Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Venres, 19 de abril de 2013 Páx. 11981

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 10 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2013.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, asúmense por parte da Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación.

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, establece que a Dirección Xeral de Emprego e Formación asumirá a dirección e xestión das funcións atribuídas á consellería en materia de formación para o emprego, cualificacións profesionais e intermediación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral, así como a estatística, a análise e a prospectiva do mercado de traballo.

Con base no exposto, correspóndelle a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas, por unha banda a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, a incrementar a empregabilidade dos desempregados, mellorando as condicións do mercado de traballo, prestando especial atención aos colectivos con especiais dificultades de inserción, no marco da Estratexia Europea para o Emprego, o Programa Nacional de Reformas, a recentemente aprobada Estratexia Española de Emprego 2012-2014, no Plan estratéxico de Galicia 2010-2014 Horizonte 2020 (PEG) e no eido da colaboración institucional e o Diálogo Social en curso entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

A evolución do mercado de traballo e o incremento do desemprego fan necesario articular medidas que inclúan accións de atención constante e especializada dirixidas a aqueles colectivos con dificultades de inserción laboral. O permanente cambio, froito das evolucións sociais, tecnolóxicas e organizativas, comporta unha dificultade engadida para as persoas que buscan un emprego e fanse necesarios, a miúdo, procesos de orientación e asesoramento especializados que lles presten colaboración ás persoas demandantes de emprego e lles faciliten o camiño cara ao mercado laboral. Así, nesta convocatoria recóllense aquelas liñas de axuda que teñen por obxecto a dinamización do emprego no ámbito de toda a Comunidade Autónoma de Galicia, a través da contratación de persoal técnico para a realización do servizo de información, orientación e prospección de emprego, en colaboración coas entidades locais e as entidades sen ánimo de lucro.

Este Programa de Orientación Profesional está regulado por Orde do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, do 20 de xaneiro de 1998, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a realización de accións de orientación profesional para o emprego e asistencia para o autoemprego, e que establece na súa disposición adicional segunda que as comunidades autónomas que asumiran o traspaso das funcións e servizos en materia de información, orientación profesional, busca activa de emprego e información e asesoramento para o autoemprego, poderán acomodar o establecido nesa orde ás especialidades derivadas da organización propia destas. Igualmente, a Orde TAS 816/2005, do 21 de marzo, pola que se adecúan ao réxime xurídico establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, as normas reguladoras de subvencións que sexan concedidas polo Servicio Público de Empleo Estatal nos ámbitos do emprego e de formación profesional ocupacional, establece esta posibilidade na súa disposición adicional segunda.

Por outra banda, e de conformidade co Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013, polo que se determinan os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da comunidade autónoma, para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal, esta orde establece criterios de valoración específicos para aqueles proxectos de xestión compartida ou fusión municipal que representen un aforro de custos e unha xestión máis eficaz no desenvolvemento das accións de información, orientación e prospección de emprego subvencionados.

Por último, como novidade, e á vez exixencia, para o exercicio de 2013 esta orde prevé a opción do uso e a aplicación de medios electrónicos de cara a tramitar e presentar a solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia creada polo Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que establece o marco de desenvolvemento da Administración electrónica na Administración pública galega, como canle principal de relación do cidadán coa Administración e co obxectivo de avanzar na mellora da calidade e da eficacia dos servizos ofrecidos. Esta posibilidade leva aparellada a necesaria obtención por parte dos representantes legais das entidades, cando non dispoñan deles, do DNI electrónico ou certificado electrónico.

O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos dos programas 11.03.322B.460.0 e 11.03.322B.481.0, código de proxecto 2013 00490, correspondentes a fondos finalistas transferidos e 11.03.322B.481.3, código de proxecto 2013 00497, correspondente a fondos procedentes do Fondo Social Europeo, a través do Programa Operativo de Galicia 2007-2013 CCI2007ES051PO004. Todos eles figuran na Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

Consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes preceptivos na tramitación, por proposta da Dirección Xeral de Emprego e Formación e en uso das facultades que me son conferidas de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e financiamento

1. Esta orde ten por finalidade o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións ás entidades que realicen accións de orientación profesional para o emprego e asistencia para o autoemprego articuladas en itinerarios personalizados de inserción profesional e dirixidas a mellorar as posibilidades de ocupación dos demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia, a través da contratación de técnicos de información, orientación e prospección de emprego, no ámbito da colaboración da Consellería de Traballo e Benestar coas entidades locais e entidades sen ánimo de lucro, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na mellora da empregabilidade e ocupabilidade das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

2. O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos dos programas: 11.03.322B.460.0 e 11.03.322B.481.0, código de proxecto 2013 00490, polos importes de 1.900.000 e 1.100.000 correspondentes a fondos finalistas transferidos, e do programa 11.03.322B.481.3, código de proxecto 2013 00497, polo importe de 939.000 correspondente a fondos procedentes do Fondo Social Europeo, a través do Programa Operativo de Galicia 2007-2013 CCI2007ES051PO004 cun cofinanciamento do 80 por cento correspondente ao Fondo Social Europeo e do 20 por cento correspondente á Xunta de Galicia. Todos eles figuran na Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

3. Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Os incrementos de crédito serán obxecto da oportuna publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 2. Entidades beneficiarias. Requisitos

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as entidades que teñan personalidade xurídica propia e carezan de fins lucrativos, en concreto:

a) As deputacións provinciais.

b) Os concellos que, por si sós ou asociados, teñan unha media de paro rexistrado no ano 2012 superior a 500 persoas.

c) As mancomunidades, consorcios ou calquera outra forma de agrupación que comprenda, cando menos, a tres concellos galegos limítrofes.

d) As confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia, e as fundacións dependentes das anteriores, especializadas na realización de accións de información e orientación laboral. Neste caso, inadmitiranse as solicitudes de entidades que pertenzan ou estean asociadas a outras dun ámbito provincial superior, cando estas últimas presenten solicitude.

e) As entidades especializadas en atención a determinados colectivos, preferentemente con diminucións físicas, psíquicas ou sensoriais, que realicen accións de información e orientación profesional de acordo co previsto nestas bases reguladoras e sempre que estean constituídas como centros colaboradores especiais de orientación ou xustifiquen a existencia dun colectivo cuantificable de difícil inserción laboral.

2. As entidades solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Dispoñer de locais con despacho ou despachos axeitados para a atención individual aos demandantes de emprego.

b) Dispoñer dunha conta de correo electrónico que actúe como caixa de correo do servizo (polo que na súa denominación deberá constar, necesariamente, o termo «orientación» e a denominación da entidade), para os efectos de realizar as comunicacións coa entidade solicitante.

c) Conexión coa Rede Corporativa da Xunta de Galicia. A conexión poderase facer de tres formas diferentes:

– Acceso básico dedicado RDSI.

– Acceso á rede corporativa por liña dedicada ADSL.

– Acceso á rede corporativa vía internet.

En calquera das tres opcións, o hardware de comunicación que posibilite a conexión á Rede Corporativa da Xunta de Galicia terá que cumprir os estándares definidos polo organismo xestor da dita rede.

d) Dispoñer dun ordenador persoal con protocolo TCP/IP. A conexión do ordenador á Rede Corporativa da Xunta de Galicia deberá ser exclusiva. Unha vez establecida esta, non se poderá acceder a el a través doutras canles de comunicación por elementos situados en redes alleas á propia entidade. Queda expresamente prohibido o uso de técnicas NAT, proxy ou similares na canle de comunicación que oculten a identidade única da estación de traballo. A dirección IP da estación de traballo debe ser fixa en calquera das tres modalidades de conexión. En calquera das modalidades de acceso, os diferentes elementos da rede de comunicación permitirán a apertura de sockets TCP dende os servizos centrais do Servizo Público de Emprego de Galicia ata a estación de traballo do usuario. Tanto o software de base instalado como as características do hardware da estación de traballo deberán posibilitar o correcto funcionamento da aplicación informática cliente do Servizo Público de Emprego de Galicia.

e) Dispoñer de acceso a internet e correo electrónico e aplicar medidas de seguridade de nivel medio no tratamento da información de carácter persoal. Ademais, deberase contar con software antivirus debidamente actualizado e con mantemento periódico en todas as estacións de traballo que teñan acceso á Rede Corporativa da Xunta de Galicia.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades que incorran nalgunha das prohibicións que establece o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Funcións do persoal técnico de información, orientación e prospección de emprego

1. Serán funcións do persoal técnico de información, orientación e prospección de emprego, en consonancia co disposto no punto 5.1 do Real decreto 1542/2011, do 31 de outubro, polo que se aproba a Estratexia Española de Emprego 2012-2014, todas aquelas actuacións e medidas de información, acompañamento, motivación e asesoramento que, tendo en conta as circunstancias persoais e profesionais da persoa beneficiaria, lle permitan determinar as súas capacidades e intereses e xestionar a súa traxectoria individual de aprendizaxe, a busca de emprego ou a posta en práctica de iniciativas empresariais. En concreto:

a) A elaboración de diagnoses individualizadas sobre o perfil, as necesidades e as expectativas das persoas demandantes de emprego mediante entrevistas personalizadas, para poderen encontrar ou manter un emprego ou accederen a un novo.

b) A información sobre o mercado de traballo e os incentivos e medios dispoñibles para o fomento da contratación e o apoio ás iniciativas emprendedoras.

c) O deseño, a elaboración e a realización de itinerarios individuais e personalizados de emprego ás persoas desempregadas a través de información e orientación profesional para o emprego e o autoemprego, para a mellora da súa cualificación profesional e da súa empregabilidade.

d) Os contactos coas empresas para difundir información sobre as súas iniciativas para facilitar a inserción laboral, realizando, así mesmo, unha prospección das necesidades das empresas e o casamento entre as ofertas e as demandas de emprego e favorecendo o achegamento entre as necesidades das empresas e as posibles persoas candidatas.

e) A información e a orientación sobre o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas pola experiencia laboral para as persoas demandantes de emprego mediante a acreditación oficial da súa cualificación a través de certificados de profesionalidade.

f) A información e o asesoramento ás persoas demandantes de emprego sobre a oferta de accións de formación profesional para o emprego, con acreditación oficial a través do Repertorio de certificados de profesionalidade cando estean vinculadas ao Catálogo nacional de cualificacións, así como dos títulos de formación profesional.

2. As entidades que colaboren coa Dirección Xeral de Emprego e Formación na realización destas accións realizaranas cos seus medios propios e nas instalacións habilitadas por cada entidade para o seu desenvolvemento.

3. Serán destinatarios destas accións todos os demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia, ben cando o soliciten expresamente, ou ben cando lles sexa ofertado polo dito servizo a través de calquera dos seus departamentos.

Artigo 4. Contía das subvencións e período subvencionable

1. A contía da subvención que se concederá para a prestación dos servizos descritos no artigo anterior será, por cada técnico de información, orientación e prospección de emprego contratado, a equivalente ás súas retribucións totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, durante un período de 12 meses, co límite máximo de 20.000 euros anuais por técnico.

A citada contía máxima reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, no caso de que a prestación de servizos sexa a tempo parcial.

2. A contía máxima da subvención poderá incrementarse nun 15 por cento, no caso de solicitudes conxuntas aprobadas pola comisión de valoración, en virtude dos criterios establecidos no artigo 8.1.B.

Artigo 5. Presentación de solicitudes e prazo

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de conformidade ao establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24.2 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o DNI electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nesta e que fai constar os extremos seguintes:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, incluído o de estar ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

b) O cumprimento dos requisitos exixidos no artigo 2.2 desta orde.

c) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

d) A veracidade da documentación presentada xunto coa solicitude e que a entidade solicitante se obriga a presentar ante a Dirección Xeral de Emprego e Formación, logo de petición desta, a documentación acreditativa dos extremos a que se refire a presente declaración responsable.

Os modelos de solicitude, independentemente da súa publicación como anexos a esta convocatoria, atópanse á disposición dos interesados nos citados enderezos web.

2. A presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Para os efectos do disposto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, no artigo 13. da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e nos artigos 14 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante a presentación da solicitude de subvención e a sinatura do anexo I a entidade interesada presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos nos referidos rexistros e páxina web, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, poderán exercerse os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición, mediante escrito dirixido á citada consellería.

4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 6. Documentación

1. Xunto co formulario de solicitude, deberá anexarse en formato electrónico a seguinte documentación:

a) Copia da escritura de constitución e dos estatutos da entidade, onde conste que dispón de personalidade xurídica e carece de fins lucrativos.

b) Tarxeta de identificación fiscal.

c) Documentación acreditativa de representación legal para asinar a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou acta onde se determine a dita representación.

d) Memoria explicativa das accións a desenvolver, que deberá presentarse necesariamente segundo o modelo que se publica como anexo II e que deberá facer referencia, de xeito obrigatorio, aos seguintes aspectos:

1. Recursos humanos, técnicos e materiais da entidade, con indicación expresa do persoal de información, orientación e prospección de emprego proposto para a realización das accións definidas no artigo 3 da orde.

2. Orzamento de gastos relativo ao custo do persoal solicitado referido a un período de un e de doce meses, facendo referencia, se é o caso, ao cofinanciamento por parte da entidade.

3. Descrición das accións a realizar e a súa xustificación, incluíndo o número medio de accións de orientación mensuais que se prevexa acadar e o número medio de itinerarios personalizados de inserción a desenvolver durante o período subvencionado.

4. Estudo organizativo do servizo, metodoloxía dos traballos ou outros documentos, como manuais de procedemento, relativos ás accións incluídas na colaboración, funcións do persoal propio da entidade, maneira de desenvolvelas, criterios de desenvolvemento e ordenación do traballo e cadea de mando existente na entidade. Deberá, se é o caso, especificar a metodoloxía aplicable á prospección de empresas.

5. Experiencia no desenvolvemento das accións solicitadas referida aos últimos tres anos, detallando o tipo de accións realizadas, a metodoloxía empregada e o número de persoas usuarias atendidas.

6. Desenvolvemento, por parte da entidade solicitante, doutras medidas de carácter ocupacional complementarias ás definidas nesta orde.

7. Descrición dos sistemas propios de avaliación das medidas de apoio que se lles van prestar aos demandantes de emprego.

8. Para o caso de que se trate dunha entidade cuxas accións teñan como destinatario colectivos específicos de difícil inserción deberá facelo constar expresamente, con indicación da súa condición de centro especial, se é o caso, e a especificación dos colectivos a atender e a súa cuantificación.

e) Para o caso de agrupacións de concellos baixo calquera modalidade: copia do convenio de colaboración, se é o caso, e memoria explicativa da prestación conxunta do servizo de orientación laboral con indicación das achegas económicas ou doutra índole dos concellos agrupados, o importe da subvención a aplicar a cada un deles, así como o nomeamento do representante ou apoderado único da agrupación, de acordo co esixido no artigo 8.3 in fine da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As entidades que no momento de presentar a súa solicitude posúan a condición de entidades colaboradoras do Servizo Público de Emprego de Galicia na área da información, orientación e prospección de emprego estarán exentas de presentar a documentación indicada nas letras a) b), e c) da epígrafe 1 deste artigo. No suposto de que se producise algunha modificación na documentación que consta en poder da Administración, estas entidades deberán remitir a dita documentación convenientemente modificada.

Así mesmo, as entidades dependentes dunha Administración pública estarán exentas da presentación do documento indicado na letra a) da epígrafe 1 deste artigo.

3. Se do exame do expediente, segundo o procedemento establecido no artigo seguinte, se comprobase que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, requirirase á entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende o erro ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se terá por desistida a súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 desta lei.

Artigo 7. Procedemento, competencia e resolución

1. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Orientación Laboral da Dirección Xeral de Emprego e Formación.

3. Revisados os expedientes e completados, de ser o caso, remitiranse á comisión de valoración para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe, no que se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes.

Para estes efectos, a comisión de valoración estará composta pola persoa titular da Subdirección Xeral de Emprego, a persoa titular do Servizo de Orientación Laboral e unha persoa funcionaria adscrita ao dito servizo, que actuará como secretaria.

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puider asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe o órgano competente para resolver.

4. O órgano instrutor elevará o informe da comisión de valoración xunto coa proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación, logo da fiscalización pola intervención delegada, que resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

A resolución pola que se conceda a subvención determinará, como mínimo, o servizo e número de persoas técnicas concedidas, duración e data de inicio, contía da subvención que se vai outorgar, e demais requisitos exixibles para a súa percepción e seguimento. Poderá ter efecto retroactivo, sempre que non se interrompese a contratación e a prestación dos servizos polas persoas técnicas de información, orientación e prospección de emprego financiadas ao abeiro da Orde da Consellería de Traballo e Benestar do 30 de decembro de 2011.

5. A resolución e a notificación deberanse producir nun prazo de tres meses, que se contará desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes, debendo terse en conta o disposto nos artigos 59.6.b) e 58.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desfavorable.

A notificación da resolución favorable comportará a aceptación da axuda, salvo que nos 10 días hábiles contados desde o día seguinte a esta a entidade beneficiaria manifeste expresamente á súa renuncia.

6. A resolución que finaliza os procedementos regulados na presente orde esgota a vía administrativa, polo que contra ela se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación do dito acto se fose expreso, ou seis meses se non o for, contados neste caso a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, con anterioridade á interposición do dito recurso contencioso-administrativo, e de acordo co establecido nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, poderase interpoñer recurso de reposición perante o mesmo órgano que ditou o acto administrativo no prazo dun mes se o dito acto for expreso e, se non o fose, o prazo será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles interesados.

7. As resolucións de concesión serán obxecto de publicación segundo o establecido no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 8. Criterios de valoración das solicitudes

1. A concesión das subvencións previstas na presente orde realizarase conforme os seguintes criterios:

A. Para todas as solicitudes:

a) Cobertura existente dentro do Servizo Público de Emprego de Galicia segundo a comarca e/ou concello no que se sitúe a entidade, en relación co número de habitantes e persoas desempregadas de cada zona, ou cobertura existente na atención a colectivos específicos de difícil inserción: ata 25 puntos.

b) Experiencia acreditada da entidade no desenvolvemento das accións de información, orientación e prospección de emprego, valorándose especialmente a continuidade na prestación do servizo: ata 25 puntos.

c) Desenvolvemento, por parte da entidade solicitante, doutras medidas de mellora da empregabilidade complementarias ás definidas nesta orde, de xeito que unha mesma entidade lles poida ofrecer aos demandantes de emprego a maior oferta de actuacións ocupacionais necesarias co fin de lograr a inserción e/ou mellorar as posibilidades de emprego das persoas atendidas: ata 10 puntos.

d) Recursos humanos, técnicos e materiais postos á disposición pola entidade para a realización das accións de información, orientación e prospección de emprego, e que superen os mínimos exixidos nas especificacións técnicas do artigo 2.2: ata 10 puntos.

e) Redución no custo das accións subvencionadas por achegas económicas por parte da entidade ou concorrencia doutras subvencións: ata 10 puntos.

f) Procedementos de xestión e seguimento das accións que aseguren un fluxo adecuado de participantes, garantan a puntualidade e exactitude da información e que non impliquen un aumento de cargas de traballo para o Servizo Público de Emprego de Galicia: ata 10 puntos.

g) Sistemas de avaliación propios dos servizos ás persoas demandantes de emprego, que poñan de manifesto a calidade destes: ata 10 puntos.

B. Para as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local:

a) Proxectos presentados por agrupacións de concellos baixo calquera fórmula (asociación, mancomunidade...) agás a fusión de concellos: ata 30 puntos, distribuídos do seguinte xeito:

– Pola presentación da solicitude, sempre que resulte acreditada, na memoria presentada, a redución de custos e a xestión máis eficaz do servizo de orientación laboral, en virtude das achegas económicas ou doutra índole da totalidade dos concellos asociados no proxecto: 10 puntos.

– Polo número de concellos asociados e a poboación total de persoas desempregadas do seu ámbito territorial conxunto: ata 10 puntos.

– Pola porcentaxe de aforro da prestación conxunta do servizo de orientación laboral con respecto á prestación de forma individual: ata 10 puntos.

b) Proxectos presentados por entidades locais resultantes dun proceso de fusión municipal de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia: 30 puntos.

c) Serán inadmitidas aquelas solicitudes conxuntas nas que non resulte acreditada a realización conxunta do servizo de información, orientación e prospección de emprego e que supoñan actuacións independentes de cada entidade local.

2. Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas en aplicación dos criterios do primeiro parágrafo, terán preferencia aquelas solicitudes nas que conste o emprego da lingua galega na realización das accións de información, orientación e prospección de emprego, debidamente declarado pola persoa representante da entidade.

3. A valoración mínima para a consecución da condición de entidade beneficiaria debe ser de 50 puntos.

Artigo 9. Requisitos e selección do persoal técnico de información, orientación e prospección de emprego

1. As entidades beneficiarias, unha vez ditada resolución favorable, realizarán a preselección do persoal concedido que, en todo caso, deberá contar con titulación universitaria de primeiro ou segundo ciclo, necesaria para o desenvolvemento das funcións referidas no artigo 3 desta orde. Non será necesario realizar este proceso de selección cando a persoa que se vaia contratar estea prestando servizos na entidade beneficiaria da subvención e cumpra os requisitos establecidos neste artigo.

2. Unha vez realizada a dita preselección, a entidade remitiralle ao Servizo de Orientación Laboral da Dirección Xeral de Emprego e Formación, os currículos das persoas preseleccionadas, suficientemente acreditados, cun mínimo de un e un máximo de tres currículos por posto ofertado.

O persoal do devandito servizo avaliará os currículos presentados de acordo co seguinte baremo:

Requisitos imprescindibles para superar a fase de baremación do currículo:

Requisitos de titulación:

– Título de licenciada/o universitaria/o, arquitecta/o, enxeñeira/o ou grao ou

– Título universitario de enxeñeiro/a técnico, diplomado/a universitario, arquitecto/a técnico ou grao

Requisitos de puntuación:

– Acadar unha puntuación mínima total en currículo de 5 puntos

Titulación académica (máximo 2,5 puntos)

Puntuación

Titulacións preferentes:

– Psicoloxía

– Pedagoxía

– Psicopedagoxía

– Socioloxía/Ciencias políticas e socioloxía (Secc. socioloxía)

– Educación social

– Traballo social

– Relacións laborais e recursos humanos/Relacións laborais/Graduado/a social

2,5 puntos

2,5 puntos

2,5 puntos

2,5 puntos

2,0 puntos

2,0 puntos

2,0 puntos

Outra titulación de licenciada/o universitaria/o, arquitecta/o, enxeñeira/o, enxeñeiro/a técnico, diplomado/a universitario, arquitecto/a técnico ou grao

(para o caso de ter varias titulacións só se contará unha)

1,5 puntos

Formación complementaria (máximo 2 puntos)

Puntuación

Másters, cursos en materias relacionadas co posto ofertado

0,1 puntos por cada 30 horas formativas

Experiencia profesional (máximo 5 puntos)

Puntuación

A experiencia profesional deberá acreditarse a través de certificación oficial de vida laboral actualizada máis copia do contrato ou certificado de empresa no que consten as tarefas realizadas, e IAE (alta e actualización) no caso de traballadores autónomos.

Cando se trate de colaboracións, bolsas, titorías, docencia, educación social ou servizos sociais, estes deberán acreditarse mediante certificación de organismos oficiais na que deberá constar o tempo de realización.

Por cada mes realizando tarefas directamente relacionadas co posto ofertado: orientación laboral/profesional, titorías laborais con persoas adultas, inserción laboral etc.

0,4 puntos por cada mes

Por cada mes realizando tarefas técnicas indirectamente relacionadas co posto ofertado (máximo 2 puntos nesta epígrafe)

0,1 puntos por cada mes

Outros méritos (máximo 0,5 puntos)

Puntuación

Celga 3 ou equivalente debidamente homologado *

0,15 puntos

Celga 4 ou equivalente debidamente homologado *

0,25 puntos

Coñecementos de informática debidamente acreditados

0,25 puntos

* (No caso de que a persoa candidata posúa os títulos Celga 3 e Celga 4, só se valorará o Celga 4)

A acta de baremación asinarase conxuntamente co representante da entidade, que poderá realizar a contratación do persoal.

O establecido neste punto non será de aplicación para o persoal técnico de orientación que xa fose baremado ao abeiro dos programas de información, orientación e prospección de emprego en exercicios anteriores, nin para o persoal técnico de prospección de emprego.

3. O persoal seleccionado conforme o establecido nas epígrafes anteriores poderá ter relación contractual previa coa entidade colaboradora ou ser obxecto de nova contratación pola modalidade contractual máis axeitada.

A entidade beneficiaria asume a súa condición de empregadora respecto ao devandito persoal e o compromiso de cumprir a normativa laboral en materia de contratación.

Así mesmo, deberalles facilitar ás persoas traballadoras os elementos persoais e materiais necesarios para levar a cabo o seu traballo e achegar a súa propia dirección e xestión para a articulación da colaboración conservando a estrutura de mando sobre o seu persoal, conforme as liñas definidas na memoria, sendo responsable da calidade técnica das tarefas que desenvolvan.

A concesión e uso destas axudas non suporá, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.

Artigo 10. Pagamento da subvención

1. O aboamento da subvención farase efectivo dunha soa vez, unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Certificado de inicio, no modelo publicado na páxina web institucional da Xunta de Galicia no enlace (http://traballo.xunta.es/iobe), no que consten:

– As retribucións brutas do persoal contratado e as cotizacións empresariais á Seguridade Social, indicando, se é o caso, as cantidades achegadas pola entidade.

– A titularidade da conta da entidade beneficiaria onde se deba efectuar o pagamento.

b) Para o caso de novas contratacións, copias dos contratos de traballo do persoal contratado.

c) Para o caso de novas contratacións, resolucións sobre o recoñecemento de alta na Seguridade Social (modelo TA2R) e informes de datos de cotización (modelo IDC) do persoal contratado.

d) Unha fotografía do cartel informativo e a súa localización, nos termos sinalados no artigo 13.2.I.a.

e) Unha declaración complementaria do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes e de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade de Galicia.

f) Para o caso de novos centros de orientación, ademais:

– Certificado do órgano competente relativo á existencia de título lexítimo que habilite para a posesión dos inmobles e instalacións correspondentes e a licenza municipal de apertura, de ser esta necesaria.

– Planos a escala do local, selados e asinados polo representante legal da entidade, nos que debe figurar o enderezo do centro ou centros aos que corresponden, e con indicación expresa do despacho ou despachos que se dedicarán á realización das accións de información, orientación e prospección de emprego, tendo en conta que a entidade solicitante deberá dispor de tantos despachos ou espazos diferenciados e delimitados coas suficientes garantías de confidencialidade, como persoas se dediquen a estas accións.

O prazo para remitir esta documentación será o establecido na resolución de concesión da subvención.

2. Para os casos nos que o persoal estivese xa contratado pola entidade beneficiaria, a comprobación da permanencia en alta na Seguridade Social será realizada polo Servizo de Orientación Laboral, a través das correspondentes aplicacións informáticas.

Artigo 11. Seguimento e control das accións

Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Traballo e Benestar realizará as comprobacións e verificacións presenciais e aleatorias que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normativas vixentes que resulten de aplicación, e co obxecto de avaliar cuantitativa e cualitativamente o desenvolvemento das accións previstas nesta orde.

No caso de levarse a cabo visitas de seguimento por parte da Consellería de Traballo e Benestar, as entidades beneficiarias na área de información e/ou orientación e prospección de emprego, facilitarán o acceso ás instalacións nas que se realizan as accións, así como toda a documentación de carácter técnico, administrativo, informático ou contable que teña relación coa subvención concedida que se lles solicite.

Nas visitas de seguimento elaborarase un informe-check list que asinarán o responsable da visita e o responsable da entidade. A sinatura do responsable da entidade non implicará a conformidade co contido do informe.

Artigo 12. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención de acordo co previsto nesta orde e nos documentos de instrucións operativas que se porán á disposición das entidades beneficiarias na páxina web institucional da Xunta de Galicia no enlace (http://traballo.xunta.es/iobe).

b) Retribuír as persoas contratadas cos salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación.

c) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer ao seu vencemento e, mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas que se deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

d) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Traballo e Benestar e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas e ás que poidan corresponder, se é o caso, á Comisión e ó Tribunal de Contas Europeo.

e) Comunicar, no prazo de 10 días hábiles, á Dirección Xeral de Emprego e Formación:

– As subvencións ou axudas solicitadas e/ou obtidas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

– Aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que desenvolverá o persoal técnico contratado, co obxecto de que poida valorarse se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

f) Manter as condicións relativas ás instalacións e medios dedicados á realización das accións de información, orientación e prospección de emprego e poñer á disposición do persoal técnico todos os medios materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das súas funcións e, en particular, os equipos informáticos precisos, o acceso a internet e o correo electrónico. Neste sentido deberán informar e, se é o caso, solicitar autorización, previamente e por escrito, sobre calquera cambio que se puidese producir nos datos expresados pola entidade no inicio da súa colaboración, especialmente no que atinxe aos cambios de local.

g) Manter a disposición do Servizo Público de Emprego de Galicia e custodiar durante o período en que se executen as accións de información, orientación e prospección de emprego o expediente completo de cada usuario. En caso de cesamento das súas actividades ou de perda da súa condición de entidade colaboradora do Servizo Público de Emprego de Galicia na área da información, orientación e prospección de emprego, a entidade remitirá os expedientes das persoas usuarias á oficina de emprego que lle indique a Dirección Xeral de Emprego e Formación.

h) Obter o consentimento das persoas usuarias para o tratamento automatizado dos seus datos persoais e facilitarlle información a estas do estado dos seus datos de carácter persoal incluídos nos ficheiros automatizados en calquera das formas expresadas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, adoptando as medidas técnicas e organizativas necesarias para garantir a seguranza dos datos.

i) Gardar o segredo profesional respecto dos datos contidos nos ficheiros automatizados de titularidade da Consellería de Traballo e Benestar ou rexistrados en soportes físicos susceptibles de tratamento automatizado. Esta obriga subsistirá cando a entidade finalice a súa colaboración coa Dirección Xeral de Emprego e Formación.

l) Non percibir retribución económica ningunha das persoas usuarias pola realización das accións de información, orientación e prospección de emprego desenvolvidas en colaboración coa Dirección Xeral de Emprego e Formación no marco desta disposición.

Artigo 13. Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo

1. As axudas reguladas nesta orde poderán estar cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do Programa Operativo de Galicia 2007-2013 CCI2007ES051PO004 (tema prioritario 66 do Eixe 2), polo que este réxime de subvencións quedará suxeito aos seguintes regulamentos:

a) Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión e derrógase o Regulamento (CE) núm. 1260/1999.

b) Regulamento (CE) núm. 1081/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, relativo ao FSE e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1784/1999.

c) Regulamento (CE) núm. 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e ao Regulamento (CE) núm. 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

d) Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013.

2. Co fin de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos cofinanciados polo FSE ao abeiro do Programa Operativo de Galicia 2007-2013, mediante as subvencións reguladas nesta orde, a entidade beneficiaria deberá someterse ao cumprimento das seguintes obrigas:

I. Relacionadas coas medidas de información e publicidade impostas polo Regulamento da Comisión (CE) núm. 1828/2006, do 8 de decembro:

a) No lugar onde se realicen as accións, deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, en modelo normalizado establecido e publicado pola Dirección Xeral de Emprego e Formación na páxina web institucional da Xunta de Galicia no enlace (http://traballo.xunta.es/iobe), no que constará o cofinanciamento pola Consellería de Traballo e Benestar e polo Fondo Social Europeo.

b) Deberán utilizar axeitadamente as identificacións segundo as instrucións da Dirección Xeral de Emprego e Formación e, en todo caso, incluír en toda a documentación relativa ás accións de información, orientación e prospección de emprego os logotipos da Unión Europea (Fondo Social Europeo) e da Xunta de Galicia (Consellería de Traballo e Benestar).

c) Deberán, ademais, obter autorización previa por parte da Dirección Xeral de Emprego e Formación para a difusión publicitaria das accións previstas no artigo 3 desta orde.

II. Relacionadas coas verificacións administrativas e sobre o terreo, necesarias para dar cumprimento ao artigo 13 do Regulamento (CE) núm. 1828/2006 e sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e nesta norma:

a) As entidades beneficiarias das axudas deberán manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados polo FSE, referidos ás operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.

b) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, ata a anualidade de 2021 e, en todo caso, durante un mínimo de tres anos a partir do peche do Programa Operativo de Galicia 2007-2013 en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Presentar ante a Dirección Xeral de Emprego e Formación, no prazo de dous meses, unha vez que teña finalizado a execución do servizo, a seguinte documentación:

– Un certificado de fin de servizo segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia (http://traballo.xunta.es/iobe).

– Copias cotexadas das nóminas aboadas aos traballadores e traballadoras que se contraten e dos boletíns de cotización á Seguridade Social (modelos TC-1 e TC-2), así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento, e mais os impresos de liquidación nominal do IRPF e xustificantes do seu pagamento, unha vez se dispoñan destes.

d) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, con base na mostra seleccionada ao abeiro do procedemento descrito no Modelo dos sistemas de xestión e control da Comunidade Autónoma de Galicia e/ou segundo criterios baseados no risco sexan realizados por persoal técnico da Dirección Xeral de Emprego e Formación.

Artigo 14. Revogación e reintegro

O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde, así como a falsidade comprobada en relación cos datos achegados para a súa obtención, orixinará, á vista da natureza e causas do incumprimento, a revogación ou o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 15. Participación institucional

A participación dos axentes sociais para os efectos do Servizo Público de Emprego efectuarase a través do Consello Autonómico de Emprego.

Disposición adicional primeira

A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario nas aplicacións 11.03.322B.460.0, 11.03.322B.481.0 e 11.03.322B.481.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de atribucións da Conselleira de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación para conceder, autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos así como para exixir do beneficiario o reintegro da subvencións cando aprecie a existencia dalgún dos supostos de reintegro de cantidades percibidas establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, de conformidade co réxime disposto na disposición adicional primeira do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro.

Disposición adicional terceira

As entidades beneficiarias destas axudas están suxeitas ao réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional cuarta

En todo o non disposto nesta disposición, será de aplicación supletoria a Orde do 20 de xaneiro de 1998, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a realización de accións de orientación profesional para o emprego e asistencia para o autoemprego e a Orde TAS 816/2005, do 21 de marzo, pola que se adecúan ao réxime xurídico establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, as normas reguladoras de subvencións que se concedan polo Servicio Público de Empleo Estatal nos ámbitos do emprego e de formación profesional ocupacional, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e mailo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file