Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Martes, 12 de febreiro de 2013 Páx. 4141

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 1 de febreiro de 2013 pola que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias oficiais e se modifica a denominación de titulacións nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de xaneiro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, serán acordadas pola Comunidade Autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

Polo Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, modificado polo Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, establécese a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, e disponse no seu capítulo VI o procedemento de verificación e acreditación dos títulos. Os planos de estudos deberán ser verificados polo Consello de Universidade e someterse a un procedemento de acreditación cada seis anos no caso dos graos e doutoramentos e catro nos de máster, contado desde a data da súa verificación inicial ou a súa última acreditación, co fin de manter a súa acreditación.

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do Sistema universitario de Galicia, e a Orde do 20 de marzo de 2012 pola que se desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

No artigo 12 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro, establécese que o procedemento para obter a autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito territorial propio da Comunidade Autónoma se fará por orde da consellería competente en materia de universidades e se publicará no Diario Oficial de Galicia. O Pleno do Consello Galego de Universidades do día 25 de xaneiro de 2013, de acordo co previsto no artigo 5.j) da Lei 2/2003, do 22 de maio, do Consello Galego de Universidades, emitiu informe favorable sobre a solicitude de implantación de determinados títulos universitarios oficiais de máster e doutoramento e sobre o cambio na denominación de determinados títulos oficiais de máster, xa autorizados, para adaptalos ás resolucións de verificación do Consello de Universidades e ao informe final da ACSUG.

As universidades, logo de ser autorizadas a implantar estudos, quedarán obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis aló dun curso académico. Por razóns excepcionais, debidamente xustificadas, o departamento competente en materia de universidades poderá autorizar a non impartición da titulación noutro curso académico. A non impartición da titulación máis alá de dous cursos académicos consecutivos levará consigo o inicio do procedemento de revogación.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Conceder autorización á Universidade da Coruña para implantar as ensinanzas universitarias oficiais de:

– Máster universitario en Enxeñaría da Auga (interuniversitario).

– Máster universitario en Enxeñaría Industrial.

– Máster universitario en Enxeñaría Informática.

– Máster universitario en Enxeñaría Naval e Oceánica.

– Máster en Estudos Avanzados sobre a Linguaxe, a Comunicación e as súas Patoloxías (interuniversitario).

– Máster universitario en Tecnoloxías de Edificación Sustentable.

– Programa de doutoramento en Ciencias Mariñas, Tecnoloxía e Xestión (interuniversitario).

Artigo 2.

Conceder autorización á Universidade de Santiago de Compostela para implantar as ensinanzas universitarias oficiais de:

– Máster universitario en Avogacía.

– Máster universitario en Márketing, Consultoría e Comunicación Política.

– Máster universitario en Estudos Avanzados sobre a Linguaxe, a Comunicación e as súas Patoloxías (interuniversitario).

– Programa de doutoramento en Ciencias Mariñas, Tecnoloxía e Xestión (interuniversitario).

Artigo 3.

Conceder autorización á Universidade de Vigo para implantar as ensinanzas universitarias oficiais de:

– Programa de doutoramento en Ciencias Mariñas, Tecnoloxía e Xestión (interuniversitario).

Artigo 4. Modificación na denominación de titulacións universitarias oficiais

1. Logo de resolución do Consello de Universidades do 15 de xullo de 2009, modifícase a denominación do programa de doutoramento en Lingüística Galega, autorizado como interuniversitario da Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro, que pasa a denominarse programa de doutoramento en Lingüística Galega pola Universidade de Vigo.

2. Logo de resolución do Consello de Universidades do 6 de xullo de 2009, modifícase a denominación do programa de doutoramento en Lingüística Galega, autorizado como interuniversitario da Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro, que pasa a denominarse programa de doutoramento en Lingüística Galega pola Universidade de Santiago de Compostela.

3. Modifícase a denominación do máster universitario en Metodoloxía e Aplicacións en Ciencias da Vida da Universidade de Vigo, autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro, co fin de adaptalo ao informe final favorable da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia do 7 de xuño de 2011, polo que pasa a denominarse máster universitario en Metodoloxía e Aplicacións en Bioloxía Molecular pola Universidade de Vigo.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria