Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Luns, 11 de febreiro de 2013 Páx. 4112

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello da Coruña

ANUNCIO de exposición pública da modificación do PEPRI da Cidade Vella e da Pescadería (expediente 631/140/2010).

A Xunta de Goberno Local, na sesión que tivo lugar o día 10 de decembro de 2012, adoptou o seguinte acordo:

«Primeiro. Aprobar inicialmente o documento presentado por EMVSA o 30 de novembro de 2012 para a modificación do PEPRI.

Segundo. Someter o documento ao trámite de información pública polo prazo de dous meses, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia, nos xornais de maior circulación na provincia e na páxina web do Concello da Coruña.

Terceiro. Ordenar a dilixencia do documento presentado o 30 de novembro de 2012.

Cuarto. Suspender o procedemento de outorgamento de licenzas urbanísticas no ámbito de aplicación da modificación do Plan especial que se aproba inicialmente, de conformidade co disposto no artigo 77.2º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e artigo 120.2 do Regulamento de planeamento urbanístico, co seguinte alcance:

a) No ámbito delimitado polo perímetro morado e zona de respecto, de acordo co sinalado polo Decreto 29/1984, do 9 de maio, de declaración do conxunto histórico-artístico da Coruña, suspéndese o procedemento de concesión de licenzas urbanísticas para as actuacións que impliquen unha alteración catastral das parcelas nas cales se sitúan os edificios na súa integridade; parcelacións, segregacións e agregacións parceiras; as de nova edificación en soares vacantes ou resultantes de demolicións previas.

A suspensión dos procedementos de concesión da licenza implica a da exixencia da obriga de rehabilitación forzosa durante a súa vixencia, así como as que teñan por obxecto a demolición, baleirado interior total do inmoble, ampliación e adición de plantas e reestruturación de edificacións existentes (coa excepción da reconstrución esencial definida en artigo 21.4.a) da normativa urbanística do Plan especial vixente). De ser o caso, adoptaranse cantas medidas de seguridade procedan.

Quedan excluídas do acordo de suspensión do procedemento de tramitación de licenzas os ámbitos que dispoñan de instrumento de plan de desenvolvemento que conteña a súa regulación detallada propia ou de instrumentos de equidistribución, aprobados e firmes e, en concreto, o ámbito da rúa paralela Beiramar-Pelamios, situada fronte ao centro Pablo Picasso.

b) Para o ámbito do Plan especial non incluído na delimitación anterior suspéndese o procedemento de outorgamento de licenzas urbanísticas que impliquen nova edificación en soares vacantes ou resultantes de demolicións previas, así como a obriga de rehabilitación forzosa durante o período de suspensión.

A suspensión afectará, así mesmo, ás solicitudes que proxecten a ampliación ou adición de plantas en edificación existente.

c) Para os edificios catalogados polo vixente plan suspéndese o procedemento de outorgamento de licenzas urbanísticas para aquelas solicitudes que supoñan a alteración catastral das parcelas nas cales se sitúan os edificios na súa integridade, parcelacións, segregacións ou agregacións parceiras. Igualmente, queda suspendido o procedemento de tramitación de licenzas urbanísticas que teñan por obxecto a demolición, baleirado interior total do inmoble e reestruturación dos edificios, con excepción daqueles que proxecten concretamente a reconstrución esencial definida no artigo 21.4.a) da normativa urbanística do Plan especial vixente.

d) Non se suspenden as licenzas para aqueles proxectos que cumpran simultaneamente ambos os dous planeamentos.

Quinto. Notificar o presente acordo aos titulares catastrais, aos departamentos municipais de Xestión do Solo, Licenzas e Disciplina Urbanística, Sección de Patrimonio Urbanístico, Oficina do GIS de Planeamento, á Área de Infraestruturas e á Oficina de Rehabilitación Urbana e Vivenda.

Sexto. Solicitar os informes sectoriais necesarios para a tramitación do expediente».

O expediente sométese a exposición pública, de conformidade co artigo 86.1.a) da Lei 9/2002, do 30 de novembro (modificado pola Lei 2/2010, do 25 de marzo), polo prazo de dous meses a partir da publicación no DOG ou na prensa local, para que calquera interesado poida consultalo e, se é o caso, presentar as alegacións que xulgue oportunas (artigo 128.4 do Real decreto 2159/1978, RPU).

O expediente administrativo e a documentación técnica que integra a modificación do PEPRI pode consultarse na oficina municipal de Información e Rexistro da Área de Urbanismo (praza Indalecio Prieto 1-3), en horario laboral de luns a venres, así como na web municipal, www.coruna.es/urbanismo (exposición pública, revisión PEPRI).

A Coruña, 18 de decembro de 2012

César de Jesús Otero Grille
Director de Urbanismo