Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Luns, 22 de abril de 2013 Páx. 12327

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 15 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, en desenvolvemento do Plan Ágora, Agora Re-comercia 2010-2013, e se procede á súa convocatoria (IN219A).

O comercio tradicional na actualidade está sometido a un profundo proceso de cambio que exixe realizar un esforzo de renovación e adaptación continuo, co obxecto de que se volva situar na posición histórica que tradicionalmente veu desempeñando no desenvolvemento económico e social das nosas vilas e cidades. Por isto, o Plan Ágora, Agora Re-comercia 2010-2013, co obxecto de contribuír a construír un sector comercial máis competitivo e dinámico, recolle un conxunto de medidas entre as que cabe subliñar:

A) A dinamización e revitalización dos centros comerciais abertos e a adaptación ao seu contorno, creando espazos confortables e de lecer para realizar compras que xeren polos de atracción comercial nas cidades e vilas.

B) A dinamización e rexeneración das prazas de abastos.

En consecuencia, co obxecto de facilitar a recuperación das vilas, en xeral, e do seu comercio en particular, tanto desde o punto de vista económico e social como urbanístico, contribuíndo a evitar a despoboación que nos últimos anos se está producindo nos centros urbanos, esta orde diríxese ás asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas, e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, que leven a cabo proxectos para a dinamización e revitalización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos en desenvolvemento do Plan Ágora, Agora Re-comercia 2010-2013.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía e Industria destinadas ao desenvolvemento equilibrado dos centros comerciais abertos e prazas de abastos.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócase a devandita subvención para o ano 2013.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser beneficiario da subvención deberá presentarse unha solicitude, axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado de solicitude (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario, para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase que o prazo vence o día cuxo ordinal coincida co que serviu de partida, que é o de publicación no DOG e, se é festivo, o primeiro día hábil seguinte.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a seis meses.

Artigo 5. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN219A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Comercio, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (http://economiaeindustria.xunta.es).

b) O teléfono da devandita dirección xeral: 981 54 55 57.

c) O enderezo electrónico cei.dxc.axudas@xunta.es

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado, 902 12 00 12).

A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, adoptando tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, no entanto, a Consellería de Economía e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: Consellería de Economía e Industria, Dirección Xeral de Comercio, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5-3ª planta, 15781 Santiago de Compostela.

Disposición adicional única.

Naqueles supostos en que se acredite fidedignamente a imposibilidade, non imputable ao solicitante da subvención, de obter o informe da Mesa Local de Comercio, será suficiente, para os efectos establecidos no artigo 4.2, letra p), coa presentación da solicitude do dito informe.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora xeral de Comercio para ditar as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2013

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro, para a dinamización e revitalización dos centros comercias abertos e prazas de abastos en desenvolvemento do Plan Ágora, Agora Re-comercia 2010-2013 (IN219A)

Artigo 1. Obxecto e réxime da subvención

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a dinamización e revitalización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE núm. L379/5, do 28 de decembro de 2006).

3. En concreto, considéranse actuacións subvencionables dentro desta liña de axudas as recollidas no punto 3.1, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro de 2013 e a data límite de xustificación establecida no artigo 17.

En función da súa especial natureza e por ter unha continuidade ininterrompida, tamén se considerarán actuacións subvencionables aquelas actuacións realizadas a partir do 24 de novembro de 2012 ata o 31 de decembro de 2012.

3.1. Actuacións subvencionables.

3.1.1. Serán subvencionables os proxectos que teñan por finalidade acadar a dinamización e revitalización dos centros comerciais abertos a través de:

a) Dinamización comercial mediante a realización de campañas de promoción, publicidade en medios de comunicación ou en soportes publicitarios, así como a elaboración de material promocional das actuacións desenvolvidas.

O desenvolvemento de campañas de dinamización ou actuacións encamiñadas á promoción das vendas deberán presentarse dentro dun proxecto de incentivación ao consumo en que se amose a participación directa dos establecementos comerciais asociados.

b) Desenvolvemento de sistemas de fidelización a través de servizos dirixidos á clientela cuxa finalidade sexa aumentar as vendas, atraer novas persoas consumidoras e satisfacer a clientela.

c) Sinalización comercial externa, a través de elementos identificativos da área comercial.

d) Mellora da competitividade comercial a través das seguintes actuacións:

d.1) Proxectos de creación ou posta en funcionamento e consolidación de centrais de compras e servizos.

d.2) Creación de redes de comunicación.

d.3) Xornadas técnicas e congresos en materia de comercio.

e) Os gastos imputables ás unidades xerenciais que cumpran os requisitos establecidos no artigo 3.1.3, e derivados da formulación, execución e seguimento do proxecto obxecto da subvención.

Só serán subvencionables, por este concepto recollido na letra e), aqueles proxectos que inclúan, ademais, dúas actuacións das descritas nas letras a) e b) deste punto.

3.1.2. Serán subvencionables os proxectos que teñan por finalidade acadar a dinamización e rexeneración das prazas de abastos a través das seguintes actuacións:

a) Instalacións e equipamentos do mercado e das praceiras e dos praceiros.

b) Desenvolvemento de sistemas de fidelización a través de servizos complementarios cuxa finalidade sexa aumentar as vendas, atraer novas persoas consumidoras e satisfacer a clientela.

c) Sinalización comercial, que deberá aterse aos seguintes requisitos de cor de fondo dos postos respecto de cada un dos seguintes produtos:

Fondo azul. Para os postos de venda de peixe.

Fondo vermello. Para os postos de venda de carne.

Fondo verde. Para os postos de venda de froitas e verduras.

Fondo amarelo. Para os postos de venda de lácteos, ovos e panadaría.

d) Dinamización comercial mediante a realización de campañas de promoción, publicidade en medios de comunicación ou en soportes publicitarios, así como a elaboración de material promocional das actuacións desenvolvidas.

O desenvolvemento de campañas de promoción ou actuacións encamiñadas á promoción das vendas deberán presentarse dentro dun proxecto de incentivación ao consumo en que se amose a participación directa das praceiras e dos praceiros.

e) Os gastos imputables ás unidades xerenciais derivados da formulación, execución e seguimento do proxecto obxecto da subvención.

4. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada.

De acordo co disposto no punto 7 do devandito artigo, os gastos financeiros, os de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais, periciais e os gastos de garantía bancaria poderán ser subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.

Así mesmo, de conformidade co disposto no punto 9 do devandito artigo, serán admisibles como gastos subvencionables os orixinados polas unidades xerenciais incluídos os custos de persoal e funcionamento, tendo en conta que as devanditas unidades resultan indispensables para a axeitada preparación, avaliación e execución do proxecto subvencionable.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2013 e a data límite establecida no artigo 17 destas bases reguladoras coa excepción dos gastos efectuados en 2012 de acordo co establecido no punto 3.

En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

5. Segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, en ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Así mesmo, non serán subvencionables:

– Os regalos promocionais nin os custos relativos a axudas de custo, desprazamentos, nin a realización de cócteles e actos análogos.

– As campañas de dinamización, promoción ou calquera outra actuación que teñan exclusivamente por finalidade o patrocinio, colaboración ou axuda económica que comporten actividades lúdicas, turísticas, de exaltación gastronómica ou similares, sen relación co fomento da actividade comercial e sen a participación directa dos establecementos comerciais asociados.

– As bolsas que non sexan biodegradables e/ou reutilizables.

– Os gastos da asesoría externa en contía superior ao 25 % do salario do xerente.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións que se establezan para as actuacións obxecto desta orde serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.751A.781.1, Asociacionismo comercial e integracións estratéxicas, cun importe máximo de 2.200.000 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 9.

2. Os investimentos máximos subvencionables e a contía da subvención que corresponda ás actuacións contidas no artigo 1, punto 3.1.1, atenderán ao seguinte criterio:

Os investimentos máximos subvencionables modularanse en tres tramos tendo en conta a relación existente entre as cifras oficiais de poboación dos concellos onde radiquen os centros comerciais abertos e o número de comercios asociados a estes, segundo os datos obtidos, respectivamente, do padrón municipal de habitantes vixente, publicado polo Instituto Galego de Estatística e do Rexistro Galego de Comercio.

Naqueles concellos en que exista máis dun centro comercial aberto, a poboación do concello será ponderada entre o número de centros comerciais abertos existentes.

Só se terán en conta, para determinar o investimento máximo subvencionable correspondente a cada centro comercial aberto, aqueles comercios que acrediten a súa condición de asociados mediante a xustificación documental do aboamento de, polo menos, o 70 % das cotas correspondentes ao ano 2012 ou o aboamento de, polo menos, o 70 % das cuotas correspondentes ao ano 2013, cando se trate de comercios que adquiriran a condición de socios no presente ano.

O investimento máximo subvencionable e o importe da subvención para estas actuacións é de:

a) 57.150 euros para os centros comerciais abertos situados en poboacións de máis de 14.000 habitantes que conten con máis de 100 comercios asociados, así como para os centros comerciais abertos situados en poboacións de menos de 14.000 habitantes que conten con máis de 80 comercios asociados.

En ambos os casos, as cotas ingresadas polos asociados no ano 2012 representarán, polo menos, o 20 % do orzamento liquidado no mesmo exercicio pola asociación.

O importe da subvención resultará de aplicar unha porcentaxe do 70 % sobre o investimento subvencionable.

b) 44.000 euros para os centros comerciais abertos situados en poboacións de máis de 14.000 habitantes que conten con máis de 60 comercios.

O importe da subvención resultará de aplicar unha porcentaxe do 75 % sobre o investimento subvencionable.

c) 27.800 euros para os centros comerciais abertos que non estean comprendidos en ningún dos supostos recollidos nas letras a) e b) anteriores.

O importe da subvención resultará de aplicar unha porcentaxe do 80 % sobre o investimento subvencionable.

O investimento máximo subvencionable establecido para as actuacións contidas no artigo 1, punto 3.1.2, é de 14.000 euros.

A porcentaxe de subvención acadará o 70 % do investimento subvencionable.

No entanto, as asociacións poderán solicitar, unha vez recibida a concesión da axuda, un anticipo de ata o 25 %, segundo o disposto no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de marzo, de subvencións de Galicia, así como nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da citada lei, que suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación ou, se é o caso, pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria.

A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

As garantías deberán constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nas delegacións territoriais da consellería competente en materia de facenda.

3. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada.

4. A axuda de minimis non se acumulará con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables, se a acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso nun regulamento de exención por categorías ou nunha decisión adoptada pola Comisión Europea.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases:

1.1. As asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas, e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

1.2. As agrupacións de persoas físicas e xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica, constituídas para os únicos efectos de compartir a unidade xerencial prevista nos puntos 3.1.1 e) e 3.1.2 e) do artigo 1, e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, deberanse facer constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que aplicará cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1.3. As asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas, e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, que leven a cabo proxectos de interese e transcendencia en centros comerciais abertos.

Para estes efectos, terán a consideración de centros comerciais abertos as agrupacións de establecementos comerciais definidas no artigo 24 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, que conten, en todo caso, cunha unidade de xestión profesionalizada de carácter permanente, que deberá cumprir os seguintes requisitos:

– A unidade xerencial deberá ter contratada unha persoa física mediante un contrato laboral, que en ningún caso poderá ser membro da asociación nin formar parte dos seus órganos de goberno e que desenvolverá funcións de xestión, contabilidade, información e asesoramento aos comerciantes e dinamización do comercio.

– Prestar servizos de atención ás persoas usuarias un mínimo diario de 6 horas en horario comercial.

Estas unidades xerenciais poderán ser compartidas entre dous ou máis centros comerciais abertos.

Ademais, o centro comercial aberto deberá cumprir, polo menos, catro dos seguintes cinco requisitos mínimos:

a) Estar en concellos con poboación superior os 10.000 habitantes, de acordo co establecido no Real decreto 1697/2012, do 21 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2012.

b) Dispoñer dun grao de concentración comercial alto, é dicir, no espazo onde se de-senvolve debe haber, polo menos, 100 comercios que deberán compartir un sinal de identidade conxunto tanto a nivel urbanístico como comercial.

c) Contar como adheridos, polo menos, co 50 % dos comercios existentes na súa delimitación territorial.

d) Presentar unha diversidade de oferta comercial, con predominio da oferta especializada en equipamento persoal.

e) Integrar os principais eixes comerciais da vila.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 1, número 7, do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, en relación coas pemes e conforme o disposto no número 2.1 das directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C 244/02), en relación coas grandes empresas.

3. As entidades beneficiarias deberán estar inscritas no Rexistro Galego de Comercio ao abeiro do establecido no parágrafo segundo do terceiro punto do artigo 10 do Decreto 118/2012, do 20 de abril, polo que se regula o Rexistro Galego de Comercio.

Artigo 4. Solicitudes

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e prazo que se indica na convocatoria.

2. Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Acta e estatutos de constitución e modificacións posteriores, se é o caso, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente, así como o código de identificación fiscal.

b) Poder suficiente de quen represente a entidade solicitante, acompañado do seu documento nacional de identidade.

Alternativamente, de acordo co disposto no artigo 2.2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, a persoa representante poderá dar o seu consentimento para que o órgano instrutor comprobe os seus datos de carácter persoal, unha vez que estea dispoñible o mecanismo, por medio de conexión telemática co servizo horizontal de acceso ao Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e de Administracións Públicas. Para estes efectos, poderá cubrir a declaración que figura no modelo normalizado de solicitude. No caso de non prestar o seu consentimento, deberá presentarse o documento mencionado ao final do primeiro parágrafo.

c) Memoria de cada unha das actividades para as que se solicita subvención, que incluirá, polo menos, a súa descrición, obxectivos, localización e calendario de realización, así como o número e características das persoas participantes e beneficiarias.

d) Copia da acta da sesión en que se informe aos asociados do proxecto para o cal se solicita a subvención.

e) Orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades para as cales se solicita subvención e factura ou, no seu defecto, factura pro forma da actividade ou adquisición que se vaia subvencionar por parte de quen vaia subministrar o ben ou prestar o servizo, así como plan de financiamento do proxecto.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, para o contrato menor (50.000 euros no suposto de execución da obra ou 18.000 euros nos demais supostos), o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

e.1. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os que se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados pola entidade solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

e.2. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionados pola entidade solicitante para a realización do proxecto.

e.3. Memoria económica xustificativa da elección dos provedores, nos seguintes casos:

e.3.1. Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a entidade solicitante.

e.3.2. Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a entidade solicitante.

As ofertas presentadas e os provedores elixidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser entidade beneficiaria da axuda. Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos cales non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.

f) Orzamento do exercicio corrente da entidade asociativa, sen incluír as partidas para as cales se solicita a subvención.

g) Orzamento liquidado pola entidade asociativa no ano 2012.

h) Certificado expedido pola persoa que exerza a secretaría ou representación da entidade que acredite o número de membros asociados dados de alta e número de comercios retallistas, dos que se achegará relación detallada e actualizada, en soporte informático, con inclusión do nome da persoa titular e do establecemento, así como as epígrafes do IAE en que figura dado de alta, enderezo postal e telefónico, concretando, se é o caso, as empresas ou entidades participantes no proxecto e actuacións que se van desenvolver.

i) Transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento das cotas aboadas polos comercios asociados no ano 2012 ou no ano 2013, cando se trate de comercios asociados no presente ano, en que queden claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento.

j) Declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, así como declaración da entidade solicitante de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o modelo normalizado establecido no anexo III desta orde.

k) Declaración xurada de estar ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, segundo anexo III desta orde.

l) Declaración de non ter a condición de empresa en crise, conforme a definición prevista no artigo 1, número 7, do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, en relación coas pemes e conforme o disposto no número 2.1 das directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C 244/02), en relación coas grandes empresas, segundo o anexo III desta orde.

m) No caso de que a entidade estea exenta do imposto sobre o valor engadido (IVE), documentación acreditativa da mencionada exención.

n) Declaración de compromiso de utilización da lingua galega segundo o modelo normalizado do anexo V, de ser o caso.

ñ) Formalización do anexo VI, relativo ás unidades xerenciais, acompañado da documentación que nel se sinala, de ser o caso.

o) No caso das agrupacións a que se refire o artigo 3.1.2 deberá achegarse o compromiso de execución asumido por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles. En calquera caso, deberá nomearse un persoa representante ou apoderada única da agrupación con poderes suficientes para cumprir as obrigas que lle corresponden á agrupación.

p) Informe da mesa local de comercio correspondente, sobre o proxecto de dinamización comercial obxecto de solicitude de concesión de subvención, de conformidade co disposto no artigo 3.b) do Decreto 183/2011, do 15 de setembro, polo que se regulan as mesas locais de comercio.

q) Formalización do anexo VII, no suposto de que a entidade pretenda concertar a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou entidades vinculadas ao beneficiario, ao abeiro da excepción recollida no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De conformidade co disposto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención pola entidade interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deben emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

Non obstante, a entidade solicitante poderá denegar o consentimento, facéndoo constar expresamente no formulario de solicitude, debendo presentar entón as certificacións a que fai referencia este punto.

De conformidade co artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ás solicitudes das entidades interesadas xuntaranse os documentos e as informacións determinados na norma ou convocatoria, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso a entidade solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

4. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 6. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e correspóndelle á persoa titular da Consellería de Economía e Industria ditar a resolución de concesión, sen prexuízo da delegación desta competencia.

Artigo 7. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5.2 resulta que a entidade solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b), 60 e 61 da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda ou reparación poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro electrónico de anuncios da páxina web da Consellería de Economía e Industria, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase facer indicación de que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado taboleiro. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse a entidade solicitante para que xunte cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 8. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

– Presidencia: titular da Dirección Xeral de Comercio, ou persoa que designe.

– Vogais:

a) Unha xefa ou xefe de servizo da Dirección Xeral de Comercio.

b) Unha xefa ou xefe de sección da Dirección Xeral de Comercio.

c) Unha técnica ou técnico da Dirección Xeral de Comercio, que terá as funcións da Secretaría.

3. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado as entidades solicitantes propostas para obter a subvención, e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha delas, ata esgotar o crédito dispoñible.

4. O resto das actuacións subvencionables quedarán en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedase libre, de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben coa ampliación dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

5. A comisión de valoración constituirase na sede do devandito centro directivo. O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 9. Criterios de valoración

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, comercial e financeiramente viables e os criterios de avaliación, que servirán de base para a determinación da contía e da preferencia na concesión das subvencións, relacionados por orde decrecente de importancia, serán os seguintes:

a) A implicación dos comerciantes no proxecto que se baremará do seguinte xeito:

– Se abrangue un número de comercios igual ou superior ao 75 % dos asociados: 8 puntos.

– Se abrangue un número de comercios igual ou superior ao 50 % e inferior ao 75 % dos asociados: 5 puntos.

– Se abrangue un número de comercios inferior ao 50 % dos asociados: 1 punto.

b) O establecemento dunha política ambiental que contribúa á mellora da sustentabilidade, como o emprego de materiais ecolóxicos e reciclables en envases, embalaxes e bolsas, así como a adopción doutras medidas de redución de impacto ambiental, conforme o seguinte baremo:

– Adopción de máis de catro medidas de carácter ambiental: 8 puntos.

– Adopción de entre catro e dúas medidas de carácter ambiental: 4 puntos.

– Adopción dunha medida de carácter ambiental: 1 punto.

c) As actuacións que supoñan unha maior novidade e que non fosen realizadas con anterioridade relacionadas con plans de dinamización comercial: 6 puntos.

d) O alcance da actuación, tendo en conta a representatividade da entidade e o número de membros a que se dirixe o proxecto. A baremación, que combinará ambos os dous criterios, efectuarase do seguinte xeito:

– Cando a representatividade da asociación sexa igual ou superior ao 50 %, segundo o criterio establecido no parágrafo segundo e terceiro do punto segundo do artigo 2, e o proxecto se dirixa a unha porcentaxe igual ou superior ao 50 % dos asociados: 5 puntos.

– Cando a representatividade da asociación sexa inferior ao 50 %, segundo o criterio establecido no parágrafo segundo e terceiro do punto segundo do artigo 2, e o proxecto se dirixa a unha porcentaxe superior ao 50 % dos asociados: 1 punto.

e) Porcentaxe de comercios que teñan implantada a norma UNE 175001-1 de calidade de servizos para o pequeno comercio, segundo o seguinte baremo:

– Se a porcentaxe de comercios que a teñen implantada é igual ou superior ao 50 %: 4 puntos.

– Se a porcentaxe de comercios que a teñen implantada é inferior ao 50 %: 1 punto.

f) Importe das cotas aboadas polos asociados:

– Se a porcentaxe que representan as cotas ingresadas polos asociados no ano 2012 é igual ou superior ao 30 % do orzamento liquidado pola asociación no mesmo exercicio: 1 punto.

g) A concorrencia doutras administracións ou institucións públicas ou privadas no de-senvolvemento e financiamento do proxecto nunha porcentaxe igual ou superior ao quince por cento: 3 puntos.

h) O compromiso de utilización da lingua galega en todas as relacións que o interesado manteña coa Administración autonómica, de acordo co establecido no artigo 6.3º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, así como de uso e posterior utilización da lingua galega nas accións subvencionables. Este compromiso acreditarase mediante a presentación do modelo que se inclúe como anexo V, debidamente asinado: 2 puntos.

i) A realización de campañas ou actuacións que impliquen beneficios ás familias numerosas: 1 punto.

j) Solicitude presentada correctamente, sen que sexa necesaria a súa rectificación nin petición de documentación complementaria: 1 punto.

Artigo 10. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.

Artigo 11. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, á persoa titular da consellería.

2. A persoa titular da consellería, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario, ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución á entidade interesada será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Nesa notificación comunicarase o importe previsto da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, e o seu carácter de axuda de minimis, en aplicación do Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE L379/5, do 28 de decembro de 2006).

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Economía e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderán remitirse as entidades beneficiarias a que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que as entidades non beneficiarias consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 12. Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria, debendo cumprir os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que non concorran requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

d) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

3. A entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida ao titular da Consellería de Economía e Industria acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de 40 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado. Non facelo dará lugar á perda da subvención na parte afectada pola modificación, sen prexuízo de que tamén poderá implicar a perda da totalidade da subvención concedida no caso de variación substancial do proxecto presentado ante a Dirección Xeral de Comercio.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia ás entidades interesadas na forma prevista no artigo 10 destas bases.

Artigo 14. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos quince días naturais desde a notificación ou publicación desta sen que a entidade interesada comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de entidade beneficiaria.

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da consellería ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas obtidas por minimis, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.2 das presentes bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega na forma que se determine regulamentariamente e sen prexuízo do establecido na disposición adicional décimo oitava da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no artigo 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento dela. Estas medidas deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma como na súa duración, e deberán consistir na inclusión da imaxe corporativa institucional básica da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 2 do Decreto 409/2009, do 5 de novembro (DOG núm. 227, do 19 de novembro).

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Manter o investimento subvencionado durante un período mínimo de cinco anos desde a súa concesión.

k) Participar ou ter participado, as persoas que ocupen a xerencia, nos cursos formativos que en materia de xestión de centros comerciais abertos e prazas de abastos promova ou teña promovido a Dirección Xeral de Comercio.

l) Actuaren as unidades xerenciais como puntos de información comercial no marco da REDIC (Rede de dinamización comercial) e coordinarse coa Administración pública para o debido funcionamento da devandita Rede, sen que esta obriga implique relación laboral, contractual ou de calquera outro tipo entre as persoas profesionais que vaian desenvolver estas actividades e a Consellería de Economía e Industria.

m) Estar a entidade inscrita no Rexistro Galego de Comercio de conformidade co establecido no artigo 8 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

Artigo 16. Subcontratación

Permítese a subcontratación pola entidade beneficiaria das actuacións subvencionables, sempre que se axusten ás previsións dispostas no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En ningún caso poderá concertar a entidade beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou empresas vinculadas coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos e xestores, agás que concorran as circunstancias previstas no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, a entidade beneficiaria deberá presentar a seguinte documentación nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria, en orixinal ou fotocopia compulsada, para o que ten de prazo ata o 31 de outubro de 2013:

a) Memoria explicativa de cada unha das accións realizadas.

No caso establecido no artigo 4.2.e), deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a selección da oferta non responda á proposta económica máis vantaxosa.

b) Xustificantes dos investimentos: facturas dos provedores e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa nos termos que se establezan regulamentariamente, en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto. Xuntarase relación nominativa de facturas agrupadas e ordenadas por actuacións subvencionables, facendo constar para cada documento o seu número de orde, data de expedición, expedidor, concepto, importe en euros e data de pagamento.

A xustificación dos pagamentos acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través de internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

c) Para aquelas actuacións de divulgación, tales como material promocional e publicidade, débese entregar un exemplar de cada un deles.

d) Certificación, do órgano que teña atribuídas as facultades, da aplicación dos fondos á finalidade para a cal foron concedidos.

e) Declaración actualizada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, así como declaración da entidade solicitante de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, segundo o modelo normalizado establecido no anexo III desta orde.

f) Declaración xurada de estar ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, segundo anexo III desta orde.

g) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, no caso que a entidade solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

h) No caso de realización de xornadas técnicas e congresos, deberán xuntar a seguinte documentación: contido detallado do programa, a súa duración, relación de relatores, número e identificación das persoas participantes e establecemento comercial a que pertencen.

i) Información relativa aos indicadores de actuación segundo anexo VIII desta orde.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que a entidade beneficiaria presentase a documentación solicitada, aplicarase o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Os órganos competentes da Consellería de Economía e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos pola entidade beneficiaria dentro do prazo que se sinale, poderá entenderse que renuncia á axuda.

Artigo 18. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de procederen ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O importe das axudas aboarase mediante transferencia bancaria á entidade financeira, ao número de conta para o que a entidade beneficiaria realizou na súa solicitude a declaración responsable acerca da veracidade dos datos consignados.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. En caso de concorreren con outras axudas, aplicarase o establecido no artigo 2.3.

Artigo 19. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II, Do reintegro de subvencións, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do seu regulamento.

Artigo 20. Control

1. A Consellería de Economía e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da subvención.

2. Alén do anterior, a subvención estará sometida á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 21. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, entidade beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no Regulamento (CE) nº1998/2006 da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE nº L379/5, do 28 de decembro de 2006), e no resto de normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file