Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Xoves, 21 de marzo de 2013 Páx. 8585

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 20 de marzo de 2013 pola que se establecen as condicións dunha emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe de 15 millóns de euros.

Con base no artigo 40 da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, autorízase a realización das operacións financeiras recollidas na indicada lei, mediante a emisión de débeda pública, a concertación de créditos ou calquera outros instrumentos financeiros dispoñibles no mercado.

Así mesmo, no artigo 33 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia establécese que as emisións de débeda pública ou operacións de crédito que realice a comunidade terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda dentro dos límites sinalados na lei, ao cal lle corresponderá, tamén, autorizar as súas características técnicas e o seu tipo de xuro, se estes no fosen determinados pola súa lei de creación. Esta facultade corresponde na actualidade á conselleira de Facenda, en virtude da nova estruturación dos departamentos da Xunta de Galicia, regulada polos decretos 227/2012, do 2 de decembro e 235/2012, do 5 de decembro.

Mediante acordos do Consello de Ministros con datas do 18 de xaneiro de 2013 e do 1 de marzo de 2013, obtívose a autorización establecida no artigo 14.3º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo único

Autorízase un novo tramo (tramo 3), por un importe nominal de 15 millóns de euros, da emisión de débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia que, baixo a forma de obrigacións da Xunta de Galicia, foi emitida o 15 de decembro de 1997, ao tipo de xuro do 6,28 % e amortización dunha soa vez á par na data de vencemento, o 15 de decembro de 2017 (código ISIN ES0001352139).

As datas de amortización e vencemento de cupóns, así como o tipo de xuro nominal anual e demais condicións deste novo tramo da emisión de débeda pública que autoriza a presente orde, serán as mesmas que se estableceron na Orde do 7 de novembro de 1997, pola que se establecen as condicións da emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 91.191.566,56 euros (Diario Oficial de Galicia núm. 222, do 17 de novembro), coas seguintes excepcións:

Importe nominal da emisión: quince (15) millóns de euros.

Data de emisión e desembolso do novo tramo: 21 de marzo de 2013. Os valores que se emitan agregaranse á emisión anteriormente sinalada, tendo a consideración de ampliación daquela, coa que se xestionarán como unha única emisión a partir da súa posta en circulación.

Cupón corrido: 1,65173 % sobre o importe nominal da emisión.

Prezo de emisión excluíndo o cupón corrido: 107,752 % sobre o importe nominal da emisión.

Prezo de emisión incluíndo o cupón corrido: 109,40373 % sobre o importe nominal da emisión, libre de gastos para o subscritor.

Entidade colocadora: Bankia.

Subscrición: a emisión das obrigacións está destinada a investidores cualificados e o seu desembolso será realizado a través da entidade colocadora da emisión na data de emisión e desembolso, coa intervención do Banco de España de acordo cos procedementos que este ten establecidos para os membros do Mercado de Débeda Pública en Anotacións.

Disposición derradeira

Esta orde terá efectos desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2013

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda