Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 1 de abril de 2013 Páx. 9436

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2013 pola que se convoca un curso de capacitación para a escala executiva, categoría de inspector principal, dos corpos de policía local.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade Pública ten previsto realizar no ano 2013, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase o desenvolvemento dun curso de capacitación para a escala executiva, na categoría de inspector principal dos corpos de policía local, segundo o previsto nos artigos 32.4 e 45 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación das policías locais, e nos artigos 38 e 39 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Mellorar o compromiso profesional de servizo público aos cidadáns, baixo parámetros actitudinais de eficacia e de ética policial.

Facilitarlles aos alumnos unha actualización xurídico-normativa e de operativa profesional que lles permita un mellor exercicio da súa función.

Dotalos das ferramentas de coñecemento necesarias para a xestión directiva e para a organización e estruturación adecuada dos recursos humanos e dos medios materiais de que dispoñan.

Destinatarios/as.

Persoal dos corpos de policía local que superaron o proceso selectivo para a categoría de inspector principal e que non realizasen este curso.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

Sen límite.

Solicitudes.

1. Os concellos deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública en que soliciten a participación no curso da/s persoa/s que se atopen nesta situación, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do dito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 17 de abril de 2013.

3. Os escritos deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada. Remitiranse previamente por fax, ao número 886 20 61 22, para axilizar os correspondentes trámites.

Duración e contido.

O curso terá unha duración de 250 horas lectivas e desenvolverase de modo semipresencial. Parte presencial na Agasp, do 22 de abril ao 24 de maio de 2013 (200 horas) e parte en liña, do 27 de maio ao 21 de xuño (50 horas).

O deseño deste curso inclúe as seguintes áreas e módulos:

– Módulo I: módulo operativo.

– Módulo II: módulo xurídico.

– Módulo III: módulo técnico.

– Módulo IV: módulo administrativo.

– Módulo V: módulo xestión directiva.

– Módulo VI: estratexia e técnicas de mando.

– Módulo VII: módulo práctico.

Datas.

A data definitiva de comezo do curso será o día 22 de abril de 2013, ás 9.00 horas.

Desenvolvemento do curso.

Os alumnos da Academia Galega de Seguridade Pública, durante o seu período de permanencia nesta, rexeranse polo seu regulamento de réxime interior, publicado por Orde do 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no DOG número 30, do 12 de febreiro.

Certificado.

Para obter o correspondente diploma será requisito indispensable superar todas as materias que figuren no programa. Unha vez superado este curso, a Agasp emitirá un informe no cal certifique a dita superación, de modo que o concello de pertenza poida proceder ao nomeamento como persoal funcionario de carreira e á toma de posesión como inspector do corpo de policía local.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 12 de marzo de 2013

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública