Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 12 de abril de 2013 Páx. 11138

IV. Oposicións e concursos

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 21 de marzo de 2013 pola que se convoca concurso de méritos para a selección e o nomeamento da dirección dos centros oficiais de ensino pesqueiro dependentes desta consellería.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, regula no artigo 135 do capítulo IV a selección dos/das directores/as dos centros públicos mediante un concurso de méritos entre os/as funcionarios/as de carreira docentes dun corpo do nivel educativo e réxime a que pertenza o centro, conforme os principios de publicidade, mérito e capacidade. A selección deberá basearse nos méritos académicos e profesionais acreditados polos aspirantes.

Publicada no Diario Oficial de Galicia nº 180, do 20 de setembro de 2012, a Resolución do 7 de setembro de 2012, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se establece o calendario para a realización de eleccións dos membros dos consellos escolares dos centros docentes sostidos con fondos públicos, os centros de formación en materia marítima náutico-pesqueira dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar procederon á elección dos representantes que formarán parte dos seus consellos escolares. Membros deste órgano colexiado participarán na Comisión de Selección de candidatos/as á dirección dos ditos centros.

Transcorridos catro anos desde a elección dos órganos de goberno dos citados centros de formación, proceso que se regulou por medio da Orde do 25 de xuño de 2009 pola que se convoca concurso de méritos para a selección e o nomeamento da dirección dos centros oficiais de ensino pesqueiro dependentes desta consellería, corresponde convocar un novo concurso de méritos para proceder á renovación da dirección dos ditos centros.

A selección deberá basearse nos méritos académicos e profesionais acreditados polos aspirantes e valorarase de xeito especial o proxecto de dirección presentado e a experiencia previa no exercicio de cargos directivos. Esta selección será realizada por unha comisión constituída por representantes da Administración e por representantes do profesorado elixidos polo Claustro e por representantes do Consello Escolar que non sexan profesores/as.

Procede convocar concurso de méritos para seleccionar os directores/as dos centros de formación en materia marítima náutico-pesqueira que rematan o seu mandato no actual curso académico 2012/13, ou teñan rematado o período de catro anos contados desde a súa elección.

Na súa virtude, a conselleira do Medio Rural e do Mar

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria

Convócase concurso de méritos para seleccionar e nomear as direccións dos centros de formación en materia marítima náutico-pesqueira, dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar, que a seguir se relacionan:

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico en Vigo (Pontevedra).

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol (A Coruña).

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira (A Coruña).

Instituto Galego de Formación en Acuicultura da Illa de Arousa (Pontevedra).

A selección realizarase de conformidade cos principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade.

Artigo 2. Requisitos de participación

As persoas aspirantes a participar neste concurso de méritos para ser nomeado/a director/a dun destes centros deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ser funcionarios/as de carreira do corpo e réxime a que pertenza o centro.

b) Estar en situación de servizo activo.

c) Ter impartido docencia directa na aula como funcionario de carreira nun centro de ensino pesqueiro.

d) Estar prestando servizos nun centro de formación en materia marítima náutico-pesqueira da Consellería do Medio Rural e do Mar, cunha antigüidade de polo menos un curso académico completo na data de publicación da convocatoria.

e) Presentar un proxecto de dirección para o centro: deberá acreditar telo presentado ante o Claustro de Profesores/as.

Artigo 3. Solicitudes e documentación

A solicitude de participación no concurso de méritos dirixirase á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro no modelo que se publica como anexo I nesta convocatoria, presentando tamén:

a) Documentación acreditativa dos méritos académicos e profesionais alegados en relación co baremo que se publica no anexo II desta orde.

b) Proxecto de dirección específico coa estrutura e cos contidos recollidos no anexo III desta orde.

c) Copia da acta ou certificación de ter presentado ante o Claustro de Profesores/as o proxecto de dirección.

As solicitudes, así como a documentación a que se alude no punto anterior, poderanse presentar nas secretarías dos centros, nos departamentos territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar ou en calquera das dependencias que cita o artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4. Prazo de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes e documentación será de 15 días hábiles contados a partir do inicio da convocatoria fixada no artigo 6.

Artigo 5. Selección de candidatos/as e Comisión de Selección

A selección dos candidatos/as á dirección será efectuada por unha comisión nomeada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e que terá a seguinte composición:

Como representantes da Administración:

A persoa que ocupe a xefatura do Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras, que actuará como presidente/a.

Un/unha funcionario/a do Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras que actuará como secretario/a da comisión.

Como representantes do centro correspondente:

Tres profesores/as elixidos polo Claustro de Profesores, en reunión extraordinaria para estes efectos.

Tres membros do Consello Escolar, que non sexan profesores/as, elixidos en reunión extraordinaria para estes efectos.

En ningún caso os/as candidatos/as á dirección poderán formar parte de ningunha das comisións de selección.

No caso dos representantes do centro, o nomeamento realizarase logo da proposta do Claustro de Profesores/as e do Consello Escolar. Neste último caso, a proposta non poderá recaer nun alumno/a menor de dezaseis anos.

A falta de selección dos representantes do Claustro de Profesores/as ou do Consello Escolar non impedirá a constitución e actuación da Comisión de Selección.

O baremo aplicable ao concurso de méritos é o que se publica no anexo II desta orde.

A Comisión de Selección terá unha entrevista cos candidatos/as, na cal estes últimos/as defenderán o contido do proxecto de dirección. Nesta entrevista a Comisión de Selección poderá solicitar a clarificación de calquera dos aspectos contidos nel.

A cualificación do proxecto de dirección será a media aritmética das cualificacións de todas as persoas que estean presentes na comisión. Cando entre as puntuacións outorgadas polos membros da comisión exista unha diferenza de tres ou máis enteiros, serán automaticamente excluídas as cualificacións máxima e mínima, e calcularase a puntuación media das cualificacións restantes.

Artigo 6. Inicio da convocatoria

a) A convocatoria iniciarase o primeiro día hábil lectivo do mes de maio de 2013.

b) Excepcionalmente, naqueles centros en que as circunstancias aconsellen un adianto das datas de inicio da convocatoria, deberanlle remitir á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro o acordo do Claustro de Profesores/as en que se recolla a solicitude de adianto, indicando as causas deste. A persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro emitirá unha resolución en que fixe a data de inicio do proceso de convocatoria para o centro que así o solicite.

Artigo 7. Funcións da Comisión de Selección

a) Comprobar que os aspirantes reúnen os requisitos establecidos na correspondente convocatoria de concurso de méritos e proceder á súa admisión ou, se é o caso, á súa exclusión.

b) A Comisión de Selección avaliará o proxecto de dirección, os méritos alegados e xustificados polos aspirantes e publicará as puntuacións outorgadas a cada aspirante.

No suposto de se produciren empates na puntuación total dos aspirantes, estes dirimiranse atendendo sucesivamente aos seguintes criterios:

Maior puntuación no proxecto de dirección.

Maior puntuación no desempeño de cargos directivos.

Maior antigüidade (número 1 do baremo).

Méritos académicos (número 3 do baremo).

Contra as puntuacións outorgadas pola Comisión de Selección, de xeito provisional, poderá presentarse reclamación ante a propia Comisión no prazo de cinco días naturais contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no taboleiro de anuncios dos centros oficiais de ensino náutico-pesqueiro e na web da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, a Comisión de Selección elaborará a relación de aspirantes seleccionados e elevará a dita relación á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro coa puntuación total outorgada e a indicación do centro para o cal son propostos.

A relación definitiva publicarase no taboleiro de anuncios dos centros oficiais de ensino náutico-pesqueiro e na web da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Artigo 8. Proposta de nomeamento

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro elaborará a proposta de nomeamento das direccións de cada centro, en función da puntuación total outorgada.

Artigo 9. Nomeamento

A titular da Consellería do Medio Rural e do Mar procederá a nomear director/a a aqueles/as candidatos/as seleccionados/as por un período de catro anos.

Artigo 10. Recursos

A resolución do nomeamento porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte a que se faga pública a dita resolución, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte a que se faga pública a dita resolución.

Artigo 11. Programas de formación

Os/as candidatos/as nomeados/as que non teñan realizado funcións de dirección deberán superar o programa de formación inicial que se establece para o acceso ás direccións dos centros docentes públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo os termos da colaboración coa citada consellería.

Artigo 12. Exención do programa de formación inicial

Estarán exentos/as de realizar este programa inicial de formación aqueles/as aspirantes/as que acrediten unha experiencia de polo menos dous anos no exercicio da dirección de centros de ensino do mesmo nivel e réxime educativo.

Artigo 13. Renovación

O nomeamento dos directores/as poderá renovarse, por petición dos interesados/as, por períodos de igual duración, ata un máximo de tres períodos.

A proposta de renovación do nomeamento será feita polo Consello Escolar, sempre que fose avaliado positivamente no traballo desenvolvido.

Rematado o seu mandato e, se é o caso, os períodos de prórroga, será necesaria a participación nun novo concurso para desempeñar a función directiva.

Artigo 14. Nomeamentos con carácter extraordinario

Nos supostos de ausencia de candidatos/as, cando a Comisión non seleccione ningún/nha candidato/a, ou no caso de non superar o programa inicial, a dirección será nomeada polo/a titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, por un período de catro anos, entre os funcionarios/as do corpo e réxime a que pertenza o centro, e sempre que reúnan os requisitos establecidos no artigo 2 desta orde.

Disposición adicional

Os/as profesores/as acreditados/as para o exercicio da dirección dos centros de ensino pesqueiro que non exercesen como directores/as ou o fixesen por un período inferior a catro anos, no caso de resultar seleccionados/as para o exercicio da dirección, estarán exentos/as de realizar a fase teórica do curso de formación inicial.

Disposición derrogatoria

Coa publicación desta orde queda sen efecto a Orde da Consellería do Mar do 25 de xuño de 2009 pola que se convoca o concurso de méritos para a selección e o nomeamento da dirección dos centros oficiais de ensino pesqueiro dependentes desta consellería (DOG nº 131, do 7 de xullo).

Disposición derradeira primeira

Autorízase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para desenvolver o disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

ANEXO II

Méritos

Valoración

Documentos xustificativos

1. Antigüidade

1.1. Por cada ano de servizo como funcionario de carreira

0,50 puntos

Fotocopia cotexada do título administrativo ou credencial coas dilixencias das distintas posesións e cesamentos que tivese desde o seu nomeamento como funcionario de carreira

2. Desempeño de cargos directivos. Ata 6 puntos

2.1. Desempeño da dirección. Ata 3 puntos

Nomeamento con dilixencia de posesión e cesamento ou, de ser o caso, certificación en que conste que este curso continúa no cargo

2.1.1. Por cada ano como director/a dun centro de ensino pesqueiro

0,50 puntos

2.2. Desempeño doutros cargos directivos. Ata 3 puntos

Documento xustificativo do nomeamento con expresión da duración real do cargo ou, se é o caso, certificación en que conste que este curso continúa no cargo

2.2.1. Por cada ano como vicedirector/a, subdirector/a, xefe/a de estudos ou secretario/a

0,30 puntos

3. Méritos académicos e outros. Ata 4 puntos

3.1. Por cada título de doutor

1 punto

Documento xustificativo

3.2. Por cada título de licenciado, enxeñeiro ou arquitecto distinto do alegado para o ingreso no corpo

0,50 puntos

Documento xustificativo

3.3. Por cada título de diplomado universitario ou equivalente do alegado para o ingreso no corpo

0,25 puntos

Documento xustificativo

3.4. Pola participación en cursos de formación sobre dirección e organización de centros en proxectos de innovación educativa e de calidade

Ata 2 puntos

Certificado

4. Proxecto específico. Polo proxecto específico coa proposta directiva en relación coa liña do proxecto educativo do centro

Ata 10 puntos

Proxecto de dirección para o centro

ANEXO III
Contido e estrutura do proxecto de dirección para o centro

1. Xustificación do proxecto.

– Introdución.

– Razóns persoais.

2. Análise do contexto.

– Situación.

– Instalacións.

– Alumnado.

– Profesorado.

– Proxecto educativo.

3. Modelo de organicación e funcionamento.

– Modelo de organización.

– Principios xerais e estrutura organizativa.

– Órganos de goberno e órganos de coordinación de formación.

– Órganos de participación.

– Servizos complementarios e de apoio.

– Persoal non docente.

4. Obxectivos do proxecto de dirección.

5. Seguimento e avaliación do proxecto.

missing image file