Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 27 de marzo de 2013 Páx. 9183

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva relativa ao Plan Renove de caldeiras industriais e se convocan as devanditas axudas.

O crecemento do sector industrial é fundamental para a recuperación da economía, non soamente pola súa importancia como sector senón porque a súa competitividade permite impulsar o resto dos sectores, especialmente o de servizos. Nun contexto de fortes incrementos de prezos dos combustibles, a eficiencia enerxética é un factor clave para a mellora da competitividade nas industrias, posto que este incremento de prezos afecta directamente a viabilidade económica das empresas. En Galicia, as características do tecido industrial fan que o consumo enerxético neste sector sexa máis intensivo que no resto de España, e as posibilidades de mellora en aforro e eficiencia enerxética neste sector sexan aínda grandes. Aínda así, moitas destas actuacións precisan dun investimento elevado, condicionado ás dificultades de financiamento que se presentan nunha situación económica como a actual.

O Instituto Enerxético de Galicia (en diante Inega) contén xa na súa lei de creación, Lei 3/1999, do 11 de marzo, unha referencia expresa ao fomento destas actividades, concretada a través do impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, á mellora do aforro e a eficiencia enerxética, ao fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, á óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente, prevé a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

Coa pretensión de acadar estes obxectivos, o Inega establece este sistema de subvencións relacionado con proxectos que fomenten o aforro e a eficiencia enerxética a través do cambio de caldeiras utilizadas en procesos produtivos no sector industrial.

A dotación da presente convocatoria con cargo aos orzamentos do Inega para o ano 2013 ascende a 800.000 euros para esta liña de axudas.

Como un dos órganos encargados de desenvolver a política enerxética da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, o Inega considera do máximo interese potenciar as actuacións de renovación de caldeiras industriais, para conseguir mellorar a eficiencia enerxética nos procesos industriais, reducir os custos económicos asociados e fomentar a competitividade das empresas.

Por todo o anterior, en virtude do disposto nos artigos 7.1 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Aprobar as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a substitución de caldeiras no sector industrial que a seguir se reproducen, así como convocar a todos aqueles interesados en solicitalas.

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de axudas dirixidas á substitución de caldeiras pertencentes a procesos industriais que utilizan como combustible fuelóleo, gasóleo ou calquera outro combustible non renovable, por caldeiras de alta eficiencia que utilicen gas natural co fin de acadar redución do consumo de enerxía das empresas e os conseguintes aforros en termos económicos.

Artigo 2. Réxime das subvencións

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4º desta lei.

2. Considéranse actuacións subvencionables as descritas no artigo 6 e o período de execución dos investimentos comezará unha vez que se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará en función dos prazos previstos no artigo 22 destas bases, sen que en ningún caso poida excederse o día 15 de setembro de 2013. Porén, tratándose de grandes empresas, deberá verificarse ademais que o proxecto responde a algún dos criterios previstos no artigo 8.3 do citado Regulamento xeral de exención por categorías sobre o efecto incentivador das axudas.

As axudas non se aplicarán ás actuacións previstas no artigo 1.2 do Regulamento (CE) núm. 800/2008 nin aos sectores da economía previstos no artigo 1.3 da mesma norma. As axudas que superen os limiares de notificación individual previstos no artigo 6 do regulamento deberán ser obxecto de notificación individual á Comisión Europea.

3. Ademais do disposto nestas bases, terase en conta o previsto na seguinte normativa que resulta de aplicación: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro); Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro); Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 27 de novembro); Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos (BOE núm. 150, do 23 de xuño); Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes (DOG núm. 241, do 17 de decembro);

4. As axudas recollidas nas presentes bases reguladoras están suxeitas ás condicións establecidas no capítulo I do Regulamento (CE) núm. 800/2008, do 6 de agosto de 2008, da Comisión, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exencións por categorías), publicado no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE) L 214, do 9 de agosto de 2008, e ás disposicións previstas para esta categoría de axudas no capítulo II do dito regulamento.

A presente convocatoria refírese ás que aparecen definidas dentro da sección 4ª do dito capítulo II como «Axudas para a protección do medio ambiente concedidas ao investimento en medidas de aforro enerxético» (artigo 21).

Artigo 3. Financiamento

1. A concesión das axudas financiarase con cargo aos orzamentos do Inega, en contía total de 800.000 euros, imputándose á aplicación orzamentaria seguinte:

Beneficiarios

Orzamento (€)

Aplicación orzamentaria

Empresas privadas

800.000

08.A2.733A.771.2

2. O importe dos fondos entenderase máximo, se ben cabería a posibilidade de incrementar o crédito coa condición dunha maior dispoñibilidade orzamentaria motivada por algunha das circunstancias previstas no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se for o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. De producirse a ampliación de crédito, publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Inega (www.inega.es).

Artigo 4. Concorrencia con outras axudas

1. O importe da subvención outorgada en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, supere o límite máximo establecido na normativa que resulte de aplicación.

2. Non obstante, para as axudas sometidas ao réxime de exención previsto no Regulamento 800/2008 (Regulamento xeral de exención por categorías) a intensidade de axuda non poderá exceder o 20 % dos custos subvencionables, salvo que se trate de medianas ou pequenas empresas en que tal intensidade xenérica podería incrementarse, respectivamente, en 10 ou 20 puntos porcentuais de acordo co previsto no artigo 21.4 do dito regulamento.

3. A axuda exenta en virtude do Regulamento 800/2008 poderase acumular con calquera outra axuda exenta en virtude do mesmo regulamento, sempre que as ditas medidas de axuda se refiran a custos subvencionables identificables diferentes.

A axuda exenta en virtude do Regulamento 800/2008 non se acumulará con ningunha outra axuda exenta en virtude do dito regulamento, ou con ningunha axuda de minimis que reúna as condicións establecidas no Regulamento (CE) núm. 1998/2006, nin con ningún outro financiamento comunitario correspondente (parcial ou totalmente) aos mesmos custos subvencionables, se tal acumulación supera a intensidade máis elevada ou o maior importe de axuda aplicable á devandita axuda en virtude do reiterado regulamento.

4. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Inega tan pronto como o interesado teña coñecemento e, en todo caso, con anterioridade á xustificación do investimento realizado.

5. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 20 destas bases reguladoras.

Artigo 5. Beneficiarios/as

1. Poderán ser beneficiarios/as das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases:

a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos incluídos no sector da industria (sección C e D da CNAE-2009), coa excepción da industria extractiva enerxética, as de refinación do petróleo e biocombustible, así como as empresas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica. Serán consideradas pemes (categoría de microempresa, pequenas e medianas empresas) aquelas que cumpran coa definición que establece o anexo I do Regulamento CE núm. 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008 (DOUE núm. L 214/38, do 9.8.2008).

b) As empresas que teñan contratada a xestión enerxética, total ou parcialmente, das instalacións en empresas incluídas nas seccións C e D da CNAE-2009, e que o obxecto destes contratos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. O pagamento dos servizos que prestan as ditas empresas baséase na obtención de melloras de eficiencia enerxética e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos. Contarase en todo caso co visto e prace do titular da instalación, por se der lugar á modificación do contrato existente entre ambas as partes.

2. As persoas ou entidades que resulten beneficiarias da subvención e con posterioridade contrataren a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos das definidas no punto anterior deste artigo, poderán solicitar a modificación da resolución de concesión no sentido de que pase a ser beneficiaria esta última, xuntando unha copia cotexada do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o que se solicita a axuda. Esta solicitude deberá presentarse, como mínimo, 20 días hábiles antes da finalización do prazo de xustificación do investimento do proxecto, e poden dar lugar á minoración da axuda inicialmente outorgada tras a aplicación da metodoloxía de cálculo da axuda segundo o establecido nestas bases, no caso de que se produza unha variación do investimento elixible ou das características técnicas do proxecto.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Non poderán obter a condición de beneficiario as empresas en crise, de acordo co establecido no artigo 1, parágrafos 6.c) e 7, do Regulamento (CE) núm. 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, e de acordo co establecido no artigo 4, parágrafo 5, do Regulamento (CE) núm. 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que tivese declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 6. Gastos que se subvencionan

1. Será subvencionable a substitución dunha ou varias caldeiras de fuelóleo, gasóleo ou calquera outro combustible non renovable por caldeiras novas de gas natural de alto rendemento que formen parte do proceso produtivo, sempre e cando se demostre a consecución dun aforro enerxético que deberá acadar un mínimo dun 5 % respecto do consumo inicial. Formarán parte das partidas subvencionables o custo da caldeira e os seus accesorios, así como a súa montaxe e conexión.

2. Para as axudas suxeitas ao Regulamento xeral de exención por categorías de acordo co disposto no artigo 2.2 destas bases, os custos subvencionables das actuacións para as cales se solicita a axuda delimitaranse tendo en conta as regras de cálculo a que fai referencia o punto 5 do artigo 21 do dito regulamento.

3. Non serán subvencionables os proxectos que consistan unicamente en substitucións de queimadores en caldeiras xa existentes.

4. Non se subvencionan os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Non se subvencionará o imposto sobre o valor engadido (IVE).

6. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Artigo 7. Contía máxima da subvención

A contía máxima da axuda será do 20 % do investimento subvencionable. Esta contía incrementarase en 20 puntos porcentuais para axudas a pequenas empresas e 10 puntos porcentuais para axudas a medianas empresas.

Para o cálculo do custo subvencionable terase en conta o establecido no punto 5 do artigo 21 do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

Artigo 8. Solicitudes de axudas

A presentación da solicitude de axuda implica a realización da reserva de fondos. A concesión da axuda farase por rigorosa orde de presentación electrónica da solicitude, que irá acompañada da documentación que se especifica no artigo 10 destas bases reguladoras.

Artigo 9. Lugar e prazo para a presentación da solicitude

1. As solicitudes tramitaranse exclusivamente por vía electrónica de acordo co establecido no artigo 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A publicación dos formularios de solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.

A presentación da solicitude farase segundo o modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) e na páxina web do Inega (www.inega.es), ás cales se accede co NIF e contrasinal establecido polos propios interesados, sen que sexa posible realizar máis dunha conexión simultánea cun mesmo NIF e contrasinal. Esta presentación da solicitude deberá acompañarse dos anexos e de copias dixitalizadas (formato PDF) da documentación indicada no artigo 10 destas bases. En caso necesario, o Inega poderá requirir a documentación orixinal.

2. Para a presentación na sede electrónica da solicitude o solicitante ou representante legal deberá posuír un DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital en vigor baixo a norma X.509v3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma

3. A presentación da solicitude poderá realizarse a partir das 9.00 horas do quinto día hábil despois da publicación da resolución de convocatoria e aprobación de bases no Diario Oficial de Galicia, e permanecerá aberta ata as 14.00 horas do día 2 de setembro de 2013.

4. A aplicación informática informará en tempo real sobre os fondos económicos dispoñibles e a reserva de fondos producirase de forma automática, por rigorosa orde de solicitude, ata o esgotamento total do crédito dispoñible.

O solicitante deberá cubrir todos os campos marcados como obrigatorios; a aplicación informática calculará automaticamente, en función do establecido nestas bases, a contía da axuda que poderá ser obxecto de reserva.

Se no momento de realizar a solicitude de axuda existen fondos económicos suficientes, quedará reservada a contía correspondente á axuda do proxecto, sen prexuízo da posterior revisión pola comisión técnica dos documentos que se presenten segundo se recolle no punto 4 deste artigo, que podería dar lugar, se for o caso, á modificación da axuda na resolución de concesión.

No suposto de que non existan fondos suficientes no momento de efectuar a solicitude, por estaren destinados previamente para outros proxectos con reserva ao seu favor, poderase confirmar igualmente a solicitude de fondos mediante a aplicación informática, pero o expediente pasará á listaxe de espera, que estará ordenada por rigorosa orde de confirmación da solicitude na aplicación informática.

Non se confirmará a reserva de fondos para un expediente no caso de que, aínda existindo fondos, estes non sexan suficientes para satisfacer a totalidade da axuda que lle correspondería ao dito expediente, e neste caso o expediente quedará na listaxe de espera correspondente ata que existan fondos suficientes para cubrir a totalidade da axuda a que, segundo as súas características, tería dereito.

Para os expedientes que se atopan en listaxes de espera, a reserva de fondos poderá producirse no caso de que se liberen fondos de axudas correspondentes a expedientes que previamente si obtiveron reserva de fondos, pero que por diversas circunstancias non se chegase á execución do proxecto.

A operativa da listaxe de espera explícase no artigo 16 destas bases reguladoras.

5. Unha vez presentada a solicitude, independentemente de que o expediente dispoña dunha reserva de fondos ou de que quede nunha listaxe de espera, a aplicación informática xerará un código electrónico que identificará a solicitude.

Non se admitirán a trámite aquelas solicitudes referidas a proxectos que xa se presentaron en convocatorias anteriores e lles foi concedida a axuda correspondente, agás que previamente se renuncie a ela ou que o proxecto non fose executado.

6. As listaxes de espera formadas polos expedientes para os cales non existen fondos suficientes para ter dereito a unha reserva de fondos estarán dispoñibles na páxina web do Inega e serán actualizadas nos cinco días seguintes a producirse algunha variación nelas.

As solicitudes incluídas nestas listaxes aparecerán no estado «Listaxe de espera (núm. na listaxe)» e pasará, se é o caso, a emitírselles unha resolución de concesión de axuda conforme se liberen fondos como consecuencia dalgunha das razóns expostas no artigo 16.

Artigo 10. Documentación e información que debe constar na solicitude

Os documentos da solicitude deberán incluír unha parte administrativa (A) e unha parte técnica (B).

A solicitude deberaa cubrir o propio interesado ou a persoa que teña a representación legal en cada caso.

A) Documentación administrativa:

Dentro da parte administrativa distinguirase a documentación común a todas as solicitudes (subepígrafe A.1.) e a específica en función do tipo de solicitante (subepígrafe A.2.).

A.1. Documentación que deben achegar todos os solicitantes:

1. Modelo de solicitude (anexo I).

2. Declaración expresa doutras axudas (anexo II).

A presentación da solicitude autoriza o órgano xestor para obter a seguinte información:

– Autorización para coñecer se o solicitante está ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría da Seguridade Social ou coa Facenda da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. De non dar a autorización para a comprobación do mencionado, deberá presentar os certificados emitidos polos organismos anteriormente sinalados. Non obstante o anterior, están exentos de achegar os xustificantes de cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social os beneficiarios das subvencións establecidos no artigo 55 da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013 (DOG núm. 42, do 28 de febreiro).

– Autorización para obter información necesaria en relación ao NIF do solicitante. Se non dá a autorización para esta comprobación, deberá presentar copia do NIF en vigor.

A.2. Especificacións segundo o tipo de solicitante:

1. Autónomos:

No suposto de que quen presente a solicitude se defina como profesional autónomo, a presentación da solicitude autorizará o órgano xestor para solicitar o certificado da AEAT en que se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas (IAE) en que figura dado de alta. Se non dá a autorización para a comprobación do mencionado, deberá presentar o certificado que acredite a epígrafe en que está dado de alta.

2. Empresas:

A solicitude da axuda leva consigo a autorización ao órgano xestor para solicitar ao Rexistro Mercantil toda a información das empresas solicitantes que sexa necesaria para a resolución do procedemento. Se non teñen o domicilio social en Galicia, deberá acreditarse a existencia dun centro de traballo ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da comunidade autónoma. As entidades que non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente.

No caso de tratarse dunha empresa que teña contratada a xestión enerxética, total ou parcialmente, dun inmoble ou instalación, deberase achegar, ademais, unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda, así como a constancia por escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.

Para efectos do cálculo da porcentaxe de subvención, segundo se establece no artigo 7, para a acreditación da condición de pequena ou mediana empresa definidas segundo o que se establece no anexo I do Regulamento (CE) núm. 800/2008, do 6 de agosto de 2008, da Comisión, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exencións por categorías), deberá achegarse a seguinte documentación:

– TC-2. Boletín de cotización á seguridade social.

– Documento do imposto de sociedades ou contas xerais rexistradas do último exercicio.

B) Documentación técnica:

A documentación técnica consta de:

– Datos xerais do proxecto (anexo III).

– Informe xustificativo do aforro de enerxía mínimo do 5 %, subscrito por técnico cualificado.

– Folla de características da caldeira existente ou fotografía da caldeira existente e da placa de características da caldeira.

– Orzamento aceptado e asinado polo solicitante da axuda. Este documento deberá estar perfectamente detallado canto ás súas diferentes partidas económicas e, ademais, deberá estar asinado polo solicitante da axuda como proba de aceptación do documento. Non se admitirá ningún orzamento con partidas económicas agregadas que fagan imposible a distinción das partidas económicas relevantes do proxecto; do mesmo modo, tampouco se admitirán orzamentos sen asinar polo solicitante da axuda.

Artigo 11. Información aos interesados

Na páxina web do Inega disporase de instrucións de axuda para consulta dos solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información no momento de encher os formularios, poderanse dirixir a esta entidade pública a través dos teléfonos 981 54 15 07/981 95 78 03, do número de fax 981 54 15 15 ou do enderezo de correo electrónico inega.info@xunta.es

Artigo 12. Limitacións de solicitudes por beneficiario

1. Ningún posible beneficiario poderá formular solicitudes de axudas por un importe superior a 100.000 euros entre todas as solicitudes formuladas. A axuda correspondente ao expediente co que se superaría esta contía minoraríase ata chegar aos 100.000 euros acumulados, mentres que as seguintes solicitudes presentadas polo mesmo solicitante non poderán tramitarse mediante a aplicación informática.

No caso de que o solicitante renuncie a algunha ou a todas as solicitudes previas, ou non leve a cabo as xustificacións completas do investimento, ou o expediente sexa arquivado ou denegado, descontaranse as contías correspondentes aos ditos expedientes do solicitante, que pode optar a solicitar máis axudas ata chegar aos límites anteriores.

2. A contía asignada a unha solicitude xa tramitada non poderá incrementarse como consecuencia da liberación de fondos correspondente a unha das situacións anteriores, aínda que estivese inicialmente minorada por chegar a un dos límites anteriores no momento de producirse a dita solicitude.

3. Non se poderá solicitar unha axuda para un proxecto que xa teña outra solicitada, independentemente de que teña unha axuda concedida ou se atope nunha listaxe de espera; para poder realizar unha nova solicitude será necesario que se produza a renuncia á solicitude do expediente anterior.

4. No caso de producirse esta renuncia e unha nova solicitude, esta incluirase na listaxe de espera segundo o seu novo momento de solicitude, sen conservarse a orde que lle correspondía á primeira solicitude.

Para os efectos do establecido nesta epígrafe, entenderase que se trata do mesmo proxecto aquel que se refire ao mesmo concepto subvencionable no mesmo proceso produtivo e que se vai executar no mesmo lugar, sendo indiferente que se produzan variacións nalgunhas ou todas as características técnicas ou de investimento con respecto ao que se solicitou no primeiro lugar. O incumprimento desta condición dará lugar á cancelación da solicitude da axuda ou axudas aceptadas con posterioridade á primeira solicitude.

Artigo 13. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Inega publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada web, coas excepcións previstas nas leis.

A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade financeira na cal se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e as demais cesións previstas na lei.

4. O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición no enderezo do Inega, sito na rúa Avelino Pousa Antelo nº 5, San Lázaro, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Artigo 14. Emenda de solicitudes

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude de axuda non reúne algún dos requisitos ou non se entrega a correspondente documentación exixidos nestas bases reguladoras, requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Igual requirimento efectuarase no suposto de resultado negativo da consulta cos organismos a que se refire o artigo 8.7 destas bases: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); consellería competente en materia de economía e facenda; Rexistro Mercantil e outros rexistros públicos.

2. Tales requirimentos de emenda, así como calquera tipo de notificación, realizaranse a través de medios electrónicos, de conformidade coa Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, así como do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e as entidades delas dependentes. De maneira que cando, existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, cos efectos previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

A práctica dos requirimentos electrónicos farase da seguinte maneira:

– Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilitase na solicitude un aviso que o informará da posta á disposición destas notificacións.

– Poderá acceder á citada notificación no taboleiro dispoñible na aplicación co seu usuario e contrasinal.

3. A documentación a que se refire a emenda presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.es) ou da páxina web do Inega (www.inega.es).

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que forneza aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

5. Aqueles expedientes que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

Artigo 15. Procedemento de concesión das axudas

A concesión das subvencións efectuarase respectando a rigorosa orde de presentación da solicitude de axuda.

As solicitudes de axuda que, reunindo todos os requisitos, estean nunha das listaxes de espera serán atendidas co crédito que quedase libre ao producirse algunha cancelación ou reducións da axuda inicialmente asignada por modificacións das actuacións con axuda concedida, tal e como se establece no artigo 16 destas bases reguladoras.

Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de denegación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Operativa das listaxes de espera

Os expedientes correspondentes a solicitudes que reúnan todos os requirimentos destas bases, para os que non existen fondos suficientes para poder acceder á axuda no momento de realizar a solicitude permanecerán na listaxe de espera, ordenada por rigorosa orde segundo o momento da solicitude na aplicación informática.

No caso de que se vaian producindo liberacións de axudas reservadas por algún dos motivos que a seguir se indican, emitiranse as correspondentes novas resolucións de concesión para os expedientes que se atopen na listaxe de espera. Estas liberacións de fondos poderanse producir por cancelacións da reserva tramitadas polo propio solicitante, por denegacións ou arquivamentos de expedientes, incluíndo a desistencia da solicitude, a renuncia do beneficiario ou o incumprimento, parcial ou completo, da xustificación do investimento no prazo establecido, da redución da axuda inicialmente outorgada como consecuencia de modificacións dos proxectos segundo as solicitudes realizadas ou de calquera outro requirimento establecido nesta convocatoria.

As listaxes de espera manteranse en vigor ata o 2 de setembro do 2013, data límite para a emisión de resolucións de concesión. Todos os expedientes para os cales, nesa data, non existan fondos suficientes para atender a axuda serán arquivados por insuficiencia de partida orzamentaria destinada a subvencións comprendidas nesta convocatoria.

Igualmente procederá o arquivamento de todos os expedientes da listaxe de espera no caso de que as axudas correspondentes a expedientes con investimentos debidamente xustificados e pagados igualen a partida orzamentaria dispoñible.

Artigo 17. Órganos competentes

1. O Departamento de Secretaría e Servizos Xerais do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións, e corresponde ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven del.

2. Constituirase, ademais, unha comisión técnica composta pola persoa que dirixe o dito Departamento de Secretaría e Servizos Xerais, a cal exerce a Xefatura da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética e un técnico dependente desa mesma área, coas seguintes atribucións:

a) Comprobar que as solicitudes realizadas cumpren cos requisitos establecidos nas bases reguladoras.

b) Verificar que os proxectos ou actuacións que se presenten resulten técnica, económica e financeiramente viables.

c) Someter ao seu criterio e análise a validez de toda aquela documentación achegada polos beneficiarios en calquera fase do procedemento, ou ben que derive do texto das bases xunto cos seus anexos.

Artigo 18. Prazo máximo de resolución

Para aqueles expedientes para os cales exista crédito suficiente para atender a súa solicitude, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de dous (2) meses contados desde a presentación da solicitude ou, se for o caso, da súa emenda. No caso de que un expediente teña dereito a unha axuda tras atoparse nunha listaxe de espera por liberación de fondos doutros expedientes, os dous meses comezarán a contar desde o momento en que se produza a dita liberación de fondos.

Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Resolución e notificación das resolucións

Todas as resolucións serán notificadas a través de medios electrónicos, de conformidade coa Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, así como do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e as entidades delas dependentes.

Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

A práctica para esta notificación da resolución de concesión farase da seguinte maneira:

– Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilitara na solicitude un aviso que lle informará da posta a disposición desta notificación.

– Poderá acceder á citada notificación no taboleiro dispoñible na aplicación co seu usuario e contrasinal.

Nas notificacións de concesión das axudas individuais concedidas ao abeiro desta convocatoria incluirase unha referencia expresa ás disposicións pertinentes do Regulamento 800/2008, o seu título e data de publicación no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE).

Artigo 20. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

1. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, cumprindo os requisitos previstos no número seguinte.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, se tivesen con-corrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

3. O beneficiario deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida á dirección desta entidade acompañada daqueles documentos que xustifiquen esta modificación cun límite de 20 días hábiles antes da data de finalización do prazo para xustificar o investimento.

Deberá enviar un escrito en formato PDF comunicando este feito a través da aplicación informática.

O acto polo que se acorde ou denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado polo director do Inega unha vez valoradas as circunstancias concorrentes e os documentos achegados coa solicitude referida no anterior parágrafo.

Artigo 21. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos 10 días hábiles desde a notificación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

No caso de que a persoa física ou xurídica que resulte beneficiaria dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito en formato PDF comunicando este feito, a través do taboleiro electrónico, co fin de proceder ao arquivamento do expediente e a liberar o crédito asignado.

Artigo 22. Prazo para a execución da instalación

O prazo para a execución da instalación deberá respectar a data de inicio establecida no artigo 2.2 destas bases. Non obstante, a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será de tres meses desde o día seguinte á notificación da resolución pola cal se concede a axuda. En ningún caso esta data poderá ser posterior ao 15 de setembro 2013 aínda que do cómputo do prazo lle correspondese unha data posterior.

Artigo 23. Xustificación do investimento

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado, que se detalla no artigo 24 destas bases reguladoras, presentarase a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) ou da páxina web do Inega (www.inega.es).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei subvencións, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 14.2.

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido de xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días a presente. Igual requirimento efectuarase por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) e Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda, así como a verificación do NIF.

4. De non levarse a cabo a xustificación do investimento nos prazos sinalados anteriormente producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

5. A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días referido no anterior parágrafo 3º non eximirá das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 24. Documentación xustificativa do investimento

Para o cobramento da subvención concedida o beneficiario deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionado. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables na data límite de xustificación do proxecto que corresponda ao expediente.

Os documentos de xustificación deberán presentarse dentro do prazo que corresponda ao expediente segundo o establecido no artigo 22.

Achegaranse copias dixitalizadas dos seguintes documentos:

a) Declaración expresa por parte do beneficiario de que o proxecto foi executado conforme o indicado na solicitude e documentación inicial. De existiren modificacións no proxecto, achegarase un informe técnico cos datos e incidencias máis significativas ocorridas durante a execución.

b) Conta xustificativa composta de:

1. Xustificante do gasto mediante presentación de facturas desagregadas por conceptos ou unidades de obra.

Non se admitirán os supostos de autofacturación e, en relación coas empresas ou entidades vinculadas co beneficiario que executasen total ou parcialmente as actuacións subvencionadas, deberán concorrer as dúas circunstancias previstas no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

2) Que se obteña a pertinente autorización por parte da dirección do Inega.

2. Xustificante do pagamento efectuado polo beneficiario:

• Xustificante bancario en todo caso (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo, certificación bancaria) en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

• Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

• Naqueles casos en que o pagamento dos investimentos teña lugar en varias fases, a porcentaxe de axuda que corresponda segundo as presentes bases aplicarase sobre as cantidades aboadas unicamente dentro do período subvencionable referido a cada expediente.

• Non se admitirán en ningún caso como xustificantes os documentos acreditativos de pagamentos en metálico nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

Tanto a data dos xustificantes de gasto (facturas) como a dos xustificantes de pagamento deberá estar comprendida entre a data de solicitude de axuda e a data de finalización do prazo de xustificación correspondente ao expediente, segundo o artigo 22 destas bases, sen admitirse aquela documentación anterior ou posterior ás referidas datas.

c) Documentos que acrediten a elección da proposta económica máis vantaxosa –ou, de ser o caso, presentación de memoria xustificativa sustentada en criterios de eficiencia e economía, de non acollerse a tal criterio de elección– de entre un mínimo de 3 ofertas solicitadas a diferentes provedores, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, é dicir, 50.000 euros cando se trate de obras e 18.000 euros nos restantes casos.

Porén, non será necesario acreditar tal circunstancia:

1. Se xa foi presentada a documentación que acredite a petición das 3 ofertas no momento en que se efectuou a solicitude de axuda, ao inicio do expediente.

2. Se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, suposto en que o beneficiario debe prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

3. Se a obra ou servizo estiver contratado no momento da solicitude, presentando a documentación que acredite tal circunstancia.

d) Declaración expresa do conxunto das axudas concedidas destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, indicando a súa contía. Deberase achegar unha copia da resolución ou resolucións de concesión das devanditas axudas.

e) No último día para presentar a documentación xustificativa, referido no artigo 22, deberá ter autorización emitida pola consellería competente en materia de industria da instalación de caldeiras (aparellos de presión), nos casos en que sexa obrigatorio. Non será necesario achegar copia da autorización, dado que será comprobada directamente polo Inega. No caso de que non se dispoña dela na data indicada anteriormente, deberá entregar no órgano que corresponda a solicitude de autorización coa documentación do procedemento de autorización correspondente.

Tanto a data de autorización como, se é o caso, da copia da solicitude presentada no organismo competente, deberán estar comprendidas entre a data de solicitude de axuda e a data de finalización do prazo de xustificación correspondente ao expediente, segundo o artigo 22 destas bases, sen admitirse aquela documentación anterior ou posterior ás referidas datas.

f) Fotografía dos equipamentos principais instalados no lugar.

g) Certificado de dirección de obra. A data deste último certificado deberá estar comprendida, igualmente, entre a data de solicitude de axuda e a data de finalización do prazo de xustificación correspondente ao expediente, segundo o artigo 22 destas bases, sen admitirse aquela documentación anterior ou posterior ás referidas datas.

h) Excepcionalmente, no caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio os certificados de que se atopa ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, deberanse achegar tales certificacións.

Artigo 25. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro do procedemento previsto nestas bases porán fin á vía administrativa e contra elas caberá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante os xulgados competentes segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. O prazo de interposición é de dous (2) meses contados desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución, ou ben de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Con carácter potestativo, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición perante o director do Inega no prazo dun (1) mes desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución ou de tres (3) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o establecido nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Artigo 26. Pagamento

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

2. Previamente á proposta de pagamento, os servizos técnicos do Inega poderán realizar unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

3. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 27. Xestión informática das axudas

Os beneficiarios poderán visualizar na aplicación informática o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente.

A aplicación informática con que se xestiona esta convocatoria indicará, polo menos, os seguintes estados en que se pode atopar a solicitude de axuda co significado que se indica en cada caso:

Borrador: os formularios atópanse en proceso de preparación por parte do solicitante, pero aínda non está confirmada a solicitude de axuda.

Solicitada-Reserva: realizouse a presentación telemática da solicitude que ten unha reserva de fondos confirmada.

Solicitada-Espera: realizouse a solicitude de axuda do expediente, que se atopa nunha listaxe de espera.

Solicitude incompleta ou errónea: a documentación correspondente á solicitude atópase incompleta ou é errónea e encóntrase en fase de emenda. No caso de que a dita documentación non se emende no prazo de 10 días hábiles desde o día seguinte á recepción da notificación de emenda, a solicitude terase por desistida.

Validada-Axuda: a solicitude xa foi validada polo Inega e encóntrase completa, polo que se emitirá a correspondente resolución de concesión.

En execución: xa foi notificada a correspondente resolución de concesión de axuda e encóntrase en fase de execución, agardando pola correspondente xustificación dos investimentos realizados segundo o prazo indicado no artigo 22.

En proceso de xustificación: recibiuse no Inega toda ou parte da documentación xustificativa dos investimentos, que está a ser revisada. En caso necesario, emitirase a correspondente emenda de documentación da xustificación.

Xustificada: a documentación xustificativa do investimento está completa e revisada, polo que o expediente pasará, segundo o caso, á fase de inspección ou á tramitación do pagamento.

Pagamento en trámite: a solicitude está en proceso de pagamento. Nos próximos días recibirá o ingreso na súa conta.

Xustificación incompleta ou errónea: a documentación correspondente á xustificación atópase incompleta ou é errónea e encóntrase en fase de emenda. No caso de que a dita documentación non se emende no prazo de 10 días hábiles desde o día seguinte á recepción da notificación de emenda, procederase ao seu arquivamento.

Arquivado por non execución: a solicitude cancelouse por non presentarse a documentación establecida no artigo 24, unha vez transcorrido o prazo correspondente ao expediente segundo o artigo 22, ou por non atender o requirimento de emenda da documentación da xustificación dos investimentos no prazo de 10 días nos termos establecidos no artigo 24.

Arquivado: o expediente foi arquivado por un motivo diferente ao anterior.

Denegado: o expediente foi denegado.

Artigo 28. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o compor-tamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuase o Inega, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Ademais, no caso de fondos comunitarios, someterase á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

d) Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de cinco anos, unha vez rematado o proxecto.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos resulten obrigados polas bases reguladoras das subvencións e normas comunitarias, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, así como facilitar a «pista de auditoría». Así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control, durante un período de tres anos a partir do peche do programa operativo.

g) O beneficiario da axuda deberá darlle publicidade ao financiamento por parte do Inega do investimento que se subvenciona, consistente en incluír a imaxe institucional do Inega e da Consellería de Economía e Industria, así como as inscricións relativas ao financiamento público nos carteis, placas conmemorativas, materiais impresos, medios electrónicos audiovisuais, ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de in-cumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Reintegro das axudas

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás súas normas de desenvolvemento.

Artigo 30. Réxime de sancións

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 31. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 32. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

A comprobación material definida no parágrafo anterior poderase encomendar a outro órgano distinto do que concedeu a subvención.

Artigo 33. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación de subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

Artigo 34. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases observarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita Lei 9/2007, sen prexuízo da aplicación dos regulamentos comunitarios citados no artigo 1 destas bases, e da restante normativa comunitaria e nacional que resulte de aplicación.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file