En virtude da Resolución do 28 de novembro de 2012 (DOG número 232, do 5 de decembro) fíxose pública a relación completa de aspirantes que superaron o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, convocado pola Orde do 21 de xullo de 2011 (DOG número 142, do 26 de xullo).
Con posterioridade á dita publicación, dous dos aspirantes incluídos na relación renunciaron á súa participación neste proceso selectivo.
A aceptación das renuncias e a designación dos novos aspirantes que superaron o proceso foi publicada pola Orde do 7 de marzo de 2013 (DOG número 55, do 19 de marzo).
Co obxecto de que estes aspirantes poidan ser nomeados funcionarios do corpo de xestión de Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, e segundo o disposto na Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, e no Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia e demais normativa concordante, esta consellería
DISPÓN:
Primeiro. Convocar os/as aspirantes que, en virtude da Orde do 7 de marzo de 2013, superaron o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, ao acto de elección de destino provisional que terá lugar no salón de actos número 2 (pequeno) de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela) o día 4 de abril de 2013 ás 9.30 horas.
Segundo. Os/as aspirantes convocados poderán elixir entre os postos que se relacionan no anexo desta orde segundo a orde acadada no proceso selectivo, sempre que reúnan as condicións exixidas nel.
Terceiro. Os/as aspirantes deberán ir provistos de DNI ou outro documento que acredite fidedignamente a súa identidade; no caso de non comparecer persoalmente, poderán ser representados por terceiras persoas con poder notarial suficiente.
Cuarto. Se os aspirantes non comparecen persoalmente ou por medio de representantes seranlles adxudicadas en destino provisional as prazas que lles correspondan atendendo á orde de publicación destas e ao número obtido no proceso selectivo, unha vez concluído o proceso de adxudicación das prazas aos/ás aspirantes presentes ou representados, entre as que queden sen adxudicar.
Quinto. Os aspirantes poderán solicitar ser declarados en excedencia voluntaria por prestación de servizos no sector público ou por interese particular reguladas no artigo 57.1 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, redacción dada polo artigo 25 da Lei 15/2010, do 28 de decembro (DOG núm 250, do 30 de decembro). No primeiro suposto deberán presentarse ao chamamento cun certificado do responsable da súa unidade de persoal en que conste a condición con que prestan servizos na actualidade.
Sexto. Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase presentar recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Facenda no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde esa mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2013
Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda