Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Venres, 8 de febreiro de 2013 Páx. 3691

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 19/2013, do 17 de xaneiro, polo que se crea o Consello Galego do Traballo Autónomo e se regula a súa composición e funcionamento.

O artigo 29. un do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúe á comunidade autónoma competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, competencias e servizos que neste ámbito, e a nivel de execución, ten o Estado respecto ás relacións laborais, sen prexuízo da alta inspección deste.

A través dos decretos 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, a Consellería de Traballo e Benestar asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo á promoción do emprego autónomo, á xestión do rexistro de asociacións profesionais de traballadores autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia, así como aqueloutras que as normas de desenvolvemento en Galicia da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, lle atribúan.

A aprobación da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, supuxo un novo punto de partida para as persoas traballadoras autónomas e o recoñecemento dos seus dereitos, tanto individuais como colectivos.

En desenvolvemento dos dereitos colectivos das persoas traballadoras autónomas regulados na Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, aprobouse o Decreto 406/2009, do 22 de outubro, polo que se crea o Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 147/2011, do 30 de xuño, polo que se crea o Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia e se determinan os criterios para acreditar e declarar a súa representatividade.

O artigo 22.7 da Lei 20/2007, do 11 de xullo, establece que as comunidades autónomas poderán constituír, no seu ámbito territorial, consellos consultivos en materia socioeconómica e profesional do traballo autónomo, así como regular a súa composición e funcionamento.

En cumprimento do disposto no precepto citado, mediante este decreto constitúese o Consello Galego do Traballo Autónomo como órgano consultivo do goberno galego en materia socioeconómica e profesional do traballo autónomo.

O decreto consta de 18 artigos distribuídos en tres capítulos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras e nel establécese a creación do Consello Galego do Traballo Autónomo, a súa natureza e réxime xurídico, funcións e composición, así como o seu réxime de funcionamento e organización.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de xaneiro de dous mil trece,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto, de conformidade co disposto no artigo 22.7 da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, a creación do Consello Galego do Traballo Autónomo, así como regular as súas funcións, composición, organización e réxime de funcionamento.

Artigo 2. Adscrición

O Consello Galego do Traballo Autónomo adscríbese á consellería da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias en materia de traballo a través da dirección xeral competente en materia de promoción do emprego autónomo.

Artigo 3. Natureza e réxime xurídico

1. O Consello Galego do Traballo Autónomo constitúese como órgano consultivo do goberno da Comunidade Autónoma de Galicia en materia socioeconómica e profesional do traballo autónomo.

2. O Consello Galego do Traballo Autónomo ten natureza de órgano colexiado e o seu réxime xurídico axustarase ás normas contidas no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na sección terceira do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 4. Sede e ámbito territorial

O Consello Galego do Traballo Autónomo ten a súa sede na cidade de Santiago de Compostela e o seu ámbito territorial abrangue a totalidade da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Funcións

1. O Consello Galego do Traballo Autónomo terá as seguintes funcións:

a) Emitir o seu parecer con carácter facultativo sobre:

1º Os proxectos normativos de competencia autonómica que incidan sobre o traballo autónomo.

2º O deseño das políticas públicas de carácter autonómico en materia de traballo autónomo.

3º Calquera outro asunto relacionado co seu ámbito funcional que se someta á súa consulta polo Consello da Xunta de Galicia ou polos seus membros.

b) Elaborar, por solicitude do Consello da Xunta de Galicia ou dos seus membros, ou por propia iniciativa, estudos ou informes relacionados co traballo autónomo e coas persoas traballadoras autónomas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Elaborar o seu regulamento de funcionamento interno.

d) Asesorar na planificación e na execución dos programas de desenvolvemento e fomento do traballo autónomo e a cultura emprendedora na Comunidade Autónoma de Galicia, prestando especial interese aos programas da Unión Europea.

e) Participar no Consello do Traballo Autónomo creado ao abeiro do artigo 22 da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, nomeando a persoa representante do Consello Galego do Traballo Autónomo nel.

f) Calquera outra competencia que lle sexa atribuída legal ou regulamentariamente.

2. No desenvolvemento destas funcións, e sinaladamente as referidas nos puntos a) 2º, b) e d), o Consello integrará a perspectiva de xénero, para o que terá en conta na elaboración de informes e ditames, así como na prestación de asesoramento, as diferenzas que se poidan dar en función do sexo.

Capítulo II
Composición do Consello Galego do Traballo Autónomo

Artigo 6. Composición

1. O Consello Galego do Traballo Autónomo estará composto pola presidencia, pola vicepresidencia e por dezaoito vogais.

2. O Consello Galego do Traballo Autónomo disporá dunha secretaría que será exercida por unha persoa funcionaria da dirección xeral competente en materia de promoción do emprego autónomo con rango non inferior a titular dunha xefatura de servizo. O seu nomeamento e cesamento corresponderá á persoa titular da consellería da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias en materia de traballo.

3. Na composición do Consello Galego do Traballo Autónomo procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes. Para iso, terase en conta o disposto no artigo 28 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva entre mulleres e homes.

Artigo 7. A presidencia

1. A presidencia do Consello Galego do Traballo Autónomo corresponderá á persoa titular da consellería da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias en materia de traballo.

2. Corresponde á persoa titular da presidencia:

a) Desempeñar a representación do Consello Galego do Traballo Autónomo.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias, establecendo, se for o caso, o carácter de urxencia e fixar a orde do día tendo en conta as peticións das demais persoas que compoñen o Consello formuladas coa suficiente anticipación e oída a Comisión Permanente.

c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Dirimir os empates co seu voto de calidade.

e) Asegurar o cumprimento das leis e a regularidade das deliberacións.

f) Visar as actas e certificacións dos acordos do Consello.

g) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á condición da presidencia do Consello.

3. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, a persoa titular da presidencia será substituída pola persoa titular da vicepresidencia. Nos casos de ausencia, vacante, enfermidade ou outra causa legal das persoas titulares da presidencia e da vicepresidencia, ocupará a presidencia do Consello unha das persoas vogais en representación da administración autonómica e segundo a orde establecida no artigo 10.1 letra a).

Artigo 8. A vicepresidencia

1. A vicepresidencia do Consello Galego do Traballo Autónomo estará a cargo da persoa titular da dirección xeral competente en materia de promoción do emprego autónomo.

2. Corresponde á persoa titular da vicepresidencia:

a) Substituír a persoa titular da presidencia nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, exercendo as funcións que lle estean atribuídas a aquela.

b) Todas aquelas funcións que lle sexan delegadas pola persoa titular da presidencia.

3. As funcións da persoa titular da vicepresidencia non serán delegables.

Artigo 9. A secretaría

1. Corresponde á persoa titular da secretaría:

a) Asistir ás reunións do Consello con voz, pero sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións do Consello por orde da presidencia, así como as citacións ás persoas que compoñen aquel.

c) Recibir os actos de comunicación das persoas que integran o Consello e, por tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos cales deba ter coñecemento o Consello.

d) Preparar o despacho dos asuntos que deba coñecer o Consello, así como redactar e autorizar as actas das sesións.

e) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados polo Consello.

f) Custodiar a documentación do Consello.

g) Cantas outras funcións sexan inherentes á secretaría do Consello.

2. A persoa titular da secretaría do Consello Galego do Traballo Autónomo poderá dispoñer da asistencia de persoal técnico de apoio para o desenvolvemento das súas funcións.

3. Nos casos de ausencia, vacante, enfermidade ou outras causas de imposibilidade de asistencia, a persoa titular da secretaría será substituída por unha persoa que teña a condición de persoal funcionario da consellería da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias en materia de traballo e designada pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de promoción do emprego autónomo.

4. A secretaría facilitará ás persoas que compoñen o Consello a información e a asistencia técnica necesaria para un mellor desenvolvemento das funcións que teñan encomendadas.

Artigo 10. Vogais

O Consello Galego do Traballo Autónomo estará integrado polas seguintes persoas vogais:

1. Seis en representación das administracións públicas:

a) Catro en representación da Administración autonómica:

– A persoa titular da dirección xeral competente en materia de formación e intermediación laboral.

– Unha persoa en representación da consellería da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias e funcións en materia de facenda, con rango non inferior a titular dunha dirección xeral.

– Unha persoa en representación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), con rango non inferior a titular dunha dirección xeral, por proposta da persoa titular da consellería da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias en materia de promoción económica.

– A persoa titular da subdirección xeral que teña atribuídas as competencias en materia de traballo autónomo da dirección xeral competente en materia de promoción do emprego autónomo.

b) Unha persoa en representación da Administración xeral do Estado que preste servizos no Servizo Público de Emprego Estatal (SPEE), por proposta da persoa titular do ministerio con competencias en materia de emprego.

c) Unha persoa en representación da Administración local, por proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

2. Doce persoas representantes das asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas e das organizacións sindicais e empresariais, distribuídas da seguinte forma:

a) Seis, en representación e por proposta de cada unha das asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas de carácter intersectorial e de ámbito autonómico declaradas máis representativas, conforme a súa puntuación, ao abeiro do disposto no Decreto 147/2011, do 30 de xuño, polo que se crea o Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia e se determinan os criterios para acreditar e declarar a súa representatividade.

No suposto de que fosen declarados representativos un número inferior a seis asociacións, proporía unha persoa vogal máis aquela asociación que obtivese unha maior puntuación na resolución que declare a representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos, e así sucesivamente, conforme a puntuación obtida, ata propor seis persoas vogais.

b) Tres en representación e por proposta de cada unha das organizacións sindicais de maior representatividade da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coa Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia.

c) Tres en representación e por proposta das organizacións empresariais máis representativas da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coa Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia.

3. Cada vogal do Consello Galego do Traballo Autónomo terá unha persoa suplente, que substituirá a persoa vogal titular en caso de ausencia ou de enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada.

4. As organizacións que conten con máis dunha persoa vogal no Consello deberán ter en conta o disposto no artigo 28 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva entre mulleres e homes.

Artigo 11. Funcións das persoas vogais

Corresponde ás persoas vogais do Consello Galego do Traballo Autónomo:

a) Recibir, cunha anticipación mínima de cinco días naturais, a convocatoria das reunións empregando os medios idóneos para garantir a súa recepción, con inclusión da orde do día e dispoñer, coa anticipación referida, da información precisa sobre os asuntos que se vaian tratar.

b) Asistir ás sesións e participar nos seus debates.

c) Exercer o seu dereito ao voto e formular, se é o caso, o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.

d) Formular e propoñer a inclusión de asuntos que se van tratar na orde do día, tanto nas sesións ordinarias como nas extraordinarias.

e) Formular rogos e preguntas, cando proceda.

f) Obter a información precisa para cumprir as funcións asignadas.

g) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición.

Artigo 12. Nomeamento das persoas vogais

As persoas vogais e as súas suplentes serán nomeadas e cesadas, por proposta das administracións públicas, das asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas e das organizacións sindicais e empresariais representadas no Consello, pola persoa titular da consellería da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias en materia de traballo. Tanto o nomeamento como o cesamento serán publicados no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Duración do mandato dos membros do Consello Galego do Traballo Autónomo

1. O mandato do presidente ou presidenta, do vicepresidente ou vicepresidenta e das persoas vogais que o sexan como consecuencia do cargo que desempeñan finalizará cando deixen de desempeñar o cargo que habilitou o seu nomeamento.

2. A duración do mandato das persoas vogais que non representen as administracións públicas será de catro anos, sen prexuízo da súa reelección e da posibilidade de substituír as titulares ou as suplentes durante o citado período, por proposta da organización que representen. Este prazo empezará a computarse desde a constitución do Consello Galego do Traballo Autónomo. Non obstante, unha vez transcorrido este prazo, as persoas vogais do Consello Galego do Traballo Autónomo continuarán no exercicio das súas funcións ata o nomeamento das novas persoas vogais que as substitúan.

Capítulo III
Funcionamento e organización do Consello Galego do Traballo Autónomo

Artigo 14. Réxime de funcionamento

1. O Consello Galego do Traballo Autónomo funcionará en pleno, en comisión permanente e en grupos de traballo.

2. O Consello Galego do Traballo Autónomo poderá establecer as súas propias normas de funcionamento a través do seu regulamento de réxime interno, que será aprobado polo Pleno.

Artigo 15. O Pleno

1. O Pleno estará composto polas persoas titulares da presidencia, da vicepresidencia e da secretaría e da totalidade das persoas vogais que se relacionan no artigo 10.

O Pleno exercerá as funcións que se especifican no artigo 5 e elaborará unha memoria anual sobre as actividades e os acordos adoptados.

2. O consello celebrará, polo menos, dúas sesións plenarias ordinarias ao ano, cuxa convocatoria será acordada pola persoa titular da presidencia. Esta, así mesmo, poderá acordar a convocatoria de sesións extraordinarias cando o considere xustificado ou cando así o solicite un terzo das persoas membros do Consello.

3. As convocatorias das sesións ordinarias efectuaranse coa debida anticipación e, polo menos, quince días naturais antes da data da reunión. Para as extraordinarias poderase reducir este prazo, que en ningún caso será inferior a cinco días naturais antes da data da reunión. As convocatorias deberán indicar o día, a hora e o lugar da reunión, así como incluír a orde do día, e acompañarase, se for o caso, da documentación necesaria para o seu estudo previo.

4. Para a válida constitución do Pleno, para os efectos da realización de sesións, das deliberacións e da adopción de acordos, requirirase, en primeira convocatoria, a presenza das persoas que desempeñen a presidencia e a secretaría, ou, se é o caso, das persoas que as substitúan, e de dous terzos, polo menos, das persoas que o compoñen con dereito a voto. En segunda convocatoria será suficiente coa asistencia da metade máis un das persoas que compoñen o Pleno con dereito a voto, sempre coa presenza das persoas que desempeñan a presidencia e a secretaría, ou das persoas que as substitúan.

5. Os acordos serán adoptados por maioría simple de votos, e será dirimente o voto do presidente en caso de empate.

Artigo 16. A Comisión Permanente

1. A Comisión Permanente do Consello Galego do Traballo Autónomo estará composta polas persoas titulares da presidencia, da vicepresidencia e da secretaría do Consello e por seis persoas vogais dúas en representación das administracións públicas, dúas en representación das asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas, unha en representación das organizacións sindicais e unha en representación das organizacións empresariais.

2. As persoas que integren a Comisión Permanente serán nomeadas, entre as persoas vogais do consello, pola persoa titular da presidencia do Consello, por proposta de cada un dos grupos de representación a que se refire o número anterior.

3. O réxime de funcionamento da Comisión Permanente responderá ás mesmas regras que se establecen para o pleno do Consello.

4. Son funcións da Comisión Permanente:

a) Propoñer á persoa titular da presidencia do Consello os asuntos para incluír na orde do día das reunións do Pleno.

b) Resolver as cuestións de trámite e a xestión ordinaria.

c) Coordinar os grupos de traballo que se constitúan.

d) Exercer as funcións do Pleno no caso de urxencia debidamente motivada e así apreciada de maneira unánime por todos os membros da Comisión Permanente.

e) Desenvolver as funcións que lle asigne o Pleno do Consello.

5. O Pleno do Consello poderá delegar na Comisión Permanente a realización de informes, propostas, consultas e estudos. A Comisión Permanente dará conta ao Pleno do Consello, na primeira sesión que celebre, do desenvolvemento das accións encomendadas.

Artigo 17. Os grupos de traballo

1. Poderán constituírse no seo do Consello Galego do Traballo Autónomo os grupos de traballo que acorde o Pleno e que se consideren necesarios para o mellor desenvolvemento das súas competencias.

2. Os grupos de traballo estarán compostos por unha persoa que ocupe a presidencia, que será unha das persoas vogais do Consello en representación das administracións públicas e por un mínimo de tres persoas vogais do Pleno: unha en representación das asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas, outra en representación das organizacións sindicais e outra en representación das organizacións empresariais. A elección da persoa que ocupe a presidencia e das persoas vogais dos grupos de traballo será realizada polo Pleno do Consello. Cada grupo de traballo designará, de entre as persoas que o integran, a persoa que exercerá as funcións da secretaría.

3. Os grupos de traballo elaborarán informes ou propostas sobre aqueles temas que lle encomende o Pleno do Consello.

4. Nos grupos de traballo poderán participar, con voz pero sen voto e por proposta de cada grupo representado, persoas expertas ou técnicas seleccionadas en función da materia.

Artigo 18. Gratuidade das funcións e compensacións económicas por asistencia ás reunións

O exercicio das funcións das persoas que compoñen o Consello Galego do Traballo Autónomo non implicará a percepción de remuneración ningunha por tal concepto, agás as persoas vogais relacionadas no artigo 10.2, que serán compensadas polos gastos ocasionados pola súa asistencia ás reunións do citado Consello.

Disposición adicional primeira. Medios de funcionamento

A consellería da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias en materia de traballo atenderá cos seus medios persoais e materiais a constitución e posta en funcionamento do Consello Galego do Traballo Autónomo. Os créditos necesarios para o seu funcionamento consignaranse nos orzamentos da consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de traballo, sen que, en ningún caso, se poida orixinar un incremento do gasto público.

Disposición adicional segunda. Constitución do Consello Galego do Traballo Autónomo

O Consello Galego do Traballo Autónomo deberá constituírse no prazo máximo de tres meses desde a entrada en vigor deste decreto.

Disposición derradeira primeira. Facultades de execución

Facúltase a persoa titular da consellería da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias en materia de traballo para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do disposto neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de xaneiro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar