixir a constitución dunha fianza ou aval para cubrir o custo dos posibles danos e perdas e dos traballos que for necesario realizar para permitir o paso do transporte especial.

CAPÍTULO III
Danos e perdas

Artigo 17

Os usuarios estarán obrigados a facer uso debido da vía e das súas instalacións, utilizándoas única e exclusivamente para os fins a que están destinadas. Todo usuario da vía será responsable dos danos e perdas que se causen aos seus bens, dentro dos límites dos terreos destinados directa ou indirectamente ao seu servizo. Moi especialmente, deberán respectar as instalacións e facer o uso debido delas.

As persoas que causen dano ou deterioración en calquera daqueles elementos, aínda que sexa involuntariamente, están obrigadas a poñelo en coñecemento das forzas da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e do persoal da sociedade concesionaria.

Así mesmo, están obrigadas a comunicar á sociedade concesionaria e á Agrupación de Tráfico da Garda Civil de inmediato os accidentes ou incidentes que sufriron ou en que se viron involucradas con ocasión de circularen pola vía.

Sen prexuízo da responsabilidade que corresponda á sociedade concesionaria, os usuarios deberán contribuír a manter o estado de limpeza da vía e das súas instalacións mentres circulan e cando están parados, evitando tirar obxectos, desperdicios, lixo, papeis etc. O incumprimento desta obriga poderá ser obxecto de denuncia por parte da sociedade concesionaria ás autoridades competentes.

TÍTULO II
Policía e conservación

CAPÍTULO I
Policía

Artigo 18

A sociedade concesionaria procurará a perfecta aplicación na vía de toda a normativa que proceda sobre uso de estradas e a que afecte as súas zonas de dominio, servidume e afección, e avisará a autoridade competente da comisión das infraccións que advirta.

Artigo 19

As obras doutros organismos ou de particulares que afecten a vía obxecto deste regulamento, as súas instalacións ou a circulación por ela someteranse, antes de autorizarse a súa iniciación, a informe da sociedade concesionaria.

No seu informe a sociedade concesionaria poderá establecer as condicións que deberán ser impostas ao peticionario no caso de proceder á autorización da solicitude, sempre que a actuación solicitada afecte directamente algún parámetro que, de conformidade co contrato de concesión, sexa responsabilidade da concesionaria.

Outorgada pola Axencia Galega de Infraestruturas a autorización pertinente, que deberá ser notificada á sociedade concesionaria, o organismo ou particular que vai realizar as obras, antes da súa iniciación e polo menos con 48 horas de anticipación, dirixirase á sociedade concesionaria, para que, á vista das circunstancias particulares, especialmente as referidas ao tráfico, fixe as datas e as horas, as medidas de seguranza, sinalización e demais aspectos relacionados coa execución das obras.

Rematadas as actuacións de terceiros e de forma previa á devolución das fianzas por parte da Axencia Galega de Infraestruturas, esta solicitará da sociedade concesionaria a súa conformidade respecto ao completo cumprimento das condicións da autorización.

Artigo 20

As estradas e camiños afectados pola construción da vía obxecto deste regulamento, unha vez repostos, entregaranse de novo aos titulares de que dependan.

CAPÍTULO II
Conservación das vías

Artigo 21

A sociedade concesionaria está obrigada a efectuar os traballos de reparación necesarios para manter a vía en perfectas condicións de utilización, suprimindo as causas que produzan molestias e inconvenientes ao usuario e evitando todo o que poida representar perigo para a circulación.

Artigo 22

A sociedade concesionaria manterá en perfecto estado a vía obxecto deste regulamento e as súas instalacións anexas, dentro das normais condicións de pulcritude e coidados estéticos, con estrita suxeición ao establecido no prego de prescricións técnicas do concurso de concesión, na oferta do adxudicatario, no plan de conservación e explotación e no programa de conservación e explotación aprobados pola Administración concedente, e tendo en conta as indicacións que sobre o particular lle fagan os servizos competentes, cos cales colaborará activamente.

Artigo 23

A sociedade concesionaria está obrigada a conservar a vía en condicións de utilización e funcionamento, e procederá á inmediata reparación daqueles elementos que se deterioren polo uso.

Artigo 24

A sociedade concesionaria deberá reparar todos os danos producidos por causa de accidente e repoñer os elementos inutilizados, con independencia de formular, cando proceda, a correspondente reclamación de danos e perdas.

Artigo 25

En atención ao sinalado nos artigos anteriores, a sociedade concesionaria deberá dotar o seu servizo de conservación dos medios necesarios para efectuar as correspondentes reparacións no menor tempo posible e durante as horas en que sexa mínima a perturbación aos usuarios. O persoal pertencente a este servizo disporá da maquinaria e das ferramentas adecuadas para desenvolver a súa función e dos elementos de sinalización necesarios para garantir a seguranza tanto dos usuarios da vía como do referido persoal durante a execución das obras de conservación.

Para as actuacións de carácter urxente concentraranse todos os medios dispoñibles e solicitaranse, se é preciso, a terceiros para a máis eficaz e rápida solución da anormalidade.

Artigo 26

As obras que se realicen para manter a vía en perfectas condicións de utilización realizaranse de forma que se limiten ao máximo as molestias e inconvenientes aos usuarios e se evite todo o que poida representar perigo para a circulación.

Para a realización de obras que exixan a implantación de restricións de circulación, a sociedade concesionaria deberá comunicalo ao persoal de inspección de explotación, polo menos, con 10 días de anticipación. Se a importancia ou a duración das restricións o requiren, deberase solicitar a autorización da Axencia Galega de Infraestruturas para iniciar as obras, indicando a necesidade da restrición que se impón, a sinalización prevista e a información previa ao usuario que se prevé dar. Neste caso, a sociedade concesionaria comunicará á Dirección Xeral de Tráfico as restricións previstas e as datas da súa implantación.

A sociedade concesionaria será a responsable ante a Administración da sinalización das obras e, de ser o caso, da información previa ao usuario que for necesaria e das normas de seguranza aplicadas, aínda que as obras sexan realizadas por terceiros e sen prexuízo das responsabilidades destes.

A sinalización relativa ás obras que afecten o tráfico, tales como valados, conos, avisos, sinais, bosquexos etc., aplicaranse de acordo coa normativa vixente en materia de circulación e sinalización, coas instrucións da Axencia Galega de Infraestruturas e coas indicacións do persoal de inspección de explotación.

A Axencia Galega de Infraestruturas, a través do persoal da inspección de explotación, será a competente para exixir a adopción das medidas por parte da sociedade concesionaria conducentes a producir as mínimas interferencias na libre e normal circulación na vía obxecto deste regulamento. Estas medidas poderán referirse á fixación de horarios e datas, sinalización, balizamento, prazo máximo de execución, medidas de seguranza, obras complementarias e calquera outra que a citada axencia coide conveniente, sen prexuízo das responsabilidades que puideren, de ser o caso, derivarse para a sociedade concesionaria fronte a terceiros.

TÍTULO III
Servizos ao usuario

CAPÍTULO I
Preceptos xerais

Artigo 27

A sociedade concesionaria coidará moi especialmente de dotar a vía daqueles medios e servizos que poidan contribuír máis eficazmente a satisfacer as necesidades do tráfico e as conveniencias dos usuarios.

Por solicitude dos usuarios afectados, a sociedade concesionaria colaborará na busca dun servizo de asistencia mecánica de urxencia.

Artigo 28

Para cumprir co preceptuado no artigo anterior, a sociedade concesionaria virá obrigada a prestar o adecuado servizo de información ao usuario e a manter a área de conservación e explotación, coas instalacións e servizos necesarios para desenvolver as funcións asignadas.

CAPÍTULO II
Sinalización e elementos complementarios

Artigo 29

A vía obxecto deste regulamento estará dotada da sinalización horizontal e vertical que determinen os proxectos ou instrucións aprobados pola Axencia Galega de Infraestructuras e demais normas vixentes; corresponde ao usuario a súa estrita observancia, de acordo co que, en cada caso, estableza a normativa vixente en materia de circulación, e será el o responsable dos danos á sociedade concesionaria ou a terceiros que derivaren da súa inobservancia.

A sinalización existente no exterior da vía obxecto deste regulamento, salvo a das propias interseccións e accesos a estas, será atendida polo órgano titular da estrada en que están situadas.

Cando se produzan situacións de emerxencia derivadas de accidentes, fenómenos meteorolóxicos (neve, xeo, sarabia, choiva etc.), obstáculos na calzada etc., a implantación da sinalización na vía poderá realizala a sociedade concesionaria, sen prexuízo da actuación de emerxencia que compete á Agrupación de Tráfico da Garda Civil.

En todos os casos a mencionada sinalización estará de acordo coas normas e instrucións vixentes en materia de circulación e sinalización.

Nos casos de circulación especial, o usuario deberá respectar a sinalización de emerxencia ou excepcional, que ten carácter preferente respecto á normal da vía e os seus accesos.

Constituíndo os accesos á vía unha zona de transición entre distintos réximes de circulación, os usuarios deberán prestar especial atención á sinalización establecida, así como a calquera indicación que puider eventualmente determinarse.

Artigo 30

Os elementos complementarios como barreiras de seguranza, balizamento, valados de cerramento ou separación, iluminación, plantacións etc., axustaranse á normativa vixente.

Non obstante, cando as necesidades do tráfico ou da súa seguranza exixan, a xuízo da Axencia Galega de Infraestruturas, melloras, ampliacións e incluso novas instalacións de elementos complementarios, a sociedade concesionaria está obrigada a cumprir as instrucións que a consellería dite ao respecto.

CAPÍTULO III
Información

Artigo 31

Con independencia do cumprimento da normativa respecto da sinalización dentro da vía obxecto deste regulamento para regular e facilitar a circulación por ela, a sociedade concesionaria facilitará ao usuario aquelas indicacións, noticias e informacións que poidan resultar máis eficaces en beneficio da seguranza e fluidez do tráfico e para lograr o uso máis adecuado da vía. Para estes efectos, poderá facer uso de carteis e sinais previamente aprobados pola Axencia Galega de Infraestruturas e de calquera outro medio que a Axencia ou a sociedade concesionaria consideren idóneo para estes fins. Todos estes sistemas serán coherentes cos instalados pola Dirección Xeral de Tráfico.

Sempre que se realicen obras ou se produza calquera outro evento que poida afectar as condicións normais da circulación, a sociedade concesionaria está obrigada a informar, ademais de á Delegación da Xunta de Galicia, ao persoal de inspección de explotación, á Dirección Xeral de Tráfico e aos usuarios, coa suficiente anticipación para que estes poidan elixir o itinerario co adecuado coñecemento, mediante a colocación dos oportunos carteis que indiquen tal situación, polo menos no tronco da vía, antes da saída inmediatamente anterior ao tramo afectado e no enlace que dá acceso ao tramo afectado, no lugar adecuado que permita ao usuario optar polo itinerario alternativo.

A Axencia Galega de Infraestruturas poderá requirir que a sociedade concesionaria instale, á súa custa, sinais ou carteis coa finalidade de facilitar aos usuarios información e indicacións máis eficaces en beneficio da seguranza e fluidez do tráfico, completar a información aos usuarios e evitar posibles confusións, así como para lograr un uso máis adecuado da vía obxecto deste regulamento.

Os carteis e o seu contido deberán ter as dimensións adecuadas para resultaren lexibles polos condutores desde o interior dos seus vehículos.

Artigo 32

A sociedade concesionaria non poderá realizar nin explotar ningunha publicidade da vía obxecto do regulamento, nin publicar folletos, notas informativas ou calquera outro material que conteña datos ou información en relación con estas sen autorización expresa da Axencia Galega de Infraestruturas.

Artigo 33

Considerarase de preferente interese toda a información destinada a facilitar recomendacións aos usuarios para unha mellor utilización da vía e das súas instalacións que permitan crear neles hábitos que contribúan a mellorar a seguranza viaria.

CAPÍTULO IV
Área de conservación e explotación

Artigo 34

A sociedade concesionaria disporá das instalacións necesarias para o mantemento, conservación e explotación da vía obxecto deste regulamento. As mencionadas instalacións incluirán edificacións adecuadas para talleres, oficinas, garaxes para vehículos, equipamentos e maquinaria que se precisen para a conservación, mantemento e explotación da vía.

A sociedade concesionaria manterá constantemente en situación de servizo as instalacións e medios situados na área de conservación e explotación que sexan indispensables para manter a circulación en condicións óptimas, de acordo coas prescricións contidas neste regulamento.

Artigo 35

Para a adecuada prestación do servizo, a área de conservación e explotación da vía estará convenientemente comunicada cos restantes servizos da vía, persoal, equipamentos e maquinaria de traballo.

O sistema de comunicacións só pode ser utilizado polo persoal da sociedade concesionaria ou por quen esta autorice, coa finalidade exclusiva de xestión da vía. Especialmente, deberá ser utilizado para atender e coordinar as actuacións en casos de accidentes, emerxencia e auxilio.

Artigo 36

O acceso á área de conservación e explotación estará limitado ás persoas afectas ou relacionadas coa vía obxecto deste regulamento, que poderán manobrar e aparcar libremente coas precaucións adecuadas e cumprindo a normativa de circulación.

Non está permitido o acceso dos usuarios á área de conservación e explotación, salvo para formularen reclamacións e en casos excepcionais. Nestes casos, os usuarios aparcarán o seu vehículo na zona reservada para visitas e dirixiranse camiñando directamente ao Centro de Conservación e Explotación.

Os vehículos da sociedade concesionaria, os das empresas que prestan servizos na vía, os da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e os do persoal de inspección de explotación poderán acceder a toda a vía, mesmo á área de conservación e explotación, en todos os casos, manobrando e aparcando libremente, coas precaucións adecuadas e cumprindo a normativa de circulación.

Artigo 37

O Centro de Conservación e Explotación estará atendido de forma permanente durante as 24 horas do día por persoal suficiente e cualificado, para os efectos da perfecta organización de todas as operacións da vía e, en especial, para arbitrar os medios necesarios en caso de emerxencia, accidente, solicitude de auxilio etc.

Deberá poder establecerse comunicación co persoal da inspección de explotación, coa Agrupación de Tráfico da Garda Civil e coa Dirección Xeral de Tráfico co fin de intercambiar a información que se considere necesaria ou que sexa preceptiva respecto á circulación, accidentes, estados da vía etc.

O Centro de Conservación e Explotación deberá facilitar a información do estado da vía etc. que lle requira a Axencia Galega de Infraestruturas e a Dirección Xeral de Tráfico.

CAPÍTULO V
Asistencia de auxilio ao usuario

Artigo 38

As peticións de auxilio por parte do usuario poden realizarse:

– Por medio da Agrupación de Tráfico da Garda Civil.

– A través do persoal e doutros medios da sociedade concesionaria.

– Por medio de teléfonos móbiles.

– Por calquera outro medio idóneo, adaptado ás circunstancias e que garanta a seguranza dos restantes usuarios da vía.

Sempre que sexa posible, o vehículo deberá estacionarse fóra da calzada. No caso de necesidade deterase na beiravía dereita e, cando non sexa posible, excepcionalmente na beiravía esquerda, ou, de ser o caso, no medianil.

TÍTULO IV
Canon de demanda

CAPÍTULO I
Lonxitudes

Artigo 39

Con anterioridade á posta en servizo da totalidade da vía obxecto deste regulamento, a sociedade concesionaria presentará a proposta de medición da lonxitude de cada tramo asociado a cada punto de contaxe para a súa aprobación pola Axencia Galega de Infraestruturas.

Disposición derradeira

Se con posterioridade á data de aprobación deste regulamento foren promulgadas polos órganos competentes disposicións que contradigan ou modifiquen algúns dos seus preceptos, e sen prexuízo da súa inmediata aplicación, a sociedade concesionaria solicitará da Axencia Galega de Infraestruturas as adaptacións precisas.