Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Xoves, 14 de marzo de 2013 Páx. 7626

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de emerxencia social e para a realización de viaxes por razóns de interese social, asistencial ou humanitario e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

Segundo o disposto no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, en relación coa disposición transitoria terceira do Decreto 243/2012, do 5 de decembro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento de galeguidade, relacións coas comunidades galegas no exterior e política inmigratoria e de retorno en Galicia.

Segundo establece o Decreto 325/2009, do 18 de xuño, para a execución destas competencias, a Secretaría Xeral da Emigración estrutúrase en distintas unidades administrativas con nivel orgánico de subdirección xeral, que teñen, entre as súas funcións, desenvolver programas sociais que melloren o benestar social e a calidade de vida dos galegos emigrantes ou retornados, promover a posta en marcha de medidas tendentes á universalización das accións, axudas e prestacións de carácter social para todos aqueles emigrantes que, pola súa idade, condicións económicas e país de residencia, así o demanden, favorecer a extensión dos dereitos socio-sanitarios ao conxunto da emigración galega; así como impulsar un sistema de atención integral dos emigrantes retornados e inmigrantes en calquera ámbito relativo á protección dos seus dereitos.

Por outra banda, o Estatuto da cidadanía española no exterior, aprobado mediante a Lei 40/2006, do 14 de decembro, que se configura como o marco xurídico que lles garante aos cidadáns residentes no exterior o exercicio dos seus dereitos e deberes constitucionais, establece, no seu artigo 5, a asistencia e protección por parte da Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas, no marco das súas respectivas competencias, daqueles cidadáns residentes no exterior que se atopen en situacións de necesidade.

Para a realización de todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración conta con distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia con cargo aos fondos públicos.

Porén, ao longo destes anos, a Secretaría Xeral da Emigración ten detectada a existencia de situacións do carácter máis diverso, sobrevidas e non previstas a persoas sen recursos destes colectivos, orixinadas por causas derivadas de desastres naturais ou de carácter sanitario, social ou asistencial que, polas súas características especiais, deben ser obxecto dunha convocatoria específica de axudas que se adapte ás súas peculiaridades, fundamentalmente á da necesidade de ser atendidas con urxencia.

As peticións prodúcense ao longo de todo o ano, sen concentrarse en datas concretas, e as causas destas (motivos asistenciais, de precariedade económica, humanitarios etc.) están dentro do ámbito de actuación que, por atribucións competenciais, lle corresponde á Secretaría Xeral da Emigración.

As circunstancias de temporalidade e a especificidade dos supostos concretos que se formulan, así como a diferente situación persoal e familiar dos solicitantes e dos países nos que viven, impiden a comparanza e prelación entre as solicitudes presentadas para a súa resolución nun único procedemento, sendo aplicable a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, coas garantías previstas no seu artigo 31.4. Así mesmo, ao ter estas axudas un carácter marcadamente social e humanitario, dirixidas a persoas sen recursos e que se conceden en atención a ter acreditado, previamente á súa concesión, tal situación, cómpre aplicar o disposto no artigo 28.9 da mencionada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia na fase de xustificación, sen prexuízo de poder establecer os controis necesarios para verificar o cumprimento das obrigas e a existencia de tal situación.

Na súa consecuencia, convén realizar unha convocatoria de axudas para atender estas situacións, que se tramitará na modalidade de concorrencia non competitiva, prevista no antedito artigo 19.2, de modo que as solicitudes de subvención irán sendo atendidas na medida en que se vaian presentando, sen comparación con outras solicitudes ata o esgotamento do crédito dispoñible, establecendo uns requisitos e criterios básicos nos que se fundamenten as resolucións sobre as peticións que se reciban, de tal xeito que garantan a súa obxectividade e non se creen expectativas que non poidan ser satisfeitas por razón da propia índole da convocatoria, das situacións ás que se pretende dar cobertura e das propias limitacións dos créditos a ela destinados.

A disposición adicional segunda do referido Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

En virtude do exposto e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, naqueles preceptos que sexan básicos e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na normativa que a desenvolve,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións da Secretaría Xeral da Emigración para atender casos sobrevidos de emerxencia social, sanitaria, asistencial ou que teñen por finalidade sufragar os custos de emisión de billetes para a realización de viaxes motivadas por causas sociais, asistenciais, humanitarias ou similares cuxa atención corresponda ao ámbito de competencias propias deste centro directivo. Estas bases inclúense no anexo I e van dirixidas aos galegos emigrantes e aos seus descendentes que se atopen en grave risco de exclusión ou necesidade.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2013.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser beneficiario destas subvencións, deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7 das bases reguladoras.

Artigo 3. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e ata o 30 de novembro de 2013, ambos os dous inclusive.

Artigo 4. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Emigración, a través dos seguintes medios:

a) Poderá obterse información xeral deste procedemento na Guía de procedementos e servizos na páxina web da Xunta de Galicia (http://www.xunta.es).

b) Así mesmo, no portal web oficial da Secretaría Xeral da Emigración
(http://emigracion.xunta.es), na súa epígrafe de Liñas de axuda onde, ademais de obter os modelos normalizados de solicitude, poderase descargar o texto íntegro desta resolución, as bases reguladoras da convocatoria así como facer consultas a través da caixa de correo de dúbidas habilitado para o efecto.

Artigo 5. Financiamento

Para a concesión destas subvencións destinaranse un crédito de 15.000 € correspondentes á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2013. Este importe poderá ser ampliado en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación á vista do número de solicitudes. Transcorrido o segundo cuadrimestre do ano sen ter sido tramitadas solicitudes para poder adxudicar o 50 % do crédito previsto na convocatoria, este poderá reducirse ata unha porcentaxe similar a empregada ata esa data para poder atender outros fins, logo da correspondente resolución do secretario xeral da Emigración e a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6. Desenvolvemento e aplicación

O secretario xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria e das súas bases reguladoras.

Artigo 7. Réxime de recursos

Contra esta resolución, que é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o secretario xeral da Emigración, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2013

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión de axudas de emerxencia social ou para a realización de viaxes por razón de interese social, asistencial ou humanitario

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto atender situacións de emerxencia social ou sanitarias sobrevidas e de carácter extraordinario que precisan dunha actuación urxente e para sufragar os custos de viaxes que teñan que realizar, por razóns destas características, as persoas que poidan ter a condición de beneficiarios ao cumprir os requisitos establecidos nos artigos 4 e 5 destas bases.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia que no seu artigo 19.2, establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán considerar excepción do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario e se cumpran as garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.

Para estes efectos, a concesión destas axudas, estará en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Secretaría Xeral da Emigración publicará a indicada circunstancia, o que levará consigo a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Natureza das axudas

1. As axudas teñen carácter persoal e intransferible. As axudas non orixinan ningún dereito subxectivo para os beneficiarios e estarán, en todo caso, condicionadas ás dispoñibilidades orzamentarias do exercicio correspondente, previstas para esta finalidade.

No suposto de que, unha vez ditada a resolución de concesión da axuda, o beneficiario falecese, poderá aboarse a axuda ás persoas que acrediten a súa condición de herdeiros, de acordo coa normativa do país de residencia, no prazo de tres meses desde a data da resolución, sempre que o obxecto da axuda así o aconselle.

2. Soamente se poderá conceder unha axuda por feito causante. Cada solicitante soamente poderá pedir unha axuda por un único suposto. De presentarse máis dunha solicitude, entenderase como válida a presentada en primeiro lugar, segundo o asento de rexistro correspondente.

Artigo 3. Contía máxima e concorrencia de axudas

1. A axuda máxima por beneficiario non poderá exceder de 3.000 €. Se é o caso, as viaxes obxecto destas axudas, realizaranse na clase máis económica do medio de transporte que se utilice e a axuda máxima que se concederá nestes casos será de 1.500 € por beneficiario.

2. As axudas previstas nesta resolución serán incompatibles con calquera outra das reguladas pola Secretaría Xeral da Emigración ou organismos públicos para os mesmos conceptos.

Artigo 4. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas subvencións as seguintes persoas:

a) Cidadáns de orixe galega e nacionalidade española que sexan emigrantes residentes no exterior, e os seus descendentes ata o primeiro grao por consanguinidade, empadroados nalgún concello de Galicia que, por mor de razóns de emerxencia social, sanitaria, asistencial ou humanitaria, segundo se especifica nestas bases, teñan necesidade urxente para afrontar unha situación desta índole, ou deban desprazarse a Galicia ou ao resto do Estado para iso. A forma de acreditar a condición de emigrante sinálase no artigo 7 destas bases.

b) Cidadáns galegos residentes en Galicia que sexan familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade de emigrantes galegos naturais de Galicia residentes no exterior, que teñan que desprazarse necesariamente xunto a estes emigrantes por mor de razóns extraordinarias de carácter asistencial, sanitario ou humanitario, segundo se especifica nestas bases.

Excepcionalmente, para o caso en que as persoas a que se refire a letra a) deste artigo, non poidan valerse por si mesmas para a realización da viaxe, poderá ser tamén beneficiario destas axudas un acompañante.

Artigo 5. Requisitos dos beneficiarios

a) Ter rendas, ingresos ou patrimonio insuficiente.

Esta carencia de rendas, ingresos ou patrimonio, deberá ser acreditado pola persoa que solicita a axuda ou que vai realizar a viaxe así como polo acompañante ao que, de ser o caso, tamén se lle outorgue a axuda e polos familiares que, se é o caso, vaian acoller ou seren atendidos pola persoa que se despraza.

Considerarase que existen rendas ou ingresos insuficientes cando aqueles dos que dispoña o interesado ou se prevexa que vai dispoñer en cómputo anual, sexan iguais ou inferiores á prestación económica por ancianidade vixente, establecida polo Estado español, nas contías determinadas para o exercicio da convocatoria, computándose todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas.

Naqueles países para os que o Estado español non ten fixadas as contías das prestacións económicas por ancianidade, a referencia será o 80 % da contía da pensión non contributiva do Estado español por xubilación.

Así mesmo, cando o solicitante da axuda sexa unha persoa que resida en Galicia, segundo o previsto na letra b) do artigo anterior, tomarase como referencia o salario mínimo interprofesional vixente no ano da convocatoria.

Malia o disposto nos parágrafos anteriores, se o solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes, segundo o previsto nese parágrafo, pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais (que virá dada, segundo o caso, pola prestación asistencial por ancianidade, pensión non contributiva ou salario mínimo interprofesional) máis o resultado de multiplicar o 30 % da devandita cifra polo número de conviventes menos un.

Para estes efectos, considerarase unidade económica familiar, a formada polo solicitante da axuda, o seu cónxuxe ou parella de feito, os fillos e parentes por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao que convivan co solicitante. Igualmente, consideraranse rendas ou ingresos computables os bens ou dereitos de que dispoña anualmente o beneficiario ou a unidade económica familiar, derivados tanto do traballo como do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles.

Considerarase que existe patrimonio mobiliario suficiente cando existan bens mobles cun valor superior á base de cálculo da pensión asistencial por ancianidade en cómputo anual, pensión non contributiva do Estado español por xubilación, ou salario mínimo interprofesional, segundo o caso. Así mesmo, considerarase que existe patrimonio inmobiliario suficiente cando o valor patrimonial ou equivalente dos inmobles, agás a vivenda habitual, supere en 2,5 veces a base de cálculo da pensión asistencial por ancianidade en cómputo anual ou pensión non contributiva do Estado español por xubilación, ou salario mínimo interprofesional, segundo o caso.

b) Acreditar razóns de carácter social, sanitario ou asistencial de situacións sobrevidas nun tempo próximo o da solicitude que, pola súa gravidade, requiran unha urxente atención ou ter a necesidade de realizar a viaxe para a que se solicita a axuda por mor destas razóns.

Para estes efectos, consideraranse razóns sociais, sanitarias, asistenciais ou humanitarias, as seguintes:

– Atoparse no exterior en situacións de marxinación social, ou de tal grao de dependencia, que non se poida valer por si mesmo e non ter cuberta a necesidade de atención por ningún medio.

– Situacións derivadas da perda, inadecuación ou dotación básica da vivenda habitual ou familiar e carecer de medios para paliar esta situación.

– Situacións derivadas de problemas perentorios referidos á alimentación, vestido, educación e outros de natureza análoga non cubertos polos diferentes sistemas de protección.

– Situacións derivadas de problemas sanitarios graves cuxo tratamento non estea debidamente cuberto ou con respecto dos cales, para a axuda de viaxes, a súa atención no Estado español, tanto nun centro incluído na rede sanitaria pública como nun centro privado, supoña unha vantaxe significativa. Nestes casos deberá de acreditar previamente o solicitante da axuda que ten cuberta a correspondente prestación sanitaria.

– Aqueloutras situacións de carácter social, asistencial ou humanitario que deriven na necesidade dunha intervención urxente.

Artigo 6. Investimento subvencionable

Segundo o tipo de finalidade serán subvencionables os gastos derivados dos seguintes conceptos:

– De urxencia social: necesidades básicas en relación á alimentación, o vestido, á vivenda habitual ou outros supostos de carácter urxente e grave necesidade.

– De urxencia sanitaria: necesidades graves e urxentes de carácter sanitario, non cubertas ou solo cubertas parcialmente polos sistemas públicos.

– De custos de viaxe: os necesarios para paliar efectos das causas expostas anteriormente que precisen o traslado do interesado, ou familiares deste, a outro país que non sexa o de residencia habitual. Para estes efectos entenderanse incluídos nestes custos os de emisión do billete, así como os correspondentes a taxas e impostos directamente relacionados coa emisión daquel. De ser o caso, tamén se entenderán incluídos os custos derivados da tramitación de permisos ou documentos oficiais que sexan requisito indispensable para efectuar a viaxe.

As resolucións estimatorias para a realización de viaxes ditadas ao abeiro da correspondente convocatoria, implicarán que a Secretaría Xeral da Emigración poderá efectuar, de ser o caso, todas as xestións que sexan precisas para a emisión dos billetes e para a súa posta á disposición en favor do beneficiario da axuda, quen, salvo manifestación expresa en contra, entenderase que presta o seu consentimento para a realización de tales trámites.

Artigo 7. Lugar, prazo de presentación de solicitudes e documentación

1. De acordo co establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes e a Orde do 15 de setembro de 2011, as persoas interesadas poderán presentar electronicamente as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico: https://sede.xunta.es

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante, carecendo do carácter de copia auténtica. A Administración, en calquera momento da tramitación do procedemento, poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e do artigo 22.3 do citado Decreto 198/2010. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos.

2. Igualmente, as solicitudes poderán presentarse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral da Emigración (rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Poderanse presentar nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante.

Os modelos normalizados de solicitude poderán obterse nas páxinas web:

https://sede.xunta.es e http://emigracion.xunta.es

3. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse no prazo que se indiquen na correspondente resolución de convocatoria.

4. A solicitude de subvención será presentada segundo o modelo normalizado recollido no anexo II desta convocatoria de axudas. No caso de que os solicitantes sexan menores de idade ou incapacitados, asinará a solicitude o pai, nai ou titor daquel.

A solicitude irá acompañada da documentación que a continuación se relaciona, en orixinal ou copia compulsada:

a) Documentos acreditativos da identidade e nacionalidade española:

Os solicitantes que estean en posesión de NIF poderán prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe por medio de acceso electrónico a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude. Para o caso de que non presten este consentimento deberán presentar fotocopia do NIF e para aqueles solicitantes que non estean en posesión de NIF deberán presentar fotocopia do pasaporte.

b) Certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento xustificativo que acredite a residencia no exterior e a nacionalidade española. No documento presentado debe constar a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular, agás en casos de imposibilidade de obtención.

c) Documentos acreditativos da orixe galega. A orixe galega xustificarase mediante calquera documento oficial que acredite un dos dous requisitos seguintes:

1. Ser nado en Galicia ou que a última veciñanza administrativa en España fora en Galicia cun mínimo de dous anos continuados.

2. Atoparse vinculado con calquera concello galego no censo electoral de residentes ou residentes ausentes e ser descendente ata o primeiro ou segundo grao de consanguinidade, segundo os casos, dunha das persoas descritas no parágrafo anterior.

d) Os seguintes documentos acreditativos da situación económica tanto da persoa beneficiaria da axuda como, se é o caso, do acompañante e da familia de acollemento:

1. Nos países en que exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, copia da última declaración presentada do interesado e/ou os membros da unidade económica familiar e, se é o caso, do acompañante e da familia de acollemento.

No caso de que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar ou non estivesen obrigados a realizala, xustificación desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza que perciba o interesado e os membros da unidade económica familiar e, se é o caso, do acompañante e da familia de acollemento, ou de non percibirse, declaración responsable do solicitante e, se é o caso, do acompañante e da familia de acollemento de que ningún membro da unidade económica familiar, incluído o interesado, percibe ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza, segundo o modelo do anexo VI para o solicitante ou do anexo X para o acompañante.

2. Certificado catastral ou documentación similar en que conste o valor patrimonial dos bens inmobles, agás a vivenda habitual, de que dispoñan os membros da unidade económica familiar do solicitante e, se é o caso, do acompañante e da familia de acollemento.

De non existir no país de residencia a posibilidade de expedición do devandito certificado catastral, abondará con presentar unha declaración responsable en que conste o valor patrimonial dos bens mobles e inmobles de que dispoñan os membros da unidade económica familiar do solicitante e, se é o caso, do acompañante e da familia de acollemento.

e) Documentos xustificativos do estado de necesidade que fundamente a solicitude de axuda, emitidos por un organismo oficial ou por organismo de ampla traxectoria no eido asistencial ou no campo sanitario. Así mesmo, consideraranse válidos os certificados emitidos por profesionais destes ámbitos visados polos correspondentes colexios oficiais.

f) Para a realización no Estado español de prestacións sanitarias, acreditación da súa cobertura pola Seguridade Social ou polo centro sanitario onde tal prestación se vaia realizar. Igualmente, para o caso de acollemento familiar ou asistencial, acreditación por parte da familia ou centro de acollida de facerse cargo da persoa beneficiaria da axuda.

g) Para o caso de necesitar da asistencia dun acompañante, certificados expedidos por organismos oficiais, acreditativos do grao de discapacidade e da necesidade de asistencia dunha terceira persoa durante a viaxe. Non terán que presentar esta documentación cando o solicitante autorice a Secretaría Xeral da Emigración verificar o dato do grao de discapacidade, sempre e cando fose recoñecido pola Xunta de Galicia, e marcando o recadro que figura no anexo II.

h) Declaración expresa sobre o conxunto de axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou entes públicos ou privados segundo o modelo do anexo IV para o solicitante ou do anexo VIII para o acompañante.

i) Declaración expresa de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia que impiden obter a condición de beneficiario das subvencións reguladas por esta lei, segundo o modelo do anexo V para o solicitante ou do anexo IX para o acompañante.

j) Declaración responsable, asinada polo beneficiario da axuda, de estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia segundo o modelo do anexo VII para o solicitante ou do anexo XI para o acompañante. Isto en aplicación do artigo 48 da Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, en relación co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k) Calquera outra documentación que a Secretaría Xeral da Emigración considere necesaria ou conveniente para ditar a resolución de concesión ou denegación da axuda.

3. Para o caso de que o solicitante da axuda, teña necesariamente que viaxar cun acompañante, este deberá de cubrir tamén a correspondente solicitude segundo o modelo do anexo III da resolución desta convocatoria de axudas e presentar a documentación e declaracións que se especifican nas letras c), g), h), i) e letra j) do punto anterior e copia do seu NIF ou pasaporte.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras.

1. O solicitante da axuda presta o seu consentimento, en declaración que se inclúe na solicitude, para que a Secretaría Xeral da Emigración poida recadar da Axencia Estatal da Administración Tributaria a subministración directa e telemática da información relativa aos seus ingresos, rendas e situación patrimonial.

2. De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder da Secretaría Xeral da Emigración, sempre que se manteña vixente e sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á proposta de resolución.

3. Segundo o establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

4. A través da solicitude proporciónanse á Secretaría Xeral da Emigración datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para ese efecto procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas. Con respecto deste ficheiro, cuxo titular e responsable será a Secretaría Xeral da Emigración, decláranse recoñecidos os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela (A Coruña).

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, non entanto, a Secretaría Xeral da Emigración revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Artigo 9. Órgano competente

A Subdirección Xeral de Programas Sociais é o órgano encargado da instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondendo ao secretario xeral da Emigración ditar a resolución de concesión ou denegación da axuda.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución que será ditada nos termos do artigo 42 da citada Lei 30/1992.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 11. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que estimen pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 12. Resolución, notificación e pagamento

1. Unha vez concluída a tramitación do expediente, o instrutor formulará a proposta de resolución, que se elevará ao secretario xeral da Emigración quen, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada.

O prazo máximo para resolver será dun mes contado desde o día seguinte ao da presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Non obstante, as actividades obxecto destas axudas deberán realizarse con anterioridade ao 31 de decembro de 2013.

2. Segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, todas as resolucións serán notificadas de acordo co previsto no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e a notificación practicarase conforme o establecido no seu artigo 59.

3. A contía das axudas concedidas aboaráselles aos beneficiarios nun pagamento único, unha vez notificada a resolución de concesión. Realizarase, salvo casos que así o aconsellen, mediante transferencia bancaria. A Administración non se fai responsable da imposibilidade de efectuar o pagamento por causas imputables aos solicitantes.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificaicón da resolución, se esta for expresa ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

b) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

c) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

O beneficiario deberá solicitar a dita modificación mediante instancia dirixida ao secretario xeral da Emigración, xunto coa documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior, cun límite de 15 días desde o da data de notificación da resolución da axuda concedida.

3. O acto polo que se acorde a modificación da resolución ou, se é o caso, se denegue, será ditado polo órgano que a ditou, logo da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia aos interesados na forma prevista no artigo 9 destas bases.

Artigo 15. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos quince días desde a notificación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. No caso de que se comunicase a renuncia, o secretario xeral da Emigración ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

Logo do aboamento da axuda correspondente:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención e xustificar, en caso das axudas de viaxe, ante a Secretaría Xeral da Emigración telo efectuado.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Secretaría Xeral da Emigración, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

d) Adoptar, de ser o caso, as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da dita lei.

f) As demais obrigas previstas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A Secretaría Xeral da Emigración poderá solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que considere adecuados.

Artigo 17. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Control

1. A Secretaría Xeral da Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 19. Publicidade

O artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia prevé que se publicarán no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención. Igualmente, estas relacións serán obxecto de publicación na páxina web: http://emigracion.xunta.es, da Secretaría Xeral da Emigración.

Non obstante o anterior, atendendo ás especiais características destas axudas e de conformidade co artigo 13.6 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, exceptúase da publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración e do Diario Oficial de Galicia a relación dos beneficiarios destas axudas residentes no exterior e o importe das axudas concedidas, dado que a publicación podería ser contraria ao respecto e salvagarda da honra e intimidade persoal e familiar dos solicitantes.

Artigo 20. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e demais normativa que a desenvolva.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file