Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Luns, 6 de maio de 2013 Páx. 14420

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 10 de abril de 2013, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución do expediente de clasificación do monte denominado Palaimos, solicitado en prol dos veciños do Busto, Valboa e Vilar, parroquia da Armenteira, do concello de Meis.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

«Asistentes:

Presidente: Gerardo Zugasti Enrique (xefe territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar).

Vogais:

Víctor Abelleira Argibay (representante do Colexio de Avogados da provincia).

Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

X. Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC da provincia de Pontevedra).

Antonio Martínez Vilar (representante da CMVMC da Armenteira).

Gonzalo Otero Villanueva (representante da CMVMC da Armenteira).

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo (funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico-Administrativo da Xefatura).

Na cidade de Pontevedra, ás 17.30 horas do día 1.4.2013, coa asistencia das persoas á marxe indicadas, reúnese no 2º andar do Edificio Administrativo sito no nº 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución do expediente de clasificación do monte denominado Palaimos, solicitado en prol dos veciños do Busto, Valboa e Vilar, parroquia da Armenteira, do concello de Meis.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data de entrada 16.6.2011, Antonino Martínez Vilas, como presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común dos lugares do Busto, Valboa e Vilar, parroquia da Armenteira, concello de Meis, presenta unha solicitude de iniciación de clasificación como veciñal do monte denominado Palaimos.

O Servizo de Montes realiza varios requirimentos á comunidade para que revise os datos planimétricos e presente nova documentación, que son atendidos pola comunidade con datas 21.9.2011 e 7.11.2011. Finalmente o 29.12.2011 o xefe do Servizo de Montes indica en nota interior á secretaria do Xurado de Clasificación de MVMC que os datos presentados pola solicitante permiten identificar plenamente a parcela, que non está clasificada e que inclúe varias parcelas catastrais de particulares e outras denominadas polo Catastro «en investigación».

Segunro. O Xurado Provincial de Montes en Man Común acordou, na súa sesión do 16.4.2012, incoar o correspondente expediente de clasificación do monte en prol da CMVMC dos lugares do Busto, Valboa e Vilar, parroquia da Armenteira, concello de Meis.

O 17.4.2012 solicítase ao Servizo de Montes a elaboración do informe preceptivo conforme o artigo 20 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 do outubro, de montes veciñais en man común. Con data 11.5.2012 recíbese o antedito informe preceptivo do Servizo de Montes.

Terceiro. A rexistradora da Propiedade de Cambados, en escrito do 5.6.2012, certifica que o monte denominado Palaimos non figura inscrito no Rexistro da Propiedade.

Cuarto. Á vista da documentación presentada pola solicitante e o informe do Servizo de Montes, o monte obxecto do presente expediente obedece á seguinte descrición:

Concello: Meis.

Parroquia: A Armenteira.

Nome do monte: Palaimos.

Cabida: 8,30 ha aprox. (superficie alegada na solicitude).

Lindes:

Norte: monte veciñal da Armenteira (polígono 107, parcela 021) e parcelas catastrais de Tomada de Espiño (polígono 107, parcelas 564, 585, 584, 583, 582, 581, 580, 569, 570, 571, 572, 573 e 535).

Sur: termo municipal de Poio (parcela 1705 do polígono 17, parte da parcela 956 e 954 do polígono 17), parcela Foxo Naval do monte veciñal da Armenteira e Tomada Cal de Marroque, parcela 9004, pista forestal que separa a parcela Foxo Naval-Cal de Marroque do monte Veciñal da Armenteira.

Leste: monte veciñal da Armenteira (parcela Monte Redondo) e termo municipal de Poio. Polígono 107, parcela 021, monte veciñal da Armenteira, parcela Monte Redondo. Parcela 1705, do polígono 17 do termo municipal de Poio.

Oeste: Tomada de Cal de Marroque e Tomada de Espiño. Polígono 107, parcelas 952, 951, 948, 547, 546, 545, 544, 543, 542, 541, 540 e 888 (parte) Cal de Marroque, 9004, pista forestal que separa a parcela Foxo Naval-Cal de Marroque do monte veciñal da Armenteira. Parcelas catastrais da Tomada do Espiño, xa citadas.

Quinto. Feitas as comunicacións do artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e aberto período de audiencia, presentaron unha alegación conxunta tres veciños da Armenteira, irmáns entre si, que afirman ser titulares dun total de sete parcelas situadas dentro dos lindes da parcela que se pretende clasificar, recibidas por herdo do seu pai. A comunidade solicitante respondeu a esta alegación presentando declaración xurada de 143 veciños dos lugares do Busto, Valboa e Vilar que declaran que o aproveitamento, tanto histórico como actual, do monte Palaimos vén sendo realizado de xeito exclusivo polos veciños destes lugares. O Concello de Meis non presentou alegación ningunha.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter ao abeiro do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, débese entender por montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Terceiro. O aproveitamento en prol dos veciños do Busto, Valboa e Vilar queda acreditado no informe preceptivo do Servizo de Montes cando establece que «a parcela presenta zonas… ocupadas por bastío e rexenerado de eucalipto… e repoboación de piñeiro. No momento da visita presenta unha repoboación de piñeiro parcialmente rozada e podada…».

Cuarto. A CMVMC solicitante presenta, na documentación presentada, copia do proxecto de forestación de dúas parcelas de monte veciñal, que recibiu subvención da Xunta de Galicia ao abeiro da Orde do 15 de xuño de 1998 de axudas a medidas forestais na agricultura da Consellería de Medio Ambiente (DOG do 17 de xuño). Na planimetría do citado proxecto de forestación apréciase que a mouteira nº 2 inclúe parcialmente a parcela solicitada de clasificación.

Quinto. Os tres veciños da Armenteira presentan, en apoio da súa alegación conxunta, os datos catastrais e copia parcial de escritura notarial do seu pai, do 9.10.2001, na cal se inclúen as sete parcelas reclamadas. Non presentan documentación ningunha que certifique o aproveitamento actual exclusivo por eles. Estas parcelas non teñen indicativos no monte, pois non hai marcos, muros que as delimiten nin se aprecia aproveitamento distinto do resto do monte, como ten comprobado o instrutor. O informe preceptivo tampouco fai constar sinais no monte nin aproveitamento distinto nas parcelas que recolle o catastro. Como xa se citou máis arriba, para a clasificación é determinante a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais, polo que a alegación non desvirtúa o carácter veciñal da parcela.

Sexto. O Concello de Meis non presentou alegacións á clasificación do citado monte, o que debe interpretarse como un recoñecemento implícito do carácter veciñal do terreo obxecto do expediente.

En consecuencia, vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o instrutor propón e o Xurado acorda por unanimidade:

Clasificar como veciñal en man común o monte Palaimos solicitado en prol dos veciños dos lugares do Busto, Valboa e Vilar, parroquia da Armenteira, do concello de Meis de acordo coa descrición reflectida no antecedente de feito cuarto e a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes e que forma parte inseparable da presente resolución.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Pontevedra, 10 de abril de 2013

Gerardo Zugasti Enrique
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Pontevedra