Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Martes, 7 de maio de 2013 Páx. 14680

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 3 de maio de 2013 pola que se ditan normas que determinan os servizos mínimos durante a folga no ámbito do ensino convocada para o día 9 de maio de 2013.

O exercicio do dereito de folga queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG do 20 de xuño), entre os que se atopa a educación.

O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para aseguraren o mantemento de tales servizos, e o persoal preciso para prestalos.

A organización Confederación Intersindical Galega de Ensino (CIG-Ensino) comunicou a esta consellería a convocatoria dunha folga para todo o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A folga desenvolverase desde as 00.00 horas ás 24.00 horas do día 9 de maio de 2013.

A organización Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galiza (STEG) comunicou a esta consellería a convocatoria dunha folga para todo o profesorado do ensino non universitario de Galiza da educación infantil, educación primaria, educación especial, ensino secundario, formación profesional, escolas oficiais de idiomas, artes plásticas e deseño, música e artes escénicas. A folga desenvolverase desde as 00.00 horas ás 24.00 horas do día 9 de maio de 2013.

As organizacións sindicais Federación de Enseñanza de CC.OO. de Galicia (FECCOO) e Federación de Trabajadores de la Enseñanza de UGT de Galicia (FETE-UGT) comunicaron a esta consellería a convocatoria dunha folga para todo o persoal docente de todas as administracións educativas e de todos os niveis educativos, a todo o persoal docente e investigador de todas as universidades públicas, a todo o persoal de administración e servizos de todas as universidades públicas, a todo o persoal docente e non docente do ensino concertado, monitores de comedor e outras actividades en centros públicos e concertados, persoal de atención educativa ou asistencial externalizado e persoal das escolas dependentes da administración local. A folga desenvolverase desde as 00.00 horas ás 24.00 horas do día 9 de maio de 2013.

A organización sindical Federación de Enseñanza de CC.OO. de Galicia (FECCOO) comunicou a esta consellería a convocatoria dunha folga para todo o persoal docente e non docente de todas as administracións educativas e de todos os niveis educativos, a todo o persoal de administración e servizos de todas as administracións e niveis educativos, a todo o persoal docente e investigador de todas as universidades públicas, a todo o persoal de administración e servizos de todas as universidades públicas, a todo o persoal docente e non docente do ensino concertado, monitores de comedor e outras actividades en centros públicos e concertados, persoal de atención educativa ou asistencial externalizado e persoal das escolas dependentes da Administración local. A folga desenvolverase desde as 00.00 horas ás 24.00 horas do día 9 de maio de 2013.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a Administración autonómica, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concretan e xustifican na presente orde.

O servizo esencial da educación non pode ser reducido exclusivamente á actividade docente, xa que, xunto a esta actividade docente, realízanse outras funcións como son a vixilancia e coidado dos nenos e nenas, menores de idade, que acoden aos centros docentes, así como o coidado, mantemento e vixilancia das instalacións destinadas ao servizo público educativo.

Con carácter xeral, o artigo 39 da Constitución depara unha protección especial aos menores. Dun xeito máis específico, a Lei galega 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, dispón no seu artigo 7 que o alumnado ten dereito a que se respecte a súa identidade, integridade e dignidade persoal, e á protección integral contra toda agresión física e moral. Polo tanto, a custodia e seguridade dos menores de idade que accedan a un centro docente, o cumprimento dos principios constitucionais mencionados e dos dereitos citados, é unha responsabilidade ineludible e parte indivisible do dereito esencial á educación.

O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores, dada a súa entidade, debe exercerse continuamente. Como servizo mínimo para garantilos establécese que os centros docentes permanezan abertos no seu horario habitual, coa necesaria presenza nos ditos centros do/a director/a, ou, de ser o caso, doutro membro do equipo directivo que o/a substitúa, xa que tales membros do equipo directivo teñen a representación do centro e garanten o cumprimento das leis e demais disposicións vixentes, como sinalan as alíneas a) e d) do artigo 132 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (publicada no BOE do 4 de maio), e polo tanto, están capacitados e facultados para resolver calquera incidencia respecto da seguridade dos menores de idade. Así mesmo, consonte a normativa citada, o director ou directora tamén está facultado e capacitado para resolver calquera incidencia que se poida producir respecto do conxunto dos bens que integran un centro docente.

A presenza dun subalterno ou subalterna trae causa das funcións que a este tipo de persoal compete respecto do coidado e vixilancia das instalacións e do control de entrada e saída do centro educativo, tanto para evitar a entrada de persoas alleas ao centro, como para evitar a saída dos menores de idades cando non corresponda.

Dentro do deber de outorgar protección básica ao menor de idade debemos incluír a súa alimentación, en relación con isto cómpre afirmar que cando se asume esta responsabilidade non pode desatenderse, o que motiva que unha persoa con funcións de cociña deba permanecer nos centros educativos ordinarios con servizo de comedor.

O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores que, como se dixo, non pode ser paralizado, inclúe a actividade básica de coidar a integridade física e hixiene daqueles que por ter diminuídas as súas capacidades necesitan unha constante vixilancia e atención (artigo 49 da Constitución) por parte de coidadores do alumnado con necesidades educativas especiais presentes nos centros docentes ordinarios. Pola súa banda, o alumnado integrado nos centros de educación especial ten unhas necesidades de cara á súa atención aínda máis reforzadas, polo que debe haber unha presenza mínima de persoal sanitario, persoal coidador, de comedores e de limpeza. A determinación dos anteditos servizos mínimos por porcentaxes nos centros de educación especial considérase como criterio máis apropiado para a fixación do persoal que debe prestalos, dada a diversidade existente na dimensión e tamaño dos diferentes centros desa tipoloxía que hai na nosa comunidade.

Os centros residenciais docentes teñen como característica propia a presenza do alumnado fóra do horario lectivo, para realizar actos da vida cotiá que o resto fai no seu domicilio particular, como estudar, durmir ou comer. Nestes centros debe quedar garantida, xa que logo, a atención mínima para que esas actividades non poidan verse alteradas con risco ou desatención para os usuarios do servizo, trátase de garantir minimamente a hixiene, a alimentacións e a seguridade, razón pola cal resulta necesaria a presenza dun membro do equipo directivo, así como de parte do persoal de limpeza, de comedor e subalternos.

Polo que se refire ás universidades a presenza mínima do persoal de conserxaría resulta precisa para a seguridade das instalacións. O persoal previsto para os rexistros busca garantir a actuación das persoas que puidesen necesitalo e cuxo incumprimento poida supoñer perda ou prexuízo nos seus dereitos.

A presente orde, por ausencia do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, é asinada polo vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de conformidade co disposto no Decreto 69/2013, do 30 de abril (DOG do 2 de maio), do presidente da Xunta de Galicia.

De acordo coa normativa citada e cos argumentos expostos, e oído o comité de folga

DISPOÑO:

Artigo 1. Centros docentes non universitarios de titularidade pública

Para o persoal que desempeña o seu traballo no ámbito público da docencia non universitaria terán a consideración de servizos mínimos os seguintes:

– A dirección ou membro do equipo da dirección, e un subalterno ou subalterna en cada centro escolar. Nos centros de menos de 6 unidades o/a director/a poderá ser substituído/a por un membro do equipo docente. En todo caso, quedará garantida a apertura e o peche de todos os centros.

– Unha persoa de cociña nos centros ordinarios con comedor escolar de xestión directa. Un encargado de catering en cada un dos comedores de xestión indirecta.

– 1 auxiliar coidador/a en cada centro educativo que non sexa centro de educación especial e que neste curso teña asignado persoal desa categoría.

– O 20 % do persoal de comedores, limpeza e subalternos nos centros residenciais docentes.

– O 20 % do persoal de comedores, ATS, limpeza, coidadores e persoal médico dos centros de educación especial.

A designación nominal do persoal que deberá cubrir os distintos servizos relacionados no punto 1.3 será feita pola dirección do centro respectivo, procedéndose á súa publicación no taboleiro de anuncios do centro.

Artigo 2. Centros docentes non universitarios de titularidade privada

Nos centros docentes non universitarios de titularidade privada manteranse os servizos mínimos establecidos no artigo anterior para os centros docentes de titularidade pública.

Artigo 3. Universidades galegas

Terán a consideración de servizos mínimos para o persoal dependente das universidades galegas os seguintes:

– 1 empregado/a da área de conserxería por quenda de traballo en cada facultade, escola, centro de investigación e demais centros administrativos.

– 1 funcionario/a no rexistro oficial de cada campus.

– 1 empregado/a do persoal de secretaría do reitor, e dos vicerreitores/as dos campus onde non estea a sede reitoral.

Artigo 4. Garantía dos usuarios

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos docentes.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2013

P.A.
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza